Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Xoves, 24 de setembro de 1998 Páx. 10.645

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 21 de xullo de 1998, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector do transporte de viaxeiros por estrada de Lugo.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector do transporte de viaxeiros por estrada de Lugo (código 2700515), da provincia de Lugo, asinado o día 30 de xuño de 1998, pola representación da parte empresarial e das centrais sindicais UGT, CIG e CC.OO., e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do citado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Lugo, 21 de xullo de 1998.

José María Fernández Olea

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo de transportes de viaxeiros da provincia de Lugo para o ano 1998

Artigo 1º.-Ámbito persoal.

As estipulacións do presente convenio obrigan á totalidade das empresas e traballadores/as dedicados á actividade do transporte de viaxeiros por estrada de Lugo, así como ó persoal que, en diante, forme parte dos cadros de persoal daquelas.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

O presente convenio colectivo regula as relacións laborais entre as empresas dedicadas ó transporte de viaxeiros na provincia de Lugo e ó persoal que nelas preste os seus servicios, quedando excluídas das disposicións deste convenio as persoas que desempeñen cargos de alta dirección, ás que se refire o vixente Estatuto dos traballadores.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

O presente convenio afecta a Lugo e provincia, así como ós centros de traballo situados nela, aínda cando as empresas tivesen o seu domicilio social nunha provincia distinta.

Artigo 4º.-Vixencia e duración.

A vixencia do presente convenio colectivo será desde o 1 de xaneiro de 1998 ata o 31 de decembro de 1998.

Artigo 5º.-Denuncia.

Finalizada a vixencia do presente convenio colectivo, enténdese automaticamente denunciado, sen necesidade de formalidade ningunha.

Artigo 6º.-Vinculación á totalidade.

As condicións aquí pactadas forman un todo orgánico e indivisible e para os efectos da súa aplicación práctica serán consideradas globalmente.

En caso de nulidade parcial por modificación de calquera das condicións, quedará na súa totalidade sen eficacia práctica, debendo renegociarse todo o seu contido, quedando mentres vixente o anterior convenio.

Artigo 7º.-Absorción e compensación.

Tódalas melloras contidas neste convenio teñen o carácter de mínimas; dentro das condicións pactadas respectaranse as situacións que impliquen para o traballador condicións máis beneficiosas cás convidas, manténdose ad personam, en canto excedan das pactadas.

En caso ningún serán absorbibles polas melloras estipuladas neste convenio, os suplidos por gastos que as empresas veñan satisfacéndolles ós seus traballadores.

Artigo 8º.-Lexislación supletoria.

Tódolos aspectos que non estean desenvolvidos no presente convenio colectivo, estarán ó abeiro do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1561/1995, convenio da OIT número 153, Regulamento da CEE número 3820/1985, como norma supletoria e demais disposicións legais de xeral aplicación. A ordenanza laboral de transportes por estrada asumirase como corpo de convenio, podendo ser modificados estes aspectos, só se se acorda entrámbalas dúas partes, en convenios posteriores.

Artigo 9º.-Xornada de traballo para o persoal en movemento.

A xornada ordinaria de traballo será de 1.816 horas anuais, en cómputo trimestral de 454 horas, considerándose como horas extraordinarias as que excedan da dita xornada; respectarase, en todo caso, a normativa vixente en materia de conducción.

O tempo total de conducción non poderá exceder de nove horas diarias, salvo 2 veces por semana, que pode chegar a 10 horas, sendo de aplicación os regulamentos da CEE 3820/1985 e 3821/1985, así como o Real decreto 1561/1995.

Descanso diario: once horas consecutivas, non obstante, pode reducirse o descanso diario de once a nove horas, tres veces por semana, pero á semana seguinte haberá de compensa-lo descanso non tomado. Tamén o descanso de once horas se pode substituír por un descanso tomado en dous ou tres perío

dos durante as 24 horas, sendo un dos períodos, como mínimo, de oito horas, entón o descanso diario pasa a doce horas.

Nos transportes interurbanos, ningún traballador poderá conducir de forma initerrompida máis de catro horas sen facer unha pausa, salvo que a conducción de media hora máis lle permita a chegada ó punto de destino.

