Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Xoves, 01 de outubro de 1998 Páx. 10.860

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 23 de setembro de 1998 polo que se establece o libro xenealóxico da raza equina Cabalo Galego do Monte.

A raza Cabalo Galego de Monte, catalogada como raza autóctona de protección especial no Real decreto 1682/1997, do 7 de novembro, polo que se actualiza o catálogo oficial de razas de gando en España, constitúe un valioso caudal xenético que debemos conservar e fomentar, xa que actualmente está ameazada a súa pureza racial e en serio perigo de extinción. A tendencia dos gandeiros ó cruzamento con razas especializadas, na busca de maiores rendementos, viuse intensificada nos últimos tempos e esta forma de actuar puxo en perigo a pureza racial do Cabalo Galego do Monte.

O hábitat natural desta raza constitúeno, fundamentalmente, os espacios montañosos de Galicia, cun sistema de explotación totalmente extensivo durante todo o ano; alí sobreviven en condicións nutricionais e climatolóxicas onde non sebrevivirían razas especializadas. De feito, nos rabaños cruzados rexístranse cada vez máis perdas de animais novos.

Estas características de rusticidade permítenlle o aproveitamento de pastos e matos en zonas onde ningunha outra raza podería competir. Ademais, ó actuar como verdadeiros rozadores naturais do sotobosque, inflúen positivamente na prevención de incendios e isto engade un factor clave de interese para unha protección especial en Galicia, tan asolada por este fenómeno.

A Unión Europea e outras organizacións internacioinais coma a FAO instan os gobernos a promove-la protección, valoración e conservacións das razas de animais domésticos en perigo de extinción. Ademais, a nova política agraria común (PAC) prevé medidas de desenvolvemento dunha agricultura menos intensiva, o emprego de prácticas de producción que deminúan os efectos contaminantes, a conservación de terras agrícolas abandonadas e a xestión con vistas ó acceso do público e ó lecer como instrumentos da política ambiental.

A Directiva do Consello 90/427/CEE, do 26 de xuño, relativa ás condicións zootécnicas e xenealóxicas que regulan os intercambios intracomunitarios de équidos, constitúen a base legal da normativa comunitaria sobre selección e reproducción de razas de gando equino, con especial tratamento dos libros xenealóxicos. Posteriormente, a Decición 92/353/CEE do 11 de xuño, da comisión, establece os criterios para a autorización ou recoñecemento das organizacións e asociacións que cren ou leven

libros xenealóxicos para équidos rexistrados. A trasposición destas normas ó ordenamento xurídico español realizouse mediante o Real decreto 1026/1993, do 25 de xuño, que estableceu as disposicións de carácter básico necesarias para a súa aplicación.

Por outra banda, o Regulamento (CEE) do Consello 2078/1992, do 30 de xuño, sobre métidos de producción agraria compatibles coas esixencias da protección do ambiente e a conservación do espacio natural, inclúe entre as actividades que poden ser obxecto de axudas, a crianza e mantemento de animais de razas locais en perigo de extinción. Posteriormente, a comisión mediante decisión do 27 de setembro de 1994, aproba a aplicación horizontal na totalidade do territorio nacional de catro tipos de axudas, unha delas destínase ó fomento das razas autóctonas en perigo de extinción. En España, instrumenta o previsto no citado regulamento o Real decreto 51/1995, do 20 de xaneiro, parcialmente modificado polo Real decreto 207/1996, do 9 de febreiro.

No ámbito de Galicia, a orde desta consellería do 4 de setembro de 1996, modificada por outra do 26 de agosto de 1997, establece diversas medidas para o fomento de métodos de producción agrícola e gandeira compatibles coa protección do ambiente e a conservación do espacio natural.

En 1991 aprobouse o Plan Integral da Mellora Xenética de Galicia, que establece as liñas xerais para a recuperación e conservación das razas autóctonas en perigo de extinción. En relación coa raza equina autóctona Cabalo Galego de Monte resulta ahora procedente a implantación do seu libro xenealóxico.

