Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Xoves, 20 de agosto de 1998 Páx. 9.566

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 1998, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Galega de Recubrimentos de Volantes, S.L. (Garevol, S.L.).

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Galega de Recubrimentos de Volantes, S.L. (Garevol, S.L.), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 3-7-1998, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, o 12-6-1998. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 9 de xullo de 1998.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Texto do convenio colectivo do centro especial de emprego Garevol, S.L.

Disposicións xerais

Sección primeira: ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio colectivo será de aplicación no centro de traballo de Garevol, S.L., situado en Tameiga-Mos.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O presente convenio afectará á totalidade do persoal existente no momento da súa sinatura, así como ós traballadores ou traballadoras que se incorporen no futuro e baixo a súa vixencia.

Sección segunda: vixencia e duración

Artigo 3º.-Vixencia e duración.

O presente convenio entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1998 e manterá a súa vixencia ata o 31 de decembro de 1998.

Artigo 4º.-Resolución ou revisión.

A denuncia na que se propoña a resolución ou revisión do convenio será automática ó chegar ó remate da súa vixencia, ata a entrada en vigor dun convenio revisado, quedando prorrogado ata a sinatura do seguinte convenio.

Sección terceira: compensación e absorción

Artigo 5º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas forman un todo orgánico, indivisible e para efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente.

Artigo 6º.-Garantías.

Respectaranse as situacións persoais que con carácter global e no cómputo anual excedan do pacto. Tal garantía será de carácter exclusivamente persoal.

Capítulo II

Organización do traballo

Artigo 7º.-Cambios de quenda.

No caso de que as ausencias ó traballo alcancen o 7 por 100 do cadro de persoal directo de producción do centro de traballo, a empresa poderá decidir con criterios obxectivos o cambio de quenda dos traballadores cando o precise, respectando, en todo caso, o descanso entre xornadas legalmente establecido (12 horas) e o salario, e polo tempo que subsista tal índice de ausencias, logo de comunicación ó interesado e ós representantes dos traballadores, na xornada anterior.

Mensualmente facilitaráselles ós representantes legais dos traballadores información sobre a evolución do absentismo.

Os ditos cambios de quenda non terán a consideración legal de modificacións substanciais das condicións de traballo.

Artigo 8º.-Definicións.

A organización do traballo terá en conta os seguintes principios e definicións:

1. Rendemento ou actividade normal: é aquela que desenvolve unha persoa consciente da súa responsabilidade, cun esforzo, rapidez, precisión e habilidade de movementos constante para alcanza-la cantidade de traballo a actividade normal.

2. Cantidade de traballo actividade normal: é a que efectúa un operario desenvolvendo a actividade normal (7,5 unidades/día do volante de referencia), incluído o tempo de recuperación.

3. Contrato a baixo rendemento: é aquel que se celebraría co traballador minusválido, que aínda prestando os seus servicios durante unha xornada de traballo normal, o fai cun rendemento inferior ó normal nun 25 por 100. En todo caso esta circunstancia deberá ser analizada pola comisión de productividade.

Artigo 9º.-Incentivos e procedemento para a implantación de tempos.

1. Tódolos operarios cualificados se comprometen a acada-lo rendemento ou actividade normal.

Os traballadores comprométense a alcanza-las curvas de producción establecidas na fase de formación e cualificación.

O incentivo aboarase conforme o establecido na escala que se xunta como anexo I.

2. Acórdase establece-lo seguinte procedemento para a implantación de tempos de producción derivados, tanto da introducción de novas pezas, operacións ou productos, como da modificación do método operatorio, de instalacións ou de equipo industrial.

2.1. Unha vez realizados os estudios de tempo correspondentes, cronometrándose a máis dun operario, a dirección da empresa notificaralles ós representantes dos traballadores os novos métodos e os seus tempos provisionais correspondentes, debendo observarse:

a) Comunicación da data en que se contabilizarán para o cálculo dos incentivos.

b) Un período de 20 días laborables de adaptación ós novos métodos e tempos; sendo contabilizados a partir dese momento para efecto de cálculo de incentivos e introducíndose para tódolos efectos no sistema global de xestión da empresa. Durante eses 20 días aboaráselle ó traballador a media dos tres meses anteriores que tivese.

