Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Xoves, 01 de outubro de 1998 Páx. 10.862

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 25 de setembro de 1998, de desenvolvemento do Decreto 106/1998, do 12 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar.

A Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, establece no seu artigo 19.2º:

«Quedan expresamente excluídas da presente lei as máquinas expendedoras que se limitan a efectuar mecanicamente venda de productos e mercadorías, sempre que o valor do diñeiro depositado nas máquinas corresponda ó valor en mercado dos productos que entregue, que estes non sexan de comercio restrinxido ou prohibido e que o mecanismo non constitúa ou se preste a calquera tipo de apostas, combinación aleatoria ou xogo de azar»

O artigo 3.1º do Decreto 106/1998, do 12 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas

recreativas e de azar, establece que o regulamento non será de aplicación:

1 a) Ás máquinas puramente expendedoras ou de venda de productos e mercadorías, nas que o importe depositado para a obtención do producto ofertado se corresponda co seu valor de mercado, sen a intervención de ningún compoñente de xogo, aposta ou de azar.

Pola súa banda, o artigo 7.2º establece:

«Tamén se considerarán como máquinas de tipo B as expendedoras que, por incorporaren algún elemento de xogo, envite ou azar e non estaren comprendidas no artigo 3.1º a) inclúa neste tipo a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais».

Da aplicación conxunta de ámbolos dous preceptos parece desprenderse que a exclusión das máquinas expendedoras do regulamento depende de que o importe depositado para a obtención do producto ofertado se corresponda co seu valor de mercado, sen a intervención de ningún compoñente de xogo, aposta ou azar, ou sen estaren comprendidos no suposto do artigo 3.1º a) as inclúa como máquinas de tipo B a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

En consecuencia, podería entenderse que a catalogación de máquinas tipo B e, polo tanto, a súa inclusión no Regulamento de máquinas recreativas e de azar, queda ó arbitrio da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais en cada caso, o que non é posible nun sector coma o do xogo, necesitado dunha actuación administrativa perfectamente regrada, clara e transparente.

Por outra banda, esta discrecionalidade da Administración atentaría contra o principio de seguridade xurídica que debe inspira-la actuación da Administración e a súa actividade regulamentaria.

Por todo o exposto, considérase oportuno establece-los criterios para seguir pola Administración, para determinar ou non a inclusión das máquinas expendedoras como máquinas do tipo B, e iso tendo en conta o disposto no artigo 7.2º do decreto citado, e tamén a lexislación comparada e os criterios das demais comunidades autónomas.

Na súa virtude, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Para os efectos do disposto no artigo 7.2º do Decreto 106/1998, de 12 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar, considéranse como máquinas do tipo B as expendedoras que incorporando algún tipo de aleatoriedade no producto que vai obte-lo usuario, non cumpran os seguintes requisitos:

a) O producto debe ser identificable desde o exterior.

b) Non poderá ofrecer máis de cinco productos diferentes, que se entregarán ó usuario en recipientes que permitan a súa visualización.

c) O prezo de mercado de cada un dos cinco productos será sensiblemente igual ó importe que se deberá pagar para a súa obtención.

Segundo.-As empresas fabricantes ou operadoras titulares de máquinas expendedoras, nas que exista aleatoriedade no que se refire ó producto para obter polo usuario, que cumpran os requisitos establecidos na presente orde, deberán solicita-la súa exclusión da aplicación do Regulamento de xogo de máquinas recreativas e de azar, mediante instancia dirixida á Dirección Xeral de Interior da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, na que se fagan consta-las características do prototipo da máquina e o seu funcionamento.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 1998.

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais

8847