Por todo iso, vista a petición formulada polos criadores, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase a regulamentación específica do libro xenealóxico da raza Cabalo Galego do Monte e o seu prototipo racial, que figuran respectivamente como anexo I e II desta orde.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e cumprimento da presente orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da sua publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

ANEXO I

Regulamentación específica do libro xenealóxico (L.X.) da raza Cabalo Galego do Monte

1. Inscripción.

1.1. No libro xenealóxico (L.X.) da raza Cabalo Galego do Monte (C.G.M.) poderán inscribirse tódolos animais pertencentes a explotacións particulares, asociacións ou particulares a través das súas asociacións, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que cumpran as características étnicas definidas no seu estándar ou prototipo racial (anexo II).

b) Que pertenzan a unha explotación co seu correspondente número de CEA (código de explotación agraria), e

c) Que se axusten ó disposto na presente regulamentación especifica.

1.2. Para a inscrición dos cabalos no rexistro que lles corresponda, considéranse animais de tipo F os que non teñan xenealoxía coñecida, dun ou dos dous proxenitores; animais tipo A, aqueles dos que se coñeza a xenealoxía dos seus pais pero non dos seus avós; e animais tipo D, aqueles dos que se coñeza a xenealoxía dos seus pais e dos seus catro avós.

2. Rexistros do libro xenealóxico.

O libro xenealóxico desta raza contará con dúas seccións - sección anexa e sección principal - en cada unha delas haberá tres rexistros, que son os seguintes:

2.1. Na sección anexa:

a) Rexistro Fundacional (RF): nel inscribiranse os animais tipo F (con xenealoxía descoñecida dun ou dous proxenitores) iguais ou maiores de 2 anos.

b) Rexistro Auxiliar de Nacementos (RAN): aquí inscribiranse aqueles animais en que alomenos un dos seus proxenitores sexa de tipo F.

c) Rexistro Auxiliar de Adultos (RA): nel inscribiranse os animais do rexistro anterior (RAN) cando alcancen os 2 anos de idade.

2.2. Na sección principal:

a) Rexistro de Nacemento (RN): inscribiranse nel aqueles animais nos que alomenos se coñezan e estean rexistrados ata os seus avós.

b) Rexistro Definitivo (RD): recollerá tódolos animais inscritos no rexistro anterior (RN) cuando alcancen os 2 anos de idade.

c) Rexistro de Méritos (RM): é un rexistro honorífico, no que se inscribirán aqueles animais do rexistro definitivo que polas súas cualidades morfolóxicas, reproductivas ou xenéticas destaquen sobre o resto dos animais do seu rexistro. Excepcionalmente e consensuado polos membros técnicos e criadores autorizados do libro xeneáloxico, poderán incluír animais procedentes do Rexistro Fundacional (RF) ou do Auxiliar de Adultos (RA).

3. Condicións e inscricións no Rexistro de Nacidos (RAN o RN).

3.1. Os gandeiros deberán identifica-las crías dentro do primeiro ano de idade, preferentemente antes dos 90 días e en todo caso antes de separarse das súas nais, a través do dobre sistema que a continuación se especifica:

a) No caderno de explotacións, onde con este único fin figurarán, por cada nacido, alomenos os seguintes datos:

* Nome do pai, co seu nº de rexistro xenealóxico de adulto e marcas de identificación que tivera.

* Data da cubrición e sinatura do propietario do semental , confirmando esta.

* Nome da nai, co seu nº de rexistro xenealóxico de adulto e marcas de identificación que tiver.

* Data do parto e sinatura do propietario da nai confirmando o nacemento.

* Nome do nacido, coa marca de identificación indeleble do criador, así como as características morfolóxicas do animal que o individualicen fronte a outros exemplares (descrición), de tal forma que non poida dar lugar a confusión.

b) Sobre o animal que se vai rexistrar, aplicando a marca recoñecida indeleble da identificación do criador ou asociación, recoñecida polo libro xeneálóxico.

3.2. Con posterioridade, dentro do primeiro ano de idade da cría, o gandeiro enviará unha copia do caderno de explotación con tódolos datos do animal ó libro xenealóxico da raza, onde, unha vez realizadas as comprobacións pertinentes, se procederá á inscrición dos devanditos animais no Rexistro de Nacidos correspondente (RAN ou RN).

3.3. A cada animal inscrito outorgaráselle un número de rexistro, que irá precedido polas letras AN ou N, segundo o Rexistro de Nacementos que lle correspondese: o auxiliar da sección anexa ou de nacementos da sección principal.

