Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Mércores, 12 de agosto de 1998 Páx. 9.310

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 30 de xullo de 1998 pola que se regula a concesión de axudas para a formación cooperativa, promoción, mellora da xestión e consolidación das cooperativas agrarias, e para o fomento da súa integración.

O fomento do asociacionismo agrario constitúe un dos obxectivos fundamentais na busca do cambio e mellora das estructuras productivas do campo galego, xa que a producción, normalización e comercialización das produccións agrarias mediante fórmulas asociativas permite lograr unha maior competitividade nos mercados actuais.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria considera de máximo interese incentiva-las accións que teñen como fins a divulgación e promoción do asociacionismo, a educación e formación cooperativa, o fortalecemento das súas estructuras productivas e comerciais, o redimensionamento, a integración e a modernización das entidades asociativas agrarias.

Para logra-la consecución dos obxectivos citados establécense e regúlanse na presente orde as seguintes liñas de axuda:

I. Axudas para actividades formativas e de fomento do asociacionismo agrario.

II. Axudas para gastos de constitución e primeiro establecemento de novas cooperativas.

III. Axudas para o fomento da integración das entidades asociativas agrarias.

IV. Axudas para a contratación de novo persoal.

V. Axudas para a adquisición de novos equipos informáticos.

VI. Axudas para a realización de estudios de viabilidade e auditorías.

VII. Axudas para a incorporación ó mundo cooperativo dos agricultores afectados por plans de abandono da producción leiteira.

VIII. Axudas para as actividades desenvolvidas polas organizacións representativas das entidades asociativas agrarias.

Por todo o exposto, en consonancia co establecido no artigo 30.I.1 e 3, do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente

DISPOÑO:

I. Axudas para actividades formativas e de fomento do asociacionismo agrario

Artigo 1º

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria poderá conceder subvencións para realizar cursos e actividades formativas dirixidas á mellora da capacitación profesional do persoal técnico e dos socios das cooperativas e sociedades agrarias de transformación, así como ó fomento, divulgación e promoción do asociacionismo agrario.

Artigo 2º

1. Poderán solicitar esta liña de axudas as entidades asociativas agrarias con domicilio social en Galicia.

2. As actividades formativas que poden ser obxecto de subvención son as seguintes:

a) Estadía en empresas e entidades para realizar procesos de aprendizaxe práctica.

b) Cursos, viaxes formativas de prácticas, xornadas, seminarios e conferencias.

c) Calquera outra actividade semellante que a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria considere de interese.

2. As actividades citadas estarán dirixidas a:

a) Xerentes, técnicos, especialistas e outros traballadores cualificados ó servicio das cooperativas e SAT, co fin de mellora-la xestión empresarial destas e a calidade dos servicios que prestan.

b) Socios das cooperativas e SAT, así como os seus fillos e outros membros da unidade familiar que teñan relación coas actuacións da entidade asociativa.

Artigo 3º

1. Para as actividades formativas amparadas establécense as seguintes axudas:

a) En caso de estadía de persoal da cooperativa en empresas e entidades para aprendizaxe práctica, subvencionaranse os gastos de desprazamento e aloxamento ata o 70% do seu importe. Se houbese que pagar cotas de inscrición, matrículas ou taxas, poderanse subvencionar ata o 100% do seu custo.

b) A asistencia do devandito persoal a cursos, xornadas, seminarios e conferencias poderá apoiarse ata o 50% dos gastos ocasionados polo desprazamento, aloxamento e cotas de inscrición.

c) Se as entidades asociativas agrarias organizan cursos, xornadas, seminarios ou conferencias, poderanse subvencionar na súa totalidade os custos efectivos do profesorado e do material didáctico necesario.

d) Cando organicen viaxes colectivas de prácticas, visitas técnicas ou formativas en xeral, o importe da axuda poderá cubrir ata o 50% dos gastos derivados, fundamentalmente desprazamento e aloxamento. Se, ademais, a viaxe se realiza como complemento dun curso ou actividade formativa previa, a axuda poderá chegar ata o 70%.

2. Esta consellería, se o considera oportuno, poderá establecer un importe máximo auxiliable para cada unha das actividades subvencionables e para os capítulos de gastos citados anteriormente.

