Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Luns, 14 de setembro de 1998 Páx. 10.262

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 27 de agosto de 1998, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, se declara de utilidade pública e se aproba o proxecto de execución do parque eólico denominado San Xoán.

Examinado o expediente instruído por instancia de Made Energías Renovables, S.A., con domicilio para efectos de notificacións en Paseo de la Castellana, 95, planta 29, 28046 Madrid, sobre autorización das instalacións do parque eólico denominado San Xoán, esta dirección xeral ten en conta os seguintes

FEITOS:

Primeiro.-O 29 de decembro de 1997, Jerónimo Llompart Homs, en nome e representación de Made Energías Renovables, S.A., solicitou a autorización administrativa das instalacións, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto de execución do parque eólico denominado San Xoán de 15,8 mW, e achegou a documentación establecida para o efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, o Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovable e o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-O 24 de outubro de 1997, Made Energías Renovables, S.A., solicitou o recoñecemento como instalación acollida ó réxime especial de producción eléctrica, ó amparo do previsto no Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, xa citado, para o parque eólico San Xoán.

Terceiro.-O 28 de outubro de 1997, esta dirección xeral resolveu recoñece-la condición de instalación acollida o réxime especial de producción eléctrica ó citado parque eólico.

Cuarto.-O proxecto, coa relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados, someteuse a información pública por Resolución do 14 de abril de 1998, para os efectos previstos nos artigos 25.3º da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, 52 da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, 16 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, 9 do mencionado Decreto 2617/1996, do 20 de outubro (aplicables a este expediente en virtude do establecido nas disposicións transitorias primeira e segunda, número 2, da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico) e 13 do Decreto 205/1995, do 6 de xullo, tamén citado.

Durante o prazo de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. María Irene Franco Paraños alega a existencia de erros na relación de propietarios afectados e solicita a súa rectificación.

2. Jacobo Couceiro Molina e outros solicitan a inclusión dun predio da súa propiedade na relación de bens e dereitos afectados.

3. Juan Carlos Castros Laxe, en representación do Colectivo Ecoloxista para a Defensa da Natureza (CEDENAT) indica que se deberá realizar unha avaliación ambiental do proxecto antes de concederse a autorización administrativa e sinala que parte das instalacións proxectadas estarían situadas dentro do espacio natural coñecido como serras do Xistral e A Toxiza-serras setentrionais de Galicia polo que é probable a afección a un espacio natural dotado de gran valor ecolóxico, no que se albergan un elevado número de especies botánicas e faunísticas ameazadas e solicita a denegación da autorización ata que se realice o proceso de avaliación de impacto ambiental e se lle comunique á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural a existencia do citado proxecto.

4. Lois Manuel Toirán Vázquez e Daniel López Vispo en nome propio e da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia-Adega alegan, en síntese, que a declaración de utilidade pública das instalacións de producción da enerxía eléctrica non debe entenderse como aplicable a calquera proxecto, que o parque está situado nas serras setentrionais de Galicia que, segundo numerosos estudios realizados pola Universidade de Santiago de Compostela, son en toda a súa extensión de elevado e insubstituíble valor ambiental, pola presencia de numerosos endemismos

de flora, fauna e turbeiras activas de cobertor e que as Normas Complementarias e Subsidiarias das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra delimitan unha parte, aínda que pequena e pouco representativa, destas serras como solo non urbanizable de protección de espacios naturais, polo que solicitan que se desestime a solicitude de autorización administrativa e da declaración de utilidade pública pretendidas.

As citadas alegacións foron remitidas a empresa Made Energías Renovables, S.A. e contestadas por esta dentro do prazo regulamentariamente establecido.

Quinto.-O 13 de xullo de 1998 a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu aproba-la declaración de efectos ambientais do citado parque eólico.

Sexto.-O 12 de maio e o 4 de agosto de 1998, as delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio na Coruña e Lugo, respectivamente, emitiron informe favorable sobre o citado proxecto, coas características básicas seguintes:

Localización e coordenadas poligonais:

NomeMunicipio Vértices

San XoánAs Pontes de García

Rodríguez (A Coruña) 0.598.300 4.816.600

Muras (Lugo) 0.598.300 4.817.900

0.601.000 4.816.300

0.601.000 4.816.000

0.599.300 4.816.000

Nº de aeroxeradores: 48.

Potencia unitaria por aeroxerador: 330 kW.

Potencia total instalada: 15,8 mW.

Altura das torres: 31 metros.

Diámetro do rotor: 30,4 metros.

Producción máxima anual: 47.006 mWH/ano.

Investimento previsto: 2.458.180.797 ptas.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación cos xa citados decretos 2617/1966, do 20 de outubro, 2619/1966, do 20 de outubro, e 205/1995, do 6 de xullo.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a estas por parte da empresa promotora e do resto de documentación que figura no expediente, queda de manifesto que:

a) A empresa promotora do parque eólico deberá emenda-los posibles erros existentes na relación de bens e dereitos afectados, logo das oportunas comprobacións.

b) O proxecto foi sometido a estudio ambiental, sendo aprobada a declaración de efectos ambientais por Resolución do 13 de xullo de 1998, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

c) O plan sectorial denominado Plan Eólico de Galicia (no que está incluída a zona do parque eólico San Xoán), aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 1 de outubro de 1997 (Diario Oficial de Galicia do 15 de decembro), contén, entre outras determinacións, a de vincula-lo planeamento dos municipios afectados ás determinacións contidas nel.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto, cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas

RESOLVE:

1. Autorizar a Made Energías Renovables, S.A., a instalación dos equipos electromecánicos do parque eólico denominado San Xoán, que se localizará nos concellos das Pontes de García Rodríguez (A Coruña) e Muras (Lugo) e aproba-lo proxecto de execución da dita instalación.

2. Declara-la utilidade pública, en concreto, das instalacións que se autorizan dentro do polígono definido nesta resolución, para os efectos establecidos no artigo 52 da Lei de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Todo iso de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-Made Energías Renovables, S.A., para os efectos de garanti-lo cumprimento das súas obrigas, deberá constituír, no prazo dun mes contado desde o outorgamento da presente autorización, unha fianza por importe de 49.163.616 pesetas, conforme o disposto no artigo 14 do citado Decreto 205/1995, do 6 de xullo.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11, apartado 3º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa, cun orzamento de 2.458.180.797 ptas.

Terceira.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto, será necesaria a previa autorización desta Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, as delegacións provinciais de Industria e Comercio da Coruña e Lugo poderán autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comu

nicarlle a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicten en aplicación da dita facultade.

Cuarta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dezaoito meses, contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, as delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio na Coruña e Lugo inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificarán o cumprimento dos compromisos contraídos por Made Energías Renovables, S.A., no seu plan eólico.

Quinta.-A empresa, como requisito necesario para a aplicación ás instalacións que se autorizan do réxime especial creado polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, deberá inscribir aquela no Rexistro de Instalacións de Producción de Energía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (Diario Oficial de Galicia 14 de xullo), no prazo de 2 meses, contados a partir da data da acta de posta en marcha da instalación. O parque interconectarase co cistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Sexta.-Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento do condicionado imposto nesta resolución, así como aquelas que no seu día se emitan conforme o disposto no artigo 3.2º do Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia.

Sétima.-A Administración reserva para sí o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1175/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Oitava.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencia ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse, se é o caso, recurso ordinario ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado desde a súa publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 1998.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

8121