A duración mínima da pausa será de corenta e cinco minutos, sendo susceptibles de fraccionamento ó longo do tempo de conducción.

O posible exceso de horas de traballo efectivo en cómputo inferior ó trimestre poderá compensarse con tempo de descanso, non tendo consideración de extraordinarias sempre que non excedan da xornada establecida en cómputo trimestral.

Artigo 10º.-Definición do tempo de traballo.

1. Para o persoal en movemento.

a) Traballo efectivo:

-A conducción durante a circulación do vehículo.

-Os traballos auxiliares que efectúen en relación co vehículo, os viaxeiros ou a súa carga.

b) Tempo de presencia:

Será tempo de presencia aquel período de xornada no que o traballador, aínda que non preste traballo efectivo, se atope á disposición da empresa, tanto nos locais como no vehículo.

Terán a consideración de tempo de presencia as gardas, reténs, expectativa, avarías (sempre que non participe de forma efectiva e material), esperas, comidas en ruta e outras similares nas que o traballador, aínda que non preste traballo efectivo, se atope á disposición da empresa.

O tempo de presencia non excederá de 40 horas bisemanais.

As horas de presencia non se computarán para os efectos de horas extraordinarias, sen prexuízo de que a súa remuneración sexa de igual contía cás horas ordinarias. Poderán, nembargantes, computarse para os efectos da xornada cando se realicen menos horas de traballo efectivo cás legalmente autorizadas, neste caso poderán ser computadas para completa-la xornada.

c) Tempo de espera:

Terá a consideración de tempo de espera aquel en que o traballador non está suxeito á vixilancia do vehículo, nas localidades que non sexan principio e fin de traxecto.

Computarase ó 50% e aboarase como o tempo de presencia. Considerarase que o traballador non está suxeito á vixilancia do vehículo, cando poida dispoñer libremente do seu tempo por non acharse á disposición da empresa.

As esperas en localidades de principio ou fin de traxecto, fóra da residencia do traballador ou do lugar da súa toma habitual de servicio, non computarán

para os efectos da xornada, nin como traballo efectivo, nin como tempo de presencia.

2. Para o resto do persoal.

O tempo de traballo computarase de modo que tanto ó comezo como ó final da xornada diaria, o traballador se atope no seu posto de traballo.

Artigo 11º.-Descanso semanal e festivo.

Os traballadores terán dereito a un descanso mínimo semanal de día e medio initerrompido, que por acordo ou pacto entre empresa e traballadores poderá acumularse mensualmente.

As festas laborais, que terán carácter retribuído e non recuperable, serán de catorce ó ano, das que dúas serán locais.

Cando excepcionalmente e por razóns técnicas ou organizativas non se puidera gozar do día de festa correspondente ou, se é o caso, de descanso semanal, a empresa poderá optar entre proporcionar un descanso compensatorio ó traballador dentro dos trinta días seguintes, ou aboarlle os salarios correspondentes cun incremento dun 75%.

Todos aqueles traballadores que traballen a quendas, con descansos rotativos de dous días, terán que coincidir un deles en domingo, como mínimo unha vez ó mes, en cómputo bimensual.

Artigo 12º.-Vacacións.

Os traballadores afectados por este convenio colectivo gozarán de 30 días naturais de vacacións dentro do ano natural, sen distinción de antigüidade ou categoría profesional, de acordo coa normativa laboral vixente. O seu desfrute non se poderá iniciar en días nin de descanso semanal nin en días festivos.

Para os traballadores que ingresen ou finalicen o seu contrato no transcurso do ano, ratearanse os días de vacacións en función do tempo de prestación de servicios.

As empresas e os representantes legais dos traballadores, e en ausencia destes, os propios traballadores procurarán pactar un calendario de vacacións nos tres primeiros meses do ano.

Artigo 13º.-Licencias retribuídas.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando con tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento para tal efecto, o prazo será de catro días.

c) Un día por matrimonio de pais ou fillos do traballador.

d) Un día por traslado do domicilio habitual.

e) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal,

coas peculiaridades que establece o Estatuto dos traballadores e demais disposicións de aplicación.

Artigo 14º.-Formación profesional.

