Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Venres, 14 de agosto de 1998 Páx. 9.430

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 2 de xullo de 1998, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de rematantes e serradoiros de madeira.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector de rematantes e serradoiros de madeira, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 29-6-1998, subscrito en representación da parte económica polo Grupo Provincial de Rematantes y Aserradores de Madera de Pontevedra, e da parte social, polas centrais sindicais CC.OO., UGT e CIG, en data 15-6-1998. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Tercero.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 2 de xullo de 1998.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de rematantes e serradoiros de madeiras da provincia de Pontevedra

Capítulo I

Aspectos formais

Artigo 1º.-Partes asinantes.

1. Son partes asinantes do presente convenio, en representación empresarial: o Grupo Provincial de Rematantes y Aserraderos de Maderas de Pontevedra e, reprentando ós traballadores as centrais sindicais: Confederación Intersindical Galega (CIG), Unión General de Trabajadores (UGT) e Comisións Obreras (CC.OO.).

2. Ámbalas dúas partes recoñécense mutuamente, lexitimación para negocia-lo presente convenio.

Artigo 2º.-Ámbito territorial, funcional e persoal.

1. Territorial: afectará a tódalas empresas da provincia de Pontevedra.

2. Funcional: as actividades ás que se dediquen as ditas empresas, serán as de rematantes e serradoiros de madeiras.

3. Persoal: afectará a totalidade do persoal que preste servicios nas empresas afectadas.

Artigo 3º.-Ámbito temporal e denuncia.

1. Terá a duración dun ano, contado desde o 1 de xaneiro de 1998 ata o 31 de decembro de 1998. A súa vixencia será a da totalidade da súa duración.

Co fin de evitar baleiro normativo, rematada a súa vixencia e ata que non se acade un novo acordo expreso, perderán vixencia as súas cláusulas obrigacionais, manténdose as normativas ata a sinatura do convenio que o substitúa.

2. Para dar cumprimento ó previsto no Estatuto dos traballadores, as partes asinantes fan constar expresamente que o presente convenio non precisa denuncia para a súa total extinción o 31-12-1998.

Artigo 4º.-Condición máis beneficiosas.

Tódalas melloras contidas no presente convenio establécense con caracter de mínimas.

Os pactos ou situacións existentes en calquera empresa que no seu conxunto impliquen condicións máis beneficiosas, respecto das convidas, seran respectadas.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

1. Créase unha comisión paritaria composta por un máximo de 6 membros, designados 3 por cada unha das partes, empresarial e sindical, na forma que decidan as respectivas organizacións e coas funcións que se especifican no artigo seguinte:

2. Os acordos da comisión paritaria adoptaranse, en todo caso, por unanimidade e, aqueles que interpreten este convenio, terán a mesma eficacia que a norma que fose interpretada.

3. A comisión paritaria reunirase unha vez ó ano. Poderanse convoca-las reunións extraordinarias que se estimen necesarias, que serán solicitadas pola metade máis un dos seus membros.

4. Sinálase como domicilio da comisión o da Asociación Provincial de Rematantes y Aserraderos de Maderas de Pontevedra: García Barbón 104, Vigo.

Artigo 6º.-Funcións e procedementos da comisión paritaria.

1. A comisión paritaria á que se refire o artigo anterior terá as seguintes funcións:

a) Vixilancia e seguimento do cumprimento deste convenio.

b) Interpretación da totalidade dos preceptos do presente convenio.

c) Por instancia de algunha das partes mediar ou intentar conciliar, se é o caso, e logo do acordo das partes e a súa solicitude, arbitrar en cantas cuestións e conflictos, todos eles de carácter colectivo,

poidan suscitarse na aplicación do presente convenio.

d) Cantas outras funcións tendan á maior eficacia práctica do presente convenio, ou se deriven do estipulado no seu texto e anexos que formen parte del.

2. Como trámite, que será previo e preceptivo, a toda actuación administrativa ou xurisdiccional que se promova, as partes asinantes do presente convenio obríganse a pór en coñecemento da comisión paritaria cantas dúbidas, discrepancias e conflictos colectivos, de carácter xeral, puidesen presentarse en relación coa interpretación e a súa aplicación, sempre que sexan da súa competencia conforme o establecido no apartado 1, co fin de que, mediante a súa intervención, se resolva o problema presentado ou, se iso non fose posible, emita un dictame ó respecto. O dito trámite previo entenderase cumprido no caso de que transcorrese o prazo previsto no apartado 5 sen que se emitise resolución ou dictame.

3. Establécese que cuestións propias da competencia da comisión paritaria e que se promovan ante ela adoptarán a forma escrita, e o seu contido será o suficiente para que se poida examinar e analiza-lo problema co necesario coñecemento de causa, debendo ter como contido obrigatorio:

a) Exposición sucinta e concreta do asunto.

b) Razóns e fundamentos que entenda que asistan o propoñente.

c) Proposta e petición concreta que se lle formule á comisión.

Ó escrito-proposta xuntaráselle cantos documentos se consideren necesarios para a mellor comprensión e resolución do problema.

4. A comisión poderá solicitar, por vía de ampliación, canta información ou documentación se estime pertinente para unha ou máis completa información do asunto, e para este efecto concederáselle ó propoñente un prazo que non poderá exceder de 5 días hábiles.

5. A comisión, unha vez recibido o escrito-proposta e, se é o caso, completada a información pertinente, disporá dun prazo non superior a 20 días hábiles para resolve-la cuestion presentada ou, se iso non fose posible, emiti-lo oportuno dictame. Transcorrido o dito prazo sen terse producido resolución nin dictame, quedará aberta a vía administrativa ou xurisdiccional competente.

6. Cando sexa preciso realizar consultas, o prazo poderá ser adiado no tempo que a comisión determine.

Capítulo II

Contratación

Artigo 7º.-Contratación.

1. O contrato de traballo poderase realizar nas diferentes formas establecidas pola normativa laboral en cada momento, formalizándose por escrito nos

supostos que o recolla a lexislación e conforme á ela, entregándolle copia deste contrato ó interesado.

2. Realizaranse por escrito as prórrogas que se formalicen, así como o previo aviso de remate do contrato. O contato de traballo deberá formalizarse antes do comezo da prestación de servicios.

3. A empresa, previamente ó seu ingreso, poderá realizarlles ós interesados as probas de selección, prácticas e psicotécnicas, que consideren necesarias para comprobar se o seu grao de aptitude e a súa preparación son as axustadas á categoría profesional e posto de traballo que vaia desenvolver.

4. O empresario entregaralles, nun prazo non superior a dez días desde a formalización do contrato, ós representantes legais dos traballadores, unha copia básica de tódolos contratos que se realicen.

5. As empresas quedan obrigadas a publicar, no seu taboleiro de anuncios, o modelo TC-2 correspondente ó último mes no que se fixese efectiva a liquidación.

Artigo 8º.-Período de proba.

1. Cos traballadores que se incorporen á empresa poderase concertar, por escrito, un período de proba que en ningún caso poderá exceder de:

-Técnicos titulados: 6 meses.

-Xefes e encargados: 3 meses.

-Oficiais: 30 días laborables.

-Resto de persoal. 15 días laborables.

2. Durante o período de proba o traballador terá os dereitos e obrigas correspondentes á súa categoría profesional e posto de traballo que desempeñe, como se fose do cadro de persoal excepto os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso, sen necesidade de aviso previo e sen que ningunha das partes teña dereito a indemnización ningunha, debéndose comunica-lo desestimento por escrito.