Artigo 4º

1. As solicitudes virán acompañadas, como documentación específica, por unha memoria explicativa das actividades previstas, na que se faga relación alomenos dos seguintes extremos:

a) Motivación e obxectivos.

b) Persoal ó que vai dirixido.

c) Número e relación de participantes.

d) Datas e lugares de celebración.

e) Duración.

f) Programa debidamente xustificado.

g) Coordinador.

h) Profesorado.

i) Orzamento desagregado por partidas.

j) Financiamento previsto.

2. Para a aprobación das solicitudes de axuda teranse en conta, como criterios de preferencia, o interese das actividades programadas, o número de participantes e as garantías de cumprimento do programa previsto.

Artigo 5º

1. Poderase solicitar esta liña de axudas para todas aquelas actividades que sexan auxiliables, realizadas durante este ano, antes da publicación da presente orde, sempre que cumpran as condicións esixidas e haxa dotación orzamentaria suficiente.

2. De acordo co anterior, e con carácter excepcional, poderase solicitar axuda para actividades formativas que se iniciasen no último cuadrimestre de 1997 e terminen durante 1998, sempre que o período de inicio e realización da actividade estean debidamente xustificados.

3. En calquera caso, as actividades auxiliables deberanse realizar antes do 31 de outubro do ano en curso, salvo solicitude e concesión de prórroga ó respecto.

Artigo 6º

1. Unha vez concedida a subvención, realizada a actividade proposta e comprobada a súa correcta execución, procederase ó seu pagamento, logo de xustificación dos gastos efectuados mediante facturas e recibos orixinais ou as súas copias compulsadas.

Esta xustificación de gastos deberá estar perfectamente detallada, clasificada por capítulos, e xuntaráselle un informe das actividades realmente efectuadas e unha relación definitiva de participantes.

2. A documentación e xustificantes, tal e como se requiren no punto anterior, débense presentar nun prazo máximo de 15 días naturais a partir da data de finalización da actividade realizada. O non cumprimento deste prazo, sen xustificación ó respecto suporá a perda da subvención aprobada.

II. Axudas para gastos de constitución e primeiro establecemento de novas cooperativas

Artigo 7º

Co fin de contribuír á promoción do cooperativismo agrario, sobre todo naquelas comarcas en que a súa presencia sexa escasa ou inexistente, establécese unha liña de axudas para o efecto, regulada pola presente orde.

Artigo 8º

Poderán ser subvencionados:

a) Os gastos de constitución e primeiro establecemento de novas cooperativas agrarias que sexan orixinados por viaxes, gastos de tramitación e constitución, asesoramento, elaboración da documentación, gastos notariais e rexistrais e outros gastos previos á súa entrada en funcionamento.

b) Os estudios de viabilidade dos proxectos económicos de creación de novas cooperativas agrarias.

Artigo 9º

O importe das axudas, para os fins ós que se refire o artigo anterior, poderá cubrir ata a totalidade dos gastos sinalados no apartado a), e ata o 70% dos considerados no apartado b).

Artigo 10º

1. Poderán solicitar estas axudas os promotores da nova entidade asociativa.

2. Para efectos de solicitude e pagamento, os promotores deberán designar unha comisión, formada alomenos por tres membros, actuando un deles como presidente e outro como secretario.

Artigo 11º

As solicitudes presentaranse segundo modelo adxunto, debidamente cuberto e asinado polo presidente da comisión promotora. Virán acompañadas da seguinte documentación:

-Memoria xustificativa.

-Estudio de viabilidade ó respecto.

-Composición da comisión promotora.

-Relación dos socios promotores, cos seus datos persoais e da explotación.

-Relación das actividades e gastos realizados ou que estea previsto realizar.

-Xustificante bancario de apertura dunha conta específica a nome da comisión promotora, para efectua-lo pagamento da subvención se se concedese.

Artigo 12º

A concesión das subvencións solicitadas farase con base na memoria xustificativa, no estudio de viabilidade, no número de socios promotores e na relación de actividades e gastos previstos.

Para a dita concesión será condición necesaria e imprescindible o informe favorable da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, sobre o interese e necesidade de constitución da nova entidade asociativa.

Artigo 13º

1. Para proceder ó pagamento das axudas concedidas será necesario xustifica-los gastos efectuados, mediante facturas e recibos orixinais ou as súas copias compulsadas.