2.2. Dentro do dito período de adaptación de 20 días laborables o traballador poderá reclamar ante os representantes dos traballadores, realizándose as seguintes accións:

a) De forma inmediata, os representantes dos traballadores instarán unha reunión da comisión paritaria de productividade e competitividade que se creará para tales efectos, e que estará formada por tres representantes dos traballadores e tres representantes da dirección.

b) Unha vez reunida a comisión paritaria, de non alcanzar ningún acordo, realizarase unha comprobación do tempo coa presencia dun representante dos traballadores.

c) No caso de continua-lo desacordo, actuarase conforme o disposto no punto 2.3.

2.3. Nos casos de desacordo ou conflicto, as partes someteranse á decisión dun técnico na materia designado polas partes conxuntamente e que establecerán nese momento.

2.4. Efectuado o dictame do técnico, o tempo establecido por este substituirá desde este momento ó tempo estimado existente.

3. Plus de producción: o plus de producción aplicaráselles a aqueles traballadores/as que alcancen a cantidade de 7,5 volantes/día do volante de referencia. Non obstante, se por causas alleas á vontade do traballador non fose posible alcanza-los 7,5 volantes/día do volante de referencia, aboarase o plus de producción.

4. Incentivos: cantidade que percibe o traballador (xa sexa operario ou operario cualificado) sempre e cando alcance a producción óptima, aboándose segundo a escala establecida no anexo I, a partir de 7,6 volantes/día do modelo de referencia. A unidade 7,6 estará incentivada, e para efectos de cálculo, os incentivos aboaranse de forma mensual en función da producción media obtida durante os días de traballo efectivo do mes correspondente.

Capítulo III

Inicio e desenvolvemento da relación laboral

Sección primeira: contratación

Artigo 10º.Contratación.

Os contratos que concerte o centro especial de emprego Garevol poderán axustarse a calquera das modalidades de contrato de traballo previstas no Estatuto dos traballadores e nas súas normas de desenvolvemento.

En materia de contratación laboral observaranse en todo caso as disposicións legais ou normas convencionais de maior rango sobre a materia, tanto de carácter xeral como especial.

Fomentarase, en todo caso, o contrato estable e daráselle prioridade á contratación indefinida.

Artigo 11º.-Contrato de obra ou servicio determinado.

Co fin de potencia-la utilización das modalidades de contratación previstas pola lei, e non utilizar formas de contratación externas á empresa, acórdase crear un contrato de obra ou servicio determinado, segundo o previsto no artigo 15.1º do Estatuto dos traballadores.

Os ditos contratos poderán cubrir todas aquelas tarefas ou traballos suficientemente diferenciados polo volume adicional de traballo que representen que, limitados no tempo cunha duración que poida preverse, estean directa ou colateralmente relacionados co proceso productivo da empresa. Previamente á utilización desta modalidade contractual,

a empresa dará conta ós representantes dos traballadores da causa obxecto do contrato, así como das súas condicións de traballo, especificando o número de traballadores afectados, niveis profesionais que se van asignar e duración prevista. A presente inclusión neste convenio non poderá entenderse, en ningún caso, como limitación á modalidade contractual prevista no referido artigo 15.1º.a) do Estatuto dos traballadores.

Artigo 12º.-Período de proba.

O ingreso entenderase provisional, ata que non se cumprise o período de proba, que será de seis meses durante o ano 1998 debido ó gran número de incorporacións, e tres meses a partir do 1 de xaneiro de 1999 para tódolos traballadores.

A empresa manifestaralle ó traballador de novo ingreso o alcance e contido do período de proba.

O período de proba é integramente esixible, salvo que a empresa decida renunciar a todo ou a parte del, e a súa decisión seralle comunicada por escrito ó interesado.

Durante o período de proba, tanto a empresa como o traballador poderán desistir unilateralmente do contrato de traballo, sen aviso previo nin indemnización.

O período de proba será computable para efectos de antigüidade e, durante el, o traballador terá idénticos dereitos e obrigas có resto do persoal.

Sección segunda: tempo traballo

Artigo 13º.-Xornada.

