Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Xoves, 17 de setembro de 1998 Páx. 10.404

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 5 de setembro de 1998 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de bolsas para asistencia a congresos, simposios, seminarios ou cursos monográficos para investigadores non vinculados ás universidades galegas e se procede a súa convocatoria.

Por orde desta consellería do pasado 9 de febreiro (DOG do 13 de febreiro), convocáronse diferentes axudas e bolsas correspondentes á promoción xeral

do coñecemento; estas accións constitúen un programa de tipo xeral integrable no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

Como complemento destas accións e para favorece-la participación dos investigadores da nosa Comunidade Autónoma en reunións de carácter científico co fin de fomenta-lo intercambio de coñecementos, actualización destes e a colaboración entre grupos de investigación, parece axeitado efectuar unha convocatoria específica de axudas destinada a este obxectivo. Nembargantes, dado que as universidades do sistema universitario de Galicia dipoñen, cada unha delas, de accións específicas deste tipo, mediante acordos institucionais concertouse transferírlle-las mesmas as cantidades que poderían ser dedicadas á participación dos seus investigadores neste tipo de actividades, complementando deste xeito as súas propias convocatorias e evitando así que os investigadores das universidades teñan que participar en dúas convocatorias de organismos diferentes para obter financiamento, dun deles, para unha mesma actividade. En consecuencia, as axudas obxecto da presente convocatoria deben estar dirixidas

a aqueles investigadores que non teñen ningún tipo de vinculación coas universidades do sistema universitario de Galicia.

Polo que antecede, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse bolsas para asistencia a congresos, simposios, seminarios ou cursos monográficos de acordo coas bases que se inclúen como anexo I á presente orde.

Artigo 2º

Para a concesión destas bolsas destinarase ata un máximo de 2.000.000 de ptas. con cargo á aplicación orzamentaria 04.07.432A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

Artigo 3º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás axudas especificadas nesta orde, será de 3 meses, contados a partir do día seguinte ó da data de peche da convocatoria. Se no dito prazo non se dictase resolución expresa entenderase que quedan desestimadas as solicitudes presentadas.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

Secretario Xeral de Investigación e Desenvolvemento

ANEXO I

Bases da convocatoria

1. Solicitantes.

1.1. Congresos, simposios e seminarios.

As axudas poderán ser solicitadas polos investigadores de cadro de persoal, outros investigadores contratados e bolseiros de predoutoramento e asimilados vinculados a centros públicos de investigación radicados na Comunidade Autónoma agás os que teñen algún tipo de vinculación (relación funcionarial, contrato, bolsa, etc.) con algunha das universidades do sistema universitario de Galicia.

1.2. Cursos.

As axudas para asistencia a cursos poderán ser solicitadas unicamente polos bolseiros de terceiro ciclo e bolseiros asimilados que estean a colaborar en actividades de investigación en centros públicos de investigación da Comunidade Autónoma diferentes das universidades do sistema universitario de Galicia.

2. Solicitudes.

As solicitudes, cubertas no modelo oficial que se publica como anexo II á presente orde, presentaranse no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 16 de outubro de 1998.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, acompañadas da seguinte documentación:

a) No caso de congresos, simposios e seminarios:

-Documento acreditativo da categoría do solicitante. No caso de persoal interino ou contratado o dito documento deberá estar vixente na data de peche da convocatoria. Naqueles casos nos que a categoría do solicitante non leve implícita a condición de doutor, esta, de se-lo caso, deberá acreditarse.

-Declaración xurada do solicitante na que conste que carece de vinculación coas universidades do sistema universitario de Galicia (vinculación funcionarial, contrato, bolsas, etc.).

-Resumo do traballo/comunicación que se vai expoñer na reunión.

-Xustificante de aceptación do traballo polo comité organizador, ou compromiso de presenta-la dita

aceptación unha vez recibida a resposta do comité organizador.