De maneira unánime vénselle recoñecendo á formación profesional continua dos traballadores ocupados un valor estratéxico para mellora-la competitividade das empresas. Por todo isto e en cumprimento e desenvolvemento do Acordo nacional sobre formación continua subscrito o 16 de decembro de 1992, as partes acordan:

-Creación dunha comisión mixta, paritaria no ámbito contractual para a aplicación, seguimento e desenvolvemento do acordo mencionado anteriormente.

-A vixencia desta comisión será a da vixencia do acordo.

-As súas funcións serán:

a) A promoción de plans, organización, xestión, distribución de fondos, ou se é o caso, execución das accións formativas e xustificación destas, así como a regulación e concesión dos permisos para a formación previstos no texto do acordo nacional.

b) Calquera outra función que as partes acorden por unanimidade.

-No prazo dun mes desde a sinatura do convenio deberase substituí-la citada comisión dotándose das súas propias normas de funcionamento.

-De acordo co previsto na disposición derradeira primeira do acordo nacional sobre formación continua procédese á súa inserción como anexo ó convenio colectivo.

Artigo 15º.-Permiso de conducir.

Os conductores ós que, como consecuencia de conducir en un vehículo da empresa, por orde e conta dela, se lles retire o seu permiso de conducción por tempo non superior a 182 días, serán destinados durante ese tempo a outro traballo aínda que sexa de categoría laboral inferior, nalgún dos servicios de que dispoña a empresa e seguirán percibindo o salario correspondente á súa categoría.

O disposto no presente artigo non será de aplicación nos casos de reincidencia dentro da vixencia do convenio, quedando excluídos deste beneficio os conductores que se viran privados do permiso de conducir a consecuencia do consumo de drogas ou á inxestión de bebidas alcólicas, no exceso sobre o permitido pola lei.

Artigo 16º.-Compensación en caso de baixa por accidente.

As empresas completarán a diferencia entre a compensación percibida con cargo á Seguridade Social por incapacidade laboral transitoria, e o salario base deste convenio, cando aquela estea motivada por accidente de traballo con hospitalización; caso de non producirse hospitalización, o complemento citado aboarase cun máximo de 65 días.

Artigo 17º.-Póliza de seguros.

As empresas comprendidas no ámbito funcional deste convenio concertarán as seguintes pólizas:

a) Persoal en movemento.

Para estes traballadores establecerase a póliza de seguro que establece a lei e o Regulamento do seguro obrigatorio de viaxeiros, sendo a súa contía, en caso de morte 6.000.000 de pesetas e de 7.000.000 de pesetas en caso de invalidez permanente, nos supostos de accidente producido polo autocar.

b) Resto do persoal.

Exclusivamente para o persoal de non movemento, unha póliza de seguros cunha entidade aseguradora que cubra unha contía de 2.500.000 pesetas en caso de morte por accidente laboral e de 3.500.000 pesetas en caso de invalidez permanente absoluta, derivada así mesmo de accidente laboral.

Artigo 18º.-Gastos de traslado por falecemento en accidente de traballo ou incapacidade do traballador.

No caso de que un traballador en comisión de servicios fóra da súa residencia habitual faleza ou quede imposibilitado para volver á súa residencia, a empresa farase cargo do traslado ata o seu domicilio acompañado de dous familiares, se é que estes cargos non estivesen cubertos por un seguro ou fosen imputables a terceiros.

Artigo 19º.-Xubilación anticipada.

Os traballadores que, con 10 anos de antigüidade como mínimo na empresa, decidan xubilarse de forma anticipada, sempre e cando exista voluntariamente acordo entre ambos, percibirán unha gratificación mínima consistente nas contías seguintes:

Ós 60 anos de idade, 1.328.653 ptas.

Ós 61 anos de idade, 1.108.924 ptas.

Ós 62 anos de idade, 904.614 ptas.

Ós 63 anos de idade, 805.672 ptas.

A solicitude deberá efectuala o traballador cun mes de antelación ó cumprimento da idade en que pretende acollerse a estes beneficios.

A xubilación será forzosa ó cumpri-lo traballador os 65 anos, sen excepcións, sempre que reúna os requisitos esixidos pola Seguridade Social sobre períodos de carencia, en atención ás melloras e condicións pactadas neste convenio.

