Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 18 de setembro de 1998 Páx. 10.457

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 248/1998, do 10 de setembro, polo que se autoriza o traslado dos estudios conducentes á obtención do título de licenciado/a en filoloxía galega do campus de Pontevedra ó campus de Vigo da Universidade de Vigo.

O Decreto 192/1993, do 29 de xullo (DOG nº 157, do 17 de agosto de 1993), polo que se axustan titulacións impartidas na Comunidade Autónoma, se concede autorización de novos estudios e se crean máis centros no sistema universitario de Galicia, autorizou, no seu artigo 21, a implantación dos estudios conducentes á obtención do título de licenciado en filoloxía galega no campus de Pontevedra da Universidade de Vigo.

Unha vez recibido na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria o correspondente acordo do Consello Social da Universidade de Vigo do 31 de outubro de 1997 para o traslado dos estudios de filoloxía galega do campus de Pontevedra ó campus de Vigo, e logo do acordo favorable do Consello Universitario de Galicia na súa sesión do 27 de xullo de 1998, cómpre, en cumprimento do disposto legalmente, proceder á oportuna autorización.

Na súa virtude, en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG nº 23, do 21 de marzo de 1983), reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG nº 208, do 28 de outubro de 1988), por instancia do Consello Social da Universidade de Vigo, co informe favorable do Consello Universitario de Galicia, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de setembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Autoriza-lo traslado dos estudios conducentes á obtención do título de licenciado/a en filoloxía galega do campus de Pontevedra ó campus de Vigo da Universidade de Vigo, que se impartirán na Facultade de Humanidades.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que, no uso das súas competencias, dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o mesmo día ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de setembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

8472