2. A documentación e xustificación dos gastos, tal como se requiren para esta liña de axudas, débense presentar antes do próximo 31 de outubro.

III. Axudas para o fomento da integración das entidades asociativas agrarias

Artigo 14º

Esta liña de axudas ten por obxecto fomentar e favorece-los procesos de fusión, absorción e integración das entidades asociativas agrarias, de forma que poidan incrementar e mellora-los seus servicios ó socio e lograr unha maior viabilidade na súa actividade económica.

Artigo 15º

Poderán acceder a estas axudas:

a) As cooperativas agrarias e SAT que estean inmersas nun proceso de fusión ou de absorción.

b) As cooperativas agrarias e SAT que estean dispostas a integrarse nunha sociedade cooperativa de segundo ou ulterior grao, ou nunha agrupación de sociedades agrarias de transformación, xa constituídas ou por se constituír.

Artigo 16º

Son subvencionables:

a) Os gastos orixinados pola fusión, absorción ou integración, tales como viaxes, gastos de tramitación e constitución, asesoramento, elaboración da documentación, gastos notariais e rexistrais e demais gastos previos á integración.

b) Os estudios económicos e de viabilidade, confección de balances de fusión, memorias técnicas e auditorías para este fin concreto.

c) As contribucións ó capital social e as cotas de ingreso de cada unha das cooperativas e SAT que se integre.

Artigo 17º

1. O importe das axudas, para os fins ós que se refire o artigo anterior, poderá cubrir ata a totalidade

dos gastos sinalados na alínea a), ata o 70% dos considerados na alínea b, e ata o 50% dos citados na alínea c.

2. Con respecto á axuda para contribucións ó capital social e cotas de ingreso, establécense como límites máximos os importes de 10.000.000 de ptas. por cada cooperativa que se integre, e de 40.000.000 de ptas. para o conxunto de cada integración.

Artigo 18º

As solicitudes acompañaranse da seguinte documentación específica:

a) Estudio de viabilidade e memoria técnica que avalen a conveniencia do proceso de fusión, absorción ou integración que se pretende levar a termo.

b) Relación das actividades e gastos realizados para o efecto, ou orzamento dos que estea previsto realizar.

c) Relación das entidades asociativas agrarias participantes e copia dos seus estatutos e inscricións rexistrais.

d) Copia dos balances de cada unha delas nos dous últimos exercicios.

e) Informes de auditoría.

f) Relación nominal de socios cos seus efectivos productivos e capital social.

g) Composición e membros dos respectivos consellos rectores.

h) Copia compulsada da acta da asemblea xeral de cada unha das entidades asociativas agrarias participantes na que se adoptou o acordo de fusión, absorción ou integración, segundo cada caso.

Ademais, na devandita asemblea xeral deberanse adoptar unha serie de compromisos ou delegar ó respecto no consello rector. Os ditos compromisos son:

-Obriga de asumi-las contribucións ó capital social e cotas de ingreso que lle correspondan, e o seu importe.

-Compromiso de permanecer integrada polo menos durante 5 anos.

-Compromiso de que tódolos socios participen obrigatoriamente e de forma total en, alomenos, unha actividade económica das desenvolvidas pola entidade asociativa resultante.

i) Certificacións expedidas polos organismos públicos competentes polas que se acredite o cumprimento dos requisitos esixidos pola Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

j) Certificación bancaria do número de conta das entidades asociativas agrarias que soliciten estas axudas.

Artigo 19º

A concesión das subvencións solicitadas farase con base na memoria técnica, no estudio de viabilidade, na relación de actividades e gastos previstos, no número e dimensión das cooperativas participantes

e nas contribucións ó capital social e cotas de ingreso que se establezan.

Para a dita concesión será condición necesaria e imprescindible o informe favorable da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación sobre o interese e conveniencia da fusión, absorción ou integración.

Artigo 20º

1. As entidades asociativas deberán realiza-la fusión, absorción ou integración no prazo de seis meses, contados a partir da finalización do prazo de presentación das solicitudes. Unha vez realizada, deben presentar unha relación nominal definitiva de socios cos seus efectivos productivos e capital social.

2. Cando o proceso desenvolvido implique modificacións ou a constitución dunha nova entidade, tamén se deberá presentar certificado da inscrición rexistral e copia dos estatutos sociais.

