Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Venres, 02 de outubro de 1998 Páx. 10.906

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 14 de agosto de 1998, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Ingeniería Urbana, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Ingeniería Urbana, S.A., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 6-8-1998, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa e da parte social, polo comité de empresa, o 8-7-1998. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 14 de agosto de 1998.

Fco. Ramón Hermo Rey

Delegado provincial de Pontevedra en funcións

Convenio colectivo da empresa Ingeniería

Urbana, S.A., co seu persoal adscrito ós servicios

de limpeza pública e interiores contratados

co Concello de Pontevedra

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo regulará as relacións laborais entre a empresa Ingeniería Urbana, S.A., co seu persoal adscrito ós servicios de recollida de lixo, limpeza viaria e limpeza de edificios e locais contratados co Concello de Pontevedra.

Artigo 2º.-Vixencia.

Salvo os artigos que expresamente marquen distinta vixencia, o presente convenio colectivo entrará en vigor o 1º de xaneiro de 1998, para o persoal en activo na data da súa sinatura, con independencia da súa publicación no BOP.

Artigo 3º.-Duración e prórroga.

A duración do convenio será de dous anos, é dicir, para o período comprendido entre o 1º de xaneiro de 1998 e o 31 de decembro de 1999.

O presente convenio considerarase automaticamente denunciado, unha vez rematada a vixencia prevista no punto anterior, sen necesidade de ningún aviso previo, continuando o seu articulado en vigor mentres non exista un texto alternativo que o substitúa.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que con anterioridade ó establecemento do presente convenio viñera desfrutando de condicións máis beneficiosas que as aquí pactadas, conservaraas ad personam.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Constitúese unha comisión paritaria no presente convenio coas funcións que se especifiquen no artigo 6º. A comisión reunirase unha vez cada dous meses, salvo convocatoria de calquera das partes por causa seria e grave que afecte ós intereses xerais co ámbito do convenio.

A reunión, que será convocada por escrito e polo menos con tres días hábiles de antelación, deberá incluír necesariamente os temas que se vaian tratar na orde do día.

Serán vocais tres representantes dos/as traballadores/as e tres da empresa, designados respectivamente polas partes asinantes do convenio. Será secretario un vocal da comisión paritaria, nomeado por cada sesión, tendo en conta que o cargo recaerá unha vez nos representantes dos/as traballadores/as e a seguinte nos representantes da empresa.

Artigo 6º.-Funcións da comisión paritaria.

As funcións da comisión paritaria serán as seguintes:

a) Interpretación da aplicación da totalidade do convenio.

b) Vixilancia e cumprimento do pactado.

c) Cantas outras actividades tendan á maior eficacia práctica do convenio ou veñan establecidas no seu texto.

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

A xornada semanal de traballo efectivo será a seguinte:

-Ano 1998.

Desde o 1º de xaneiro e ata a sinatura do convenio colectivo, a xornada de traballo será de 38 horas semanais de traballo efectivo. Posteriormente e ata o 31 de decembro de 1998 a xornada dos sábados reducirase en media hora, resultando unha xornada semanal de traballo efectivo de 37 horas e 30 minutos.

Os traballadores e traballadoras disporán de media hora para come-lo bocadillo. O horario para isto será de 10 a 10.30 horas para a quenda de mañá, de 17 a 17.30 horas para a quenda de tarde e de 1 a 1.30 horas para a quenda de noite.

Os días 24 e 31 de decembro consideraranse para tódolos efectos como días non laborables e retribuídos para todo o persoal de recollida de noite.

O resto do persoal que traballe efectivamente os días 24 e 31 de decembro desfrutará en compensación un día de libranza retribuída.

Ademais os días 25 de decembro e 1º de cada ano considéranse como días festivos excepcionais e serán primados a criterio da empresa, como mínimo cun 50% sobre o prezo do día festivo na contía fixada para o traballo obrigatorio.

O día tres de novembro, día de San Martiño de Porres, patrón da actividade, considerarase como festivo.

-Ano 1999.

A partir do 1º de xaneiro a xornada dos sábados reducirase nunha hora, resultando unha xornada semanal de traballo efectivo de 36 horas e 30 minutos.

Os traballadores disporán disporán de media hora para come-lo bocadillo. O horario para esto será de 10 a 10.30 horas para a quenda de mañá, de 17 a 17.30 horas para a quenda de tarde e de 1 a 1.30 horas para a quenda de noite.

Os días 24 e 31 de decembro consideraranse para tódolos efectos como días non laborables e retribuídos para todo o persoal de recollida de noite.

