Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Mércores, 12 de agosto de 1998 Páx. 9.309

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 236/1998, do 30 de xullo, polo que se cede, a título gratuíto, o inmoble denominado O Regueiro, situado en Fiobre, termo municipal de Bergondo (A Coruña), a favor da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

Con data do 8 de abril de 1997 asinouse o protocolo de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais coa finalidade de fixa-lo calendario de actuacións necesarias para a construcción e dotación dun centro de recuperación de minusválidos físicos en Galicia.

Con data do 22 de abril de 1998 a Dirección Xeral de Servicios Sociais, dependente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, solicitou a tramitación do expediente de cesión gratuíta do predio denominado O Regueiro, situado no lugar de Fiobre, parroquia de San Vicente de Moruxo, termo municipal de Bergondo (A Coruña), a favor da Tesourería Xeral da Seguridade Social, para que o Instituto de Migracións e Servicios Sociais proceda á construcción do antedito centro de recuperación de minusválidos físicos.

Mediante Decreto 221/1998, do 10 de xullo, (DOG nº 144, do 28 de xullo) desafectouse do dominio público o antedito inmoble, logo do informe favorable da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Por orde da Consellería de Economía e Facenda do 28 de xullo de 1998 (DOG nº 146, do 30 de xullo) declarouse a alienabilidade do inmoble.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da antedita consellería, tramitou o expediente de cesión da titularidade do inmoble de acordo co previsto nos artigos 30 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 83 e seguintes do seu regulamento.

Na súa virtude por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta de xullo de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor da Tesourería Xeral da Seguridade Social, do inmoble que se describe a continuación:

Predio denominado O Regueiro, situado no lugar de Fiobre, parroquia de San Vicente de Moruxo, termo municipal de Bergondo (A Coruña), cunha extensión superficial aproximada de trinta mil metros cadrados e que extrema ó norte, ría de Betanzos; ó sur, parcela nº 150 do Catastro de Rústica, de Juana Varela Cubeiro; ó leste, ría de Betanzos;

e ó oeste, parcela nº 105 do Catastro de Rústica, de Manuel Fernández Aldao, regueiro, parcela nº 114 do Catrastro de Rústica, de María Franco Lorenzo e parcela nº 153 do Catastro de Rústica, de herdeiros de Alfredo Romay Montoto. O dito predio está atravesado por unha pista que discorre desde Fiobre ata a praia, nas proximidades de punta Moruxo.

O dito inmoble atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Betanzos, no tomo 1.554 xeral, libro 201 de Bergondo, folio 152, preido nº 19.765, inscrición 1ª.

Artigo 2º

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será a construcción e dotación dun centro de recuperación de minusválidos físicos polo Instituto de Migracións e Servicios Sociais, entidade xestora da Seguridade Social.

b) Se o ben cedido non se aplicase ó fin sinalado dentro do prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da escritura pública, ou deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, considerarase resolta a cesión e o inmoble reverterá á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que experimentase.

Artigo 3º

A cesión formalizarase mediante escritura pública subscrita polo secretario xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente decreto.

Santiago de Compostela, trinta de xullo de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

7605