3. A entidade asociativa resultante, absorbente ou integradora, segundo cada caso, deberá presentar balance e memoria técnica explicativa ante a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, durante os cinco exercicios seguintes á concesión desta axuda.

Artigo 21º

1. Para proceder ó pagamento das axudas concedidas para sufraga-los gastos determinados nas alíneas a) e b) do artigo 16º, será necesario que os devanditos gastos se xustifiquen mediante facturas e recibos orixinais ou as súas copias compulsadas.

2. No caso das contribucións ó capital social e cotas de ingreso (alínea c) do artigo 16º), para efectua-lo pagamento da axuda será necesario presentar certificación expedida polo secretario da entidade resultante, absorbente ou integradora, co visto e prace do presidente, conforme se efectuaron as ditas contribucións. Ademais, figurarán os seguintes datos:

-O importe da aportación realizada.

-A data na que se realizou e o destino da contribución.

-A data de fusión, absorción ou integración.

3. A documentación e xustificación dos gastos, tal como se requiren para esta liña de axudas, débense presentar durante o mes natural seguinte á data efectiva de culminación do proceso de fusión, absorción ou integración.

4. O incumprimento deste prazo, así como do fixado no punto 1 do artigo 20º, suporá a perda da subvención aprobada, salvo solicitude de prórroga debidamente motivada e a súa posible concesión.

5. O pagamento da axuda poderá realizarse á entidade que a solicitou, ou tamén á entidade asociativa resultante, cando por imperativos formais así fose necesario, logo de solicitude e autorización ó respecto.

6. Os procesos de fusión, absorción ou integración de cooperativas e SAT poden culminar máis alá do

propio exercicio orzamentario debido á súa duración, polo que o gasto correspondente terá carácter plurianual.

IV. Axudas para a contratación de novo persoal

Artigo 22º

Establécese unha liña de axudas para fomenta-la contratación de novo persoal, co obxecto de mellora-la xestión, ofrecer novos servicios, realizar novas actividades, fortalece-las estructuras productivas e moderniza-lo asociacionismo agrario galego, tanto técnica como funcionalmente.

Artigo 23º

1. Poderán solicitar esta axuda:

-As cooperativas agrarias.

-As sociedades agrarias de transformación (SAT).

2. Terán preferencia:

-As cooperativas agrarias e SAT de nova creación.

-As cooperativas agrarias e SAT xa existentes sempre que poñan en marcha novas actividades ou servicios.

-As cooperativas agrarias e SAT xa existentes, que soliciten esta axuda por primeira vez.

3. Se se considera oportuno, tamén poden considerarse preferenciais en función de:

-A dimensión social e económica da entidade asociativa.

-A cualificación e dedicación do novo persoal que se contrate, prioritariamente xerencia e servicios técnicos.

-O coñecemento do mundo cooperativo que acredite o dito persoal.

4. En calquera caso, e fundamentalmente cando se trate de entidades de nova creación ou que poñan en marcha novas actividades ou servicios, será imprescindible presenta-lo correspondente estudio de viabilidade ou informe ó respecto.

Artigo 24º

1. Contía e duración da subvención:

a) Cando estea previsto formalizar contratos cunha duración mínima de dous anos, as cooperativas agrarias e SAT poderán solicitar unha subvención para o primeiro ano, que pode alcanzar ata o 70% das retribucións totais dese ano.

b) Cando estea previsto formalizar contratos cunha duración mínima de tres anos, as cooperativas agrarias e SAT poderán solicitar:

-Unha subvención para o primeiro ano, que pode alcanzar ata o 70% das retribucións totais do devandito ano.

-Unha subvención para o segundo ano, que pode alcanzar ata o 50% das retribucións totais dese ano.

2. As subvencións aprobadas para contratación de novo persoal non comprenderán as cotizacións á seguridade social que correspondan á empresa contratante.

3. En todo caso, as retribucións fixadas no contrato deberán estar en relación cos cometidos e co nivel do posto de traballo que se desenvolva.

Artigo 25º

Cando tres ou máis cooperativas agrarias contraten os servicios compartidos dun coordinador de actividades formativas, poderán subvencionarse ata o 95% as súas retribucións anuais.

