Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Mércores, 30 de setembro de 1998 Páx. 10.823

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 1998, da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, pola que se convocan dous cursos de aplicador/manipulador de praguicidas de usos fitosanitario e gandeiro.

A Orde do 30 de xullo de 1997, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se esta

blece na Comunidade Autónoma de Galicia a normativa reguladora para a homologación de cursos de capacitación para realizar tratamentos con praguicidas, así como para a obtención do carné de manipulador destes productos, establece no seu artigo 9 a obrigatoriedade de que o organismo oficial responsable publique no Diario Oficial de Galicia a información correspondente a cada curso que vaia celebrar.

En consecuencia, anúnciase a convocatoria de dous cursos de aplicador/manipulador de praguicidas que se celebrarán de acordo coas seguintes bases:

1. Denonimación dos cursos.

Curso de aplicador/manipulador de productos fitosanitarios e de uso gandeiro. Nivel básico.

2. Datos do organismo organizador.

O organismo organizador será o Servicio de Sanidade Vexetal da Subdirección Xeral de Sanidade e Producción Vexetal para ámbolos dous cursos.

3. Obxectivos dos cursos.

Conseguir unha formación adecuada para o persoal dos establecementos e empresas que manipulen ou presten servicios de tratamentos con praguicidas fitosanitarios ou de uso gandeiro, co obxecto de que poidan obte-lo carné de manipulador destes productos que os capacite para exerce-la dita actividade en todo o territorio estatal.

4. Destinatarios.

Destinatarios: aplicadores, persoal de establecementos e servicios praguicidas, agricultores e público en xeral.

Nº de prazas: o número de alumnos que poderán participar será de 30 como máximo.

Criterios de selección: o solicitante deberá ter idade laboral para poder traballar con praguicidas (maior de 18 anos).

Terán preferencia na selección os técnicos titulados do ciclo de grao medio en traballos forestais e de conservación do medio natural e capataces forestais graduados no Centro de Capacitación Forestal de Lourizán (Pontevedra).

5. Lugar de celebración.

As clases correspondentes a este curso levaranse a cabo en:

Denominación do centro: Escola de Capacitación Forestal de Lourizán.

Enderezo: Igrexa, 19. Municipio: Lourizán. Provincia: Pontevedra. CP: 36153. Teléfono: 986 85 64 00. Fax: 986 85 64 20.

Duración e horario: os cursos celebraranse nas seguintes datas:

Do 19 ó 23 de outubro para o primeiro curso.

Do 2 ó 6 de novembro para o segundo curso.

A duración de cada curso será, como mínimo, de 20 horas lectivas entre teoría e práctica.

O horario do curso será das 15 ás 19 horas de luns a xoves e das 9 ás 13 horas do venres.

6. Programa.

Os temarios que se impartirán son os que figuran no anexo II.

7. Coordinador técnico do curso.

De acordo coa facultade conferida no artigo 10 da orde reguladora destes cursos, o coordinador técnico por parte da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria será Fernando Coduras Orera, xefe de Área de Defensa dos Vexetais.

O encargado do desenvolvemento do curso será José María Gras Lope, xefe de estudios do centro.

8. Solicitudes e inscrición.

Documentación: o persoal que desexe participar neste curso deberá presentar cuberta a solicitude que figura como anexo I xunto cunha fotocopia do DNI e, se é o caso, certificación expedida polo establecemento ou servicio de praguicidas, especificando o labor que desenvolve o solicitante nel.

A documentación sinalada anteriormente presentarase preferentemente no centro, nos rexistros xerais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria en horarios das 9 ás 14 horas, ou en calquera das oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación será de 10 día naturais contados desde o seguinte ó da publicación desta resolución.

Admisión: a relación de solicitantes admitidos expoñerase no taboleiro de anuncios do organismo convocante e do centro antes dos 5 días naturais contados a partir do prazo de finalización da inscrición.

9. Certificación de superación do curso.

É obrigatoria a asistencia a tódolas sesións do curso. Finalizado este a entidade organizadora realizará as probas pertinentes que avalen os coñecementos adquiridos polo alumno e no caso de superalas expedirase o certificado co que poderá solicitarlle á Dirección Xeral de Producción Agropecuaria o carné de manipulador de productos fitosanitarios e de uso gandeiro.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 1998.

Antonio Crespo Iglesias

Director xeral de Producción Agropecuaria

ANEXO II

PROGRAMA DO CURSO DE NIVEL BÁSICO PARA PRODUCTOS FITOSANITARIOS E DE USO GANDEIRO

1. Praguicidas: descrición e xeneralidades.

2. Riscos derivados da utilización dos praguicidas.

3. Perigosidade dos praguicidas para a saúde. Intoxicacións.

4. Práctica da protección fitosanitaria. Relación traballo-saúde, primeiros auxilios en caso de intoxicación.

5. Medidas preventivas e protectoras para evita-lo risco de uso de praguicidas.

6. Boa práctica fitosanitaria. Protección do ambiente e normas legais.

7. Exercicio práctico.

8. Proba de avaliación.

7979