Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 18 de setembro de 1998 Páx. 10.457

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 11 de setembro de 1998 de protección das razas bovinas autóctonas en perigo de extinción, de acordo co plan integral de mellora xenética do gando vacún de Galicia.

As razas vacúas autóctonas de Galicia constitúen un valioso caudal xenético que debemos conservar xa que actualmente están en perigo de extinción. Estas razas constitúen un mesmo tronco racial e denomínanse xenericamente morenas galegas. Compoñen este grupo as seguintes razas: cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa.

O hábitat natural destas razas son as áreas montañosas de Galicia, moi despoboadas e deprimidas, onde as explotacións agrícolo-gandeiras de carácter familiar con reducido número de animais conservan cada vez menos exemplares destas razas, xa sexa por nostalxia, afecto, tradición, pola súa adaptación a condicións ambientais extremas ou tamén pola súa aptitude dinamóxena que resulta indispensable nun medio agroxénico tan complexo.

Organizacións internacionais como a ONU, así como a Unión Europea, nos seus programas operativos e de cooperación internacional, instan os gobernos a promoveren a protección, avaliación e conservación das razas de animais domésticos en perigo de extinción, por tratárense de recursos zooxenéticos de inestimable valor.

A nova PAC prevé as medidas de desenvolvemento dunha agricultura menos intensiva, o emprego de prácticas de producción que diminúan os efectos contaminantes, a conservación de terras agrícolas abandonadas e a xestión con vistas ó acceso do público e ó esparexemento como instrumentos da política medioambiental.

O Plan Integral de Mellora Xenética do gando vacún de Galicia (PIMX) establece as liñas xerais para continua-lo programa de recuperación e conservación destas razas, iniciado en 1991, e que é preciso seguir desenvolvendo, mediante incentivos ós posuidores deste gando para que colaboren na súa realización.

No mesmo sentido de apoio, a Orde do 4 de setembro de 1996 da Comunidade Autónoma de Galicia, baseada no Real decreto 51/1995, do 20 de xaneiro, traza unha serie de axudas horizontais para o fomento das razas en perigo de extinción, segundo o previsto no Regulamento (CEE) 2078/92 sobre métodos de producción agraria compatibles coas esixencias da protección do ambiente e a conservación do espacio natural.

Por todo isto, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente

DISPOÑO:

Artigo 1º.-O obxectivo desta orde é regula-lo desenvolvemento do programa de conservación e recupe

ración para as cinco razas de gando vacún autóctono galego en perigo de extinción (cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa), xa iniciado en anos anteriores, rexistrando en tódalas explotacións con exemplares destas razas, e sempre e cando os seus propietarios o soliciten, os animais puros destas razas nados e recriados segundo as instruccións técnicas do Plan Integral de Mellora Xenética da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, de cara a consegui-lo fomento, a recuperación e a fixación destas razas.

O funcionamento técnico-administrativo dos ditos rexistros estarán o cargo da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, a través do Centro de Recuperación de Razas Autóctonas de Fontefiz (Ourense).

Artigo 2º.-Considerarase propietarios colaboradores aqueles que teñan animais nalgún dos rexistros das razas anteriormente sinaladas e que se comprometa a colaborar coa Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria durante os próximos cinco anos, reproducindo os seus actuais exemplares e poñendo as crías ó dispor da consellería que, despois da compensación económica correspondente, poderá dispoñer delas para a conservación destas razas.

Artigo 3º.-Concederáselle-lo título de familia colaboradora a aquelas que teñan animais bovinos autóctonos das razas anteriormente sinaladas en calidade de cedidas pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Artigo 4º.-A familia colaboradora deste programa comprométese a cumprir, ademais das estipulacións específicas do contrato de cesión do gando, aquelas establecidas na presente orde para o propietario rexistrado-colaborador (Art.5º; Art.6º; Art.7º).

Artígo 5º.-O propietario colaborador deste programa comprométese a non vende-los animais sen o coñecemento da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, á cal se lle debe reserva-lo primeiro dereito de merca, debendo comunicarlle a esta a intención de venda cunha antelación mínima de 15 días, así como a cubrilos ou inseminalos co semental ou doses seminais indicadas polos técnicos da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria. Así mesmo, comunicarán os partos, mortes, abortos e outras incidencias ós facultativos veterinarios do Centro de Recuperación de Razas Autóctonas de Fontefiz (Ourense), encargados da realización práctica do programa.

Artigo 6º.-Co obxecto de compensa-los gandeiros con animais destas razas establécense as seguintes axudas:

6.1. Por propietario colaborador ou familia colaboradora: 10.000 pesetas.

6.2. Por cada animal nado, macho ou femia, de raza pura obtido segundo o programa, cando cumpra un mes de idade: 25.000 pesetas.

6.3. Axuda á recría: por cada femia obtida, cando cumpra un ano e medio de idade: 50.000 ptas. comprometéndose a mante-la femia, como mínimo, ata os 24 meses de idade.

As cubricións, inseminacións, altas, baixas e demais incidencias do gando que figuren no programa terán

que ser verificadas no impreso correspondente polos veterinarios colaboradores da consellería.

Artigo 7º.-As solicitudes presentaranse nas respectivas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, ou na forma prevista no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 15 de novembro de 1998.

Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados nesta orde, o interesado será requirido para que, no prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos. Se así non o fixer, considerase que desistiu da súa petición, que se arquivará sen máis trámite. (Artigo 71 da Lei 30/1992).

O órgano competente para resolver é o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, por proposta do director xeral de Producción Agropecuaria.

O prazo para resolver será de tres meses contados a partir do día seguinte ó de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

A dita resolución porá fin á vía administrativa, podendo interpoñer contra ela recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses desde o día seguinte ó da data da súa notificación.

Artigo 8º.-A documentación que terá que presentarse no momento de face-la solicitude é a seguinte:

a) Impreso de solicitude (anexo I).

b) Fotocopia do NIF.

c) Certificado da conta bancaria.

d) Acreditación de non ter pendentes pagamentos coa Administración tributaria ou da Seguridade Social nin coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Certificación emitida polos veterinarios responsables do programa do grao de cumprimento técnico do programa.

f) Certificados de nacemento dos animais correspondentes, e fotocopia das fichas de rexistro dos animais adultos.

Artigo 9º.-A axuda que establece a presente orde financiarase con cargo ás aplicacións orzamentarias 09.03.614-A.771.0 dotada para esta actuación con 3.480.000 pesetas e 09.03.712A.7730 dotada para esta actuación con 15.000.000 de pesetas, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

Disposición adicional

Única.-As solicitudes formuladas ó abeiro da Orde do 21 de abril de 1997 (DOG do 5-5-1997) ás que non lles fora concedida a subvención solicitada, teranse en conta na presente convocatoria, salvo indicación do interesado en sentido contrario dirixida ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

A tramitación dos expedientes continuarase desde a fase en que se encontraban ó final do exercicio anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para establece-la normativa adicional necesaria para o adecuado cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria

7520