3. Transcorrido o período de proba sen que teña producido o desestimento, o contrato producirá plenos efectos, computándose o tempo dos servicios prestados para efectos de antigüidade.

Artigo 9º.-Contrato para obra ou servicio determinado.

1. É o contrato celebrado ó amparo do artigo 15.1º a) do Estatuto dos traballabores, segundo a redacción dada pola Lei 63/1997, do 30 de decembro, e que ten por obxecto a realización dunha obra ou traballo determinado, e cunha execución, aínda que delimitada no tempo, e, en principio, de duración incerta.

2. A duración do contrato axustarase ós seguintes supostos:

a) Con carácter xeral, o contrato é para unha soa obra ou servicio determinado, con independencia

da súa duración. Rematará cando finalicen os traballos, de oficio e categoría, do traballador na dita obra.

b) Non obstante o apartado anterior, logo do acordo entre as partes, o persoal contratado para unha obra ou servicio determinado poderá seguir prestando servicios a unha empresa durante un período máximo de tres anos e medio consecutivos, sen perde-la dita condición e percibindo os conceptos compensatorios que correspondan polos seus desprazamentos, se é o caso; tanto se realiza os novos servicios no mesmo centro de traballo ou en distintos centros dunha mesma provincia ou limítrofe.

3. Os traballadores que formalicen un contrato para unha obra ou servicio determinado, terán dereito unha vez rematado por expiración do tempo convido, a percibir unha indemnización. A dita indemnización consistirá nunha porcentaxe sobre os conceptos salariais percibidos durante a vixencia do contrato, de acordo coa seguinte escala:

-Ata 12 meses de duración: o 4%.

-De 12 a 24 meses de duración: o 3,5%.

-Máis de 24 meses de duración: o 2%.

As porcentaxes das indemnizacións permanecerán inalterables ata o ano 2007.

Artigo 10º.-Contrato eventual por circunstancias da producción.

1. É o contrato celebrado ó amparo do artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, segundo redacción dada pola Lei 63/1997, do 30 de decembro, e que concerta cando as circunstancias do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos así o esixiran, aínda que se trate de actividade normal da empresa.

2. Este tipo de contrato estará suxeito ás seguintes consideracións:

a) No contrato consideraranse con precisión e claridade a causa ou circunstancia que o xustifique.

b) A duración máxima deste contrato será de 12 meses dentro dun período de 15 meses. No caso de que se concerte por un prazo inferior a 12 meses poderá ser prorrogado, por unha soa vez, con acordo das partes, sen que a duración total co contrato poida exceder do dito límite máximo.

3. Os traballadores que formalicen un contrato eventual por circunstancias da producción, terán dereito, unha vez rematado por expiración do tempo convido, a percibir unha indemnización. A dita indemnización consistirá nunha porcentaxe sobre os conceptos salariais percibidos durante a vixencia do contrato, de acordo coa seguinte escala:

-Ata 6 meses de duración: o 6%.

-De 6 a 9 meses de duración: o 4%.

-Máis de 9 meses de duración: o 3,5%.

As citadas indemnizacións terán vixencia a partir do 1 de xaneiro de 1999. As porcentaxes das indemnizacións permanecerán inalterables ata o ano 2007.

Artigo 11º.-Contrato para a formación.

1. É o contrato celebrado ó amparo do artigo 11.2º do Estatuto dos traballadores, segundo redacción dada pola Lei 63/1997, do 30 de decembro, e que ten por obxecto a adquisición da formación teórica e práctica, para o desenvolvemento axeitado dun oficio ou posto de traballo cualificado no sector.

2. Poderase realizar con traballadores maiores de 16 anos e menores de 21 que carezan da titulación requirida para realizar un contrato en prácticas.

3. En ningún caso, a duración mínima poderá ser inferior a seis meses, nin a máxima superior a dous anos. As partes poderán acordar dúas prórrogas, non podendo se-la duración de cada unha delas inferior a 6 meses, nin supera-la duración máxima do contrato.

4. A retribución do traballador contratado para a formación será:

a) Durante o primeiro ano do contrato, o salario mínimo interprofesional (SMI) vixente.

b) Durante o segundo ano de contrato, o SMI vixente incrementado nun 10%.

Nos dous casos, as retribucións enténdense referidas a unha xornada do 100% do traballo efectivo.

5. O número de contratos para a formación que poden realiza-las empresas non poderá supera-los sinalados na seguinte escala:

Ata 5 traballadores: 1.

De 6 a 10 traballadores: 2.

De 11 a 15 traballadores: 3.

De 16 a 25 traballadores: 4.

De 26 a 40 traballadores: 5.

De 41 a 50 traballadores: 6.

De 51 a 100 traballadores: 8.

De 101 a 250 traballadores: 10 ou o 8% do cadro de persoal.

De 251 a 500 traballadores: 20 ou o 6% do cadro de persoal.

Máis de 500 traballadores: 30 ou o 4% do cadro de persoal.

6. A formación teórica atenderá ás seguintes consideracións:

a) O tempo dedicado a ela deberase alternar co traballo efectivo e será dun 15% da xornada máxima do convenio: 6 horas semanais.

b) Deberá ser impartida en centros de formación públicos ou privados perfectamente acreditados e homologados.

c) Cando non sexa posible a formación presencial, por esta-lo centro de formación a máis dunha hora de viaxe ou a máis de 50 km, poderase impartir mediante a modalidade de ensino a distancia.

d) Será financiada con cargo ó acordo tripartito de formación continua.

e) No caso de que algunha empresa incumpra as súas obrigas en materia de formación teórica, deberá aboarlle ó traballador o cento por cento do salario.

Artigo 12º.-Contratación de substitución por anticipación da idade de xubilación.

1. Por acordo entre a empresa e traballador, este poderá xubilarse á idade de 64 anos e a empresa terá a obriga de contratar un traballador que o substitúa co obxecto de que o primeiro se poida acoller ós beneficios establecidos no R.D. 1194/1985, do 17 de xullo, ou a norma que puidera substituílo.

2. As partes asinantes pactan no presente convenio que, de calquera modo, a idade máxima para traballar será de 65 anos, sen prexuízo de que se poidan completa-los de carencia para a xubilación.

Artigo 13º.-Cesamentos.

1. O fin do contrato deberá serlle comunicado, por escrito, ó traballador cunha antelación mínima de quince días naturais. Nembargantes, poderase substituír este aviso previo por unha indemnización equivalente á cantidade correspondente ós días de avisamento omitidos, calculada sobre os conceptos salariais das táboas do convenio.

Toda comunicación de aviso previo de cesamento deberá ir acompañada dunha proposta de liquidación.

O traballador poderá ser asistido por un representante dos traballadores no acto da sinatura do recibo de finiquito.

2. O cesamento voluntario por parte do traballador deberá ser comunicado á empresa, por escrito, e cunha antelación mínima de quince días naturais. O incumprimento desta obriga poderase sancionar, pola empresa, descontando un día de salario por cada día de falta de aviso previo.

Artigo 14º.-Promoción profesional.

O ascenso dos traballadores a tarefas ou postos de traballo que impliquen mando ou especial confianza, serán de libre designación e revogación pola empresa.

Artigo 15º.-Empresas de traballo temporal.