A xornada de traballo será de corenta horas semanais, que en ningún caso superarán as 1.800 horas anuais de presencia, das cales 30 minutos diarios son de bocadillo.

Artigo 14º.-Horario e calendario laboral.

Anualmente, a empresa e os representantes dos traballadores establecerán o calendario laboral.

Artigo 15º.-Vacacións.

O período anual de vacacións será de trinta días naturais que se desfrutarán entre os meses de xuño e setembro, dos cales quince laborables se desfrutarán ininterrompidamente. A fixación dos períodos de vacacións farase de común acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores, dentro dos tres primeiros meses do ano, conxuntamente co calendario laboral. O período de quince días laborables continuados empezará en luns, salvo pacto en contrario.

Para o cómputo dos días de vacacións do persoal contratado durante o ano, tomarase como data inicial a do seu ingreso; se esta fose posterior a elas, des

frutaraas proporcionalmente ó tempo traballado e tendo en conta as peticións dos traballadores dentro do ano natural.

Artigo 16º.-Permisos.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración polos motivos que se detallan a continuación:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Dous días naturais no caso de morte de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade e tres días naturais no suposto de enfermidade grave destes e nacemento de fillo. Cando o traballador realice un desprazamento fóra da provincia, será de catro días.

c) Un día por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal comprendido no exercicio do sufraxio activo. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, aplicarase o que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

f) Incluiranse ademais os de asistencia médica durante o tempo establecido para persoas minusválidas, que será de dous días ó mes.

Capítulo IV

Condicións económicas

Artigo 17º.-Retribucións.

Establécense como conceptos retributivos os fixados nas táboas anexas para o exercicio 1998. Os atrasos derivados da posterior sinatura ou revisión do convenio seranlles aboados ós traballadores no mes seguinte ó da súa sinatura. Cando as circunstancias persoais do traballador minusválido o requiran, poderá celebrase contrato de baixo rendemento.

Artigo 18º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécese para tódolos traballadores o dereito a percibir dúas pagas extraordinarias anuais. Unha no mes de xullo e outra no mes de decembro, consistente en trinta días de salario base máis o plus de antigüidade ou a parte proporcional das pagas extraordinarias que corresponda, en función da data de ingreso.

Artigo 19º.-Plus de asistencia.

Establécese un plus de asistencia de 3.000 ptas. mensuais para todos aqueles traballadores que ocupen o seu posto tódolos días efectivos, este plus aboarase por día laborable e descontarase da seguinte forma: por 1 día de ausencia 750 ptas., por 2

días 1.500 ptas., por 3 días 2.250 ptas. e a partir de 4 días descontarase completo. Cando se trate de ausencias parciais, descontarase a parte proporcional a 750 ptas. do primeiro día, ata un total de 4 ausencias parciais, que se descontará completo.

Artigo 20º.-Plus de distancia.

Aqueles traballadores que por razón do seu domicilio habitual non poidan facer uso do medio de transporte posto pola empresa para o traslado do seu persoal ó centro de traballo, desfrutarán dun complemento salarial por día de asistencia de 150 ptas.

Artigo 21º.-Premios de antigüidade.

Establecese un premio de antigüidade do 3 por 100 por cada quinquenio.

Artigo 22º.-Desprazamentos.

Cando un traballador se desprace transitoriamente da localidade por orde da empresa, esta resarcirao por tódolos gastos que tal desprazamento lle ocasione.

Artigo 23º.-Incapacidade temporal.

A empresa complementará as prestacións que lle correspondan ó traballador en situación de incapacidade temporal nun 100% para caso de accidente de traballo e enfermidade profesional desde o primeiro día, 90% en caso de enfermidade con hospitalización mentres dure a situación e 90% desde o vinte día no caso de enfermidade común de longa duración, sempre e cando os índices de absentismo da empresa sexan iguais ou inferiores a un 10% e tomando como referencia para o cómputo os 6 meses anteriores ó aboamento.

É obriga do traballador a comunicación á dirección da empresa, por calquera medio, na mesma xornada de traballo e posterior xustificación desta, a ausencia imprevista total ou parcial da xornada. Nos casos de faltas de puntualidade aplicarase o disposto no réxime disciplinario.

