Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Martes, 22 de setembro de 1998 Páx. 10.571

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 24 de xullo de 1998 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de dezaoito bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e se anuncia a súa convocatoria.

O artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, en harmonía co artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, establece a competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a promoción e ensino da lingua galega e o fomento da investigación.

Dentro do plan de actividades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para 1998 figura a convocatoria pública de bolsas de investigación para realizar proxectos concretos sobre lingüística, literatura, antropoloxía e historia galegas, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

O seu outorgamento enmárcase dentro das funcións atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no artigo 3 do Decreto 25/1993, do 11 de febreiro (DOG nº 34, do 19 de febreiro) de creación e posta en funcionamento do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, modificado polo Decreto 330/1997, do 13 de novembro (DOG nº 227, do 24 de novembro de 1997).

Na súa virtude, apróbanse as seguintes:

BASES:

Primeira.-Obxecto.

O concurso ten por obxecto a adxudicación de dezaoito bolsas de colaboración nos proxectos concretos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e que se inclúen como anexos á presente orde, nos que se detallan os requisitos específicos que deben reuni-los solicitantes.

Segunda.-Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

-Unha asignación mensual de 122.000 pesetas, coa retención fiscal que corresponda, que será incompatible con calquera outra axuda ou actividade remunerada.

-Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes.

Para o gasto que se proxecta existe crédito adecuado e suficiente na partida orzamentaria 07.06.353F.480.3, por unha contía máxima total de 7.686.000 ptas., correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998.

Terceira.-Duración.

A data de incorporación ó centro será dentro dos dez días seguintes ó da notificación da adxudicación.

O bolseiro que non se incorpore no prazo establecido perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa xustificada de atraso apreciada polo coordinador científico de Centro Ramón Piñeiro, quen llo comunicará á Presidencia da Comisión Rectora.

Por resolución da Dirección Xeral de Política Lingüística, as bolsas poderanse prorrogar anualmente, ata un máximo de tres anos, á vista do traballo realizado polo bolseiro, sempre que o proxecto ó que estea vinculado requira do seu labor e así o permitan as dispoñibilidades orzamentarias. No suposto de prórroga a dotación económica poderá incrementarse de acordo co índice de prezos para o consumo que se estableza para cada ano.

Cuarta.-Requisitos xerais.

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión do título de licenciado.

c) Acreditar coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

d) Non ter sido separado do servicio de ningunha Administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

Quinta.-Solicitudes.

As solicitudes, no modelo que se xunta como anexo, irán dirixidas ó coordinador-científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e entregaranse na sede deste (estrada Santiago de Compostela-Noia, km 3, A Barcia, 15896 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación da presente convocatoria no DOG, xunto coa da documentación seguinte:

-Certificación académica persoal completa.

-Currículum vitae, acompañado de cantos documentos poidan avalalo.

-Acreditación do coñecemento de lingua galega no nivel de perfeccionamento.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Declaración xurada comprometéndose a renunciar, se fose seleccionado, á percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas, e tamén de non ter sido separado do servicio de ningunha Administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

Tódolos documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles.

Sexta.-Selección.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión presidida polo coordinador-científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e composta por tres vocais propostos por

aquel e nomeados polo director xeral de Política Lingüística. Actuará como secretario o secretario do centro.

Ademais do exame da documentación presentada, a comisión poderá convoca-los solicitantes a unha entrevista persoal.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes nas súas instancias que non estean acreditados documentalmente. O presidente da comisión proporalle ó director xeral de Política Lingüística a relación de candidatos seleccionados para o seu nomeamento.

Sétima.-Obrigas.

Os bolseiros permanecerán no Centro Ramón Piñeiro en horario habitual de xornada de mañá ou tarde.

O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nas presentes bases suporá a perda da bolsa concedida e, de se-lo caso, o reintegro das cantidades xa cobradas.

A condición de bolseiro non dará lugar a ningunha relación nin laboral nin administrativa coa Xunta de Galicia.