As empresas afectadas por este convenio, cando contraten os servicios de empresas de traballo temporal, garantirán que os traballadores postos á súa disposición teñan os dereitos laborais e retributivos que lles corresponden ós seus traballadores en aplicación do presente convenio. Esta obriga constará expresamente no contrato de posta á disposición celebrado entre a empresa de traballo temporal e

a empresa usuaria que estea vinculada polo presente convenio.

Capítulo III

Tempo de traballo

Artigo 16º.-Xornada de traballo.

1. A xornada máxima ordinaria será, en cómputo anual, de 1.808 horas de traballo efectivo para o ano 1998. A xornada ordinaria semanal será de 40 horas, distribuídas de luns a venres.

2. No suposto de xornada continuada, establecerase un período de descanso de quince minutos que terá a consideración de traballo efectivo.

Artigo 17º.-Días festivos.

1. Para efectos de distribución e axeitación da xornada anual, con vixencia para 1998, consideraranse como non laborables e retribuídos os días 24 e 31 de decembro.

2. Se algún concello da provincia sinala como festivo local un día non laborable, ou coincidise con algún dos días anteriormente referidos, establécese como festivo na súa substitucióin o día laborable inmediatamente seguinte.

3. Os días de descanso retribuído establecidos no apartado 1 poderán ser modificados por acordo entre a empresa e os traballadores, ou os seus representantes legais, para axustalos ás necesidades das partes.

Artigo 18º.-Horas extraordinarias.

1. Son horas extraordinarias de forza maior, aquelas cunha realización motivada por un acontecemento extraordinario orixinado por causas alleas á propia actividade empresarial: incendio, asolagamento, explosión, derrubas, etc.

2. Son horas extraordinarias estructurais as necesarias para atender pedidos ou períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda ou outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza da actividade, sempre que non poida ser substituída pola utilización de modalidades de contratación previstas na lei.

3. As horas extraordinarias, en todo caso, pola súa natureza, serán voluntarias, excepto as que teñan a súa causa na forza maior.

4. O número de horas extraordinarias que realice cada traballador, salvo nos supostos de forza maior, non excederá de oitenta horas ó ano.

Artigo 19º.-Vacacións.

1. O persoal afectado polo presente convenio terá dereito ó desfrute dun período de vacacións anuais retribuídas de trinta días naturais de duración, dos que vinteún (21), como mínimo, serán laborables.

O seu desfrute iniciarase en calquera caso en día laborable; e, como norma xeral e salvo pacto en

contrario, o desfrute das vacacións terá carácter ininterrompido.

2. As empresas concederán preferentemente as vacacións entre os meses de xuño e setembro, ambos inclusive, salvo pacto individual en contrario; así mesmo, poderanse excluír por motivos de organización, determinados períodos para o seu desfrute.

3. Os traballadores coñecerán, con dous meses de antelación ó seu desfrute, o período vacacional.

O calendario de vacacións, unha vez aprobado, quedará exposto no taboleiro de anuncios da empresa.

4. O dereito a vacacións non é susceptible de compensación económica. Non obstante, o persoal que cause cesamento durante o transcurso do ano, terá dereito ó aboamento do salario correspondente á parte de vacacións devengadas e non desfrutadas, como concepto integrante da liquidación pola súa baixa na empresa, aínda que as vacacións en parte correspondan ó ano natural anterior.

5. Para efectos de devengo de vacacións, considerarase como tempo efectivamente traballado o correspondente á situación de incapacidade temporal (IT), sexa cal fose a súa causa. Non obstante, dado que o dereito ó desfrute de vacacións caduca co transcurso do ano natural, perderase se ó vencemento deste o traballador continuase de baixa.

6. Se no momento no que a un traballador lle corresponde, por estar así establecido, o inicio do período vacacional e se atopase en situación de IT por calquera motivo, poderá adia-lo seu desfrute de común acordo coa empresa.

7. No caso de que o traballador caese en situación de IT mentres estivese a desfrutar das vacacións, a duración desta computarase como días de vacacións sen prexuízo do dereito do traballador a percibi-la diferencia entre a retribución correspondente ás vacacións e a prestación de IT, se é o caso.

8. A retribución das vacacións consistirá na cantidade fixa establecida para cada categoría, na táboa salarial anexa, máis antigüidade e complementos salariais.

Artigo 20º.-Licencias.

As empresas concederanlles ós traballadores que o soliciten, logo da xustificación, se é o caso, as licencias salariais sinaladas seguidamente, sen perda de retribución:

1. Matrimonio do traballador: quince días.

2. Por: a) Nacemento ou adopción de fillos, enfermidade grave de cónxuxe ou fillo: tres días.

b) Enfermidade grave de pais, irmáns ou avós: dous días.

Entenderase que existe enfermidade grave, exclusivamente, nos supostos nos que se produza hospitalización ou intervención cirúrxica.

O tempo de licencia deste apartado poderá ser ampliado, sen dereito a remuneración, logo do certificado médico esixible pola empresa, cando a enfermidade supere os prazos establecidos.

3. Por: a) Morte do cónxuxe ou fillos: catro días.

b) Morte de pais, irmáns ou avós: dous días.

4. Cambio de domicilio: un día.

5. Matrimonio dun fillo: un día, se se celebra nun día laborable.

6. Consulta ó: a) Médico especialista: polo tempo necesario, cun máximo de cinco horas ó día.

b) Médico de cabeceira: ata un máximo de catro saídas anuais, sen que as ausencias poidan supera-las 18 horas ó ano.

7. Traballadoras por lactación dun fillo, ata nove meses despois do parto, terán dereito a unha hora de ausencia ó traballo que se poderá dividir en dúas fraccións de media hora.

Poderase substituír este dereito por reducción da xornada nunha hora, que terá que ser sempre ó comezo ou ó final da xornada laboral. Cando os dous pais traballen, soamente un poderá exercer tal dereito.

8. Os parentes sinalados nos apartados 2 e 3, serano tanto polo grao de afinidade como de consanguinidade.

9. No caso de que fose necesario un desprazamento fóra da provincia de residencia do traballador, as licencias ás que se refiren os apartados 2 e 3 deste artigo ampliaranse en dous días.

10. As licencias ás que se refiren os apartados 2.a) e 3.a) do presente artigo, estenderanse, así mesmo, con idénticos efectos, naqueles casos nos que non existindo unión matrimonial, se manteña unha relación análoga de afectividade; sempre e cando exista unha efectiva convivencia da parella.

11. Os traballadores terán dereito, así mesmo, a dispoñer de dous días ó ano, non retribuídos, calquera que sexa a causa alegada na súa petición. O permiso deberá serlle solicitado, por escrito, á empresa cunha antelación mínima de cinco días.

Os días ós que se refire este artigo entenderanse, en tódolos casos, como días naturais.

Artigo 21º.-Excedencia.

1. A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa:

a) Voluntaria. O traballador con, alomenos, unha antigüidade dun ano na empresa, terá dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria, por un prazo non menor de dous anos e non maior de cinco. O traballador soamente poderá exercer de novo este dereito se transcorresen catro anos desde o final da anterior excedencia.

b) Forzosa. O traballador poderá situarse en situación de excedencia forzosa nos seguintes casos:

-Cando fose elixido para un cargo público que imposibilite a súa asistencia ó traballo.