O resto do persoal que traballe efectivamente os días 24 e 31 de decembro desfrutará en compensación un día de libranza retribuída.

Ademais os días 25 de decembro e 1º de cada ano considéranse como días festivos excepcionais e serán primados a criterio da empresa, como mínimo cun 50% sobre o prezo do día festivo na contía fixada para o traballo obrigatorio.

O día 3 de novembro, día de San Martiño de Porres, patrón da actividade, considerarase como festivo.

Artigo 8º.-Vacacións.

O persoal comprendido no presente convenio desfrutará dun período anual de vacacións de 30 días naturais, sendo polo menos 21 deles laborables e podendo desfrutarse durante todo o ano. Na empresa establecerase unha orde rotatoria de preferencia, de tal xeito que o/a traballador/a que nun ano foi primeiro/a á hora de elixir quenda pase a se-lo/a último/a no ano seguinte.

O calendario de vacacións exporase nos taboleiros de anuncios da empresa.

O/A traballador/a coñecerá as datas en que lle corresponde desfrutar das súas vacacións, alomenos

dous meses antes do comezo do seu desfrute. En todo caso, as vacacións non poderán comezar a desfrutarse no día anterior a festivo.

En caso de discrepancia aplicaranse en canto ás vacacións os seguintes criterios:

a) Solicitude do traballador.

b) Rotatividade por gremios e categoría.

c) Preferencia por antigüidade.

Os criterios anteriores serán resoltos polo comité de empresa.

A empresa determinará o número de traballadores que mensualmente desfrutará vacacións.

Artigo 9º.-Licencias e permisos.

O/A traballador/a, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo que se indica:

a) Dezasete días naturais en caso de matrimonio.

b) Tres días naturais por nacemento de fillo/a, polo menos dous destes serán laborables. Se concorrese enfermidade grave aumentarase a cinco días.

c) Cinco días naturais por falecemento de cónxuxe e fillos.

d) Catro días naturais por falecemento de pais.

e) Dous días por enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando con tal motivo o/a traballador/a necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

En caso de enfermidade grave con hospitalización, o permiso será de tres días.

Se o traballador/a tivese que acompañar a familiar de primeiro grao de consanguinidade ou afinidade enfermo gravemente co fin de que reciba asistencia médica noutra localidade logo de xustificación, a licencia ampliarase ata cinco días naturais.

f) Por matrimonio de fillos ou irmáns:

-Un día natural se a cerimonia se realiza na localidade de residencia do traballador.

-Pasa a ser laborable o día de permiso se se producise o matrimonio fóra da localidade de residencia do traballador e dentro da mesma provincia.

-Catro días naturais se a cerimonia se realiza fóra da provincia.

g) Un día natural por traslado de domicilio habitual. Este día natural pasaría a ser laborable se o cambio de domicilio se producira a distinta localidade.

h) Para concorrer a exames finais, liberatorios e de máis probas definitivas de aptitude e avaliación de centros oficiais durante os días de celebración, non excedendo en conxunto de dez días ó ano.

i) Para deberes de carácter público e persoal, así como para consulta médica, a empresa concederalles ós seus traballadores/as permiso retribuído polo tempo necesario co fin de que estos/as poidan cumprir cos seus deberes de carácter público e persoal (renovación do DNI, revista militar, solicitude ou renovación do carné de conducir, etc.). Enténdese que este permiso será concedido cando o horario dos centros nos que deba ser realizada a correspondente xestión coincida coa xornada laboral do/a traballador/a. O traballador que vaia asistir a consulta médica, deberá poñelo en coñecemento da empresa e trae-lo xustificante correspondente da dita asistencia, comprometéndose o/a productor/a a ser posible ó remate do distrito asignado.

j) Un día por falecemento de tíos/as do/a traballador/a para asistencia ó enterro.

Artigo 10º.-Salarios.

Fíxase para o ano 1998 un salario mínimo de convenio de 103.800 pesetas, establecéndose con efectos do 1º de xaneiro a seguinte táboa salarial por categorías:

-Delegado/a: 114.920 ptas.

-Xefe/a de servicio: 112.700 ptas.

-Encargado/a xeral: 110.470 ptas.

-Encargado/a vertedoiro: 108.248 ptas.

-Capataz: 108.248 ptas.

-Administrativo/a: 108.248 ptas.

-Mecánico/a-conductor/a: 108.248 ptas.

-Conductor/a: 106.022 ptas.