Sempre que exista acordo previo e para cada caso concreto entre empresas e traballador, este poderá acollerse á xubilación anticipada ós 64 anos que regula o Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo.

Artigo 20º.-Servicio militar.

Cando un traballador deba incorporarse ó servicio militar obrigatorio, a contía que a empresa haberá de aboarlle en concepto de paga de beneficios e 50% das pagas de xullo e Nadal, correspondente ó período do servicio militar, será de 152.250 ptas., que lle fará efectiva a empresa no momento de incorporarse a filas.

Artigo 21º.-Maternidade.

Excedencias: os traballadores terán dereito a un período de excedencia non superior a tres anos, para atendelo coidado de cada fillo, contados desde a data de nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é o caso, poñerá fin ó que se viñese gozando. Cando o pai e a nai traballen, só un destes poderá exerce este dereito.

Durante o primerio ano, a partir do inicio de cada situación de excedencia o traballador terá dereito á reserva do seu posto de traballo e a que o citado período lle sexa computado para os efectos de antigüidade. Finalizado este, e ata a terminación do período de excedencia, serán de aplicación, salvo pacto colectivo ou individual en contrario, as normas que regulan a excedencia voluntaria.

Suspensión: no suposto de parto, a suspensión terá unha duración de 16 semanas ininterrompidas, ampliables por parto múltiple ata 18 semanas. O período de suspensión distribuirase a opción da interesada, sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto, podendo facer uso destas o pai para o coidado do fillo, en caso de falecemento da nai.

No non previsto, aplicarase o disposto no artigo 48.4º do Estatuto dos traballadores e a Lei 3/1989, do 3 de marzo, en canto ó seu contido que modifique normas de carácter laboral.

Lactación: as traballadoras, por lactación dun fillo máis novo de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser gozado indistintamente pola nai ou polo pai, en caso de que ámbolos dous traballen.

Artigo 22º.-Excedencias.

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa.

1. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto e ó computo da antigüidade da súa vixencia, concederase:

a) Pola designación ou elección dun cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo.

b) A quen desempeñe cargos electivos a nivel provincial, autonómico ou estatal nas organizacións sindicais máis representativas, que así mesmo imposibiliten a asistencia ó traballo.

O reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público ou sindical.

2. O traballador, con polo menos unha antigüidade na empresa dun ano, ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non menor de dous anos e non maior de cinco. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se trascorren catro anos desde o final da anterior excedencia.

O traballador excedente conserva só un dereito preferente de reingreso nas vacantes de igual ou semellante categoría á súa que houbese ou se producisen na empresa.

Artigo 23º.-Viaxes para xubilados.

O persoal xubilado polas empresas do presente convenio terá dereito a oito viaxes ó ano, incluído o seu cónxuxe, nos servicios da empresa na que prestase os seus servicios no momento da súa xubilación. Para tal efecto as empresas afectadas estenderán os correspondentes pases ós beneficiarios que o soliciten.

Artigo 24º.-Roupa de traballo.

Tódalas empresas, á parte do uniforme que lles entregarán ós seus traballadores, entregaranlle especialmente ó persoal de taller as seguintes pezas de roupa ó ano, como mínimo: dúas fundas e calzado adecuado cando o traballo o requira. Os conductores que realicen viaxes interurbanas percibirán unha funda ó ano. As empresas entregarán ademais, anualmente, uniforme de verán e de inverno para todo o persoal.

Artigo 25º.-Salarios.

Para o ano 1998 establécese unha suba en tódolos conceptos, tanto salariais como extrasalariais, equivalente ó 2,2%.

Artigo 26º.-Revisión salarial.

No caso de que o IPC (Índice de Prezos ó Consumo) establecido polo INE rexistrase o 31 de decembro de 1998 un cremento superior ó 2,2%, efectuarase automaticamente unha revisión salarial tan pronto se constate oficialmente esta circunstancia, na contía exacta do exceso porcentual sobre o citado 2,2%.

Tal incremento aboarase con efectos do 1 de xaneiro de 1998 e para levalos a cabo, tomaranse como referencia os salarios ou táboas utilizadas para realiza-los aumentos pactados para 1997.

