Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Xoves, 20 de agosto de 1998 Páx. 9.562

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 7 de agosto de 1998 pola que se convocan e se aproban as bases que rexen a convocatoria de bolsas para a realización de teses doutorais en temas de investigación mariña.

O desenvolvemento da acuicultura e a optimización da explotación dos recursos mariños promóvese baseándose na utilización de técnicas que esixen unha cada vez máis forte presencia de persoal con altos niveis de formación e experiencia. Esta demanda crea unha necesidade de especialización de titulados superiores no campo da investigación mariña no ámbito do programa galego de I.D.T.

Polo exposto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

Convocar catro (4) bolsas para a realización de teses doutorais en temas de investigación mariña.

A concesión destas axudas rexerase polas bases do anexo I desta orde.

Artigo 2º

O financiamento farase con cargo á partida orzamentaria 012.04.432.A. 480.0 Axudas ó desenvol

vemento do programa de formación persoal dos presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1998.

Disposición adicional

O disposto no parágrafo segundo da base primeira. 2 do anexo I desta orde poderá ser de aplicación a aqueles bolseiros que, de acordo co disposto na base novena da Orde do 15 de marzo de 1996 e na base décimo segunda da Orde do 4 de abril de 1997 polas que se convocan e aproban as bases da convocatoria de bolsas para titulados superiores no campo da investigación mariña, solicitaron e obtiveron a prórroga das bolsas que tiveren concedidas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Formación Pesqueira e Investigación para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 1998.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO I

Bases

Primeira.-Obxecto e dotación.

1. O obxecto da presente convocatoria é a concesión de catro (4) bolsas dun ano de duración, prorrogables un máximo de catro por anualidades, segundo o establecido na base novena, para a realización de teses doutorais nos seguintes temas:

Acumulación de ficotoxinas productoras de PSP, ASP e DSP en moluscos bivalvos: 1 bolsa.

Ecoloxía larvaria do percebe: 1 bolsa.

Patoloxía do berberecho: 1 bolsa.

Estudio da bioloxía de Dinophysis e da súa producción de toxinas: 1 bolsa.

2. A contía das axudas será de 1.320.000 ptas., aboables en doce mensualidades de 110.000 ptas. cada unha, nas que se aplicará a correspondente retención fiscal.

Logo de solicitude do bolseiro e logo do informe favorable da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación e en función das dispoñibilidades orzamentarias esta contía poderá ser incrementada ata un máximo de duascentas cincuenta mil pesetas, para actividades de formación dentro do programa da bolsa, sempre que o titor considere necesaria a súa asistencia.

Segunda.-Carácter da bolsa.

Dado o seu carácter formativo e de especialización, a concesión destas bolsas non implica relación laboral ou administrativa entre o beneficiario e a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, aínda que si a necesaria e natural coordinación co horario, normas e disciplina do departamento ou centro de investigación onde realiza a súa formación; nin dará lugar á súa inclusión na Seguridade Social, se ben quedará incluído nunha póliza colectiva de seguro de accidentes durante o período desta concesión.

O bolseiro deberá dedicarse de maneira plena a realiza-los estudios para os que lle foi concedida a bolsa, coa aceptación das indicacións da dirección do traballo.

Nembargantes, o bolseiro poderá colaborar na docencia práctica do centro ó que estea adscrito, nos termos establecidos para os bolseiros do plan de Formación de Persoal Investigador (FPI) e para os bolseiros predoutorais da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento os que polas súas características se equiparan ós bolseiros da presente convocatoria.

É incompatible o desfrute da bolsa coa percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas salvo co desfrute daquelas bolsas que se convocan para cubrir

algunhas das accións formativas que o solicitante vaia realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender técnicas de investigación).

Terceira.-Condicións xerais.

Para optar a estas bolsas é necesario:

a) Ser galego maior de idade.

b) Estar en posesión do título de licenciado en ciencias biolóxicas ou ciencias do mar na data da solicitude.

c) Non estar obrigado a realiza-lo servicio militar ou prestación social substitutoria durante o período de desfrute da bolsa.

d) Non ter desfrutado con posterioridade ó remate dos estudios da súa licenciatura doutra bolsa de caracerísticas similares.

Cuarta.-Centros de realización.

As bolsas realizaranse no Centro de Investigacións Mariñas -Pedras de Corón- Vilanova de Arousa (Pontevedra), nas áreas de Procesos Oceanográficos Costeiros, Recursos Mariños e Patoloxía.

Os bolseiros están obrigados a incorporarse ó centro na data que se lles indique no documento de aceptación da bolsa.