-Cando exerza un cargo ou funcións sindicais de ámbito provincial ou superior. Neste caso a solicitude irá acompañada dunha certificación da central sindical á que pertenza, na que conste o cargo ou función sindical para a que foi elixido.

2. Na excedencia voluntaria conservarase un dereito preferente ó reingreso nas vacantes de igual ou similar categoría á súa, que houbese ou se produzan na empresa. Na excedencia forzosa o reingreso será automático na empresa, ó rematar aquela, e a ocupar unha praza da mesma categoría que tiña antes da excedencia, así como ó cómputo da antigüidade durante a súa vixencia.

3. No caso de excedencia voluntaria o reingreso solicitarase un mes antes do remate do prazo que lle foi concedido. Na excedencia forzosa o reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo para o que foi elixido.

En ámbolos dous supostos, de non facerse a solicitude en tempo e forma, dará lugar á perda de tódolos dereitos. As contestacións ás solicitudes serán feitas pola empresa, no prazo de quince días, entendéndose concedidas de non mediar resposta no prazo sinalado.

Artigo 22º.-Traballos penosos, tóxicos ou perigosos.

1. O persoal que realice traballos penosos, tóxicos ou perigosos recibirá por parte da empresa os medios de protección axeitados que eliminen o seu carácter de penosidade, toxicidade ou perigosidade. Haberá que aterse sempre ó establecido na Lei de prevención de riscos laborais e a avaliación de riscos de cada empresa.

2. A empresa facilitará a aqueles traballadores que especificamente o necesiten pola súa actividade botas de protección, luvas, gafas, cascos, etc.

A periodicidade no recambio de cada unha das pezas de roupa de seguridade será, en cada caso, de acordo co tempo lóxico de duración ou ben polo seu estado de deterioración.

3. No caso de discrepancia entre as partes sobre se un determinado traballo, labor ou actividade debe cualificarse como excepcionalmente penoso, tóxico ou perigoso, correspóndelle á comisión paritaria de saúde laboral do presente convenio, resolve-lo que proceda, logo do informe técnico elaborado polo gabinete técnico de saúde laboral provincial correspondente, da Xunta de Galicia.

Artigo 23º.-Traballo nocturno.

1. As horas traballadas durante o período comprendido entre as vintedúas horas da noite e as seis da mañá terán a consideración de traballo nocturno.

2. Exceptúanse do parágrafo anterior e, polo tanto, non haberá lugar a ningunha compensación econó

mica nos supostos seguintes:

a) As contratacións realizadas para traballos que pola súa propia natureza se consideran nocturnos tales como: gardas, porteiros, serenos ou similares, que fosen contratados para desenvolve-las súas funcións durante a noite.

b) O persoal que traballe en dúas quendas cando a coincidencia entre a xornada de traballo e o período nocturno sexa igual ou inferior a unha hora.

Capítulo IV

Retribucións

Artigo 24º.-Salarios.

1. Todo o persoal afectado polo presente convenio, percibirá as retribucións consignadas na táboa anexa nº 1, incrementadas, se é o caso, coa antigüidade correspondente.

Os aumentos concedidos polo presente convenio, absorberán se é o que, por imperativo legal, se impuxesen posteriormente durante a súa vixencia.

Os conceptos económicos terán eficacia ós oito días da sinatura do convenio.

2. Incremento para o ano 1998: aplicarase un 2,5% sobre a táboa salarial vixente o 31-12-1997.

Artigo 25º.-Revisión salarial.

1. No caso de que o IPC rexistrase o 31 de decembro de 1998 un incremento respecto ó 1 de xaneiro de 1998, superior ó 2,5%, efectuarase unha revisión salarial no exceso sobre a dita porcentaxe. A revisión levarase a cabo unha vez se constate oficialmente, e pagarase con efectos do 1 de xaneiro de 1998.

2. Se, tendo en conta o establecido no apartado anterior, operase unha revisión salarial, a comisión paritaria deberá reunirse necesariamente dentro dos 15 días seguintes á data en que se coñezan os datos oficiais, co obxecto de cuantifica-lo dito exceso e proceder á elaboración da nova táboa salarial. A dita táboa revisada servirá de base de cálculo para o incremento do ano seguinte.

Artigo 26º.-Plus de transporte.

As empresas pagaranlles ós seus traballadores un plus de transporte na contía de 360 pesetas por cada día de asistencia ó traballo.

Artigo 27º.-Pagamento de nóminas.

O pagamento da nómina realizarase de forma mensual, dentro dos catro primeiros días hábiles de cada mes. Non obstante, o persoal poderá solicitar, coa debida antelación, anticipos a conta de haberes devengados.

Para todo o persoal consideraranse as mensualidades de 30 días.

Artigo 28º.-Antigüidade consolidada.

1. Os traballadores manterán e consolidarán as cantidades, que polo concepto de antigüidade desfrutaban con data do 1 de xaneiro de 1998. Ó importe anterior engadiráselle a parte proporcional de anti

güidade que o traballador tivese devengada e non cobrada na data antes referida, calculándose por defecto ou por exceso por anos completos, é dicir, computarase ano completo cando a fraccióin deste sexa igual ou superior a 0,5.

2. Achégase táboa (anexo II), coas antigüidades xa consolidadas con data do 1 de xaneiro de 1998. Esta táboa tan só será aplicable a aqueles traballadores que na data citada tivesen, polo menos, cinco anos de antigüidade na empresa.

3. Os importes da táboa manteranse invariables e por tempo indefinido como complemento retributivo ad personam, é dicir, non sufrirán modificacións en ningún sentido e por ningunha causa. O dito complemento retributivo reflectirase nos recibos de salario coa denominación de antigüidade consolidada.

Compensación pola supresión: para compensa-la desaparición do complemento da antigüidade nos termos anteditos, aplicarase, durante os anos 1998, 1999, 2000 e 2001, e con efectos do 1 de xaneiro de cada un destes anos, un incremento lineal de 21.250 pesetas por ano, para tódolos niveis profesionais das táboas de salarios. O citado incremento lineal adicionarase ó salario base do convenio, para cada unha das categorías, unha vez se lle aplique a cada salario o incremento pactado para cada un dos anos respectivos.

Artigo 29º.-Gratificacións extraordinarias.

1. Establécense dúas gratificacións extraordinarias coa denominación de paga extra de verán e paga extra de Nadal que se devengarán por semestres naturais. Serán aboadas os días 15 de xullo e 15 de decembro, respectivamente. A contía de cada unha das pagas extraordinarias consistirá en 30 días de salario máis antigüidade, se é o caso.

2. Así mesmo, percibirán unha gratificacióin extraordinaria, denominada paga de marzo, que se devengará por anualidades, e na contía de 15 días de salario, máis antigüidade, se é o caso. Aboarase o 19 de marzo.

Artigo 30º.-Retribución das horas extraordinarias.

1. A retribución das horas extraordinarias determinarase seguindo os seguintes criterios:

a) As realizadas en días laborables sufrirán un incremento do 75 por cento sobre o valor da hora ordinaria.

b) As realizadas en día non laborable sufrirán un incremento do 150% sobre o valor da hora ordinaria. O valor da hora ordinaria (VHO), calcularase de acordo coa seguinte fórmula:

(SB)+A)x14,5+(CSx12)

VHO=

Xornada laboral máxima ordinaria

SB= salario base.

A = antigüidade.

CS = complementos salariales.

