Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Mércores, 30 de setembro de 1998 Páx. 10.823

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 23 de setembro de 1998 pola que se modifica a do 24 de marzo de 1998 pola que se establecen axudas para a realización de cursos e seminarios de formación e capacitación de agricultores e das súas familias.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ten como un dos seus fins promover e orienta-las accións dos agricultores e as súas familias para a mellor utilización dos seus recursos, actuando permanentemente sobre os membros das familias rurais co fin de activar neles cambios de actitude, melloras no seu medio social e a difusión de coñecementos e técnicas que contribúan ó logro deste obxectivo.

O cumprimento deste fin esixe unha permanente atención ós agricultores, ós mozos, colaboradores familiares e agricultores asalariados que superen a idade de escolarización, co fin de mellora-la súa cualificación profesional.

Para acadar este fin é necesario instituír axudas que permitan realizar cursos de formación agraria dirixidos a aquelas persoas que desexen capacitarse e mellora-las técnicas que van aplicar nas súas explotacións, por un importe de cento trinta millóns cincocentas doce mil (130.512.000) pesetas.

Por todo isto, e en virtude das competencias que me outorga a lexislación vixente

DISPOÑO:

Artigo único.-Amplíase un novo punto no artigo 1º.-Tipos de cursos: obxectivos e duración; coa seguinte redacción:

6. Cursos monográficos de actualización, perfeccionamento profesional e introducción de novas tecnoloxías para o fomento de producción agraria integral, dirixidos a agricultores e mozos xa establecidos e en proceso de incorporación en explotacións agrarias. A duración mínima será de 30 ou 50 horas segundo os temas e programas que se van impartir.

Amplíase nos puntos 5 e 6, o artigo 4º.-Contía das axudas; coa seguinte redacción:

5. Os cursos de 30 horas ós que se refire o punto 6 do artigo 1º dispoñerán dunha axuda máxima de sete mil cincocentas (7.500) pesetas alumno/curso e serán impartidos polos centros de capacitación agraria e axencias de extensión agraria en réxime de externado e de xeito continuado.

6. Os cursos de 50 horas ós que se refire o punto 6 do artigo 1º dispoñerán dunha axuda máxima de quince mil (15.000) pesetas por alumno/curso. Estes cursos soamente poderán ser impartidos en centros de capacitación agraria e axencias de extensión agraria das áreas naturais autorizadas para ese fin.

Modifícase o artigo 7º, que queda redactado do seguinte xeito:

As axudas económicas recollidas no artigo 4º da presente orde faranse efectivas con cargo ás aplicacións orzamentarias 09.02.322-S.480.0, e á 09.04.714-A.470.0, dotadas para 1998, por un importe de oitenta millóns cincocentas doce mil (80.512.000) pesetas e cincuenta millóns (50.000.000) de pesetas respectivamente.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

8789