-Vixilante vertedoiro: 103.800 ptas.

-Peón: 103.800 ptas.

-Limpador/a: 103.800 ptas.

-Cristaleiro/a: 103.800 ptas.

A subida salarial que representa esta táboa respecto ós salarios do ano 1997 e tendo en conta a actual distribución de persoas por categorías é do 6.23 %.

Para 1999 o incremento para tódolos conceptos que teñan contido salarial será o IPC real do ano 1998 máis un punto e medio, debéndose expresar na acta de revisión salarial os novos importes desta táboa e a porcentaxe de incremento salarial que representa. Esta acta de revisión levarase á autoridade laboral para o seu rexistro, depósito e publicación no BOP.

As retribucións pactadas no presente convenio compensarán e absorberán tódalas existentes no momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a súa natureza ou orixe.

Artigo 11º.-Antigüidade.

A antigüidade será consolidada e pagada conforme a do sector, é dicir, tres bienios do 5% e posteriores

quinquenios do 7% e comezará a aboarse desde o 1º de xaneiro do ano en que se cumpran os bienios ou quinquenios de que se traten.

A acumulación dos incrementos por antigüidade non poderán supoñer en ningún caso máis:

* Do 10% ós 5 anos.

* Do 25% ós 15 anos.

* Do 40% ós 20 anos.

* Do 60% como máximo ós 25 anos.

Artigo 12º.-Plus de penosidade.

Establécese un plus de penosidade que consiste no 25% do salario base. O dito plus será percibido por tódolos/as traballadores/as da empresa durante os doce meses do ano.

Artigo 13º.-Plus de nocturnidade.

Establécese un plus de nocturnidade que consiste no 30% do salario base. O dito plus pagarase os doce meses do ano.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.

Todo o persoal afecto a este convenio percibirá as seguintes gratificacións extraordinarias:

Gratificación do verán ou xullo, gratificación de Nadal e gratificación de beneficios.

Establécense as seguintes datas límite de pagamento destas gratificacións:

* Gratificacións de verán ou xullo: 15 de xullo.

* Gratificación de Nadal: 15 de decembro.

* Gratificación de beneficios: 15 de abril.

As citadas gratificacións extraordinarias serán equivalentes cada unha delas a 30 días de salario base máis antigüidade.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias.

Procurarase efectúa-las horas extraordinarias mínimas indispensables, e, en todo caso, cos límites que determina o Estatuto dos traballadores.

Empresario/a e traballadores/as a través da súa representación legal poderán pactar que as horas extras se aboen na contía determinada na lexislación laboral vixente, ou se compensen por tempo de descanso, de acordo co previsto no R.D. 1/1994.

Artigo 16º.-Plus de transporte.

Establécese un plus de transporte de 6.834 pesetas mensuais para cada un/ha dos/as traballadores/as da empresa.

Artigo 17º.-Plus de distancia.

Establécese un plus de distancia de 2.687 pesetas mensuais para todo o persoal que diariamente teña que desprazarse á nave; o dito plus percibirao tamén o persoal que presta servicios no vertedoiro.

Artigo 18º.-Axudas de custo.

Establécese unha axuda de custo de 5.467 pesetas diarias, e unha media de 2.734 pesetas diarias.

Artigo 19º.-Achega por diminuídos físicos ou psíquicos.

A dita achega queda establecida na cantidade de 9.029 pesetas mensuais para aqueles/as traballadores/as que teñan ó seu cargo familiares diminuídos psíquicos ou físicos.

Artigo 20º.-Indemnización por falecemento ou invalidez derivada de accidente laboral.

Establécese unha indemnización de 1.393.659 e 2.229.854 pesetas, respectivamente, para cada continxencia. As ditas contías serán actualizadas anualmente conforme o establecido na correspondente póliza da entidade aseguradora.

Axuda por falecemento derivado doutras causas

Por falecemento dalgún traballador/a en activo, a empresa que estea prestando servicios aboaralle ó cónxuxe ou fillos/as, para axuda do enterro, a cantidade que seguidamente se indica segundo o ano en que este se producira:

Ano 1999: 25.000 ptas.; Ano 2.000: 50.000 ptas.; Ano 2.001: 75.000 ptas.

Artigo 21º.-Anticipos reintegrables.