Oitava.-A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Novena.-Pagamento da bolsa.

O pagamento da bolsa realizarase mensualmente, logo do informe do director de investigación, sempre que os traballos se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO I

Unha bolsa para colaborar no proxecto Cinematografía Galega.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto Cinematografía Galega que se está desenvolvendo no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los

requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado preferentemente en historia da arte.

-Valorarase experiencia en investigación cinematográfica.

ANEXO II

Dúas bolsas para colaborar no proxecto Dimensións da Identidade Colectiva en Galicia.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no proxecto Dimensións da Identidade Colectiva en Galicia que se está desenvolvendo no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-las bolsas ás que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado en ciencias políticas e da administración.

-Experiencia en estudios de opinión e tratamento e análise de datos.

ANEXO III

Dúas bolsas para colaborar no proxecto dicionarios de literatura.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar na elaboración dos diccionarios de literatura que se están realizando no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-las bolsas ás que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado en filoloxía.

-Ter experiencia investigadora en temas literarios.

-Acreditar coñecemento instrumental de idiomas, preferentemente inglés e alemán.

-Coñecementos de informática, en calidade de usuario.

-Sólida formación e experiencia investigadora en teoría e crítica literarias.

ANEXO IV

Unha bolsa para colaborar no proxecto de contrucción dun sintetizador texto-fala en galego.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de construcción dun sintetizador texto-fala en galego que se está levando a cabo no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado en filoloxía.

-Ter experiencia en traballos de fonética acústica.

ANEXO V

Unha bolsa para colaborar no proxecto de Bibliografía da Literatura Galega.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto Bibliografía da Literatura Galega que se está realizando no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado en filoloxía.

-Ter experiencia en traballos do ámbito literario.

-Sólidos coñecementos informáticos.

ANEXO VI

Dúas bolsas para colaborar no proxecto de recuperación de textos poéticos e dramáticos galegos.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no proxecto de teatro galego e facsímiles de revistas literarias que se están realizando no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado en filoloxía.

-Ter coñecementos de literatura galega.

-Coñecementos de informática, en calidade de usuario.

-Ter experiencia na edición de textos literarios.

ANEXO VII

Dúas bolsas para colaborar no proxecto de diccionario da fraseoloxía galega.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no diccionario de fraseoloxía galega que se está elaborando no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-las bolsas ás que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ter bo coñecemento do mundo rural galego e comprensión e uso da súa fraseoloxía.

-Dominio do francés ou do inglés.

-Ter coñecementos de teoría fraseolóxica ou experiencia na recollida deste material.

-Valoraranse coñecementos do Dbase V.

ANEXO VIII

Catro bolsas para colaborar no proxecto Corpus de Referencia do Galego Actual.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no proxecto Corpus de Referencia do Galego Actual que se vai realizar no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-las bolsas ás que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciados en filoloxía.

-Ter experiencia na introducción de textos en ordenador e no manexo de textos en formato electrónico.

-Ter experiencia en gramáticas formais e construcción de etiquetadores morfosintácticos e lematizadores.

ANEXO IX

Unha bolsa para colaborar no proxecto Cantigas de Santa María vinculado ó Arquivo Galicia Medieval.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto Cantigas de Santa María vinculado ó Arquivo Galicia Medieval que se vai realizar no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado en filoloxía.

-Coñecementos de informática en calidade de usuario.

-Ter experiencia investigadora en literatura medieval románica.

-Capacidade para ler/traducir textos en diferentes linguas románicas no estado medieval.

ANEXO X

Dúas bolsas para colaborar no proxecto de edicción de documentos notariais manuscritos vinculado ó Arquivo Galicia Medieval.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no proxecto de edición de documentos notariais manuscritos vinculado ó Arquivo Galicia Medieval que se vai realizar no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-las bolsas á que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Coñecementos de informática a nivel de usuario.

-Formación e experiencia investigadora na lectura de documentos galegos medievais.

-Para unha destas bolsas requírese a licenciatura en filoloxía e para a outra en historia.

8502