As cantidades resultantes aboaranse na nómina do mes seguinte á constatación oficial do índice motivador da revisión.

Artigo 27º.-Antigüidade.

Os traballadores, en función do tempo de permanencia na empresa, teñen dereito a unha proporción económica nos termos seguintes:

-Con 2 anos, o 5% do salario base.

-Con 4 anos, o 10% do salario base.

-Con 9 anos, o 20% do salario base.

-Con 14 anos, o 25% do salario base.

-Con 15 anos, o 30% do salario base.

-Con 19 anos, o 40% do salario base.

-Con 24 anos, o 50% do salario base.

-Con 29 anos ou máis, o 60% do salario base.

Todo iso, enténdese, sen prexuízo dos dereitos adquiridos.

Artigo 28º.-Pagas extraordinarias.

Tódolos traballadores afectados polo presente convenio terán dereito a tres pagas extraordinarias, de participación de beneficios, xullo e Nadal.

O importe de cada unha delas será o correspondente a unha mensualidade equivalente a 30 días de salario máis antigüidade, e aboaranse respectivamente na segunda decena dos meses de marzo, xullo e decembro, salvo pacto en contrario.

Artigo 29º.-Horas extraordinarias.

Tendo en conta a existencia dun gran número de traballadores en paro tenderase á eliminación das horas extraordinarias. En calquera caso, as empresas terán que respectar escrupulosamente os topes existentes marcados pola lei, así mesmo o seu aboamento será segundo lei; en ningún caso o incremento será inferior ó 75% sobre o salario que corresponda a cada hora ordinaria.

Artigo 30º.-Plus de nocturnidade.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as dez da noite e as seis da mañá, salvo que o salario se establecese atendendo a que o traballo sexa nocturno pola súa propia natureza, terán unha retribución específica incrementada, como mínimo, nun 25% sobre o salario base, proporcionalmente ó tempo traballado.

Artigo 31º.-Conductor-perceptor.

O conductor-perceptor cando desempeñe simultaneamente as funcións de conductor e cobrador percibirá, ademais das remuneracións correspondentes á súa categoría, un complemento salarial dun 20% máis sobre o seu salario base por cada día que realice ámbalas dúas funcións.

Ó cobramento do referido 20% terá dereito o conductor-perceptor en razón ó tempo desenvolvido no exercicio da súa función como tal conductor-perceptor, cunha distribución temporal que será facultativa pola empresa.

A empresa que non desexe que o conductor-perceptor efectúe as funcións de cobranza, poderá establece-la fórmula que se vai aplicar; neste caso non percibirán a retribución por tal función.

Artigo 32º.-Plus de presencia.

Dada a dificultade de determina-las horas de presencia, en caso individual, as partes acordan un pagamento global delas de 8.500 ptas. mensuais, sempre e cando, sumando as horas efectivas, tempo de presencia e tempo de espera, supere a xornada laboral establecida, coa realización de horas de presencia e espera, entendendo que supera-la xornada laboral con horas efectivas dará lugar ó pagamento das correspondentes horas estructurais ou extraordinarias. Este plus non se aboará durante as vacacións e durante os períodos de baixa por enfermidade ou accidente, agás nos casos nos que a baixa sexa a consecuencia de accidente producido durante o tempo de traballo efectivo, presencia ou espera.

Artigo 33º.-Plus de transporte.

Establécese con carácter extrasalarial un plus de transporte para tódolos traballadores de 2.960 ptas ó mes.

Artigo 34º.-Axudas de custo.

Dará dereito á percepción de axuda de custo completa a realización dun servicio que obrigue o traballador a comer, cear e pasa-la noite fóra da súa residencia habitual.

A parte de axudas de custo correspondente á cea percibirase cando o servicio realizado obrigue a efectuala fóra da súa residencia habitual ou, en todo caso, cando o productor saia antes das 20 horas e regrese despois das 22 horas.

A parte da axuda de custo correspondente ó xantar percibirase cando o servicio realizado obrigue a efectualo fóra da residencia habitual e, en todo caso, cando o productor saia antes das 12 horas e retorne despois das 14 horas.