Se estas cooperativas agrarias en concerto non tivesen establecidos vínculos legais de índole asociativa, deberán designar para estes efectos unha delas como representante das demais e obrigarse solidariamente ó cumprimento dos compromisos contraídos.

Artigo 26º

Ademais da documentación de carácter xeral que posteriormente se cita, para esta liña de axudas débese acompaña-la documentación específica seguinte:

-Memoria xustificativa sobre a necesidade, cometidos e características das novas contratacións.

-Estudio de viabilidade ou informe ó respecto.

-Orzamento anual de contratación.

-Compromiso sobre as condicións de sustitución, no caso de rescisión do contrato de traballo antes de finaliza-lo período mínimo de duración establecido, segundo a axuda solicitada.

-Data prevista de contratación do persoal. Se non fose posible a contratación na referida data, solicitarase á Dirección Xeral de Industrias e Alimentación autorización para pospoñela, indicando as circunstancias que motivan o atraso e sinalando a nova data de formalización do contrato.

Artigo 27º

A concesión das subvencións solicitadas farase con base na memoria xustificativa, no estudio de viabilidade ou informe, e de acordo cos criterios de preferencia establecidos no artigo 23º.

En todo caso, para a concesión será necesario o informe favorable da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación sobre o interese e conveniencia da contratación proposta.

Artigo 28º

1. As contratacións de persoal subvencionables deberán realizarse ó longo de 1998. A non formalización do contrato antes do próximo 31 de decembro suporá a perda da subvención aprobada.

2. As contratacións realizadas antes da publicación desta orde, durante 1998, e que se axusten ó establecido nela, tamén se poderán subvencionar.

3. As contratacións de persoal, pola razón da súa duración, poden culminar máis alá do propio exer

cicio orzamentario, polo que o gasto correspondente terá carácter plurianual.

4. Cando se produza a rescisión dun contrato procederase á inmediata substitución do traballador contratado ó abeiro desta liña de axudas, debéndose comunicar tal circunstancia e os datos do substituto na primeira liquidación trimestral que se presente, tal como se detalla no punto 3 do seguinte artigo.

Artigo 29º

1. Para poder realiza-lo pagamento das subvencións concedidas é necesario xustificar debidamente os gastos efectuados, no caso desta axuda mediante as nóminas pagadas pola entidade asociativa ó novo persoal contratado.

2. O pagamento efectuarase por períodos trimestrais, a partir da data de contratación.

3. Coa primeira liquidación, correspondente ó primeiro trimestre, deberase achega-la documentación seguinte:

-Fotocopia do DNI ou NIF do persoal contratado.

-Copia compulsada do título académico ou acreditación da súa cualificación.

-Copia compulsada do contrato ou contratos, nos que deben figura-los datos persoais e profesionais dos traballadores.

-Documentos orixinais ou copias compulsadas das nóminas e das cotizacións á Seguridade Social, modelos TC, do trimestre xustificado.

4. Nas sucesivas liquidacións trimestrais é suficiente con presenta-los orixinais ou copias compulsadas das nóminas e TC correspondentes ó trimestre en cuestión, como xustificación dos pagamentos efectuados.

V. Axudas para a adquisición de novos equipos informáticos

Artigo 30º

Coa finalidade de mellora-la eficacia na xestión económica e empresarial das entidades asociativas agrarias, así como a prestación de servicios ós seus socios, establécese a presente liña de axudas.

Artigo 31º

1. Poderán solicitala:

-As cooperativas agrarias.

-As sociedades agrarias de transformación.

2. Pódense considerar como criterios de prioridade:

-Que a entidade solicitante sexa de nova creación ou que poña en marcha novas actividades.

-Que sexa a primeira vez que solicita esta axuda.

-A súa propia dimensión social e económica.

Artigo 32º

1. Son subvencionables os equipos e programas informáticos, fotocopiadoras e fax, sempre que se xustifique debidamente a súa necesidade e uso.

2. A subvención poderá alcanzar:

a) Ata o 50% do custo, cando soliciten cooperativas e SAT de nova creación, que inicien novas actividades ou que soliciten por primeira vez.

b) Ata o 35% do custo nos demais casos.

3. A subvención concedida non superará os seguintes límites máximos:

a) Equipos e programas informáticos: 2.000.000 de ptas.

b) Fotocopiadoras: 200.000 ptas.

c) Fax: 100.000 ptas.

