Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Xoves, 13 de agosto de 1998 Páx. 9.372

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 238/1998, do 24 de xullo, polo que se modifica o regulamento para a execución da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo.

A Lei 2/1998, do 8 de abril, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública, patrimonio, organización e xestión (DOG nº 68, do 9 de abril), nos seus artigos 16, 17, 18 e 19, modificou os artigos 29, 30, 31 e 63 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

Con anterioridade, a Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997 (DOG nº 254, do 31 de decembro), na súa disposición adicional décimo primeira engadiu o artigo 35 bis á Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

Por outra banda, ó abeiro do disposto na disposición adicional segunda da propia Lei 3/1985, segundo a redacción dada pola disposición adicional décimo cuarta da Lei 13/1988, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1989 (DOG nº 251, do 31 de decembro), acordouse modifica-las contías dos artigos 25 e 26 da Lei 3/1985, mediante o Decreto 207/1994, do 30 de xuño, (DOG nº 131, do 8 de xullo. Corrección de erros DOG nº 143, do 27 de xullo).

Como os cambios introducidos polos anteditos textos legais deben desenvolverse axeitadamente polo regulamento que executa a Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo (DOG nº 71, do 13 de abril. Corrección de erros DOG nº 134, do 13 de xullo), atendendo os principios de xerarquía normativa e seguridade xurídica, cómpre modifica-lo citado regulamento para adaptalo á normativa legal agora vixente.

Por todo isto, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o regulamento para a execución da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, que pasará a te-la seguinte redacción nos preceptos que se indican a continuación:

1º.-Artigo 63º

«Correspóndelle á Consellería de Economía e Facenda acorda-lo alleamento cando o valor dos

bens e dereitos, segundo a declaración de alienabilidade, non exceda de 25.000.000 de pesetas; ó Consello da Xunta, por proposta da mencionada consellería, cando supere esa cantidade, e ó Parlamento, mediante lei, se excedese de 250.000.000 de pesetas.».

2º.-Artigo 64º

«O alleamento farase mediante poxa pública, salvo cando a Consellería de Economía e Facenda, se o valor é inferior a 25.000.000 de pesetas, ou o Consello da Xunta, nos demais casos, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, autoricen expresamente o alleamento directo mediante acordo motivado.».

3º.-Artigo 83º

«1. Os bens patrimonais inmobles da Comunidade Autónoma dos que non se xulge previsible a súa afectación demanial ou aproveitamento pola propia Administración poderán ser cedidos gratuitamente polo Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, en favor de institucións e corporacións públicas ou sen ánimo de lucro, que deberán destinalos a fins de utilidade pública ou de interese social.

2. Considéranse de utilidade pública ou interese social, para os efectos deste artigo, as cesións feitas:

a) Ás administracións públicas e ós seus entes institucionais con fins de uso xeral ou de servicios.

b) Ás entidades sen ánimo de lucro de carácter asistencial, relixioso, cultural, educativo, deportivo ou de fins análogos.

c) Ás confesións relixiosas para locais de culto.

d) Ás organizacións sindicais e patronais.

e) Ós estados estranxeiros para actividades culturais, de acordo cos tratados ou convenios asinados por España.

f) Ás organizacións internacionais.».

4º.-Artigo 84º

«Se a cesión fose só de uso poderá outorgarse por un prazo máximo de dez anos, prorrogable por períodos sucesivos, de igual duración, se así o acordase expresamente o Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo de petición do cesionario con anterioridade ó vencemento do período anterior, quedando excluída a tácita reconducción.».

5º.-Artigo 85º, apartado 1

«1. A cesión formalizarase por pedimento da entidade interesada, dirixida á Consellería de Economía e Facenda e xunto cos documentos que acrediten a personalidade ou representación de quen actúa, dos cales será verificada a suficiencia por un letrado da Xunta de Galicia.».

6º.-Artigo 86º, apartado 1

«1. O acordo de cesión, que adoptará a forma de decreto, publicarase no Diario Oficial de Galicia,

expresando a finalidade concreta á que as entidades beneficiarias deben destina-los bens, así como as súas condicións.

2. A cesión formalizarase mediante escritura pública subscrita polo director xeral do Patrimonio ou funcionario en que delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.».

7º.-Artigo 87º

«1. Se os bens cedidos non se aplicasen ó fin sinalado dentro do prazo inicialmente fixado no acordo ou deixasen de estalo con posterioridade, se se descoidasen ou utilizasen con grave quebramento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

2. A Consellería de Economía e Facenda poderá comproba-lo cumprimento das obrigas que leva implícitas a cesión.

3. O Consello da Xunta decidirá, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, sobre a procedencia da reversión, logo da instrucción do correspondente expediente pola Dirección Xeral do Patrimonio con audiencia do cesionario.».

Artigo 2º

Engádenselle ó regulamento para a execución da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, un novo artigo 96 bis e un apartado 3 no artigo 142, que quedan redactados como segue:

1º.-Artigo 96º bis

«1. A consellería que adquirise ou que tivese adscritos bens mobles da Comunidade Autónoma de Galicia, logo de informe favorable da Consellería de Economía e Facenda, poderállelos ceder a entidades públicas no marco de relacións de colaboración, cooperación e coordinación, para seren destinados a fins de utilidade pública ou interese social.

2. Se a cesión fose só de uso poderá outorgarse por un prazo máximo de cinco anos, prorrogable por períodos sucesivos, de igual duración, se así o acordase expresamente a consellería cedente, logo de petición do cesionario con anterioridade ó vencemento do período anterior, quedando excluída a tácita reconducción.».

3. O acordo de cesión, que adoptará a forma de orde, publicarase no Diario Oficial de Galicia, expresando a finalidade concreta á que as entidades beneficiarias deben destina-los bens, así como as súas condicións. Este acordo, se é o caso, levará implícita a desafectación dos bens de que se trate.

4. A cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral da consellería cedente ou funcionario en que delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

5. Á consellería cedente corresponderanlle as facultades de control e vixilancia da cesión atribuídas no artigo 87, así como, se é o caso, a resolución dos expedientes de reversión.».

2º.-Artigo 142º, apartado 3

«3. Malia o establecido nos apartados anteriores, o Consello da Xunta poderá acorda-la adxudicación directa da explotación de bens patrimoniais cando concorran circunstancias que así o aconsellen, logo de xustificación razoada no expediente.».

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial da Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

7418