Crearase un fondo para préstamos persoais. Ó dito fondo pode recorrer calquera traballador/a cunha antigüidade mínima de seis meses sen que en ningún momento os préstamos solicitados e concedidos poidan supera-las contías que para o ano se determinan, sendo devoltas ó fondo nun período máximo de doce meses salvo que fose previsible a finalización da relación laboral con anterioridade. Os préstamos pendentes de adxudicar por estar cuberto o máximo establecido iranse entregando cando, reposto o fondo, haxa cantidade suficiente para o seu outorgamento. A orde de concesión de préstamos será a fixada polo comité de empresa, procurando (salvo casos excepcionais) que entre a amortización dun préstamo e a concesión dun novo transcorran como mínimo seis meses.

Os importes máximos de préstamos e fondo serán os seguintes:

Concepto Ano 1998 Ano 1999 Ano 2000 Ano 2001

Préstamo 200.000 ptas. Por revisar Por revisar Por revisar

Fondo 650.000 ptas. 750.000 ptas. 850.000 ptas. 1.000.000 de ptas.

O prazo para a concesión do préstamo non será superior a 5 días.

Artigo 22º.-Axuda estudios.

A cada traballador/a que teña fillos/as en EXB/- ESO aboaráselle unha cantidade anual total de 5.717 pesetas en concepto de axuda de estudios. A dita cantidade farase efectiva coa nómina do mes de setembro ou outubro, logo de xustificación.

Artigo 23º.-Roupas de traballo.

Entregaráselle a todo o persoal de limpeza e recollida dous uniformes e dúas camisas ó ano nos meses de maio e outubro. Ó persoal eventual entregaráselle tamén unha funda de reposto para que substitúa o uniforme de traballo cando teña que lavalo. A partir de 1998 os conductores cambiaráselle-la funda de verán por unha camisa, un pantalón e un xersei.

Ó persoal de limpeza de interiores anualmente entregaránselle dúas batas, que se poderá substituír por chaqueta e pantalón a elección das traballadoras, doce pares de guantes e dous pares de zocos, e cada dous anos unha chaqueta de la para os invernos.

Ó persoal que preste os seus servicios no vertedoiro entregaránselle botas de seguridade.

Así mesmo, xunto co uniforme de inverno, entregarase ó persoal de recollida e limpeza un par de botas de auga, tres pares de guantes protectores, un conxunto de pantalóns e chaqueta impermeables e unha boina.

Tamén se entregará cada dous anos un anorak.

O material será entregado en cada centro de traballo pola empresa.

Antes da entrega da roupa darase audiencia ó comité de empresa, que emitirá a súa opinión.

Nas entregas de roupa do ano 1999, e en diante, a empresa e o comité de empresa quedará unha mostra das pezas de roupa dadas ós traballadores, co fin de comprobarse en posteriores entregas que non diminúe a calidade.

A empresa utilizará a súa mostra para modelo de provedores ó solicitar ofertas económicas e o comité de empresa para comprobar que estes non incumpriron o pedido.

En caso de que por circunstancias do mercado ou mandato do cliente houbese que varia-lo modelo, a cor, ou calquera outra característica dalgunha peza de roupa (cambios dunhas pezas de roupa por outras, etc.), a empresa entregará a representación legal dos traballadores a nova mostra, co fin de que se comprobe que non diminúe a calidade da peza de roupa substituída.

Artigo 24º.-Garantías sobre as condicións de traballo.

Co obxecto de que o/a traballador/a coñeza os datos relativos á súa afiliación e cotización ó réxime xeral da Seguridade Social, a empresa obrígase ó seguinte:

a) Facilitarlles copia do parte de alta na Seguridade Social ós/ás traballadores/as dentro dos primeiros oito días do seu ingreso.

b) Publicación dos modelos TC1 e TC2 correspondentes ás cotizacións do último mes.

Así mesmo, mostrarase no taboleiro de anuncios copia da póliza coa entidade aseguradora sobre os riscos previstos no artigo 20º.

Artigo 25º.-Taboleiro de anuncios.

Será obrigatoria a existencia de taboleiros de anuncios nos que se fixarán as comunicacións da empresa, así como as comunicacións dos/as traballadores/as e a información sindical.

Artigo 26º.-Seguridade e saúde laboral.

Constituirase un comité de seguridade e saúde laboral:

a) Composición: estará constituído polo empresario ou quen o represente, un técnico cualificado na materia e catro representantes dos/as traballadores/as.

b) Funcións: serán as seguintes:

1. Promove-la observancia das disposicións vixentes en materia de seguridade e saúde laboral.

2. Estudiar e promove-las medidas oportunas na orde da prevención de riscos profesionais, protección da vida, integridade física, saúde e benestar dos/as traballadores/as.

