Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Venres, 14 de agosto de 1998 Páx. 9.443

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 7 de agosto do 1998 pola que se abre un novo prazo de solicitude das axudas e subvencións para o fomento do emprego polas entidades locais a través dos programas de cooperación, reguladas pola Orde do 27 de abril de 1998, publicada no Diario Oficial de Galicia do 30 de abril.

Mediante Orde do 27 de abril do 1998 (DOG do 30 de abril), a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude regulou as axudas e subvencións para o fomento do emprego polas entidades locais a través dos denominados programas de cooperación.

O orzamento adicional para o financiamento do Plan de Acción para o Emprego do Reino de España 1998, que supón un incremento dos fondos finalistas asignados á Comunidade Autónoma de Galicia para subvencionar programas de cooperación con entidades locais, aconsella abrir un novo prazo de presentación de solicitudes e orienta-las actuacións para desenvolver cara á prestación de servicios de especial interese para a comunidade e con maior potencialidade de xeración de novos empregos, respectando a regulación prevista na antedita orde que, en todo caso, ten carácter de dereito supletorio.

Consecuentemente co que antecede, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e no exercicio das facultades que teño atribuídas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente

DISPOÑO:

Artigo único.-As entidades locais que reúnan os requisitos establecidos no artigo 9 da Orde do 27 de abril de 1998, pola que se regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego polas enti

dades locais a través dos programas de cooperación poderán, no prazo de 20 días hábiles contados desde o seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, solicita-las subvencións previstas no capítulo II da referida orde, sempre que a contratación de desempregados teña por obxecto a realización dalgunha das seguintes accións:

a) Prestación de servicios de ocio, culturais ou de promoción do deporte, en especial os dirixidos a facilita-lo acceso e uso das instalacións deportivas dos centros educativos durante as fins de semana, períodos vacacionais e horarios de inactividade docente.

b) Prestación de servicios personalizados de carácter cotián, tales como o coidado de nenos, a prestación de axuda a domicilio a persoas maiores ou incapacitadas e o apoio e axudas a xoves en dificultade e/ou con desarraigo social.

c) Contratación de parados de longa duración maiores de 40 anos para a realización de obras ou servicios de interese xeral ou social.

Disposicións adicionais

Primeira.-Por petición da entidade local interesada, as delegacións provinciais poderán autoriza-la prórroga da prestación de servicios aprobados en virtude das solicitudes formuladas no prazo establecido na Orde do 27 de abril do 1998, cando a súa continuidade resulte de especial interese para a comunidade, sen superar, en ningún caso, a data límite establecida no artigo 11.1º e) da citada orde. Neste suposto, a subvención correspondente á prórroga calcularase en función da súa duración e das contías aprobadas para o período inicial. A antedita petición deberá realizarse cunha antelación mínima de trinta días naturais á data inicialmente prevista para a finalización do servicio.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde, observarase o disposto na do 27 de abril do 1998, da

Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, pola que se regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego polas entidades locais, a través dos programas de cooperación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Fomento do Emprego para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución da presente norma.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de agosto do 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

7648