2. Poderase optar, logo do acordo entre as partes, entre o aboa-las horas extraordinarias, conforme o previsto no apartado 1 deste artigo ou compensalas con tempo de descanso retribuído. Se se exerce esta última opción, por cada hora extraordinaria realizada nun día laborable haberá que compensar ó traballador con 1 hora e 45 minutos de descanso retribuído; se a hora extraordinaria se realiza en día non laborable, a compensación regulamentaria será de 2 horas e 30 minutos.

3. No caso de que o traballador teña horas de descanso acumuladas, o seu desfrute será sempre pactado entre o empresario e o traballador.

Artigo 31º.-Axudas de custo.

1. Tódolos traballadores que, por necesidades da empresa e por orde do empresario, teñan que efectuar viaxes ou desprazamento que lles impidan realizar comidas ou pernoitas no seu lugar habitual ou domicilio, terán dereito ás seguintes axudas de custo:

-Axuda de custo completa con pernoita: 5.000 ptas.

-Axuda de custo completa: 3.000 ptas.

-Media axuda de custo: 1.500 ptas.

2. Se por circunstancias excepcionais os gastos orixinados superasen os importes establecidos para o efecto, o exceso deberá ser pagado pola empresa, logo do coñecemento e posterior xustificación por parte do traballador.

3. Se a empresa se fixese cargo de tódolos gastos, non lles aboará ningunha cantidade por estes conceptos ós traballadores.

Artigo 32º.-Complemento por penosidade, toxicidade ou perigosidade.

1. Os traballadores que teñan que realizar labores continuados que resulten excepcionalmente penosas, tóxicas ou perigosas, deberá aboárselle un incremento do 25% sobre o seu salario. Se estas funcións se efectuaran durante a metade da xornada ou en menos tempo, o incremento será do 15%, aplicado ó tempo realmente traballado.

2. Se por calquera causa desapareceran as condicións de excepcional penosidade, toxicidade ou perigosidade, deixarán de aboarse os sinalados incrementos, non tendo, por tanto, carácter consolidable.

Artigo 33º.-Complemento de nocturnidade.

1. Ós traballadores que teñan que realizar traballos en xornada nocturna, retribuiráselles cun complemento do 20% sobre o seu salario.

O dito complemento aboaráselle integramente cando a xornada de traballo e o período nocturno teñan unha coincidencia superior ás catro horas; se fose inferior a este tempo, a retribución será proporcional ó número de horas traballadas durante o período nocturno.

Artigo 34º.-Non aplicación do réxime salarial.

1. O incremento salarial pactado no presente convenio non se aplicará, en todo ou parte, no caso

de empresas cunha estabilidade económica que puidera verse danada como consecuencia de tal aplicación.

2. Para acollerse á dita inaplicabilidade, a empresa deberá formula-la petición diante dos traballadores ou os seus representantes, por unha banda, e ante a comisión paritaria, por outra, xuntando a seguinte a documentación:

a) Memoria xustificativa da solicitude.

b) Documentación que acredite a causa invocada, entre a que necesariamente figurará a presentada ante a axencia estatal de Administración tributaria e o rexistro mercantil, referida ós tres últimos exercicios.

c) proposta salarial alternativa que incluirá, en todo caso, a recuperación futura da perda salarial negociada.

d) Proposta de viabilidade para o futuro da empresa.

3. A empresa e os traballadores ou os seus representantes poderán alcanzar acordo no prazo de quince días, que deberá ser notificado á comisión paritaria para que exerza o seu control e o acordo alcance eficacia plena.

4. No caso de non alcanzarse acordo, a cuestión elevarase á comisión paritaria, que será a competente para resolver en definitiva e, se é o caso, fixa-las condicións salariais alternativas.

Capítulo V

Prestacións sociais

Artigo 35º.-Complementos de prestación de incapacidade temporal. (Redacción copiada do artigo 17º do convenio vixente ata o de agora).

As empresas pagaranlles a aqueles dos seus traballadores que se atopen en situación de incapacidade temporal por causa de accidente laboral, exclusivamente durante a permanencia destes nun sanatorio ou hospital, unha compensación económica consistente na diferencia que exista entre as prestacións que o traballador perciba da Seguridade Social e o salario real que lle corresponda segundo a súa categoría profesional.

Artigo 36º.-Indemnización por morte ou invalidez.

Establécense as seguintes indemnizacións para tódolos traballadores afectados por este convenio:

1. As empresas afectadas polo presente convenio teñen a obriga de subscribi-la correspondente póliza de seguro por accidente de traballo, accidente in itinere e enfermidade profesional, que cubra as seguintes continxencias:

a) No caso de morte: 2.500.000 ptas.

b) No caso de invalidez permanente total: 3.500.000 ptas.

c) No caso de absoluta ou grande invalidez: 4.000.000 de ptas.

2. No caso de morte derivada de enfermidade común ou accidente non laboral, o importe de dúas mensualidades de tódolos conceptos salariais do convenio, vixente en cada momento.

Capítulo VI

Representación dos traballadores

Artigo 37º.-Dereitos sindicais.

1. As empresas considerarán os sindicatos debidamente implantados no cadro de persoal como elementos básicos e consubstanciais para afrontar, a través deles, as necesarias relacións entre traballadores e empresarios.

2. As empresas respectarán o dereito de tódolos traballadores a sindicarse libremente. Non poderán condiciona-lo emprego dun traballador á obriga de non afiliarse ou renunciar á súa afiliación sindical. Non poderán despedir a un traballador nin prexudicalo, de calquera outra maneira, a causa da súa afiliación ou actividade sindical.

3. As empresas permitirán ós traballadores afiliados a un sindicato e ós propios sindicatos, celebrar reunións, logo de comunicación, recadar cotas e distribuír información sindical fóra de horas de traballo sen que perturbe a súa actividade normal.

4. As empresas con máis de 50 traballadores facilitarán ó comité de empresa un local perfectamente acondicionado, dentro da empresa, e onde poida realiza-las súas actividades sindicais.

5. Nos centros de traballo con máis de 75 traballadores, a empresa recoñeceralles ás centrais sindicais, un delegado sindical, segundo o previsto no artigo 10 da Lei orgánica de liberdade sindical.

6. A empresa porá á disposición da representación sindical un taboleiro de anuncios nun lugar visible e de acceso a tódolos traballadores, onde se poida difundir aquela información que poida interesar ós afiliados ó sindicato, e ós traballadores, en xeral.

7. Os sindicatos, a través dos seus liberados ou representantes legais, poderán acceder ó interior das empresas ou centros de traballo, logo do permiso do empresario ou encargado, e pórse en contacto cos seus afiliados, delegados ou membros do comité; para os efectos de subministrarlle información, sempre e cando o exercicio de tal práctica non interrompa o desenvolvemento do proceso productivo.

Artigo 38º.-Garantías dos comités de empresa e delegados de persoal.

Os membros do comité de empresa, delegados de persoal ou delegados sindicais desfrutarán das seguintes garantías:

1. Non poderán ser despedidos ou sancionados durante o exercicio das súas funcións, nin dentro do ano seguinte ó do seu cesamento, salvo que este se produza por revogación ou demisión, sempre que o despedimento ou sanción se basee na actuación do traballador no exercicio legal da súa representación.

2. Posuirá prioridades de permanencia na empresa, nos supostos de suspensión ou extinción por causas tecnolóxicas ou económicas.

