Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Venres, 25 de setembro de 1998 Páx. 10.690

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

RESOLUCIÓN do 8 de xuño de 1998, da Dirección Xeral de Fomento do Emprego, pola que se establece o procedemento que hai que seguir na selección dos traballadores desempregados para a execución de obras ou a prestación de servicios de interese xeral e social.

As ordes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude do 27 de abril de 1998 regulan, dentro dos programas de cooperación entre outras medidas de fomento do emprego, a subvención para a contratación de traballadores desempregados para a realización de obras e servicios de interese xeral e social. Nelas remítese ó director xeral de Fomento do Emprego para o desenvolvemento de determinados aspectos non abordados nelas e para regular máis polo miúdo aquelas cuestións que, aínda estando previstas nas ordes, requiren un maior afondamento co fin de agrupa-los criterios interpretativos e, en definitiva, facilitar e axiliza-la tramitación administrativa por parte das diferentes instancias intervinientes no procedemento; así, remítese o desenvolvemento regulamentario, a forma e o procedemento para a selección dos traballadores obxecto de contratación para a realización das anteditas obras e servicios.

Conforme a todo o anterior e á vista da disposición derradeira primeira das anteditas ordes

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. As entidades beneficiarias das subvención solicitarán, con 15 días de antelación ó inicio das obras ou servicios, os traballadores desempregados necesarios mediante a presentación de oferta na oficina de emprego correspondente ou nun centro asociado do Servicio Galego de Colocación, nos modelos normalizados para o efecto, facendo referencia ós requisitos e características que deben reuni-los traballadores que se van contratar para o adecuado desempeño das funcións inherentes ós postos de traballo ofertados, debendo presentarse unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación.

A oferta, na súa formulación, non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación, que non resposte ós criterios preferenciais establecidos no parágrafo seguinte.

2. Recibida a oferta realizarase unha sondaxe de demandantes en función das súas características, preseleccionando o número de candidatos por posto de traballo que solicite a entidade beneficiaria, que

en ningún caso poderá ser inferior a dous, de acordo cos seguintes criterios:

a) Maior adecuación ó posto de traballo ofertado.

b) Existencia de discapacidades.

c) Consideración do nivel de protección por desemprego.

d) Tempo de permanencia no desemprego.

e) Existencia de responsabilidades familiares, entendéndose por estas ter a cargo do traballador desempregado que se contrata ó cónxuxe, fillos menores de vinteseis anos, maiores incapacitados ou menores acollidos.

f) Idade.

3. Os candidatos preseleccionados seranlle remitidos á entidade beneficiaria co fin de que esta realice a selección definitiva, que lle deberá ser notificada á oficina de emprego ou ó centro asociado do Servicio Galego de Colocación, e proceda á contratación dos traballadores de acordo co establecido nas ordes de convocatoria.

Artigo 2º

1. Os contratos de traballo asinados cos traballadores seleccionados rexistraranse na oficina de emprego correspondente coa indicación de Programas de Cooperación Xunta de Galicia-entidades locais ou Programas de Cooperación Xunta de Galicia -outras administracións, segundo proceda, debendo manterse a codificación existente na actualidade.

2. A entidade beneficiaria remitiralle á Dirección Xeral de Fomento do Emprego, no caso de programas de cooperación con outras administracións ou entidades sen ánimo de lucro, ou á delegación provincial da consellería no caso de programas de cooperación con entidades locais, unha certificación na que figure a relación nominal de traballadores desempregados facilitada pola correspondente oficina de emprego ou polo Servicio Galego de Colocación, así como a relación nominal dos traballadores seleccionados e contratados, no momento no que achegue os orixinais ou copias compulsadas dos contratos de traballo debidamente rexistrados e os partes de alta na Seguridade Social, como documentación preceptiva para o pagamento da subvención.

3. O contido da presente disposición deberá notificarse xunto coa resolución de concesión de subvencións para a contratación de traballadores desempregados para a realización de obras e servicios de interese xeral e social.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 1998.

Justo de Benito Basanta

Director xeral de Fomento do Emprego

8594