Ademais dos documentos anteriores deberá xuntarse:

-Para o caso de doutores: relación das 5 publicacións máis salientables dos 3 últimos anos. Documentarase mediante fotocopia da primeira páxina da publicación, ou daquela na que figuren os datos salientables dela (autor/es, título, editorial, revista, etc.), e da última páxina.

-Para o caso dos solicitantes non doutores: informe do director da tese no que conste o interese que ten a asistencia do solicitante á dita reunión.

Nos traballos de máis dun autor só se poderá solicitar unha axuda para un dos asinantes. Un mesmo investigador só poderá solicitar unha axuda nesta convocatoria para asistir a reunións científicas. En ningún caso se concederán bolsas para a asistencia a unha mesma reunión a máis de dous membros do mesmo grupo de investigación.

b) No caso de cursos monográficos.

-Documento acreditativo da categoría do solicitante.

-Solicitude de inscrición no curso.

-Programa do curso.

-Informe do responsable da actividade investigadora do solicitante no que conste o interese do curso para a formación do peticionario.

3. Contía e finalidade das axudas.

O importe máximo das axudas concedidas será o seguinte:

-60.000 ptas. brutas para congresos e reunións que se realicen no territorio nacional e Portugal.

-100.000 ptas. brutas para congresos e reunións noutros países europeos.

-175.000 ptas. brutas para congresos e reunións que se realicen noutros países.

En ningún caso se financiarán actividades que se realizasen con anterioridade ó 1 de xaneiro de 1998 ou que se vaian realizar con posterioridade ó 31 de decembro de 1998, tomando, para estes efectos, como referencia a data de comezo do congreso, simposio ou seminario.

4. Tramitación.

Por parte dos servicios da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento comprobarase que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e no caso de que a solicitude non estivese convenientemente cuberta ou acompañada da correspondente documentación, ó solicitante será requirido para que, no prazo máximo de dez días, emende a falta e presente os documentos preceptivos, con indicación de que, de non facelo, considerarase que desiste da súa petición e procederase

o seu arquivo sen mais trámites, de conformidade co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992.

Non axustarse ós termos da convocatoria será causa de desestimación da solicitude presentada.

5. Comisión de selección e resolución do concurso.

A selección dos bolseiros será realizada pola Comisión de Selección de Investigación creada polo Decreto 37/1998, do 30 xaneiro, e orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 21 de abril de 1998 (DOG do 6 de febreiro e 12 de maio, respectivamente), que lle elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Para a selección dos beneficiarios a comisión terá en conta os seguintes criterios:

-Ós solicitantes que non sexan doutores e teñan acadada a suficiencia investigadora prevista no Real decreto 185/1988, daráselles prioridade para asistencia a congresos que terán lugar en España ou Portugal.

-Ós solicitantes que sexan doutores valoraránselle as cinco publicacións máis salientables dos 3 últimos anos e daráselles prioridade para asistencia a congresos de carácter internacional.

-Daráselle prioridade a aquelas solicitudes correspondentes a persoas que non resultaron beneficiarias

dunha destas axudas na convocatoria do ano 1997 (resolución da Dirección Xeral de Universidades e Investigación do 31 de xullo de 1997 (DOG do 25 de agosto).

6. Libramento da axuda.

As subvencións faranse efectivas mediante libramento único e directo ós beneficiarios, que deberán presentar previamente:

Para congresos, simposios e seminarios:

1. Declaración xurada na que conste que non recibiron ningún financiamento, por parte doutras entidades, para o mesmo fin.

2. Aceptación do traballo por parte da entidade, institución ou persoa organizadora da reunión, sempre que non fose entregada xa no momento de solicita-la axuda.

3. Certificación de asistencia.

Para cursos monográficos:

1. Declaración xurada na que conste que non recibiron ningún financiamento, por parte doutras entidades, para o mesmo fin.

2. Xustificación de ter feito o curso.

7. Incidencias.

O incumprimento dalgunha das condicións establecidas nesta convocatoria suporá a perda da axuda concedida.

8394