As axudas de custo que se lle pagarán ó persoal que se despraza do seu lugar de residencia habitual por necesidades do servicio, serán as seguintes:

Servicios regulares: axuda de custo completa 3.872 pesetas desagregadas da seguinte forma:

Xantar: 1.185 ptas.

Cea: 1.185 ptas.

Pernoitación: 1.502 ptas.

Servicios discrecionais: axuda de custo completa para todo o territorio estatal e Portugal 6.127 ptas., desagregadas da seguinte maneira:

Xantar: 1.916 ptas

Cea: 1.916 ptas

Pernoctación: 2.295 ptas

Para o estranxeiro, agás Portugal, a axuda de custo completa será de 8.956 ptas.

Artigo 35º.-Quebranto de moeda.

Queda establecido en 2.731 ptas. para todo o persoal que teña que manexar fondos ata 250.000 ptas. ó mes, e en 3.113 ptas. para o persoal que manexe fondos desde 250.001 ptas. ó mes.

Artigo 36º.-Atrasos de convenio.

Como queira que o presente convenio para os efectos económicos se retrotrae ó día 1 de xaneiro de 1998, os atrasos deberán ser aboados polas empresas nun prazo máximo de 60 días a partir da sinatura deste acordo, ou ós 30 días da publicación no BOP ou no DOG.

Artigo 37º.-Seccións sindicais e delegados de persoal.

a) As partes asinantes deste convenio colectivo ratifican a súa condición de interlocutores válidos e recoñécense así mesmo como tales para instrumentar a través das súas organizacións unhas relacións laborais baseadas no respecto mutuo e ten

dentes a facilita-la resolución de cantos conflictos e problemas se susciten nas empresas do sector.

b) Os representantes sindicais poderán no ámbito da empresa ou do centro de traballo:

Celebrar reunións logo de notificación ó empresario, recadar cotas e distribuír información sindical fóra das horas de traballo e sen perturba-la actividade normal da empresa.

Recibi-la información que lle remita o seu sindicato.

c) Coa finalidade de facilita-la difusión daqueles avisos que poidan interesar ós afiliados e ós traballadores en xeral, a empresa poñerá á súa disposición un taboleiro de anuncios, que deberá situarse no centro de traballo e en lugar onde se garanta un adecuado acceso a el dos traballadores.

d) Quen desempeñe cargos electivos a nivel provincial autonómico ou estatal, nas organizacións sindicais máis representativas, terá dereito a gozar dos permisos non retribuídos necesarios para o desenvolvemento das funcións sindicais propias do seu cargo, podénse establecer por acordo limitacións ó seu goce en función das necesidades do proceso productivo.

Artigo 38º.-Control de contratación.

Aplicarase o disposto na Lei 2/1991, do 7 de xaneiro, sobre os dereitos de información dos representantes legais dos traballadores, en materia de contratación.

Artigo 39º.-Competencias dos membros de comités de empresa e delegados de persoal.

Sen prexuízo dos dereitos e facultades concedidos polas leis vixentes, recoñéceselles ós representantes dos traballadores o dereito a seren informados pola dirección da empresa de:

1. Todos aqueles problemas de carácter colectivo que afecten ós traballadores en xeral. Así mesmo serán informados e oídos pola empresa, con carácter previo nos seguintes casos:

-Reestructuracións do cadro de persoal.

-Peches totais ou parciais, definitivos ou temporais.

-Traslado da empresa total ou parcial.

-Implantación ou revisión de sistemas de organización de traballo.

-Fusión, absorción ou modificación do estatus xurídico da empresa.

-Sancións impostas a traballadores.

2. Toda a información facilitada polas partes entenderase como materia reservada e estarán obrigadas a gardar sixilo profesional.

Artigo 40º.-Acumulación de crédito horario.

O crédito horario retribuído, do que gozan os delegados de persoal e membros do comité de empresa dunha mesma empresa, poderá acumularse nun ou varios deles, sempre que pertenzan á mesma central

sindical, aínda que iso permita liberar da súa actividade laboral total ou parcialmente a calquera deles.

O acordo de acumulación e a designación da persoa ou persoas ás que se lles vaian aplica-las horas retribuídas, será comunicado polo responsable do sindicato das listas ou siglas polas que foron elixidos os representantes dos traballadores que desexen acumula-las súas horas.

