Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Xoves, 15 de outubro de 1998 Páx. 11.188

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 1998 pola que se regulan os permisos ó persoal da Comunidade Autónoma de Galicia en relación coas eleccións sindicais ós órganos de representación do persoal ó servicio da Administración da Xunta de Galicia.

Ante a proximidade das eleccións sindicais para a cobertura da totalidade de delegados de persoal, membros dos comités de empresa e de xuntas de persoal, van celebrar no período 1998/1999, faise preciso sinala-lo sistema de permisos ós membros de candidaturas, compoñentes das mesas electorais, representantes da Administración nestas, interventores e apoderados das candidaturas e ós electores en xeral,

En consecuencia, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.-Os compoñentes das mesas electorais e representantes da Administración desfrutarán, en primeiro lugar, de ser necesarios, de permisos polo tempo indispensable para asistir ás xuntas da mesa electoral, incluídos os desprazamentos fóra da súa residencia oficial, logo da xustificación destes, con motivo dos cales percibirán as axudas de custo e gastos de viaxes previstos no Decreto 299/1990, do 24 de maio, modificado polo Decreto 21/1994, do 4 de febreiro (DOG nº 30 do 14-2-1994), sobre indemnizacións por razón do servicio. Os ditos membros das mesas disporán, en segundo termo, dun permiso retribuído de xornada completa no día da votación e unha reducción de cinco horas na súa xornada de traballo do día inmediatamente posterior.

Segundo.-Os apoderados e interventores, que se designen no seu caso, das candidaturas gozarán do permiso durante todo o día da votación e dunha reducción da xornada na data inmediatamente posterior, cos caracteres sinalados no número anterior.

Terceiro.-Os electores en xeral desfrutarán de permiso polo tempo indispensable para exerce-lo seu dereito ó voto, segundo as instruccións concretas que dicte cada órgano de persoal, podendo este esixirlle ó elector un xustificante do acto da votación expedido pola mesa electoral concreta na que vote, cando esta estea situada fóra do seu centro de traballo.

Cuarto.-A presente resolución non é aplicable nas eleccións ós representantes do persoal ó servicio das institucións sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

9228