Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Mércores, 30 de setembro de 1998 Páx. 10.822

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 1998, da Dirección Xeral de Universidades, pola que se fai pública a relación provisional de solicitantes beneficiarios e excluídos das accións de apoio económico ós estudiantes universitarios, convocadas por Orde do 27 de marzo de 1998 (DOG do 6 de abril).

Rematado o proceso de selección dos beneficiarios das accións de apoio económico ós estudiantes universitarios, correspondentes ós anexos I, II, IV, V, VI e VII da Orde do 27 de marzo de 1998 (DOG nº 65, do 6 de abril) pola que se convocan as citadas accións, e unha vez atendida proposta da comisión avaliadora nomeada para o efecto segundo Resolución do 30 de xuño de 1998 (DOG nº 130, do 8 de xullo), procede facer pública a relación provisional de beneficiarios de conformidade coas respectivas bases.

En consecuencia, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Facer pública a relación provisional de solicitantes beneficiarios e excluídos das accións de apoio económico ós estudiantes universitarios convocadas pola Orde do 27 de marzo de 1998 (DOG nº 65, do 6 de abril), detalladas a continuación:

Anexo I: axudas a asociacións de estudiantes das universidades galegas.

Anexo II: axudas a estudiantes das universidades galegas para a realización de viaxes culturais de carácter pedagóxico.

Anexo IV: axudas complementarias ás bolsas de carácter xeral de estudios universitarios convocadas polo Ministerio de Educación e Cultura (curso 1997-1998) dirixidas a estudiantes con residencia en Galicia pero que cursan estudios de carácter oficial e validez nacional nas universidades públicas de fóra de Galicia.

Anexo V: axudas de desprazamento para a realización de prácticas recoñecidas nos plans de estudio correspondentes ás titulacións autorizadas pola Xunta de Galicia nas universidades galegas.

Anexo VI: financiamento de viaxes para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea co obxecto de coñece-la lingua dese país.

Anexo VII: axudas complementarias do programa de acción da Unión Europea de mobilidade de estudiantes (Sócrates-Erasmus).

Segundo.-As listas provisionais de beneficiarios e excluídos exporanse nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais e dos vicerrectorados de estudiantes das tres universidades galegas. Tamén se poderá acerder ás devanditas listas a través da páxina Web da Xunta de Galicia (Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Universidades, Servicio de Apoio e Orientación ós Estudiantes Universitarios).

Terceiro.-Contra esta resolución poderase formular reclamación no prazo de dez (10) días, contados desde o día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

A reclamación presentarase no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 1998.

José Eduardo López Pereira

Director xeral de Universidades

8791