4. Excepcionalmente, cando a entidade asociativa agraria realizase investimentos en equipos e programas informáticos como consecuencia do proceso de acreditación para o aseguramento da calidade (Normas UNE - EN ISO 9000), o límite máximo será de 5.000.000 de ptas.

Neste caso particular, esta liña de axudas é compatible con outras existentes para logra-lo mesmo obxectivo, sempre que a subvención total concedida non supere o 70% do gasto realizado.

Artigo 33º

Para solicitar esta axuda, xuntarase a seguinte documentación específica:

a) Memoria xustificativa da necesidade do equipo informático, programas, fotocopiadora e fax que se pretenden adquirir.

b) Especificación das súas características técnicas.

c) Orzamento ou facturas proforma.

d) Ademais, no caso das axudas establecidas no punto 4 do artigo anterior, débese presentar:

-Copia compulsada da certificación do cumprimento da correspondente Norma UNE - EN ISO 9000.

-Declaración formal das subvencións solicitadas para este efecto e do importe concedido.

Artigo 34º

1. A concesión das subvencións solicitadas efectuarase con base na documentación requirida no artigo anterior e respectando os criterios de prioridade establecidos para esta liña de axudas.

2. Para efectua-lo pagamento da axuda é necesario xustificar previamente o investimento realizado, mediante facturas orixinais ou as súas copias compulsadas.

3. O prazo de xustificación remata o 31 de outubro do presente ano.

VI. Axudas para a realización de estudios de viabilidade e auditorías

Artigo 35º

Establécese esta liña de axudas para fomenta-la realización de estudios de viabilidade, de análises de xestión, de auditorías e de estudios de mercado,

que lles permitan ás entidades asociativas agrarias coñece-la súa situación real, as súas posibilidades e perspectivas futuras e a conveniencia de poñer en marcha novas actividades e servicios, mellora-la súa xestión empresarial, actualiza-la súa contabilidade e adaptala ó sistema contable en vigor.

Artigo 36º

Os estudios de viabilidade e os estudios de mercado deberán ser realizados por técnicos competentes na materia, e as análises de xestión e as auditorías por censores xurados de contas ou auditores rexistrados oficialmente.

As conclusións dos estudios de viabilidade e os informes das auditorías, conxuntamente cos dictames efectuados, deberán ser explicados con claridade ó conxunto dos socios na primeira asemblea xeral que se celebre con posterioridade á súa realización. Esta exposición detallada ante o socio recollerase expresamente na acta da devandita sesión plenaria.

Artigo 37º

1. Poderán solicitar esta axuda:

-As cooperativas agrarias.

-As sociedades agrarias de transformación.

2. Terán preferencia:

-As entidades que teñan como actividade principal a transformación e comercialización dos productos dos seus socios.

-As entidades que inicien novas actividades ou servicios.

Artigo 38º

Os estudios de viabilidade, as análises de xestión, as auditorías e os estudios de mercado que se realicen, poderán ser subvencionados ata o 70% do seu custo, cunha subvención máxima de 1.000.000 de ptas. por entidade asociativa solicitante.

Artigo 39º

Coas solicitudes xuntarase a documentación específica seguinte:

a) Memoria xustificativa.

b) Orzamento.

c) Identificación e cualificación do equipo técnico realizador.

Artigo 40º

1. Para proceder ó pagamento das subvencións concedidas é necesario xustificar previamente os gastos efectuados mediante facturas orixinais ou as súas copias compulsadas.

A xustificación dos gastos virá acompañada de:

-Copia dos estudios de viabilidade, dos estudios de mercado e dos informes das auditorías que se subvencionaron.

-Copia compulsada ou certificación da acta da sesión plenaria na que se lle explicasen ós socios

con claridade os estudios e informes realizados.

2. A Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, á vista da documentación presentada, poderá emitir informe ó respecto sobre a súa realización, que será condicionante para a determinación do importe final da axuda concedida.

3. O prazo de xustificación finaliza o 31 de outubro do presente ano.

VII. Axudas para a incorporación ó mundo cooperativo dos agricultores afectados por plans de abandono da producción leiteira

Artigo 41º

Esta liña de axudas está dirixida a aqueles agricultores que, acolléndose a un plan de abandono da producción leiteira, cambien de actividade productiva e se incorporen a unha entidade asociativa agraria que non estea relacionada coa producción láctea e que comprenda a nova orientación productiva.