3. Solicita-la colaboración dos gabinetes provinciais de seguridade e hixiene e institucións públicas, dedicadas a estas funcións, na implantación ou inspección de medidas de protección no centro de traballo, dándose traslado ós compoñentes do comité de seguridade e saúde laboral, dos informes que puidesen elevar a estes organismos.

4. Ser informado pola dirección da empresa das medidas concretas previstas para o centro de traballo en materia de seguridade e saúde laboral, tendo facultade o comité, por iniciativa propia, de propoñe-las adecuacións ou modificacións pertinentes ó plan de seguridade.

5. O comité de seguridade e saúde laboral poderá paralizar unha ou varias unidades de traballo no único suposto de risco para os/as traballadores/as, debéndollo poñer de inmediato en coñecemento dos servicios técnicos de seguridade na empresa.

6. O comité de seguridade e saúde laboral deberá levar unha estatística sinxela das medidas adoptadas, accidentes, ordes de seguridade dadas e requirimento ós/as traballadores/as resistentes á adopción de medidas de protección.

7. A información resultante daráselle a coñecer a todo persoal mediante a súa inserción nos taboleiros de anuncios.

c) Actividade: o comité de seguridade e saúde laboral reunirase unha vez ó mes en horas de traballo. As reunións extraordinarias faranse por razóns de urxencia e fóra das horas de traballo.

Os membros do comité disporán dunha hora semanal para que de maneira habitual e efectiva comproben o cumprimento das medidas de seguridade individuais e estado das colectivas.

Artigo 27º.-Recoñecementos médicos.

Todo o persoal comprendido no presente convenio someterase a unha revisión médica anual que será

por conta da empresa, así como o transporte. O resultado do dito recoñecemento médico seralle comunicado ó/á traballador/a pola entidade que o efectúe.

Os/As traballadores/as da quenda de tarde incorporaranse unha vez que xantasen, despois de finaliza-lo recoñecemento médico. Isto sempre que poidan dispoñer de transporte público regular, a non ser que o medio de locomoción sexa facilitado pola empresa.

A empresa comprométese a que os recoñecementos médicos do persoal se fagan no período 1 de maio a 30 de xuño de cada ano e nas mellores condicións de asistencia médica e sanitaria, e o dito recoñecemento consistirá como mínimo en:

-Audiometría.

-Control da vista.

-Análises de ouriños.

-Espirometría.

-Exploración clínica.

Tamén se farán campañas de vacinación que consistirán en:

-Vacina contra o tétano.

-Vacina contra a hepatite B, con análise do sangue previa.

Artigo 28º.-Dereitos sindicais.

a) A empresa respectará o dereito dos/as traballadores/as a se sindicaren e non poderá suxeita-lo emprego dun/ha traballador/a á condición de que non se afilie ou renuncie á súa afiliación sindical.

b) A empresa non poderá despedir un/ha traballador/a nin prexudicalo/a por mor da súa afiliación ou actividade sindical.

c) A empresa recoñece o dereito dos/as traballadores/as afiliados/as a un sindicato a celebrar reunións, recadar cotas e distribuír información sindical fóra de horas de traballo.

d) O crédito de horas mensuais que lle corresponde ós/ás membros do comité de empresa poderán acumularse nun ou en varios dos/as compoñentes, sen supera-lo máximo total, quedando relevado ou relevados do traballo, sen prexuízo da súa remuneración.

e) O persoal terá un permiso retribuído para a celebración de catro asembleas anuais, desde as 20 a 23 horas.

f) A empresa respectará a legalidade vixente en materia de acumulación de horas sindicais, conforme o cal os cargos sindicais poderán acumula-las ditas horas entre si segundo teñan por convite.

Artigo 29º.-Excedencias.

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto de traballo e do cómputo de antigüidade da súa vixencia, concederase pola elección ou designación dun cargo público que imposibilite a asistencia ó

traballo. O reintegro deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público. O/A traballador/a, con polo menos unha antigüidade na empresa dun ano, ten dereito á excedencia voluntaria por un prazo non menor de dous anos e maior de cinco. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo/a mesmo/a traballador/a se transcorreron catro anos desde o remate da anterior excedencia.

Os/As traballadores/as terán dereito a un período de excedencia non superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo/a, contado a partir da data de nacemento deste/a. Os sucesivos fillos/as darán dereito a un novo período de excedencia que, de se-lo caso, poñerán fin ó que viñera desfrutando. Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Terán dereito á situación de excedencia na empresa os/as traballadores/as que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior, mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

Artigo 30º.-Reloxo.

