Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Venres, 02 de outubro de 1998 Páx. 10.905

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 1998 pola que se autoriza o carácter retribuído da prestación do servicio hemoterápico denominado Plasma fresco conxelado virus-inactivado polo Centro de Transfusión de Galicia.

No Decreto 462/1990, do 20 de setembro, polo que se regulan a hemodoazón, hemoterapia e os bancos de sangue en Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 197, do 5 de outubro de 1990), establécese, sen prexuízo da observancia do principio de gratuidade do sangue e os seus compoñentes, que os gastos imputables á extracción, procesamento e conservación do sangue e os seus derivados serán facturados polos centros de transfusión de Galicia e os bancos de sangue, en todo caso, e incluso os hospitais os que estean adscritos.

No Decreto 305/1997, do 23 de outubro, polo que se regula a hemodoazón e hemoterapia na Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 213, do 4 de novembro de 1997) tamén se establece que o Centro de Transfusión de Galicia lles facturará ós hospitais os gastos imputables á extracción, procesamento e conservación do sangue e os seus derivados. Os ingresos derivados das actividades propias do Centro de Transfusión de Galicia estarán exclusivamente vinculados á satisfacción dos seus custos e ó cumprimento dos seus fins.

Neste sentido, por resolución da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais do 5 de abril de 1994, autorizábase o carácter retribuído da prestación de

servicios hemoterápicos polo Centro de Transfusión de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 75, do 20 de abril de 1994), establecendo por primeira vez na nosa comunidade tarifas por prestación de servicios hemoterápicos.

A orde do Ministerio de Sanidade e Consumo, do 2 de xuño de 1998, pola que se establecen principios de actuación dirixidos á seguridade do plasma para uso transfusional, aproba os principios de actuación dirixidos a aumenta-la seguridade na utilización deste compoñente sanguíneo e polo tanto o Centro de Transfusión de Galicia ten que adoptar estas medidas e establece-la prestación dun novo servicio hemoterápico.

Na reunión do Padroado da Fundación Centro de Transfusión de Galicia, do 19 de decembro de 1997, acordouse por unanimidade a aprobación da tarifa polo servicio hemoterápico Plasma fresco conxelado virus-inactivado, cunha tarifa de 7.900 pesetas.

Dentro das funcións de tutela e garantía, de acordo co artigo 21.2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego (Diario Oficial de Galicia nº 161, do 19 de agosto de 1992), correspóndelle ó protectorado concederlles autorización ás fundacións para a realización de actividades ou prestación de servicios retribuídos ós seus beneficiarios, sempre que tales actividades ou servicios sexan de interese xeral para a comunidade e as cantidades que a fundación perciba por eles non excedan do custo real do servicio ou actividade prestados.

Por todo o anterior, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, vista a memoria xustificativa presentada pola Fundación Centro de Transfusión de Galicia, en exercicio das atribucións previstas no artigo 21 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño,

RESOLVE:

Primeiro.-Autoriza-lo carácter retribuído da prestación do servicio hemoterápico pola Fundación Centro de Transfusión de Galicia, de acordo co importe que se determina no anexo.

Segundo.-Anúlase a tarifa e deixa de prestarse o servicio denominado Plasma fresco conxelado (1u) contido na Resolución do 5 de abril de 1994 pola que se autoriza o carácter retribuído da prestación de servicios hemoterápicos polo Centro de Transfusión de Galicia.

Terceiro.-A presente resolución entrará en vigor o día 12 de outubro de 1998.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 1998.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

Importe que percibirá a Fundación Centro de Transfusión de Galicia pola prestación do servicio hemoterápico Plasma fresco conxelado virus-inactivo (1 unidade): 7.900 pesetas.

7980