Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Xoves, 24 de setembro de 1998 Páx. 10.643

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 17 de setembro de 1998 pola que se establece o procedemento de tramitación das axudas ós pescadores afectados por medidas de axuste estructural da flota pesqueira de Galicia.

O Real decreto 312/1996, do 23 de febreiro, polo que se establecen medidas socioeconómicas no sector pesqueiro (BOE nº 65, do 13-3-1996) establece, con fundamento na normativa comunitaria, unhas axudas destinadas ós traballadores por conta allea embarcados en buques pesqueiros que perden o seu posto de traballo como consecuencia de medidas de axuste estructural da flota, xa sexa por paralización definitiva do buque ou por exportación deste ó constituírse unha sociedade mixta.

Estas axudas poden concretarse, ben dentro dun plan de prexubilación ou como unha prima global individual, e sempre co obxectivo de reduci-lo impacto pola perda do posto de traballo a bordo.

A tramitación, resolución e pagamento destas axudas correspóndelles ás comunidades autónomas, polo que é preciso establece-lo procedemento para a súa xestión en Galicia.

Considerando o anterior

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é a regulación do procedemento de tramitación das axudas ós pescadores afectados por medidas de axuste estructural da flota pesqueira, xa sexa por paralización definitiva do buque ou por exportación deste ó constituírse unha sociedade mixta, e sempre que tivese o seu posto base na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Normativa de aplicación.

A normativa substantiva de carácter básico pola que se rexen estas axudas é a contida no Real decreto 312/1996, do 23 de febreiro, polo que se establecen medidas socioeconómicas no sector pesqueiro.

Artigo 3º.-Crédito orzamentario.

As axudas concederanse con cargo ós créditos que en cada exercicio orzamentario se prevexan para este fin, e sempre condicionadas á existencia destes e ós condicionamentos que impoña a correspondente lei de orzamentos.

No vixente exercicio as axudas outorgaranse con cargo ós fondos dispoñibles na aplicación orzamentaria 98.12.03.723.A.780.0 creada no estado de gastos dos orzamentos vixentes.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Poderán acceder a estas axudas os traballadores por conta allea embarcados en buques pesqueiros

afectados por medidas de axuste estructural da flota e que reúnan os requisitos sinalados no artigo 3 do Real decreto 312/1996.

Artigo 5º.-Tipos de axuda.

Poderán percibirse axudas dentro dun plan de prexubilación ou primas globais individuais tal como se definen no artigo 2 do real decreto de aplicación.

Artigo 6º.-Solicitudes.

As solicitudes para acollerse ós plans de prexubilación anticipada e ás primas globais individuais presentaranse en impreso normalizado ante as delegacións territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ou en calquera dos lugares ós que se refire o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, no prazo de dous meses a partir da notificación por parte do armador ó pescador da concesión da axuda por paralización definitiva ou sociedade mixta.

Artigo 7º.-Documentación.

1. Ás solicitudes de axudas deberán achegarse os seguintes documentos:

a) Fotocopia do DNI do solicitante.

b) Certificado do Instituto Social da Mariña que acredite a alta no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar, e informe de vida laboral expedido polo Instituto Social da Mariña. Os citados documentos poderanse presentar en impresión informatizada.

c) Certificado do Instituto Social da Mariña que acredite que o solicitante non cumpre a idade legal de xubilación. Entenderase por idade legal de xubilación a que lle corresponda ó traballador despois de aplica-los coeficientes reductores da idade de xubilación en vigor.

d) Fotocopia compulsada do caderno de inscrición marítima, para os efectos de acredita-la actividade necesaria.

2. Os solicitantes das axudas dos plans de prexubilación anticipada deberán presentar tamén un certificado da empresa onde consten as bases de cotización por continxencias profesionais dos 12 meses anteriores á data de presentación da solicitude de paralización definitiva ou sociedade mixta por parte do titular da embarcación, ou nóminas referidas ó mesmo período. Así mesmo, deberán presentar copia do impreso de solicitude do convenio especial e cálculo dos custos das cotizacións á Seguridade Social debidamente conformados polo Instituto Social da Mariña.

Artigo 8º.-Resolución.

1. A resolución sobre a concesión das axudas corresponderalle ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, quen poderá delegar no director xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados, esgotándose en todo caso a vía administrativa.

2. Transcorridos 3 meses desde a presentación da solicitude sen que se dictase resolución expresa, entenderase que esta se desestimou.

Artigo 9º.-Pagamento.

Para facer efectivo o pagamento das subvencións, os beneficiarios deberán presenta-las solicitudes de pagamento xunto cos seguintes documentos:

a) Documentación acreditativa da finalización da relación laboral. Esta documentación presentarase dentro do prazo dos 20 días seguintes á data de finalización da relación laboral.

b) Os beneficiarios das primas globais individuais deberán presentar tamén un informe de vida laboral dos 6 meses posteriores á data de finalización da relación laboral expedido polo Instituto Social da Mariña. O citado informe presentarase dentro do 7º mes contado desde a data de finalización da relación laboral.

c) Os beneficiarios dos plans de prexubilación deberán presentar tamén copia do convenio especial asinado co Instituto Social da Mariña dentro do prazo dos 20 días seguintes á data de finalización da relación laboral.

d) Certificacións acreditativas de estar ó corrente nas obrigas tributarias, sociais e non ter débedas coa Comunidade Autónoma.

Disposición adicional

A Dirección Xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados enviará periodicamente ó Instituto Social da Mariña a relación de beneficiarios do plan de prexubilación para o efecto da comprobación da incompatibilidade á que se refire o artigo 2.a) 2º do Real decreto 312/1996, do 23 de febreiro.

Disposición transitoria

Para as resolucións de outorgamento de axuda para a paralización definitiva ou sociedades mixtas dictadas a partir da publicación do Real decreto 312/1996, do 23 de febreiro, o prazo para a presentación das solicitudes das axudas previstas na presente disposición contarase a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados para dicta-las resolucións necesarias para o mellor cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de de 1998.

P.D. (17-12-1997, DOG nº 246, do 22-12-1997.)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

7642