4. Condicións e inscricións no Rexistro de Adultos.

4.1. Os animais inscritos nos rexistros de nacementos que cumprisen os 2 anos de idade serán sometidos a un exame que efectuarán os técnicos e criadores autorizados para tal fin pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, para valorar se cumpren os requisitos para seren inscritos nun dos Rexistros de Adultos (RA ou RD) do libro xenealóxico. Os ditos requisitos recóllense no prototipo racial do Cabalo Galego do Monte, que se aproba no anexo II desta mesma orde.

4.2. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, a través do órgano competente, supervisará a actuación dos técnicos e criadores mencionados no punto anterior sempre que o considere oportuno.

4.3. Cada animal inscrito terá un número propio e para cada un abrirase unha ficha ou documento de identificación, na que constarán, ademais do dito número, os datos básicos do propietario, criador e explotación á que pertenzan, así como as características do animal con tódalas indicacións que figuran no anexo I do Real decreto 1026/1993, do 25 de xuño de 1993, sobre a selección e reproducción de equinos de razas puras. Ó gandeiro entregaráselle o orixinal do documento de identificación, quedando unha copia nos arquivos do libro xenealóxico.

4.4. O número de inscrición no Rexistro Fundacional (RF), Auxiliar de Adultos (RA), ou Rexistro Definitivo (RD) irá precedido respectivamente pola letra F, A ou D segundo lle corresponda inscribirse nun ou noutro rexistro. Se o animal xa estivese inscrito no Rexistro de Nacementos desta comunidade (RAN ou RN), conservará ese mesmo número de rexistro, de modo que soamente variará a letra que precede ó número de identificación, substituíndo a antiga (AN ou N) pola que lle corresponda como adulto (A ou D).

4.5. O propietario do animal adulto rexistrado ten a obriga de identificalo de forma indeleble ou ben con microchip, mediante o número de rexistro adxudicado no libro xenealóxico.

5. Probas de paternidade.

A consellería competente dispoñerá a realización de probas de paternidade cando o considere oportuno e como garantía do libro xenealóxico.

ANEXO II

Prototipo racial do C.G.M.

1. Características xerais.

Trátase de animais de perfil recto ou subcóncavo, elipométricos e de proporcións sublonxilíneas (tipo mesodolicomórfico). Cunha alzada á cruz de 1,20 m a 1,40 m. Presentan capa castaña ou negra.

Son animais dun gran vigor e fortaleza, frugais na súa alimentación, afeitos ó mato e ó sotobosque de Galicia, particularmente ós toxos, dando lugar en consecuencia a que presenten abdomes avultados.

Presentan un temperamento doce, tranquilo, valente e intelixente que o fai moi apropiado como animal de sela, para excursións a cabalo, e mesmo para traccionar pequenas carruaxes.

2. Características rexionais.

a) Cabeza.

Cabeza grande, con fronte larga e plana, xeralmente presenta topete. Orellas pequenas e pilosas. Órbitas oculares saíntes e ben marcadas. Ollos grandes, vivos e expresivos. Os beizos ou belfos son gordos, podendo presentar en ocasións un guecho de pelos no superior (bigote) así como tamén pelos longos (barbela) na rexión da barba ou do músculo borla, estendéndose tamén pola rexión do barbuquexo (barbada) e da canle exterior.

b) Tronco.

O pescozo é proporcionado, con boa conformación e abundantes crinas. Presentan cruz destacada. A liña dorso-lumbar non sempre é cóncava, tendendo en ocasións a ser recta. A anca é simple e algo inclinada. O nacemento da cola é baixo, sendo longa. O ventre ou abdome é redondeado. Peito con tendencia á profundidade.

c) Extremidades.

Costas lixeiramente inclinadas. Con extremidades finas, curtas e fortes. Articulacións poderosas e duras. Canelas curtas. Casco escuro, tendendo a negro, de conformidade redonda, pequeno e duro, ben proporcionado. Presentan escasas produccións córneas e dérmicas (castaña, asporón e serdas no esporón).

d) Capa (Coloración).

A capa será castaña ou negra, conseguintemente con cabos e extremos sempre negros.

e) Faneros:

-Cabos (crina e cola).

Crinas e cola moi poboada, cunha melena solta de pelos fortes e gordos. A cola pode presentar dous tipos de pelo, curtos e longos, que chegan ata o chan.

-Extremos (rexión naso-labial, parte distal extremidades).

As extremidades presentan en ocasións serdas, pero con pouca cantidade pilosa, así como escasas produccións córneas.

A rexión naso-labial pode presentar pelos (bigote ou barbela).

8889