A empresa porá un reloxo de parede que servirá de orientación ó persoal. O cuartelillo permanecerá aberto durante 15 minutos máis tarde da hora de entrada. Todo aquel/a productor/a que chegue no intervalo de 15 minutos indicados no apartado anterior comezará a traballar unha hora máis tarde da hora de entrada e será obxecto dunha hora de desconto comprometéndose a deixa-lo distrito que se lle asigne rematado. O establecido anteriormente terá lugar cando se cometa falta de puntualidade superior a unha cada dous meses.

Artigo 31º.-Faltas e sancións.

A empresa informará o comité de empresa das sancións que se lles impoñan ós/ás traballadores/as, así como seus dos motivos e da súa calificación conforme a lexislación vixente. Esta información ó comité de empresa será anterior á comunicación da sanción ó/á traballador/a afectado/a. Non se poderá impoñer sancións que consistan na reducción do período de vacacións ou minorización dos dereitos ó descanso do/a traballador/a ou multa de haber.

Por petición dos/as traballadores/as sancionados/as, o comité de empresa facilitará a este/a caso de ser posible e en reunión para o efecto, información suplementaria co fin de chegar a un coñecemento máis obxectivo dos feitos.

Artigo 32º.-Xubilación.

Os/As traballadores/as que cumpran a idade de 64 anos e demais requisitos esixidos poderán acollerse á xubilación segundo determina o R.D. 14/1981, do 20 de agosto e R.D. 1194/1985, por este efecto as empresas obrigaranse a contratar simultaneamente no lugar do/a xubilado/a outro/a traballador/a que sexa titular de prestación de desemprego ou xove en demanda do primeiro emprego.

Artigo 33º.-Liquidacións.

Tódolos recibos que teñan carácter de liquidacións asinaranse en presencia dun membro do comité ou asesor/a sindical. Estes recibos asinaranse de conformidade co modelo anexo a este convenio. No dito documento constará o nome e a sinatura do membro do comité ou asesor/a sindical.

Artigo 34º.-Cota sindical.

Por petición da central sindical correspondente e logo de conformidade por escrito do/a afiliado/a, a empresa encargarase da recadación da cota mediante o desconto en nómina e o seu ingreso na conta bancaria que a central determine.

Artigo 35º.-Domingos e festivos.

O persoal fixo de xornada completa desfrutará xeralmente os seus días de descanso en domingos e festivos, salvo que por falta de persoal voluntario para traballar nos ditos días non se puidese garanti-lo servicio, caso no que os traballadores deberán prestalo forzosamente designados para o efecto, con día de libranza compensatorio e retribución salarial dun plus funcional polo seu cambio de día de libranza. O dito plus aboaráselle tamén ó persoal do vertedoiro, e non devengarán estas retribucións os traballadores de noite que fagan a recollida o sábado de madrugada.

O persoal voluntario inscribirase en listado para o efecto, prestando servicio en orde estrictamente rotativa, sen discriminación, cun máximo de catro voluntarios por cada domingo ou festivo en xeral, salvo que exista coincidencia de dous días consecutivos non laborables, ou datas de especial significado, ou que non haxa suficientes voluntarios para atende-lo servicio que se precisa; neste caso terán que traballa-los nomeados pola empresa e, por ser forzoso, a retribución citada polo cambio de día de libranza terá un incremento engadido.

Para tal efecto, os importes invariables para 1998, 1999 e 2000 serán:

Voluntario: 5.000 ptas.

Forzoso: 8.000 ptas.

Artigo 36º.-Responsabilidade ante terceiros.

A empresa disporá dunha póliza de responsabilidade civil que cubra os posibles riscos producidos a terceiras persoas no exercicio da actividade habitual desenvolvida que é a de recollida do lixo, limpeza viaria, limpeza de interiores e eliminación de residuos.

Para casos especiais non cubertos pola póliza crearase unha comisión representada por tres membros do comité, un de cada central sindical representada e un representante da empresa. A dita comisión estudiará os casos especiais e emitirá un informe vinculante.

Artigo 37º.-Complemento por incapacidade laboral transitoria derivada de accidente de traballo.

