A Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, recolle os principios de respecto, protección e defensa dos animais que conviven no noso contorno, tal como figura nos convenios e tratados internacionais e na normativa dos países socialmente máis avanzados; para o cal establece as obrigas dos posuidores, que haberán de censa-los animais que regulamentariamente se determinen, así como o deber dos concellos de recollida dos animais abandonados. Pola súa parte, o Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o regulamento que desenvolve esta lei, concreta as obrigas dos posuidores, esixe o censado a nivel municipal de tódolos animais da especie canina, e dispón que os municipios ou entidades supramunicipais ós que se refire a Lei 5/1997, do 2 de xullo, de Administración local de Galicia, deberán dispoñer de polo menos un centro destinado á recollida de animais abandonados.
O Decreto 153/1998, do 2 de abril, aproba o regulamento que desenvolve a Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.
O Decreto 482/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, atribúe á citada consellería, dentro das súas competencias, a aplicación da normativa sobre protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.
Á vista da dita normativa, tan avanzada socialmente, estímase conveniente fomenta-las actuacións
por parte das asociacións de protección e defensa dos animais domésticos e dos concellos e entidades supramunicipais, dirixidas á súa difusión e ó cumprimento das súas obrigas e deberes que impón.
Na súa virtude, e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto das axudas.
1. Favorece-la divulgación entre os cidadáns dos contidos da Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade e do Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei 1/1993, fundamentalmente no referente ás obrigas dos posuidores.
2. Mellora-la infraestructura e o funcionamento dos centros autorizados de recollida de animais abandonados existentes en Galicia, dependentes dos municipios competentes ou das asociacións de protección e defensa dos animais.
3. Fomenta-la creación de centros de recollida de animais abandonados, feito que corresponde ós concellos ou entidades supramunicipais.
Artigo 2º.-Beneficiarios.
Poderán acollerse a estas axudas as asociacións de protección e defensa dos animais, inscritas no Rexistro Xeral de Asociacións para á Protección e Defensa dos Animais Domésticos e Salvaxes en catividade de Galicia, e os concellos por si sós ou en asociación con outros en calquera das formas previstas na Lei 5/1997, do 2 de xullo, de Administración local de Galicia.
Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.
Serán subvencionables as seguintes actuacións:
1. Divulgación entre os cidadáns dos contidos da Lei 1/1993, do 13 de abril, e do regulamento que a desenvolve, especialmente no referido ás obrigas dos posuidores, e na esixencia do censado dos animais da especie canina a nivel municipal.
2.1. Mellora da infraestructura dos centros de recollida de animais abandonados, autorizados e rexistrados, naqueles aspectos que favorezan o axeitado estado hixiénico-sanitario das instalacións e consecuentemente o estado sanitario e o benestar dos animais albergados.
2.2. Gastos de funcionamento, de alimentación e de atención hixiénico-sanitaria dos centros de recollida, autorizados e rexistrados, de animais abandonados.
3. Creación de centros de recollida de animais abandonados dependentes dos concellos, naqueles que non dispoñan dos medios axeitados.
Artigo 4º.-Importe das axudas.
En función das dispoñibilidades orzamentarias, a contía da subvención consistirá nunha porcentaxe
do custo total de cada actuación subvencionable cos límites indicados a continuación:
Actuación subvencionableOrzamento máximo% máximo
subvencionable (ptas.)de subvención
1. Divulgación dos contidos da500.000100%
Lei 1/1993, do 13 de abril, e
do Decreto 153/1998.
2.1. Obras encamiñadas á mellora3.000.00075%
da infraestructura dos centros de
recollida de animais abandonados.
2.2. Gastos de funcionamiento dos2.000.00075%
centros de recollida de animais
abandonados.
3. Obras para a creación de centros5.000.00075%
de recollida de animais abandonados.
As porcentaxes máximas de subvención anteriormente indicadas poderán verse incrementadas nun 10% nos seguintes casos:
a) Cando os beneficiarios sexan varios concellos.
b) Pola colaboración con programas desenvolvidos pola Consellería de Medio Ambiente.
c) Cando teñan un marcado carácter innovador.
Artigo 5º.-Exclusións.
Non serán subvencionables os seguintes investimentos:
a) Adquisición de terreos.
b) Adquisición de vehículos a motor, en xeral.
c) As obras iniciadas sen inspección previa.
Artigo 6º.-Criterios de avaliación.
1. Nas actuacións de divulgación da lexislación de protección e defensa dos animais valorarase preferentemente a información impresa, e a divulgación nas zonas rurais onde a existencia de cans abandonados sexa elevada e causase no pasado danos ós bens particulares e/ou á fauna silvestre.