Artigo 42º

1. De acordo co exposto no artigo anterior, poderanse subvenciona-las contribucións ó capital social e as cotas de ingreso que deba efectua-lo novo socio ata o 50% do seu importe.

2. Poden solicitar e resultar beneficiarios desta liña de axudas aqueles agricultores que se integrasen en cooperativas e SAT antes da publicación desta orde, durante o ano en curso, sempre que cumpran cos requisitos nela esixidos.

Artigo 43º

1. Esta subvención terá caracter persoal e deberá ser formulada en solicitude individual, segundo modelo adxunto, debidamente cuberto e asinado polo agricultor solicitante.

2. Xuntarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI.

b) Xustificantes que acrediten que se acolleu a un plan de abandono da producción leiteira.

c) Certificación, expedida polo responsable da axencia de extensión agraria da súa comarca, conforme o solicitante é titular dunha explotación agraria con orientación productiva distinta da leiteira.

d) Compromiso por escrito de permanencia na entidade asociativa como socio durante alomenos 6 anos. Se nese período se dá de baixa, voluntariamente ou por causa imputable ó socio, a cooperativa ou SAT debe comunicalo puntualmente á Dirección Xeral de Industrias e Alimentación.

e) Certificación do secretario da entidade, na que faga constar que o agricultor solicitou a admisión como socio, a data de solicitude e o importe das contribucións económicas que debe realizar para adquirir tal condición.

Artigo 44º

1. Como condición previa para poder efectua-lo pagamento da subvención aprobada, os agricultores

beneficiarios están obrigados a xustificar que efectuaron as contribucións establecidas, mediante certificación expedida polo secretario da entidade na que se integren, co visto e prace do presidente. Ademais, figurarán os seguintes datos:

-A data efectiva de integración do novo socio.

-O importe da contribución e a data na que se realizou.

-O destino da contribución.

-No caso de que a integración teña lugar nunha entidade asociativa de nova creación, presentarase copia compulsada dos seus estatutos e inscrición rexistral.

2. En calquera caso, a integración como socio e a súa xustificación ante esta consellería deberase realizar antes do 31 de outubro do presente ano para poder percibi-la subvención concedida.

VIII. Axudas para as actividades desenvolvidas polas organizacións representativas das entidades asociativas agrarias

Artigo 45º

Esta liña de axudas regula as subvencións ás organizacións representativas das entidades asociativas agrarias, para a realización de actividades de asesoramento e representación dos seus asociados, e para o fomento e impulso do asociacionismo no sector agrario galego.

Na aplicación desta axuda, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, de conformidade co disposto na normativa orzamentaria vixente, poderá establecer convenios de colaboración coas organizacións representativas das cooperativas e SAT para a realización de actividades específicas consideradas de interese.

Artigo 46º

1. Actuacións subvencionables:

a) Elaboración de estudios, análises e informes técnicos sobre o sector agrario, tanto sectoriais como de alcance xeral.

b) Prestación de asistencia técnica e de xestión económica das cooperativas e dos seus socios.

c) Impulso do asociacionismo agrario na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Representación sectorial ante as institucións autonómicas e nacionais, e participación en comisións, mesas de traballo ou outros órganos colexiados que se constitúan para o efecto.

e) Calquera outra actuación específica que, en relación cos obxectivos fixados, se prevexa nos convenios de colaboración establecidos.

2. Serán subvencionables todos aqueles gastos relacionados coas actuacións anteriormente citadas e os que se especifiquen nos convenios de colaboración asinados.

3. A contía das axudas establecerase no marco dos convenios de colaboración asinados entre as organizacións representativas das entidades asociativas agrarias e esta consellería, respectando en todo caso os seguintes criterios:

a) Non se poderá superar o 70% do gasto subvencionable.

b) O importe total dos convenios e actividades subvencionables amparados por esta liña de axudas non poderá supera-lo 10% da dotación económica da aplicación orzamentaria á que se imputan.

