Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Xoves, 24 de setembro de 1998 Páx. 10.640

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 15 de setembro de 1998 pola que se regula a concesión de subvencións a federacións e a asociacións sen fins de lucro para actividades de loxística, promoción e distribución comercial.

Entre os obxectivos que ten encomendados a Consellería de Industria Comercio e que se concretan no Programa 753-A.- Loxística, distribución e promoción comercial, encóntranse a promoción, fomento, modernización e desenvolvemento do comercio, así como o impulso do asociacionismo comercial que fai necesario que a Administración adopte as medidas e actuacións precisas encamiñadas a potenciar e estimula-lo seu desenvolvemento, consciente da importancia que o sector comercial ten no noso sistema económico e a súa versatilidade á hora de xerar e distribuír emprego.

As actividades subvencionables con cargo a esta orde teñen como beneficiarias a federacións e a asociacións sen fin de lucro e van dirixidas ó investimento en accións de loxística, promoción e distribución comercial.

As subvencións que se establezan serán con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, que inclúe a oportuna consignación na aplicación 08.04.753-A.780.0 Actuacións de promoción e distribución comercial.

En virtude do exposto e no exercicio das atribucións que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. As actividades susceptibles de subvención ó abeiro desta orde son os investimentos dirixidos a promociona-lo comercio e os productos galegos, tanto no ámbito da Comunidade Autónoma coma no dos mercados nacionais e internacionais, e que se executen durante o ano 1998.

2. Poderán beneficiarse destas subvencións as federacións e asociacións xerais ou sectoriais sen fins de lucro da Comunidade Autónoma de Galicia que, como mínimo, teñan carácter provincial.

Artigo 2º.-Contía e ámbito.

1. As subvencións que se establezan para os investimentos que se realicen durante o ano 1998 serán con cargo á aplicación orzamentaria 08.04.753-A.780.0 e estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin.

2. A contía da subvención que se outorgue non poderá superar en ningún caso o 70% do importe

do investimento realizado, sen que supere o 90% do dito investimento, no caso de que se acumulasen outras subvencións para igual fin.

Artigo 3º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1. As solicitudes deberán dirixirse ó conselleiro de Industria e Comercio e presentaranse no rexistro xeral da consellería ou en calquera das formas sinaladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Á solicitude de subvención, segundo modelo normalizado en anexo, deberá xuntarse por triplicado a seguinte documentación, en orixinal ou copia compulsada:

a) Estatutos de constitución e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente, así como código de identificación fiscal.

b) Poder suficiente do representante da entidade solicitante.

c) Memoria-programa e orzamentos das accións que se van realizar.

d) Plan de financiamento das accións que se van desenvolver.

e) Relación nominal de empresas ou entidades que compoñen a federación ou asociación, facendo consta-la súa denominación, número de identificación fiscal, domicilio postal e telefónico e número de fax, concretando, se é o caso, as empresas ou entidades participantes nas accións que se van realizar.

f) Escrito que indique expresamente se se solicitou ou non, ou se ten previsto solicitar, algunha subvención para a mesma finalidade a outros entes públicos ou privados e, en caso afirmativo, indicación do tipo de axuda e contía desta.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais, contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Emenda de defectos da solicitude e/ou documentación.

1. Se a solicitude e/ou a documentación adxunta non reúnen os requisitos establecidos no artigo 3º, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende o defecto ou achegue os documentos preceptivos, xa que noutro caso se lle terá por desistido da solicitude con arquivo das actuacións sen máis trámite.

2. Os órganos administrativos encargados do procedemento poderán reclamar das entidades solici

tantes a documentación adicional que consideren oportuna.

Artigo 5º.-Criterios de preferencia para a concesión.

1. Valoraranse preferentemente para a obtención das subvencións obxecto desta disposición os proxectos que respondan a un plan xeral de promoción do comercio retallista ou sectorial e o alcance das accións, atendendo tanto á súa difusión como á representatividade da entidade que as desenvolva, así como ás accións que impliquen a promoción e difusión daqueles productos ou artigos respecto dos que o ciclo completo de producción se desenvolva no ámbito da Comunidade Autónoma.

Artigo 6º.-Informes.

Os órganos competentes da Consellería de Industria e Comercio estudiarán para o seu posterior informe a documentación achegada, de acordo cos criterios de preferencia previstos no artigo anterior.

Artigo 7º.-Resolución.

1. O conselleiro de Industria e Comercio, á vista dos informes de avaliación, dictará as resolucións que procedan, que se lles notificarán ás entidades solicitantes, poñéndolle fin á vía administrativa.

2. O prazo máximo para resolver é de dous meses, contados a partir da data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo, en ausencia de resolución expresa, entenderase que é desestimatoria da concesión de subvención nos termos sinalados nos artigos 43 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que ó mesmo tempo se inclúan na resolución.

Artigo 8º.-Xustificación e prazo dos investimentos.

1. As subvencións concedidas faranse efectivas unha vez que se presenten por triplicado os documentos seguintes:

a) Os que acrediten a realización do investimento.

b) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ó día no cumprimento das súas obrigas tributarias coa Seguridade Social e de non ter contraída débeda ningunha coa Xunta de Galicia.

2. Os investimentos obxecto de subvención deberán estar terminados e xustificados antes do 15 de decembro de 1998.

Artigo 9º.-Pagamento da subvención.

1. O libramento da subvención efectuarase nun único pagamento, unha vez terminado e xustificado

o investimento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número de conta designado, de conformidade co disposto pola Orde do 3 de marzo de 1987 (Diario Oficial de Galicia nº 53, do 18 de marzo).

2. Sen prexuízo do indicado no parágrafo anterior, poderán efectuarse pagamentos parciais das subvencións concedidas con suxeición ó establecido na Lei 1/1998, do 7 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

3. O incumprimento dalgunha das condicións e obrigas impostas na presente orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución de concesión á entidade beneficiaria, dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, logo da audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida e xuros correspondentes de demora.

Artigo 10º.-Lexislación aplicable.

En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 1/1998, do 7 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 1998.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

8635