2.1. Nas obras encamiñadas á mellora da infraestructura dos centros de recollida de animais abandonados valorarase a antigüidade do centro de recollida, a súa traxectoria no pasado, o número de entradas de animais abandonados, os tratamentos sanitarios efectuados, as accións relacionadas para aumenta-la posibilidade de adopción dos animais, o número de animais cedidos en adopción e os seguimentos efectuados para valora-lo éxito das adopcións, así como a existencia de convenios de colaboración entre asociacións e concellos.
2.2. No tocante ás axudas para cubrir gastos de funcionamento de centros de recollida de animais abandonados teranse en conta as especificacións do apartado anterior e, en particular, os gastos orientados a manter un satisfactorio estado sanitario e un axeitado benestar animal.
3. No tocante ó investimento para a creación de centros de recollida de animais abandonados terase en conta o número de habitantes do concello, as actuacións realizadas a nivel municipal no pasado,
no marco da lexislación vixente de protección de animais, a existencia ou non dun centro de recollida cercano, a asociación con outros municipios veciños, a calidade do proxecto proposto, a adecuación das instalacións e do manexo dos animais así como os aspectos que melloren o benestar animal e a posibilidade de adopción.
Artigo 7º.-Solicitudes e documentación.
Os interesados deberán presentar, por duplicado, nas delegacións provinciais ou nos servicios centrais da Consellería de Medio Ambiente, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a seguinte documentación, por duplicado, dirixida ó conselleiro de Medio Ambiente:
-Solicitude asinada polo representante legal da entidade, acompañada do documento acreditativo da representación, dirixida ó conselleiro de Medio Ambiente, segundo modelo que figura no anexo I desta orde.
-Fotocopia do CIF/NIF da entidade destinataria da subvención.
-Certificación bancaria de ter aberta unha conta a nome do destinatario, segundo modelo que figura no anexo II desta orde.
-Declaración xurada do solicitante de estar ó día nas obrigas fiscais e de Seguridade Social e de non ter pendente ningunha débeda adquirida coa Administración da Comunidade Autónoma.
-Acreditación, de se-lo caso, da titularidade do solicitante do terreo onde se pretendan efectua-las obras.
-Autorización administrativa que, de se-lo caso, permita a realización das obras ou accións.
-Memoria explicativa das actuacións concretas que se queren emprender, orzamento detallado que se precisa e porcentaxe de subvención solicitada. No caso de obras, xuntarase croquis e proxecto.
-No caso de publicacións terá que presentarse un avance da maqueta delas.
-Calendario das actuacións e final previsto, que deberá ser anterior ó 30 de outubro de 1998, salvo que a natureza da actividade xustificase a concesión dunha prórroga por parte da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.
No caso de que o solicitante sexa unha asociación de protección e defensa dos animais, deberá confirma-la súa inscrición no Rexistro Xeral de Asociacións de Protección e Defensa dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade. Ademais deberá presenta-las memorias anuais de actuación dos dous últimos anos, onde se inclúa a especificación de ingresos e gastos da asociación e o convenio de colaboración coa entidade municipal competente, de se-lo caso.
No caso de que o solicitante sexa un concello deberá presentar ademais unha memoria das actuacións realizadas, no pasado, para a protección e defensa dos animais, con especificación de gastos.
Artigo 8º.-Prazo de presentación de solicitudes.
O prazo para a presentación das solicitudes será de 15 días naturais contados desde o día seguinte á publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. A solicitude presentada, en representación da asociación ou do concello correspondente, deberá estar acompañada do documento acreditativo da representación.
Artigo 9º.-Mellora e corrección da solicitude.
1. Na fase de iniciación do procedemento examinaranse as solicitudes e documentos anexos presentados. No caso de que sexan detectados erros ou omisións, requirirase o interesado para que sexan emendados os erros, ou presente a documentación preceptiva, no prazo de 10 días hábiles, con indicación de que, se así non o fixese, procederase á anulación da petición, arquivándose sen máis trámite posterior.
2. Con respecto ás obras, recibidas as solicitudes procederase á inspección previa para comproba-lo non inicio dos investimentos. Serán denegadas as solicitudes que correspondan a investimentos comezados.
3. Se no transcurso da realización do proxecto se vise a necesidade de introducir modificacións, solicitarase autorización da Consellería de Medio Ambiente, acompañando o proxecto oportuno reformado onde aparezan aquelas variacións do proxecto orixinal.
4. Nas publicacións divulgativas e actividades que se financien con cargo a estas axudas deberá consta-la colaboración da Consellería de Medio Ambiente, empregando logotipos oficiais da imaxe corporativa da Xunta de Galicia.