Quinta.-Documentación e trámites.

1. A solicitude destas bolsas realizarase no modelo do anexo II da presente orde.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade.

b) Certificación académica detallada na que figuren as cualificacións obtidas, as datas de obtención e o número exacto de convocatorias investidas en cada materia (orixinal ou fotocopia compulsada). Será válida a fotocopia compulsada da certificación pero non as certificacións extractadas do expediente académico do solicitante.

No caso de estudios validados deberá presentarse, así mesmo, certificación académica, de idénticas características, para os estudios de orixe.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros non estatais deberán estar validados ou recoñecidos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e deberase xuntar, se é o caso, as oportunas táboas de equivalencia oficiais das certificacións.

c) Fotocopia compulsada do título correspondente ou, no seu defecto, xustificación de ter realizado o pagamento dos dereitos de expedición.

d) Declaración xurada do solicitante na que conste que se cumpre o requisito establecido na base terceira.

e) Currículum vitae, presentado cantos documentos o avalen.

2. A presentación das solicitudes farase no rexistro xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura (edificios administrativos de San Caetano, Santiago de Compostela), ou ben por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación finalizará ós 20 días hábiles da publicación da presente Orde no Diario Oficial de Galicia.

4. A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación comprobará que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e publicará unha resolución nos taboleiros de anuncios da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e das súas delegacións coa lista de admitidos e excluídos, indicando, se é o caso, as causas de exclusión. Contra a dita resolución poderán os interesados formular reclamación para emendar erros e falta de documentos, ante a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación no prazo de 10 días a partir da publicación da resolución, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se corrixan as causas de exclusión procederase ó arquivo do expediente sen máis trámites.

Sexta.-Outorgamento das bolsas.

1. As bolsas serán adxudicadas polo conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, por proposta da comisión de selección.

2. A comisión de selección constará de cinco membros: un presidente que será o director xeral de Formación Pesqueira e Investigación e catro vocais, dous designados pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e outros dous designados pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

A selección dos bolseiros farase en función dos méritos acreditados na base quinta, e terase en conta, ademais, o coñecemento de idiomas.

Ademais do exame da documentación a comisión de selección poderá convoca-los solicitantes a unha entrevista persoal.

Efectuada a selección pola comisión, a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación fará pública a relación provisional de beneficiarios seleccionados mediante anuncio publicado no taboleiro de anuncios da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e nos das súas delegacións. Contra esta

resolución poderase formular reclamación no prazo de 10 días, transcorrido o dito prazo a comisión procederá a estudia-las reclamacións presentadas e elevará a proposta definitiva ó conselleiro para que resolva.

A resolución da convocatoria farase por orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura que se publicará no Diario Oficial de Galicia, e poñerá fin á vía administrativa, segundo o disposto no artigo 109.c da Lei 30/1992.

Se transcorridos 10 días desde a publicación da resolución de adxudicación no Diario Oficial de Galicia, os bolseiros non formalizasen a adscrición, perderán a bolsa e procederase a cubri-las vacantes cos suplentes nomeados.

As solicitudes entenderanse desestimadas se nun prazo de tres meses a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes non se dictou resolución.

Setima.-Pagamento e efectividade.

1. Incorporado ó lugar de realización da bolsa, e trala súa notificación polo titor do bolseiro, procederase ó pagamento da cantidade mensual fixada na base unha, con efecto a mes vencido.

A ausencia inxustificada, o baixo interese e rendemento e o non cumprimento das normas de réxime interno, así como a non realización dos traballos propostos serán causa de perda da bolsa.

2. a) A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación poderá en calquera momento da realización da bolsa, solicitarlle ó bolseiro un informe sobre as súas actividades.

b) Antes do pagamento da última mensualidade, o bolseiro fará entrega dun informe por escrito sobre os traballos desenvolvidos no período de formación, ó que se xuntará informe do director do proxecto. O incumprimento deste requisito dará lugar á perda desta mensualidade.

Oitava.-Renuncia á bolsa concedida.

No caso de renuncia á bolsa concedida, o bolseiro presentará a correspondente solicitude fundamentada, podéndose cubri-la vacante producida polo período de desfrute restante co candidato suplente nomeado seguindo a orde de puntuación obtida.

Novena.-Condicións da prórroga.

Transcorrido un ano e logo do informe favorable da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, e sempre que exista partida orzamentaria, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, por solicitude do bolseiro, poderá acordar prórrogas por períodos dun ano da bolsa que tiña concedida.

Para solicita-la segunda prórroga o bolseiro deberá acredita-la súa suficiencia investigadora.

6877