3. Se o despedimento ou calquera outra sanción, por suposta falta grave ou moi grave, obedecese a outras causas, deberá tramitarse expediente contradictorio, no que será escoitado a parte do interesado, o comité de empresa ou os delegados de persoal.

4. Non poderán ser discdriminados, na súa promoción económica ou profesional, por causa ou razón do desempeño da súa representación.

5. Poderán acumularse horas dos distintos membros do comité ou delegados, nun ou varios compoñentes, debéndose producir un aviso previo de, alomenos, quince días co fin de que a empresa poida programa-la substitución do traballador que se trate.

Farase sempre mención ó período no que se vai facer uso da acumulación.

6. Non se lle computarán no seu crédito de horas, para o exercicio das súas funcións de representación, aquelas que se produzan con motivo da designación como compoñentes da comisión negociadora do convenio ou das comisións paritarias.

Artigo 39º.-Competencias dos comités de empresa e delegados de persoal.

Os membros do comité de empresa, delegados de persoal ou delegados sindicais terán as seguintes competencias:

1. Coñece-lo balance, a conta de resultados, a memoria e, no caso de que a empresa revista a forma de sociedade por accións ou participacións, daqueles documentos que se lles dean a coñecer ós socios e nas mesmas condicións.

2. Emitir informe, con carácter previo, á execución por parte do empresario das decisións adoptadas por este sobre a seguintes cuestións:

a) Reestructuración do cadro de persoal e cesamentos totais ou parciais, definitivos ou temporais daquel.

b) Reducción da xornada, así como traslado total ou parcial das instalacións.

c) Implantación ou revisión de sistemas de organización e control do traballo.

d) Estudio de tempos, establecemento de sistemas de primas ou incentivos e valoración de postos de traballo.

e) Cando a fusión, absorción ou modificación do status xurídico da empresa supoña calquera incidencia que afecte ó volume do emprego.

3. Ser informado de tódalas sancións impostas por faltas moi graves.

4. Colaborar coa dirección da empresa para consegui-lo establecemento de cantas medidas procuren o mantemento e incremento da productividade, de acordo co pactado no presente convenio.

Capítulo VII

Saúde laboral

Artigo 40º.-Revisión médica.

1. A empresa estará obrigada a realizar recoñecemento médico periódico a tódolos traballadores ó seu servicio, alomenos unha vez ó ano.

2. Así mesmo, efectuaráselle revisión médica ó traballador que se incorpora á empresa, dentro dos 30 días seguintes ó seu ingreso, salvo que xa a teña realizado no último ano natural.

3. Os traballadores disporán de media xornada retribuída para realiza-la revisión. No caso de que sexa necesario máis tempo, terán que presentar xustificante, séndolle igualmente retribuído o exceso. Os gastos de desprazamento serán por conta da empresa.

4. O traballador poderá optar por pasa-lo recoñecemento médico pola súa conta; neste caso, deberá presentar obrigatoriamente na empresa o certificado médico pertinente.

Artigo 41º.-Roupa de traballo.

1. As empresas entregarán a todo o persoal, que o necesite polo posto de traballo que desempeñe, un conxunto de chaqueta curta e pantalón ou funda cada seis meses.

2. O incumprimento desta obriga dará lugar ó aboamento de 3.655 ptas., en compensación por cada conxunto de pezas de roupa non entregadas.

Artigo 42º.-Consulta dos traballadores.

1. O empresario deberá consultarlles ós traballadores, coa debida antelación, a adopción das decisións relativas á planificación e a organización do traballo na empresa e a introducción de nova tecnoloxía, en todo o relacionado coas consecuencias que estas puidesen ter para a seguridade e saúde dos traballadores.

2. Nas empresas que conten con representantes dos traballadores, as consultas levaranse a cabo con eles.

Artigo 43º.-Risco grave e inminente.

1. O empresario estará obrigado a informa-lo antes posible a tódolos traballadores afectados, respecto da esixencia dun risco grave e inminente, e das medidas que se deban adoptar en materia de protección.

2. O traballador terá dereito a interrompe-la súa actividade e abandona-lo lugar de traballo, en caso necesario, cando considere que a dita actividade entraña un risco grave e inminente para a súa vida e saúde.

3. Cando o empresario non adopte as medidas necesarias, os representantes legais dos traballadores poderán acordar, pola maioría dos seus membros, a paralización da actividade. Tal acordo será comunicado de inmediato á empresa e á autoridade laboral, a cal nun prazo de vintecatro horas, anulará ou ratificará a paralización acordada.

4. Os traballadores ou os seus representantes non poderán sufrir ningún prexuízo derivado da adopción das medidas á que se refiren os apartados anteriores, alomenos que obrasen de mala fe ou cometesen neglixencia grave.

Artigo 44º.-Delegados de prevención.

1. Os delegados de prevención son os representantes dos traballadores con funcións específicas en materia de prevención de riscos no traballo e serán designados por e entre os representantes do persoal, de acordo coa seguinte escala:

-De 50 a 100 traballadores: 2 delegados de prevención.

-De 101 a 500 traballadores: 3 delegados de prevención.

Nas empresas de:

-Ata trinta traballadores, o delegado de prevención será o delegado de persoal.

-De trinta e un a corenta e nove traballadores, haberá un delegado de prevención, que será elixido por e entre os delegados de persoal.

2. Competencias:

a) Colaborar coa dirección da empresa na mellora da acción preventiva.

b) Promover e fomenta-la cooperación dos traballadores na execución da normativa de prevención dos riscos laborais.

c) Exerce-la labor de vixilancia e control sobre o cumprimento da normativa de prevención de riscos laborais.

3. Facultades:

a) Acompaña-los técnicos na avaliación de carácter preventivo, así como ós inspectores de traballo nas visitas que realicen ós centros de traballo, podendo formular diante deles as observacións que estimen oportunas.

b) Ser informado polo empresario sobre os danos producidos na saúde dos traballadores, unha vez que se tivese coñecemento deles.

c) Recibir do empresario as informacións obtidas por este, procedentes das persoas ou órganos encargados das actividades de protección e prevención na empresa.

d) Realizar visita ós lugares de traballo para exercer un labor de vixilancia e control do estado das condicións de traballo, de maneira que non se altere o normal desenvolvemento do proceso productivo.

4. Garantías:

a) Na súa condición de representante dos traballadores, seranlle de aplicación as garantías recollidas no artigo 68 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, do Estatuto dos traballadores.

O tempo utilizado polos delegados de prevención nas súas actividades será considerado como no exercicio das súas funcións de representación para efectos do crédito de horas mensuais retribuídas.

Non se computarán como tales as correspondentes a reunións do comité de seguridade e saúde, reunións co empresario en materia de prevención, ou as destinadas ás visitas previstas nas letras a) e d) do apartado 3º deste artigo.

b) O empresario deberá proporcionarlles ós delegados de prevención os medios e formación necesarios en materia preventiva.

O tempo dedicado á formación será considerado como tempo de traballo, para tódolos efectos.

c) Manterán o segredo profesional debido, respecto das informacións ás que tivese acceso pola súa actuación na empresa.

Artigo 45º.-Comité de seguridade e saúde.

1. O comité de seguridade e saúde é o órgano paritario e colexiado de participación destinado á consulta regular e periódica das actuacións da empresa en materia de prevención de riscos.