Na situación de incapacidade laboral transitoria derivada de accidente de traballo ou enfermidade

profesional, a empresa complementará ata o 100% do salario base, antigüidade, nocturnidade e plus de perigosidade desde o primeiro día do parte de baixa. Así mesmo, naqueles casos nos que exista baixa por IT por enfermidade común ou accidente non laboral con hospitalización, a empresa aboará ata o 100% do salario base, antigüidade, nocturnidade e plus de perigosidade, desde o día no que se produza a hospitalización e mentres dure esta.

Para os casos de IT derivada de enfermidade común a empresa complementará ata o 100% do salario base, antigüidade, toxicidade e nocturnidade a partir dos 20 días do inicio da baixa. Naqueles supostos en que a empresa denuncie posibles irregularidades nas situacións de IT poderá deixar de aboar este complemento a partires do día 60 da baixa sempre que exista acordo maioritario neste sentido dunha comisión formada para o efecto por dous representantes da empresa e dous dos representantes dos traballadores.

O tempo dedicado a esta tarefa deberá de realizarse dentro do horario de traballo e computarase como traballo efectivo.

Artigo 38º.-Fomento de emprego.

Todo o persoal contratado que esgote o período máximo legal establecido pasará a ser fixo do cadro de persoal laboral da empresa.

As traballadoras que a empresa incorpora dentro dás fixas-descontinuas, o día 1º de setembro para realizar limpezas de choque, serán rotadas, sempre que dispoñan de medios de transporte propios para realiza-lo traballo que a empresa ten asinado, quedando obrigadas a realiza-lo traballo que a empresa lles asigne.

Artigo 39º.-Escape de vehículos.

A empresa comprométese a realizar de forma paulatina as melloras necesarias co obxecto de evitar escapes laterais de gases nos camións de recollida de lixo.

Artigo 40º.-Subrogación de persoal.

Co obxecto de contribuír e garantí-lo principio de estabilidade no emprego, a absorción de persoal entre os que se sucedan, mediante calquera das modalidades de contratación de xestión de servicios públicos, contratos de arrendamento de servicios doutro tipo, nunha concreta actividade nas reguladas no ámbito funcional do presente convenio, levaranse a cabo nos termos indicados no presente artigo e seguintes.

No sucesivo, o termo contrata engloba con carácter xenérico calquera modalidade de contratación, tanto pública como privada, e identifica unha concreta actividade que pasa a ser desempeñada por unha determinada empresa, sociedade ou organismo público.

A) En tódolos supostos de finalización, perda, rescisión, cesión ou rescate dunha contrata, así como respecto de calquera outra figura ou modalidade que supoña a substitución entre entidades, persoas físicas ou xurídicas que leven a cabo a actividade de que se trate, os traballadores da empresa saínte pasarán a adscribirse á nova empresa ou entidade pública que vaia para realiza-lo servicio, respectando esta os dereitos e obrigas que desfruten na empresa substituída.

Producirase a mencionada subrogación de persoal sempre que se de algún dos seguintes supostos:

1. Traballadores en activo que realicen o seu traballo na contrata cunha antiguedade mínima dos catro últimos meses anteriores á finalización efectiva do servicio, sexa cal fose a modalidade do seu contrato de traballo, con independencia de que, con anterioridade ó citado período de catro meses, traballasen noutra contrata.

2. Traballadores, con dereito a reserva do posto de traballo, que no momento da finalización efectiva da contrata teñan unha antiguedade mínima de catro meses nela e se atopen enfermos, accidentados, en excedencia, vacacións, permiso, descanso maternal, servicio militar ou situacións análogas.

3. Traballadores con contrato de interinidade que substitúan a algún dos traballadores mencionados no número segundo, con independencia da súa antiguedade e mentres dure o seu contrato.

4. Traballadores de novo ingreso que por esixencias do cliente se incorporaran á contrata de servicios publicos como consecuencia dunha ampliación, nos catro meses anteriores á finalización daquela.

5. Traballadores que substitúan a outros que se xubilen, tendo cumpridos os 64 anos dentro dos catro últimos meses anteriores á finalización efectiva da contrata e teñan unha antiguedade mínima nela dos catro meses anteriores á xubilación, sempre que ésta estea pactada en convenio colectivo estatutario de ámbito inferior, en virtude do R.D. 1194/1985, do 17 de xullo.

B) Tódolos supostos anteriormente recollidos deberán acreditalos fidedignamente e documentalmente pola empresa ou entidade pública saínte á entrante, mediante os documentos que se detallan seguidamente e no prazo de 10 días hábiles contados desde o momento en que, ben a empresa entrante, ou a saínte, comunique fidedignamente a outra empresa o cambio na adxudicación do servicio. Os documentosque a empresa saínte deberá facilitarlle á entrante serán os seguintes:

-Certificado do organismo competente de estar ó día do pagamento á Seguridade Social.

