Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Xoves, 13 de agosto de 1998 Páx. 9.373

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 239/1998, do 30 de xullo, polo que se regula a declaración de municipio turístico galego.

Os municipios, en tanto constitúen o nivel básico e esencial da organización territorial de Galicia, son piares fundamentais no desenvolvemento turístico desta Comunidade Autónoma.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e maila Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, establecen os requisitos cuantitativos de afluencia turística e de establecementos de aloxamento que deben reuni-los municipios galegos para poderen obte-la súa declaración como turísticos.

Ademais, xunto a estes criterios puramente cuantitativos, establécense outros referentes á prestación de servicios e infraestructuras municipais que determinan o grao de compromiso efectivo de cada Concello coa súa vocación turística e que, polo tanto, deberán ser tidos en conta, con obxecto de garantirlles ós seus residentes e á poboación turística en xeral uns mínimos niveis de calidade. Todo isto entenderase sen prexuízo das fórmulas de asistencia e coordinación que no sucesivo se poidan establecer entre a Xunta de Galicia e os municipios xa declarados turísticos, para reforzar e garanti-la prestación dos seus servicios máis característicos, especialmente nas datas en que se produza unha maior afluencia turística.

O réxime xurídico específico dos municipios turísticos regularase mediante Lei do Parlamento de Galicia. Neste decreto establécese tan só o procedemento que se debe seguir para obter esa declaración, determínanse as consecuencias e obrigas que supón e fíxanse os supostos en que cabería a súa revogación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e no uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, de acordo co dictame do Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de xullo de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Declaración de municipio turístico galego.

Poderán declararse municipios turísticos galegos:

a) Aqueles nos que pola afluencia periódica ou estacional a media ponderada anual de poboación turística sexa superior ó vintecinco por cento do número de veciños ou cando o número de aloxamentos turísticos e mais de segundas residencias sexa superior ó cincuenta por cento do número de vivendas de residencia primaria.

b) Os que acrediten contar dentro do seu territorio con algún servicio turístico susceptible de producir unha atracción turística de visitantes nunha cantidade cinco veces superior á súa poboación, computada ó longo dun ano e repartida, cando menos, en máis de trinta días.

Artigo 2º.-Prestación de servicios.

Para a declaración de municipio turístico galego terase en conta a actuación municipal destinada a garanti-la prestación dos servicios seguintes:

a) Rede de sumidoiros e tratamento de augas residuais.

b) Recolla e tratamento de residuos.

c) Protección da salubridade pública.

d) Seguridade en lugares públicos.

e) Protección civil.

f) Ordenación urbanística.

g) Oficina de información turística polo menos durante a época de maior afluencia turística.

h) Medidas eficaces de protección e recuperación do contorno natural, da paisaxe e do ambiente en xeral.

Artigo 3º.-Iniciación dos procedementos.

1. Os procedementos de declaración de municipio turístico galego iniciaranse por petición dos propios concellos ou por iniciativa da Administración turística autonómica. En todo caso, será preceptivo o acordo plenario do Concello en cuestión para o cal se debe achega-la certificación correspondente.

2. A iniciación de oficio efectuarase mediante acordo do director xeral de Turismo ou de calquera outro órgano superior con competencias en materia turística.

Con anterioridade ó acordo de iniciación abrirase un período de información previa, no que preceptivamente se lle dará audiencia ó Concello correspondente, co fin de coñece-las circunstancias do caso concreto e determina-la conveniencia ou non de inicialo.

3. Os procedementos iniciados de oficio seguirán a mesma tramitación que os iniciados por instancia dos concellos, debendo a Administración turística solicitar destes a documentación a que alude o artigo 5º deste decreto.

Artigo 4º.-Solicitudes de declaración de municipio turístico galego.

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Turismo e poderán presentarse nos rexistros das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e nos demais órganos e oficinas que corresponda, de conformidade co establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Documentación.

Ás solicitudes de declaración de municipio turístico galego deberáselles achega-la seguinte documentación:

A) Certificación municipal do acordo plenario referente á formulación da solicitude.

B) Respecto da poboación e número de aloxamentos:

1. Certificación municipal do número de veciños que conforman padrón municipal de habitantes.

2. Certificación municipal do contido dos documentos da entidade local nos que se cuantifique a afluencia turística anual ó concello, desagregada por meses, e nos que se describirán os criterios utilizados para efectuar esa cuantificación.