Artigo 41º.-Comisión paritaria.

Para interpreta-lo contido deste convenio, vixia-lo seu cumprimento ou exerce-las funcións de arbitraxe nos problemas ou funcións suscitados como conscuencia da súa aplicación, noméase unha comisión paritaria, formada polas centrais sindicais e a organización empresarial asinantes do presente convenio, en número de cinco por cada unha das partes.

A comisión paritaria reunirase por petición de calquera das partes, nun prazo máximo de dez días.

As funcións ou actividades da comisión mixta paritaria serán previas, pero en ningún caso obstruirán a competencia da xurisdicción laboral.

Artigo 42º.-Contratos de duración determinada.

Os contratos de duración determinada regulados no artigo 15-b do Estatuto dos traballadores, por circunstancias do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos poderán ter unha duración máxima de 10 meses dentro dun período de 12 meses.

Disposicións adicionais

Primeira.-Ante a importancia que pode ter para a resolución pacífica dos conflictos laborais, a elaboración do acordo interprofesional galego, sobre procedementos extraxudiciais de solución dos conflictos colectivos de traballo (AGA), asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO., UXT e CIG, as partes asinantes deste convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos en que están formuladas.

Segunda.-As partes asinantes do presente convenio manifestan o seu interese en formaliza-la negociación do convenio galego do transporte de viaxeiros para o ano seguinte.

Táboa salarial ano 1998

CategoríaSalario base

(mes/día)

Salario base

anual

Grupo I
Xefe de servicio147.3492.210.231
Inspector principal128.9601.934.405
Enxeñeiro e licenciado135.2842.029.274
Enxeñeiro técnico e auxiliar103.6791.555.175
Axudante técnico sanitario94.8641.422.954

Grupo II
Xefe de estación107.5041.612.561
Xefe de negociado99.8401.497.608

CategoríaSalario base

(mes/día)

Salario base

anual

Oficial de primeira93.5411.403.115
Oficial de segunda88.8101.332.147
Auxiliar administrativo88.1871.312.589
Aspirante 16 a 17 anosS.M.I.

Grupo III
Xefe de estación de primeira111.3381.670.063
Xefe de estación de segunda106.2281.593.410
Xefe de administración de primeira111.6341.674.502
Xefe de administración de segunda106.2301.593.443
Xefe de administración en ruta101.5931.523.885
Vendedor de billetes86.0451.290.685
Factor2.9101.323.809
Encargado de consigna86.0451.290.685
Repartidor de mercadorías2.8511.297.472
Mozo2.8511.297.472
Xefe de tráfico de primeira112.2911.684.381
Xefe de tráfico de segunda106.2301.593.443
Xefe de tráfico de terceira101.1161.516.742
Inspector3.1991.455.495
Conductor3.1421.429.158
Conductor-receptor3.1421.429.158
Cobrador2.8711.305.921
Encargado xeral de primeira111.3381.670.063
Encargado de segunda106.2301.593.443
Encargado de almacén101.1181.516.775
Engraxador de lavacoches2.8511.297.472
Garda de noite2.8511.297.472
Garda de día2.8511.297.472
Mozo2.8511.297.472
Encargado de primeira111.3381.670.063
Encargado de segunda106.2301.593.443
Engraxador2.8511.297.472
Mozo servicio2.8511.297.472

Grupo IV
Xefe de taller116.3161.744.733
Encargado-contramestre99.6481.494.709
Encargado de almacén92.4691.387.028
Xefe de equipo3.3241.512.144
Encargado xeral97.3421.460.126
Oficial de 1ª ou conductor mecánico3.1991.455.495
Oficial de segunda3.0341.380.459
Oficial de terceira2.9131.325.300
Mozo de taller2.8511.297.472
Aprendiz de 1º, 2º, 3º, 4º anoS.M.I.

Grupo V
Cobrador de facturas85.4311.280.840
Telefonista85.4311.280.840
Porteiro85.4311.280.840
Vixilante85.4311.280.840
Recepcionista2.8711.305.921
Limpador (hora)402
Mozo dos recados de 16 a 17 anosS.M.I.

8497