No caso de subvencións concedidas para divulgación a través de publicacións, a maqueta final terá que ser aprobada antes da súa publicación, ademais, deberá facerse entrega do 5% dos exemplares editados na Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.
Artigo 10º.-Tramitación e concesión.
A Consellería de Medio Ambiente resolverá por proposta da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, en función das súas dispoñibilidades orzamentarias.
Unha vez recibida a comunicación, o beneficiario terá que enviar, no prazo de dez días hábiles, a súa aceptación das condicións especificadas na resolución da concesión, quedando sen efecto no caso contrario. O beneficiario comunicará igualmente a data de iniciación das actuacións.
En calquera momento, a Consellería de Medio Ambiente, poderá solicitar ó interesado as aclaracións ou xustificacións oportunas con respecto ós datos da documentación presentada e das actuacións realizadas.
As solicitudes que, unha vez transcorridos tres meses desde a súa presentación, non tivesen unha comunicación coa correspondente aprobación provisional ou definitiva, entenderase que son denegadas, non procedendo a súa concesión por silencio administrativo positivo.
Artigo 11º.-Procedemento de pagamento e xustificación.
1. Se a axuda estivese dividida en anualidades, os pagamentos destas faranse efectivos, unha vez executados os investimentos dentro dos prazos previstos para cada anualidade e cumpridos os trámites de xustificación que se determinan no apartado seguinte.
2. Executados os investimentos de acordo co programa aprobado, o beneficiario presentará á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural a seguinte documentación:
-Solicitude de cobro da subvención.
-Relación ordenada dos investimentos e pagamentos efectuados, segundo o modelo do anexo III.
-Xustificantes dos investimentos realizados que consistirán, de forma xeral, nas fotocopias cotexadas das facturas orixinais e, de forma específica:
* Respecto á construcción de obras en xeral, presentarase o certificado de fin de obra, asinado por un técnico competente e visado polo correspondente colexio profesional no que se reflicta fidedignamente a adaptación das accións realizadas ó proxecto presentado, así como o cumprimento das condicións técnicas e regulamentarias que lle sexan de aplicación. Así mesmo presentarase licencia municipal de actividade.
* Para honorarios de proxecto e dirección de obra presentaranse as correspondentes fotocopias compulsadas das facturas emitidas polo colexio profesional correspondente.
* Para material divulgativo presentaranse as correspondentes fotocopias compulsadas das facturas emitidas pola empresa de artes gráficas correspondente.
-Certificación do cumprimiento formal das obrigas fiscais e da Seguridade Social por parte do beneficiario, ata o momento do pagamento da subvención.
-Certificación de non ter débedas pendentes de liquidación coa Comunidade Autónoma a que se refire o artigo 79 da Lei 11/1992, do 17 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Vista a documentación presentada e despois das oportunas inspeccións, a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural remitirá, xunto á documentación sinalada, a correspondente proposta, co fin de proceder ó pagamento efectivo da subvención.
Artigo 12º.-Disposicións comúns.
1. As axudas ós investimentos establecidos na presente orde serán compatibles con calquera outra destinada ós mesmos fins, sempre que o total das subvenciones non supere o custo total do subvencionado.
2. No caso de incumprimento das condicións establecidas nesta orde e as indicadas na resolución de subvención, procederase á anulación do correspondente expediente. Se se esgotase o prazo de execución de investimentos sen que estas se realizasen, poderase conceder unha ampliación, por solicitude do interesado, sempre que se xustifique plenamente e tendo presente as limitacións orzamentarias.
3. No caso de que se reducisen os investimentos mantendo os obxectivos iniciais, a subvención concedida veríase diminuída na contía proporcional correspondente, sempre que o conxunto do investimento cumpra os fins previstos inicialmente.
4. No caso de que a axuda estivese dividida en anualidades, se o beneficiario non finalizase o proxecto coa totalidade dos investimentos presentados ou non cumprise o establecido, ou os obxectivos iniciais propostos, deberán ser devoltas as cantidades percibidas en concepto de axudas, sen prexuízo das responsabilidades a que houbese lugar.
Disposición adicional
O aboamento das axudas fixadas na presente orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.342.A.760.2 para os concellos e con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.342.A.780.2 para as asociacións de protección e defensa dos animais, cunha dotación inicial de 30.000.000 de ptas. e de 10.000.000 de ptas. respectivamente, podendo ser incrementadas a través das necesarias modificacións orzamentarias destas partidas.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dictar cantas disposicións complementarias considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.
Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de agosto de 1998.
José Carlos del Álamo Jiménez
Conselleiro de Medio Ambiente
7007