3. Certificación municipal do número de vivendas de residencia primaria e secundaria.

4. Certificación municipal da relación de aloxamentos turísticos do municipio, segundo a enumeración que se efectúa no artigo 29 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, e ós que se lles teña outorgado a preceptiva licencia municipal de apertura.

C) No referente ós recursos turísticos do municipio:

1. Relación dos recursos turísticos susceptibles de produciren unha atracción turística de visitantes.

2. Certificación municipal dos documentos da entidade local nos que se cuantifique, se é o caso, o número de visitantes atraídos por tales recursos turísticos nunha cantidade cinco veces superior á

poboación do municipio. Tal cantidade computarase durante un ano e repartirase, cando menos, en máis de trinta días.

Deberán consta-los criterios utilizados para efectuar esa cuantificación.

D) A prestación dos servicios expresados no artigo 2º deste decreto por parte do municipio deberase acreditar mediante unha ou varias certificacións municipais, nas que se constate o seguinte:

* Rede de sumidoiros existentes, con descrición da súa cobertura no termo municipal.

* Respecto ó tratamento de augas residuais: sistema de depuración utilizado, estacións depuradoras que se atopen en funcionamento e descrición da súa cobertura no termo municipal.

* Prestación do servicio de recolla e tratamento de residuos con descrición da súa cobertura no termo municipal. Especificarase a incorporación ou non do concello ó Plan de Residuos Sólidos da Xunta de Galicia.

* En relación á prestación da salubridade pública: servicios que se atopan en funcionamento e medidas adoptadas polo Concello especialmente nas datas en que se produce unha maior afluencia turística.

* No referente á seguridade en lugares públicos: existencia ou non dun corpo de policía local, con descrición do seu esquema organizativo, cadro de efectivos e plan de actuación vixente, especialmente nas épocas de maior afluencia turística; e existencia ou non dunha xunta local de seguridade.

* En canto á protección civil: sistema organizativo existente e plans municipais homologados.

* Respecto da ordenación urbanística: enumeración dos plans urbanísticos vixentes, con especial referencia á existencia ou non de plan xeral de ordenación municipal, proxecto de ordenación do medio rural, plans especiais de protección de recintos históricos, plans especiais de protección da paisaxe, plans especiais de mellora do medio rural e plans especiais de reforma interior en solo urbano.

* Oficinas ou puntos de información turística existente cando menos durante a época de maior afluencia turística, con descrición da súa situación, dotación e infraestructura.

* Medidas efectivas adoptadas polo Concello en relación con parques naturais inscritos nos rexistros correspondentes e ós espacios naturais en que figuren catalogados nas normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia correspondente e, en xeral, aqueloutras medidas tendentes á protección, recuperación, conservación e posta en valor do seu patrimonio natural e cultural.

E) Calquera outro documento que, a xuízo da Corporación Local, se considere conveniente achegar co fin de xustifica-lo cumprimento dos requisitos esixidos legalmente para a declaración de municipio turístico.

Artigo 6º.-Tramitación do procedemento.

1. Recibidas as solicitudes e a documentación completa, a correspondente delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo iniciará os expedientes de declaración e elevaraos co seu informe á Dirección Xeral de Turismo.

2. A Dirección Xeral de Turismo remitirá unha copia das solicitudes e da documentación presentada ás consellerías competentes nas materias de Administración local, sanidade, seguridade, protección civil, ambiente, cultura e ordenación do territorio, co obxecto de que procedan ó seu informe no prazo de 15 días contados desde a recepción da dita documentación.

Estes informes non terán carácter vinculante e versarán sobre os aspectos relativos á prestación de servicios dos concellos que teñan relación coas competencias específicas de cada consellería.

Así mesmo, remitirase copia das solicitudes e da documentación á deputación provincial correspondente, co fin de que no prazo de 15 días contados desde a súa recepción, emita o seu propio informe en relación coa súas competencias específicas recollidas na normativa vixente reguladora da Administración local.

De non emitírense os informes no prazo sinalado, proseguirase a tramitación das solicitudes.

3. A continuación, os expedientes examinaranse na Dirección Xeral de Turismo por unha comisión de valoración que procederá a constata-lo cumprimento dos requisitos esixidos legal e regulamentariamente para o outorgamento da declaración, debendo ter en conta, ademais, a prestación dos servicios a que fai referencia o artigo 5º apartado D) deste decreto.