-Fotocopia dos catro últimos recibos de salarios dos traballadores afectados.

-Fotocopia dos TC-1 e TC-2 de cotización á Seguridade Social dos catro últimos meses.

-Relación de persoal na que se especifique: nome e apelidos, número de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, categoría profesional, xornada, horario, modalidade de contratación e data do desfrute das súas vacacións. Se o traballador é representante legal dos traballadores/as, especificarase o seu mandato.

-Fotocopia dos contratos de traballo do persoal afectado pola subrogación.

-Copia dos documentos debidamente dilixenciados por cada traballador afectado, no que se faga constar que este recibiu da empresa saínte a súa liquidación das partes proporcionais, non quedando pendente cantidade ningunha. Este documento deberá estar en poder da nova adxudicataria na data de inicio do servicio da nova titular.

O incumprimento das obrigas entre empresas non afectará a subrogación do persoal.

C) Os traballadores que non desfrutasen das súas vacacións regulamentarias ó producirse a subrogación desfrutaranas coa nova adxudicataria do servicio, que só aboará a parte proporcional do período que a ela corresponda, xa que o aboamento do outro período corresponde ó anterior adxudicatario, que deberá efectualo na correspondente liquidación.

D) A aplicación deste artigo será de obrigado cumprimento para as partes que vincula: empresa ou entidade pública ou privada cesante, nova adxudicataria, cliente e traballador.

Se o cliente lle rescindira a contrata a unha empresa para deixar de presta-lo servicio, ou realizalo por si mesmo, operará a subrogación para o propio cliente nos termos sinalados neste artigo.

Artigo 41º

As partes asinantes do presente convenio acordan que o contido da derrogada ordenanza laboral do sector (limpeza pública, regos, recollida de lixo e sumidoiros), se siga aplicando, ata que unha vez estudiado o acordo marco do sector (ou convenio xeral de limpeza pública), publicado no BOE nº 58, do 7 de marzo de 1996, poida ser estudiado pola comisión paritaria e incorporado caso de estimalo o presente convenio colectivo.

Artigo 42º.-Composición da mesa negociadora.

Validez da representación e capacidade de obrigarse: o presente convenio colectivo de ámbito empresarial foi negociado entre os representantes da empresa Juan Manuel Gil Martínez, José Antonio Martín Bermejo, José Somoza Pérez, e Luis Terrón López, e os representantes dos traballadores Ángel Miranda Leiro, Ramón Cousido González, José M. Outeda Cochón, Manuel Iglesias Pazos, Mª Teresa Jaén Trelles, Manuel Rotea Jorge, Manuel Sabarís Couselo, Jesús Búa Eirín, Agustín Sabarís Ucha.

todos eles membros do comité de empresa, e como asesores da parte social José M. Alves Piñeiro (CC.OO.) e Manuel Currás Meira (CIG).

A comisión negociadora constitúese válida e debidamente en tódalas súas sesións e as partes recoñecéronse mutuamente a representación con que actuaron e a capacidade suficiente para o outorgamento dos acordos no presente convenio.

Recibo finiquito.

Empresa:

Empregado/a

Data cesamento:

Causa:

O/A traballador/a subscrito/a cesa na prestación dos seus servicios por conta da empresa enriba indicada, e recibe neste acto a liquidación de partes proporcionarlles na contía e detalle que se expresa ó pé, e con este recibo recoñece estar saldado/a e liquidado/a por tódolos conceptos coa referida empresa, comprometéndose a non pedirlle nin reclamar nada máis á empresa.

En Pontevedra, ... de... de 19..

Asdo. Delegado/a sindical Asdo. Traballador/a

Asdo. Empresa

Detalle liquidación:

Liquidación verán:

Liquidación vacacións:

Suma:

Retención renda:

Desexa Vde. que esta liquidación sexa visada polo comité, delegado ou centrais sindicais logo de súa aprobación.

SI NON

Sinatura,

Líquido para percibir

Permiso para consulta médica que concede

a empresa Ingeniería Urbana, S.A.

Productor/a

O/A Productor/a indicado/a foi consultado/a no día da data, desde as..., ata as... horas.

En Pontevedra, ... de... de 199...

Asdo.: Dr. D/Dª

Nota: este volante só se estenderá para efectos de xustificar ante a empresa, o tempo de consulta en institucións da Seguridade Social.

8039