Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Mércores, 12 de agosto de 1998 Páx. 9.309

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 237/1998, do 30 de xullo, polo que se adscriben ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia e á sociedade pública Xenética Fontao, S.A., os bens e dereitos que integran o Centro de Escolma e Reproducción Animal de Fontao (Lugo).

A Comunidade Autónoma de Galicia ten a titularidade do inmoble onde está o Centro de Escolma e Reproducción Animal de Fontao, situado na parro

quia de Esperante, termo municipal de Lugo, en virtude do Real decreto 1099/1985, do 5 de xuño, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de centros nacionais de escolma e reproducción animal.

Con data do 7 de xullo de 1998, a sociedade pública Xenética Fontao, S.A., empresa con participación maioritaria do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG), organismo autónomo de carácter comercial e financeiro, adscrito á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, solicitou a adscrición dos bens e dereitos que integran o Centro de Escolma e Reproducción Animal de Fontao. Coa mesma data, o ILGG solicitou a adscrición da segunda planta do edificio destinado a oficinas administrativas integrado no antedito centro.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, que ten adscritos os bens e dereitos que integran o dito centro, coa cualificación de bens de dominio público, emitiu informe favorable sobre as adscricións solicitadas.

Vistos os informes da Asesoría Xurídica Delegada da Consellería de Economía e Facenda e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia do 29 de xullo de 1998.

Á vista de disposto nos artigos 13 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 20 e 21, en relación co 31 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da dita lei, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de xullo de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Adscríbense á sociedade pública Xenética Fontao, S.A., os bens e dereitos que integran o Centro de Escolma e Reproducción Animal de Fontao, situado na parroquia de Esperante, termo municipal de Lugo, é dicir, os inmobles do centro e as súas pertenzas (bens mobles, animais e material xenético), co fin da súa xestión e a explotación do material xenético, no ámbito do obxecto social da dita sociedade, que comprende toda clase de asesoramento e servicios ás persoas e organizacións dedicadas á mellora xenética do gando vacún.

2. Non obstante o anterior, a segunda planta do edificio dedicado a oficinas no Centro de Escolma e Reproducción Animal de Fontao adscríbese ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, co fin de que sexa destinado a dependencias administrativas deste.

3. A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo

tódolos trámites necesarios para a efectividade do disposto no presente decreto.

Santiago de Compostela, trinta de xullo de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

7469