Fíxase en catro horas o tempo máximo de asistencia a consulta médica, con penalización do salario correspondente ó tempo que supere as catro horas, no caso de non presentalo e xuntarase o xustificante médico desta.

Implántase un sistema de seguimento para o control do absentismo e analiza-las causas que o motivan.

Capítulo V

Prestacións non salariais

Artigo 24º.-Roupa de traballo.

A empresa facilitará fundas ou batas ó seu persoal a razón dunha peza de roupa cada ano. O persoal poderá utiliza-la roupa de traballo que se lle facilitase no ano en curso e no anterior.

Todo o persoal está obrigado a utiliza-la roupa de traballo nas instalacións da empresa.

Capítulo VI

Réxime disciplinario

Sección primeira: faltas

Artigo 25º.-Leves.

Son faltas leves:

1. Faltar un día ó traballo, sen xustificar.

2. As faltas de puntualidade, sen xustificar, ata tres días nun mes, na asistencia ó traballo, cun atraso superior a cinco minutos e inferior a trinta no horario de entrada.

3. Abandona-lo posto de traballo ou o servicio por breve tempo durante a xornada de traballo, sen autorización.

4. Os pequenos descoidos na realización do traballo e na conservación das máquinas, ferramentas e materiais.

5. A falta de respecto, en materia leve, ós subordinados, compañeiros, mandos e público, así como a discusión con eles.

6. A falta de limpeza e hixiene persoal, así como as dependencias, servicio e útiles da empresa.

7. Non comunicarlle á empresa os cambios de domicilio ou os datos necesarios para a Seguridade Social e medicina de empresa.

8. Non notificar nun prazo de vintecatro horas os motivos que xustifican a falta ó traballo, a non ser que se probe a imposibilidade de telo efectuado.

9. Discutir sobre asuntos estraños ó traballo dentro das dependencias da empresa. Se tales discusións producisen escándalo notorio, poderán considerarse como faltas graves ou moi graves.

10. A voluntaria diminución da actividade habitual en ratios de ata un 20%; estes casos serán analizados pola comisión paritaria de productividade.

11. O imcumprimento das medidas previstas no artigo 29 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, sempre que careza de transcendencia grave para a integridade física ou a saúde dos traballadores.

Artigo 26º.-Graves.

Son faltas graves:

1. A dobre comisión de falta leve, dentro do período dun mes, excepto as de puntualidade.

2. A falta de dous días ó traballo inxustificadamente durante o período dun mes.

3. O entorpecemento, a omisión maliciosa e o falseamento dos datos, cuestións e feitos que poidan afectar á Seguridade Social e medicina de empresa.

4. O imcumprimento das normas legais xerais, as deste convenio ou do regulamento da empresa en materia de seguridade no traballo. Será falta moi grave cando teña consecuencias nas persoas, máquinas, materiais, inspiracións ou edificios.

5. A inobservancia dos regulamentos e ordes de servicio, así como a desobediencia ós mandos.

6. A voluntaria diminución da actividade habitual en ratios de ata un 30% ou os defectos na calidade fixada polos nosos clientes por neglixencia do traballador; estes casos serán analizados pola comisión de productividade.

7. O emprego de tempo, materiais, máquinas e útiles de traballo en cuestións alleas a el.

8. As inxurias proferidas contra persoas ou institucións de toda índole.

9. A suplantación activa ou pasiva da personalidade.

10. A embriaguez non habitual durante o traballo.

11. O atraso inxustificado na entrega á empresa dos partes de baixa de enfermidade, accidente, conforme o disposto na lexislación aplicable.

12. Non presta-la debida atención ó traballo encomendado, estando advertido polo seu xefe superior con anterioridade.

13. A reincidencia de faltas, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun trimestre.

14. A ocultación de feitos ou faltas que o traballador presenciase e ocasionen prexuízo grave, así como non advertir inmediatamente ós seus xefes de calquera anomalía de importancia que observe nas instalacións.

15. O acoso sexual.

16. A voluntaria diminución da actividade habitual en ratios de ata un 30% e a non obtención dos índices de calidade esixidos polos nosos clientes en ratios de ata un 20%; estes casos serán analizados pola comisión paritaria de productividade.

