Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Martes, 22 de setembro de 1998 Páx. 10.575

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

DECRETO 249/1998, do 10 de setembro, polo que se divide en sectores a zona de concentración parcelaria de Troáns (Cuntis-Pontevedra).

Polo Decreto 302/1995, do 16 de novembro, foi declarada de utilidade pública e urxente execución a concentración parcelaria da zona de Troáns (Cuntis-Pontevedra), resultando afectadas pola concentración aproximadamente 660 hectáreas, susceptibles de modificacións ó abeiro dos artigos 23 e seguintes da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia.

Paralelamente ó proceso concentrador desta zona, estivéronse a desenvolve-los trámites administrativos necesarios para a construcción dunha presa que vai afectar a distintos terreos e propietarios da zona de concentración parcelaria de Troáns (Cuntis-Pontevedra), o que fai aconsellable a execución en distintas etapas da concentración parcelaria nesta zona, mediante a división en sectores dos terreos afectados, co que se acadaría a necesaria axilización do proceso de concentración co fin de proceder á nova reestructuración da propiedade.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, formulada conforme o establecido na Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de setembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

Divídese en dous sectores a zona de concentración parcelaria de Troáns (Cuntis-Pontevedra), que quedarán conformados do xeito seguinte:

-Sector Troáns I, que comprenderá a totalidade dos terreos dos lugares de Sobrada, Guldrigáns, O Campo, Pena de Arriba, San Ildefonso, Folgar, A Cova e Lornés.

-Sector Troáns II, que comprenderá a totalidade dos terreos afectados polo encoro, incluíndo os lugares de Hervés, Novás, Vilabar de Abaixo e Pena de Vilabar.

Artigo 2º.

A execución e publicación das distintas fases do proceso de concentración poderán realizarse en cada un dos sectores con independencia do outro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para dicta-las

disposicións complementarias que requira a execución do presente decreto.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de setembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

8540