4. Para facilita-la súa valoración, e para o caso de que a documentación presentada non xustifique suficientemente o cumprimento dos requisitos e condicións esixidas nesta disposición, a comisión poderalles requirir ós solicitantes que aclaren ou completen nalgún extremo a devandita documentación.

Así mesmo, a comisión poderá solicitar informes de expertos relacionados co sector turístico e de personalidades de recoñecido prestixio.

5. Instruídos os procedementos e inmediatamente antes de redacta-la proposta de resolución, poránselles de manifesto ós interesados ou, se é o caso, ós seus representantes, segundo se establece no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. A comisión de valoración, no prazo de 4 meses desde a recepción das solicitudes ou, se é o caso, desde a data do acordo de iniciación de oficio formulará proposta de resolución á consellería com

petente en materia de turismo, que a elevará ó Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 7º.-Composición da comisión.

A Comisión de Valoración da Dirección Xeral de Turismo estará composta polos seguintes membros:

-Presidente: o director xeral de Turismo.

-Vocais: o correspondente delegado provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

O subdirector xeral de Ordenación do Turismo.

O subdirector xeral de Fomento e Cooperación Institucional.

O xefe do servicio de Fomento e Promoción do Turismo.

O xefe do servicio de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística.

Un representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.

-Secretario: o xefe do Servicio de Ordenación do Turismo.

Artigo 8º.-Resolución.

1. A declaración de municipio turístico galego efectuarase mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e notificaráselle ó concello correspondente.

2. O prazo para resolve-los expedientes de declaración é de oito meses desde a súa incoación. Se a incoación se efectuou por instancia dos concellos, a falta de resolución expresa dentro dese prazo terá efectos desestimatorios da solicitude de declaración. Nembargantes, para a producción de tales efectos desestimatorios será preciso comunicarlle ó concello alomenos dous meses antes do prazo dese vencemento as causas que puideran impedi-la resolución en prazo. Se a devandita comunicación non se efectúa con esa antelación, transcorrido o prazo sinalado, a falta de resolución expresa terá efectos estimatorios.

Artigo 9º.-Suxeición ó plan de ordenación turística.

1. As directrices que se conteñan no plan de ordenación turística de Galicia que afecten o desenvolvemento turístico dos municipios declarados turísticos serán vinculantes para estes.

2. O incumprimento de tales directrices por parte dos concellos dará lugar á revogación das súas declaracións como municipios turísticos.

Artigo 10º.-Promoción turística.

A declaración dun municipio galego como turístico levará consigo a súa inclusión no plan galego de promoción do turismo a que fai referencia a Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia.

Artigo 11º.-Beneficios, axudas e subvencións.

1. Esta declaración suporá para os municipios un criterio específico de prioridade nos beneficios que poidan derivar dos plans de desenvolvemento e mellora do sector turístico que acometa a Xunta de Galicia.

2. Tamén outorgará prioridade na concesión de axudas e subvencións que puidese establecer a Administración turística para a potenciación de programas locais de desenvolvemento e de potenciación e promoción dos seus recursos turísticos.

Artigo 12.-Información turística.

Os municipios galegos declarados turísticos deberán facilitarlle á Administración turística, con carácter anual ou cunha periodicidade inferior que esta puidese determinar, os datos relativos á afluencia turística rexistrada no seu termo municipal, así como calquera outra información referente á prestación de servicios e demais requisitos e condicións conforme os cales se outorgou esa declaración.

Artigo 13.- Revogación das declaracións.

1. As declaracións de municipios turísticos terán carácter indefinido. Non obstante, o Consello da Xunta de Galicia poderá revoga-las devanditas declaracións se deixasen de concorre-los requisitos e condicións nas que se baseou o outorgamento.

2. No procedemento de revogación deberá consta-lo informe da Dirección Xeral de Turismo, o do concello correspondente e mailo das consellerías referidas no artigo 6.2º deste decreto.

Disposición adicional

A declaración de municipio turístico galego non implica a de zona de gran afluencia turística para os efectos previstos no artigo 4 do Decreto 365/1996, do 26 de setembro, polo que se regulan os horarios comerciais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xullo de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

7505