17. O imcumprimento das medidas previstas no artigo 29 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, cando tal incumprimento orixine riscos graves para a integridade física ou a saúde dos traballadores.

Artigo 27º.-Moi graves.

Son faltas moi graves:

1. A reiteración de falta grave dentro do período dun mes, sempre que aquela fose sancionada.

2. A falta de seis días ó traballo, durante un período de catro meses sen xustificación.

3. Máis de doce faltas de puntualidade inxustificadas nun período de seis meses, ou de vintecinco faltas nun período dun ano.

4. A falsidade, a deslealdade, a fraude, o abuso de confianza, a competencia ilícita para coa empresa e o furto ou roubo, tanto ós compañeiros de traballo como á empresa ou a terceiros dentro das dependencias dela ou durante o desempeño de traballos ou servicios por conta da empresa.

5. Facer desaparecer, inutilizar sen causar desperfectos ou modificacións maliciosas en primeiras materias, productos, útiles, ferramentas, máquinas, aparatos, instalacións, edificios, enxoval e documentos da empresa.

6. A indisciplina ou desobediencia ó regulamento de réxime interior da empresa ou ás ordes dos mandos, así como tamén a inducción a ela cando revista especial gravidade.

7. A participación directa ou indirecta na comisión de delicto cualificado como tal no Código penal.

8. A falsidade nas circunstancias de accidentes de traballo, a simulación de enfermidade ou accidente e a prolongación maliciosa ou finxida na súa curación.

9. A embriaguez habitual durante o traballo.

10. O abandono do traballo nos postos de responsabilidade.

11. O abuso de autoridade.

12. A comisión de actos inmorais nos locais e dependencias da empresa, dentro e fóra da xornada de traballo.

13. Tódalas consignadas no artigo 54.2º do Estatuto dos traballadores, consideradas como causas xustas de despedimento.

14. Saír con paquetes ou envoltorios do traballo, negándose a dar conta do seu contido cando lle fose solicitado polo persoal encargado desta misión.

15. A voluntaria disminución da actividade habitual en ratios de ata un 40% e a non obtención dos índices de calidade esixidos polos nosos clientes en ratios superiores ó 20%; estes casos serán analizados pola comisión paritaria de productividade.

16. O incumprimento das medidas previstas no artigo 29 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, sempre que orixine riscos graves e inminentes para a integridade física ou a saúde dos traballadores.

Sección 2: sancións

Artigo 28º

As sancións máximas que poden impoñerse son as seguintes:

Por falta leve: amoestación verbal, amoestación por escrito, suspensión de emprego e soldo ata dous días.

Por falta grave: suspensión do emprego e soldo de tres a quince días.

Por falta moi grave: suspensión do emprego e soldo de quince a sesenta días, e despededimento.

Artigo 29º.-Prescrición.

As faltas prescribirán polo transcurso do prazo que, en cada momento, estableza a lexislación aplicable.

Artigo 30º.-Seguridade e hixiene no traballo.

As partes asinantes deste acordo comprométense a desenvolve-las accións e medidas en materia de saúde laboral que sexan necesarias para conseguir unhas condicións de traballo nas que a saúde do traballador non se vexa afectada por elas.

Tódalas accións e medidas deberán estar encamiñadas a conseguir unha mellora da calidade de vida e ambiente do traballo, desenvolvendo obxectivos de promoción e defensa da saúde, mellorando as condicións de traballo e protección das técnicas preventivas como medio para a eliminación dos riscos na súa orixe.

Obterase da empresa a confección dun plan de prevención en materia de saúde e seguridade. O dito plan recollerá:

a) Mapa de riscos na empresa.

b) Programas de actuación.

c) Técnicas de prevención, vixilancia e control da saúde e especial atención ó tema da toxicidade que leva consigo a utilización de pegamentos ou calquera outra substancia que se produza.

d) Normas de actuación preventiva para cada posto de traballo.

e) Estudio epidemiolóxico.

A todo isto a empresa prestará a colaboración necesaria, e estará obrigada a darlles a coñecer ós traballadores ou ós seus representantes legais, completa información sobre os riscos ós que o traballador está exposto e as características de seguridade de que está dotada a maquinaria, útiles e local onde traballan.