2. Constituirase un comité de seguridade e saúde en tódalas empresas ou centros de traballo que conten con 50 ou máis traballadores. Estará formado polos delegados de prevención, dunha parte, e polo empresario ou os seus representantes en igual número, da outra.

Reuniranse trimestralmente e sempre que o solicite algunha das representacións del. Adoptarán as súas propias normas de funcionamento.

3. Competencias:

a) Participar na elaboración, posta en práctica e avaliación dos plans e programas de prevención de riscos na empresa.

b) Promover iniciativas sobre métodos e procedementos para a efectiva prevención dos riscos.

4. Facultades:

a) Coñecer directamente a situación relativa á prevención dos riscos no centro de traballo, realizando para tal efecto, as visitas que estime oportunas.

b) Coñecer cantos documentos e informes relativos ás condicións de traballo sexan necesarios.

c) Coñecer e analiza-los danos producidos na saúde ou na integridade física dos traballadores.

d) Coñecer e informa-la memoria e programación anual de servicios de prevención.

Artigo 46º.-Comisión paritaria provincial de seguridade e saúde laboral.

1. As partes asinantes acordan constituí-la comisión paritaria sectorial de seguridade e saúde laboral, integrada por 6 membros, designados 3 por cada unha das partes, sindical e empresarial, na forma que decidan as respectivas organizacións:

2. Serán funcións desta comisión:

a) Solicitar do Ministerio de Traballo e do Goberno autónomo o recoñecemento oficial como interlocutor social sectorial en materia de seguridade e saúde, tanto no seu aspecto lexislativo como no desenvolvemento de plans e medidas formativas.

b) Estudiar e acorda-los mecanismos oportunos de coordinación da información provincial en materia de sinistrabilidade no sector.

c) Promover cantas medidas considere tendentes a mellora-la situación do sector nesta materia, tendo como obxectivo fundamental estende-la preocupación pola seguridade a tódolos niveis, fomentando campañas de mentalización, etc.

d) Acomete-las xestións necesarias para obte-los medios que lle permitan desenvolve-las súas funcións coa eficacia axeitada.

e) Promove-la creación dun órgano específico, nos termos e conforme as modalidades que acorden, con competencias xerais respecto do conxunto dos centros de traballo incluídos no ámbito de aplicación do convenio, para fomenta-lo mellor cumprimento deles da normativa sobre prevención de riscos laborais, segundo o artigo 35 da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais.

f) Cantas outras funcións acorde a propia comisión atribuírse, encamiñadas ós seus fins.

3. A comisión reunirase unha vez ó ano. Poderase convoca-las reunións extraordinarias que se estimen necesarias e serán solicitadas pola metade máis un dos seus membros.

Capítulo VIII

Formación

Artigo 47º.-Comisión paritaria provincial de formación.

1. As partes asinantes acordan constituí-la comisión paritaria de formación profesional. Esta comisión estará integrada por 6 membros, designados 3 por cada unha das partes, empresarial e sindical, na forma que decidan as respectivas organizacións.

2. Serán funcións desta comisión:

a) Requirir das administracións públicas e dos organismos comunitarios competentes o recoñecemento oficial desta comisión como interlocutor sectorial, para recibi-la información existente sobre programas e cursos de formación profesional, con financiamento social, que afecten ó sector e colaboren co seu desenvolvemento, tanto no ensino regrado como no ocupacional ou continuo.

b) Acada-los estudios pertinentes de necesidades e requirimentos de formación no sector, nas tres variantes, para chegar a defini-la súa organización.

c) Acada-los plans formativos necesarios para a homologación das cualificacións profesionais de traballadores: técnicos, administrativos e manuais, cos equivalentes na Comunidade Europea.

d) Calquera outra función que a comisión acorde atribuírse encamiñada ó desenvolvemento e mellora da formación profesional no sector.

3. A comisión paritaria sectorial de formación profesional reunirase unha vez ó ano. Poderanse convoca-las reunións extraordinarias que se estimen necesarias, se o solicitan a metade máis un dos seus membros.

Capítulo IX

Faltas e sancións

Artigo 48º.-Faltas e sancións.

Considerarase falta laboral toda acción ou omisión da que resulte responsable o traballador, que se produza con ocasión ou como consecuencia da relación laboral e que constitúa un incumprimento grave e culpable das súas obrigas. As faltas graduaranse atendendo á súa importancia, trascendencia, voluntariedade e malicia na súa comisión, en leves, graves e moi graves.

Artigo 49º.-Faltas leves.

1. As faltas de puntualidade na asistencia ó traballo, sen causa xustificada, de dúas a catro faltas no período dun mes ou de trinta días naturais.

2. Non cursar no momento oportuno a comunicación correspondente, cando se falte ó traballo por motivo xustificado, salvo que se probe a imposibilidade de facelo.

3. O abandono ou ausencia do posto de traballo, sen previo aviso ou autorización, aínda que sexa por breve tempo. Se como consecuencia diso se causase algún prexuízo á empresa ou fose causa de accidente ós compañeiros de traballo, será considerada como grave ou moi grave.

4. Pequenos descoidos na conservación do material, maquinaria, ferramentas e instalacións, salvo que iso repercuta na boa marcha do servicio; neste caso poderá ser considerada como grave ou moi grave.

5. Non atende-lo público coa corrección e dilixencia debidas.

6. Non informa-la empresa dos cambios de domicilio.

7. As discusións sobre asuntos estraños ó traballo dentro das dependencias da empresa ou durante calquera acto de servicio. Se se producen con notorio escándalo poden ser consideradas como graves ou moi graves.

8. A inobservancia das normas en materia de seguridade e hixiene no traballo ou saúde laboral, que non entrañen risco para o traballador nin para os seus compañeiros de traballo ou terceiras persoas, xa que de darse estas circunstancias será considerado como grave ou moi grave segundo os casos.

9. Usa-lo teléfono da empresa para asuntos particulares, sen autorización.

10. A embriaguez ocasional.

11. Cambiar, mirar ou resolve-los armarios ou efectos persoais dos compañeiros de traballo, sen a debida autorización dos interesados.

Artigo 50º.-Faltas graves.

1. Alegar motivos falsos para a obtención de licencias ou permisos.

2. Atoparse no local de traballo, fóra das horas de traballo, sen autorización.

3. Máis de catro faltas inxustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo, durante un mes ou trinta días naturais.

4. Faltar ó traballo dun a tres días durante o mes sen causa xustificada.

5. Non comunicar con dilixencia debida as alteracións familiares que poidan afecta-los procesos administrativos ou prestacións sociais. Se mediara algunha malicia será considerada como moi grave.

6. Simula-la presencia doutro traballador na empresa mediante calquera forma.

7. A neglixencia no traballo que afecte a boa marcha del.

8. A imprudencia no traballo, que implicase risco de accidente para o traballador ou outros, ou ben perigo de avaría na maquinaria, ferramentas ou instalacións, poderá ser considerada moi grave.

9. A asistencia reiterada ó traballo en estado de embriaguez ou toxicomanía.

10. A reincidencia en falta leve dentro dun trimestre, cando exista sanción por escrito da empresa.

11. Non advertir e instruír axeitadamente a outros traballadores sobre os que teña algunha relación de autoridade ou mando, do risco do traballo que se vai executar e do posible modo de evitalo.

