Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Xoves, 20 de agosto de 1998 Páx. 9.572

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 1998 pola que se convocan dous cursos sobre primeiros auxilios.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1998 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración de dous cursos sobre Primeiros auxilios, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos: dota-lo persoal voluntario de protección civil que asiste ós cursos dunha formación teórico-práctica que lle permita realizar satisfactoriamente as tarefas que teñen encomendadas.

2. Destinatarios: os cursos van dirixidos ós membros das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Prazas: o número de prazas ofertadas para cada curso será de 27.

4. Inscrición: a inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

5. Solicitudes:

a) O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar cuberta a máquina ou con letra moi clara a instancia que figura no anexo.

b) O prazo para a presentación de instancias rematará ás 14 horas, nas seguintes datas:

-1º curso: 5 de outubro.

-2º curso: 30 de outubro.

c) As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación e seladas, isto será requisito indispensable para ser admitido no curso; o incumprimento deste requisito levará consigo a non admisión ó devandito curso.

d) As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680, A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. Contido e duración: os cursos terán unha duración de 35 horas lectivas, e neles trataranse, entre outros, os seguintes temas: a)Primeiros auxilios. Queimaduras. b) Traumatismos craneoencefálicos e da columna. c) Traumatismos toraco-abdominais. d)Fracturas, escordaduras e contusións. e) Transporte do lesionado. f) O SOS Galicia. A asistencia de emerxencia na nosa comunidade. g) Excarceración. h) Rescate de feridos con helicópteros.

7. Datas: os cursos celebraranse nas seguintes datas:

-1º curso: do 19 ó 23 de outubro.

-2º curso: do 16 ó 20 de novembro.

O horario será de 10 a 14 horas e de 16 a 19 horas.

8. Relación de admitidos: a relación de admitidos publicarase nas seguintes datas:

-1º curso: o día 8 de outubro.

-2º curso: o día 5 de novembro.

A dita relación publicarase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

9. Lugar: na sede da Academia Galega de Seguridade, sita na avenida da Cultura, s/n, no Concello da Estrada.

10. Certificado de asistencia: ó remate de cada curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el.

11. Modificacións: a Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 30 de xullo de 1998.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

7490