Artigo 31º.-Disposición derradeira.

Ó non previsto neste convenio, aplicarase o establecido no Estatuto dos traballadores, a LOLS e Real decreto 1368/1985, do 17 de xullo.

ANEXO I

Categoría 1. Xerente.

É aquel traballador que desempeña as funcións propias da dirección e organización dos recursos humanos e materiais. As súas funcións son as seguintes: supervisión e verificación da presencia dos traballadores, supervisión da producción e establecemento das medidas correctoras, establecemento e verifiación dos plans diarios de traballo, control do traballo desenvolvido polos encargados de planta, seguimento e control do cumprimento das normas do funcionamento da planta, relacións externas co provedor e cliente cos departamentos de producción, loxística, industrialización e calidade cliente, posta en marcha e comprobación da operatividade dos sistemas productivos, seguimento e contro dos métodos de traballo establecidos polo provedor e xustificación na implantación dos novos métodos, recepción de visitas dos clientes con explicacións do funciona

mento da planta e os sistemas productivos aplicados, supervisión e seguimento das auditorías de calidade do provedor, comprobación e emisión de albarás de saída de volantes acabados, emisión de peticións de adquisición de combustibles ó provedor, emisión ó provedor de stocks diarios de volantes sen forrar, plantillas, volantes en proceso, e volantes acabados, realización do resume mensual da facturación, elaboración da relación de incentivos persoais por producción.

Categoría 2. Xefe de quenda.

Aquel traballador que asume a dirección dunha quenda de traballo, motivando e estimulando os traballadores, para consegui-lo desempeño máis eficiente cun esforzo constante e razoable. As funcións que debe desempeñar son as seguintes: control de persoal no cumprimento de horarios, control diario da producción do persoal, cumprimento diario de plans de traballo, supervisión do traballo realizado polos controladores de calidade, control do almacén de materiais e consumibles, supervisión de entrada e saída de volantes sen forrar e volantes acabados; carga e descarga da mercadoría, aprovisionamento de materiais para os postos de traballo, organización do almacén de recepción e expedición de mercadorías.

Categoría 3. Controlador de calidade.

As súas funcións son as seguintes: control de calidade total de volantes forrados terminados, control de calidade total de Conchas de Alcántara, enfundado e precintado de volantes O.K., embalaxe e segurado con aros dos volantes en caixas ou gaiolas paletizadas, movemento.

Categoría 4. Operario cualificado.

Aquel traballador que obtén uns niveis de destreza e cualificación que lle permiten alcanzar 7,5 unidades diarias de forrado do volante de referencia (volvo coiro), de maneira continuada durante un período non inferior a 60 días.

Categoría 5. Operario.

Aquel traballadores que despois de ter superado o período de formación e cunha antigüidade na empresa inferior a 6 meses (período de cualificación), non alcanza os niveis correspondentes a un operario cualificado e aqueles traballadores que, por razón da súa minusvalidez, unha vez superado o período de cualificación de 6 meses, non alcanzan os niveis de destreza e cualificación correspondentes a un operario cualificado.

Período de formaciónPeríodo de cualificación

Mes 1Mes 2Mes 3Mes 4Mes 5Mes 6Mes 7Mes 8Mes 9Mes 10

1.22.83.54.255.76.477.57.5

Táboas salariais

Salario base

Categorías profesionaisMensualAnual

Categoría 1 Xerente1178.5712.500.000

Categoría 2 Xefe de quenda2105.0001.470.000

Categoría 3 Controlador3 82.7601.158.640

Categoría 4 Operario cualificado4 75.0001.008.000

Categoría 5 Operario5 68.040 952.560

Complementos salariais

Categorías profesionais

Plus

Asisten.

(1)

Plus

Prod.

(2)

Plus

Distan.

(3)

Incentivos

(4)

Categoría 1 Xerente----

Categoría 2 Xefe de quenda--150-

Categoría 3 Controlador3.0007.240150-

Categoría 4 Operario cualificado3.0002.000150Anexo 2

Categoría 5 Operario3.0002.000150Anexo 2

7489