Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Venres, 21 de agosto de 1998 Páx. 9.597

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 14 de agosto de 1998 pola que se establecen medidas de apoio a explotacións e agrupacións de defensa sanitaria de porcino.

O estado sanitario das explotacións de porcino é un dos piares básicos para a mellora da producción animal, o incremento de productividade e o libre comercio pecuario.

Os avatares sufridos polo sector porcino nos anos 70 e 80 debido ós problemas sanitarios coa peste porcina africana levou a establecer un programa coordinado para a erradicación desta doenza, creándose a figura das agrupacións de defensa sanitaria e grupos iniciais de saneamento, que deben realizar obrigatoriamente un control serolóxico anual para o mantemento do título (Real decreto 425/1985, do 20 de marzo).

O Real decreto 1493/1995, do 8 de setembro establece o plan de seguimento sanitario do gando porcino a través dun chequeo serolóxico anual obrigatorio.

Do mesmo xeito, o programa de control e loita contra a enfermidade de Aujeszky establecido pola Comunidade Autónoma galega iníciase no ano 1992 coa Orde do 8 de outubro de 1992.

O Real decreto 245/1995, do 17 de febreiro, establece o programa coordinado de loita, control e erradicación desta doenza a nivel nacional, e recolle a necesidade de que as AA.DD.SS. adapten o seu programa sanitario ás esixencias deste R.D.

Por todo isto, a Comunidade Autónoma galega regula coa presente orde a concesión de axudas e subvencións dedicadas a mellora e mantemento do estado sanitario do gando porcino.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regula-la concesión de axudas ás agrupacións de defensa sanitaria (en diante AA.DD.SS.) e explotacións de gando porcino que leven a cabo un programa sanitario acorde coa normativa en vigor e manteñan un status sanitario aprobado pola Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, e cumpran o recollido na presente orde.

Artigo 2º.-Finalidade e beneficio das axudas.

1. Poderán ser obxecto de axudas aquelas actividades ou investimentos encamiñados a:

a) Mante-lo estado sanitario das explotacións segundo o R.D. 425/1985, do 20 de marzo (BOE nº 80,

do 3 de abril), e R.D. 1493/1995, do 8 de setembro (BOE nº 216, do 9 de setembro) sobre aquelas enfermidades que designe a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria. Poderán optar a esta axuda os titulares de explotacións que pertenzan ás AA.DD.SS. situadas na Comunidade Autónoma de Galicia e estean legalmente autorizadas.

Esta axuda será proporcional ó número de reproductores aloxados nas explotacións que integran as AA.DD.SS. e o montante total non superará o 50% do orzamento total dedicado ás axudas que establece esta orde.

b) Programa de loita e control da enfermidade de Aujeszky. Poderán optar a esta axudas as explotacións ou asociacións de explotacións porcinas que cumpran o programa de vacinación, segundo as pautas e condicións recollidas no Real decreto 245/1995, do 17 de febreiro (BOE nº 60, do 11 de marzo de 1995).

Esta axuda será proporcional á contía das solicitudes aprobadas e xustificadas en prazo e non suparará o 50% do orzamento total dedicado ás axudas que establece esta orde. A axuda a cada un dos solicitantes non superará o 65% do investimento xustificado.

Artigo 3º.-Solicitudes.

Tódalas solicitudes de acordo co modelo do anexo I presentaranse, preferentemente, nos rexistro das delegacións da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ou nos rexistros previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro dos trinta días naturais contados a partir da entrada en vigor da presente orde.

Coas solicitudes achegarase a seguinte documentación:

-Acta de constitución da entidade.

-Relación social de socios titulares das explotacións que participen no programa, actualizado.

-Código de identificación fiscal e certificado orixinal de conta bancaria da entidade.

-Programa de actuación, obxectivos e orzamento pormenorizado do programa de execución (calendario de extracción e vacinación, asinado polo veterinario).

Artigo 4º.-Xustificacións.

1. As xustificacións dos programas presentados en prazo e que cumpran os requisitos establecidos deberán presentarse antes do 30 de setembro de 1998 e serán os seguintes:

1.1. No caso das agrupacións que se acollan á revisión para o mantemento do estado sanitario, os reproductores deberán ser chequeados polo técnico responsable, segundo o R.D. 1493/1995, do 8 de setembro (BOE nº 216 do 9 de setembro) e enviaranse as mostras coa ficha correspondente, asinada polo veterinario responsable ó Laboratorio de Sanidade e Producción animal de Lugo.

1.2. No caso das explotacións ou asociación que se acollan ó programa de loita e control de enfermidade de Aujeszky, deberán emitir antes do prazo establecido relación de xustificantes segundo modelo do anexo II, certificación do grao de cumprimento do veterinario responsable segundo anexo III e facturas orixinais dos gastos dos productos biolóxicos utilizados.

Se as actuacións de vacinacións se prolongan ata final do ano 1998, débese face-la adquisición do producto anticipado para poder xustifica-lo gasto antes da finalización do prazo.

Teñen cabida nestas axudas as facturas de adquisición e as emitidas no ano 1998.

2. A contía total das axudas satisfarase de acordo co cumprimento do programa, logo de comprobación, se procede, da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, que emitirá o informe correspondente. A consellería poderá inspeccionar e tomar mostras nos animais das explotacións que se acollan ás axudas establecidas nesta orde para unha comprobación do cumprimento do programa sanitario aprobado.

3. O incumprimento dunha parte ou da totalidade dos programas propostos suporá a perda total da axuda, así como a obriga de restituí-las cantidades percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades en que puideran incorre-los beneficiarios.

4. Para poder percibi-la axuda, a entidade ou agrupación beneficiaria acreditará que se encontra ó día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendentes débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

5. Transcorridos tres meses desde a data límite de presentación dos xustificantes a que se fai referencia nos apartados anteriores sen que se dicte resolución expresa, deberá entenderse desestimada a axuda.

Artigo 5º.-Compatibilidade.

As agrupacións de defensa sanitaria (A.D.S.) de explotacións de gando porcino poderán acollerse ós dous tipos de actividades descritas no artigo 2º.

As explotacións, asociacións ou entidades que non pertenzan a AA.DD.SS. só poderán acollerse a actividades descritas no artigo 2º.a) (programa de loita e control da enfermidade de Aujeszky).

Artigo 6º.-Financiamento.

As axudas establecidas nesta orde son compartidas entre o MAPA e Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, en virtude do R.D. 425/1985, do 20 de marzo e o R.D. 245/1995, do 17 de febreiro, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

As axudas que se deriven da aplicación da presente orde con cargo á Comunidade Autónoma financiaranse con cargo ó concepto orzamentario 09.03.613-A.771.0, cunha dotación inicial de 7.365.738 pesetas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela. 14 de agosto de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria

6879