Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Xoves, 15 de outubro de 1998 Páx. 11.188

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de setembro de 1998 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de dúas bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están desenvolvendo no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e se anuncia a súa convocatoria.

O artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, en harmonía co artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, establece a competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a promoción e o ensino da lingua galega e o fomento da investigación.

Dentro do plan de actividades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para 1998 figura a convocatoria pública de bolsas de investigación para realizar proxectos concretos sobre lingüística, literatura, antropoloxía e historia galegas, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

O seu outorgamento enmárcase dentro das funcións atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no artigo 3 do Decreto 25/1993, do 11 de febreiro (DOG nº 34, do 19 de febreiro) de creación e posta en funcionamento do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, modificado polo Decreto 330/1997, do 13 de novembro (DOG nº 227, do 24 de novembro).

Na súa virtude, apróbanse as seguintes bases:

Primeira.- Obxecto.

O concurso ten por obxecto a adxudicación de dúas bolsas de colaboración no proxecto concreto de investigación que se vai desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e que se inclúe como anexo a esta orde, no que se detallan os requisitos específicos que deben reuni-los solicitantes.

Segunda.- Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

Unha asignación mensual de 122.000 pesetas, coa retención fiscal que corresponda, que será incompatible con calquera outra axuda ou actividade remunerada.

Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes.

Para o gasto que se proxecta habilitarase o crédito adecuado e suficiente na partida orzamentaria 07.06.353F.480.3, por unha contía máxima total de 488.000 ptas., correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998, condicionado o citado gasto á existencia de crédito adecuado e suficiente no orzamento do exercicio do ano 1998, a teor do sinalado na Orde do 2 de xuño de 1986, modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Terceira.- Duración.

O período de desfrute das bolsas será ata o 31 de decembro de 1998.

A data de incorporación ó centro será dentro dos dez días seguintes ó da notificación da adxudicación. O bolseiro que non se incorpore no prazo establecido perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa xustificada de retraso apreciada polo coordinador científico de Centro Ramón Piñeiro, quen llo comunicará á Presidencia da Comisión Rectora.

Por resolución da Dirección Xeral de Política Lingüística, as bolsas poderanse prorrogar anualmente, ata un máximo de tres anos, incluído o ano da concesión, á vista do traballo realizado polo bolseiro, sempre que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias. No suposto de prórroga, a dotación económica poderá incrementarse de acordo co índice de prezos de consumo que se estableza para cada ano.

Cuarta.- Requisitos xerais.

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión do título de licenciado.

c) Acreditar coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

d) Non ter sido separado do servicio de ningunha Administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

Quinta.- Solicitudes.

As solicitudes, no modelo que se xunta como anexo, irán dirixidas ó coordinador-científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e entregaranse na sede deste (estrada Santiago de Compostela-Noia, km 3 - A Barcia, 15896 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no DOG, acompañadas da documentación seguinte:

Certificación académica persoal completa.

Currículum vitae, xunto con cantos documentos poidan avalalo.

Acreditación do coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

Fotocopia do DNI ou pasaporte.

Declaración xurada comprometéndose a renunciar, se fose seleccionado, á percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas, e tamén de non ter sido separado do servicio de ningunha Administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

Tódolos documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles.

Sexta.- Selección.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión presidida polo coordinador-científico do

Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e composta por tres vocais propostos por aquel e nomeados polo director xeral de Política Lingüística. Actuará como secretario o secretario do centro.

Ademais do exame da documentación presentada, a comisión poderá convoca-los solicitantes a unha entrevista persoal.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes nas súas instancias que non estean acreditados documentalmente. O presidente da comisión proporalle ó director xeral de Política Lingüística a relación de candidatos seleccionados para o seu nomeamento.

Sétima.- Obrigas.

Os bolseiros permanecerán no Centro Ramón Piñeiro, en horario habitual de xornada de mañá ou tarde.

O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nestas bases suporá a perda da bolsa concedida e, de se-lo caso, o reintegro das cantidades xa cobradas.

A condición de bolseiro non dará lugar a relación laboral nin administrativa coa Xunta de Galicia.

Oitava.- A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Novena.- Pagamento da bolsa.

O pagamento da bolsa realizarase mensualmente, logo do informe do director de investigación, sempre que os traballos se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas.

Disposicións derradeiras

Primeira.- Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO I

Dúas bolsas para colaborar no proxecto de traduccion automática.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no proxecto de traducción automática castelán-galego que se vai realizar no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Ser licenciados en filoloxía.

Ter experiencia en traballos lexicolóxicos e lexicográficos, preferentemente mediante uso de recursos computacionais.

9105