12. Transitar ou permiti-lo tránsito por lugares ou zonas perigosas levando útiles de ignición, así como por lugares expostos ó risco de incendio.

13. Falta de sixilo profesional divulgando datos, informes ou antecedentes que poidan producir prexuízo de calquera tipo á empresa.

14. Calquera falsidade ou inexactitude deliberada nos partes ou documentos de traballo, ou a negativa á súa normalización, así como proporcionar falsa información á dirección da empresa ou ós seus superiores en relación co traballo.

15. A inxustificada delegación de funcións ou traballo en persoal de inferior rango laboral ou non cualificado para a súa realización.

16. A aceptación de dádivas ou regalos por dispensar trato de favor no servicio.

17. A diminución voluntaria do rendemento do traballo normal.

18. Non informar coa debida dilixencia os seus xefes, ó empresario, ou a quen o represente de calquera anomalía que observe nas instalacións e demais útiles, ferramentas, maquinaria e materiais.

19. Descoidos de importancia na conservación, limpeza ou utilización de materiais, máquinas, ferramentas e instalacións que o traballador utilice.

Artigo 51º.-Faltas moi graves.

1. A desobediencia continuada ou persistente no traballo.

2. Máis de dez faltas inxustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo, cometidas nun período de tres meses ou de 20 durante seis meses.

3. A fraude, a deslealdade ou o abuso de confianza nas xestións encomendadas, así como o furto ou roubo tanto á empresa como ós compañeiros de traballo ou a terceira persoa, dentro das instalacións da empresa ou durante o desenvolvemento da súa actividade profesional.

4. Realizar, sen o oportuno permiso, traballos particulares durante a xornada de traballo, así como empregar ferramentas, útiles ou materiais para uso propio.

5. Maliciosamente, facer desaparecer, inutilizar, destrozar ou causar desperfectos en materiais, ferramentas, útiles, aparatos, instalacións, vehículos, edificios, utensilios e incluso documentos da empresa.

6. A condena por sentencia firme por delitos de roubo, furto, violación ou abusos sexuais, así como calquera outro delicto que puidera implicar desconfianza da empresa respecto ó seu autor, aínda cando estes foran cometidos fóra da empresa.

7. A embriaguez ou toxicomanía habitual durante o traballo que repercuta negativamente no traballo.

8. Viola-lo secreto da correspondencia ou de documentos reservados da empresa.

9. Revelar a elementos estraños á empresa datos desta de obrigada reserva.

10. Dedicarse a actividades profesionais, por conta propia, en empresas da competencia, sen a oportuna e expresa autorización.

11. Os malos tratos de palabra ou obra ou faltas graves de respecto e consideración ós superiores, compañeiros ou subordinados.

12. A imprudencia, neglixencia ou incumprimento das normas ou ordes sobre seguridade e hixiene no traballo, cando por iso se produza grave risco para os traballadores ou danos para as instalacións.

13. Causar accidentes graves por neglixencia, descoido ou imprudencia inexcusables ou serio perigo para as empresas.

14. A non utilización dos medios ou materiais de prevención de riscos de accidentes de traballo, facilitados pola empresa.

15. Abandoa-lo posto de traballo en cargo de responsabilidade ou cando con iso causara un prexuízo grave no proceso productivo, deterioración importante das cousas ou serio perigo para as persoas.

16. A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal ou pactado.

17. A reincidencia en faltas graves, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun período de seis meses, sempre que fora obxecto de sanción por escrito.

18. A falta de asistencia ó traballo non xustificada por máis de tres días, no mes ou de 30 días naturais.

19. A comisión de erros repetidos e intencionados, que lle poidan orixinar prexuízos á empresa.

20. A emisión maliciosa ou por neglixencia inescusable, de informes errados ou a sabendas de que non son exactos.

21. A simulación de supostos de incapacidade temporal ou accidente.

Artigo 52º.-Graduación das sancións.

1. As sancións que poderán impoñe-las empresas, en cada caso, graduaranse atendendo á gravidade da falta cometida, podendo se-las seguintes:

a) Por faltas leves:

-Amoestación verbal.

-Amoestación escrita.

b) Por faltas graves:

-Suspensión de emprego e soldo de 1 a 20 días.

c) Por faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo de 21 a 90 días.

-Despedimento.

2. Para a aplicación e graduación das sancións que anteceden, terase en conta:

a) O maior ou menor grao de responsabilidade do que comete a falta.

b) A súa categoría profesional.

c) A repercusión do feito nos demais traballadores e na empresa.

Artigo 53º.-Solución extraxudicial de conflictos laborais.

As partes asinantes asumen o contido do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), publicado no Diario Oficial de Galicia do 8 de abril de 1992, que desenvolverá os seus efectos nos ámbitos do presente convenio co alcance previsto no propio AGA.

Artigo 54º.-Idioma.

O texto do presente convenio redactarase e publicarase no BOP e no Diario Oficial de Galicia en idioma galego.

Artigo 55º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio haberá que aterse ó establecido na lexislación xeral ou de especial aplicación, e no convenio estatal da madeira, mentres se encontre en vigor.

ANEXO I

Táboa salarial 1998

Salario baseCompensación antigüidadeRetribución total

Persoal de fábrica e monte

Encargado xeral91.9501.46593.415

Encargado de sección e de producción90.0641.46591.529

Oficial de 1ª, xefe de grupo, serrador de 1ª, galerista de 1ª e afiador89.3951.46590.890

Oficial de 2ª, serrador de 2ª, trozador mecánico, motoserrista, tractorista, carreteiro e operario de pa86.5661.46588.031

Axudante de afiador, axudante de serrador, serrador de serra circular, cortador e garda83.6151.46585.080

Peón, medidor e especialista de secadoiro82.9771.46584.442

Aprendiz ou pinche de 16 a 17 anos78.4751.46579.940

Persoal administrativo e técnico

Xefe de oficina, xefe de oficina técnica, analista programador ou de sistemas99.1571.465100.622

Oficial de 1ª, delineante técnico especialista, programador92.6241.46594.089

Oficial de 2ª, delineante técnico auxiliar, operador87.5151.46588.980

Viaxante e corredor de praza85.8001.46587.265

Auxiliar administrativo, telefonista81.8261.46583.291

ANEXO II

Antigüidade consolidada ó día 1-1-1998

Categoría5 anos6 anos7 anos8 anos9 anosCada ano máis

Persoal de fábrica e monte

Encargado xeral4.6715.6056.5397.4738.407934

Encargado sección-producción4.5765.4916.4067.3218.236915

Oficial 1ª, serrador 1ª, afiador...4.5455.4546.3637.2728.181909

Categoría5 anos6 anos7 anos8 anos9 anosCada ano máis

Oficial 2ª, serrador 2ª, operario de pa4.4025.2826.1627.0427.922880

Axudante afiador-serrador, cortador4.2545.1055.9566.8077.658851

Peón, especialista secadorio4.2225.0665.9106.7547.598844

Persoal administrativo e técnico

Xefe oficina, analista programador, etc.5.0316.0377.0438.0499.0551.006

Oficial 1ª, delineante especialista, programador4.7045.6456.5867.5278.468941

Oficial 2ª, delineante auxiliar, operador4.4495.3396.2297.1198.009890

Viaxante, corredor de praza4.3635.2366.1096.9827.855873

Auxiliar administrativo, telefonista4.1654.9985.8316.6647.497833

7647