Artigo 47º

1. Poderán solicitar esta axuda as organizacións representativas das entidades asociativas agrarias.

2. Coas solicitudes xuntarase a seguinte documentación específica:

a) Acordo do órgano competente, debidamente acreditado, polo que se decide solicitar esta axuda.

b) Memoria explicativa da configuración da organización solicitante: número de cooperativas e SAT asociadas, subsectores nos que está implantada, datos do seu persoal e cometidos, infraestructura e medios, orzamento anual de gastos e financiamento.

c) Memoria das actividades realizadas ou que se prevea realizar durante 1998 e dos servicios prestados ós seus asociados.

d) Fotocopia compulsada dos seus estatutos, da inscrición rexistral, do CIF e do DNI do seu representante.

e) Calquera outra que se estableza nos convenios de colaboración.

Artigo 48º

1. A concesión das subvencións dependerá do interese, da natureza e do alcance das accións que se pretende levar a cabo por parte das organizacións solicitantes.

2. Terán preferencia aquelas organizacións que teñan carácter xeral e que acrediten un maior grao de implantación no sector agrario galego.

3. A Dirección Xeral de Industrias e Alimentación elaborará un informe ó respecto do citado nos dous puntos anteriores, que deberá ser favorable para proceder á aprobación da subvención solicitada.

Artigo 49º

1. Para proceder ó pagamento das subvencións concedidas e das actividades realizadas no marco dos convenios de colaboración asinados é necesario xustifica-los gastos efectuados mediante presentación de:

a) Memoria na que se detallen con precisión as actividades efectivamente desenvolvidas e os servicios prestados.

b) Facturas orixinais ou as súas copias compulsadas dos gastos subvencionables.

c) Orixinais ou copia compulsada das nóminas e TC do persoal da organización, non podendo a suma

en todo caso supera-lo 50% do importe total xustificado.

2. O prazo de xustificación rematará o 16 de novembro deste ano, salvo solicitude de prórroga debidamente motivada e a súa posible concesión.

3. A Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, de acordo coas organizacións beneficiarias, poderá nomear unha comisión encargada do seguimento e de velar pola correcta execución dos convenios de colaboración asinados.

Disposicións xerais

Artigo 50º

1. En xeral, as solicitudes de axuda formalizaranse segundo o modelo adxunto correspondente a cada unha das liñas de axuda que se regula na presente orde, debidamente cubertos e asinados polo presidente ou representante legal da entidade solicitante.

2. As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e presentaranse no rexistro xeral desta consellería, nas súas delegacións provinciais, nas axencias de extensión agraria ou de acordo con calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación das solicitudes rematará:

a) O 15 de setembro do presente ano para as liñas de axuda I, II, IV, V, VI e VII.

b) O 31 de outubro para as liñas de axuda III e VIII.

4. En xeral, pódense solicita-las subvencións que se establecen nas diferentes liñas de axuda para accións realizadas durante o ano en curso, previamente á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, sempre que se cumpran as condicións que nela se esixen.

Artigo 51º

1. As solicitudes virán acompañadas da documentación de carácter xeral que a continuación se cita:

a) Certificación ou copia compulsada da acta na que figure o acordo do consello rector no que se aproben as accións para as que se solicita a axuda, así como o acordo de petición de subvención e a autorización da persoa encargada dos trámites.

b) Memoria explicativa dos obxectivos que se pretende alcanzar.

c) Orzamento pormenorizado de tódolos gastos previstos.

d) Informe xeral sobre a entidade asociativa solicitante: sede e ámbito xeográfico, relación dos compoñentes do consello rector, relación de socios cos seus efectivos productivos, relación de empregados coa súa titulación e cometido, orientación productiva e actividades que realizan, servicios que prestan, medios, facturación sectorial e global nos dous últi

mos exercicios económicos e calquera outro dato que poida ser relevante para coñece-la configuración da entidade asociativa peticionaria.

e) Copia compulsada da escritura de constitución, e da de modificación, se a houbese, acompañada dos estatutos sociais.

f) Copia compulsada da inscrición rexistral.

g) Copia compulsada do CIF da entidade solicitante e copia do DNI do seu presidente ou do seu representante legal.

h) Copia da declaración do imposto de sociedades correspondente ó último período impositivo esixible.

i) Copia do balance e da conta de resultados correspondente ós dous últimos exercicios económicos.

j) Declaración formal, asinada polo secretario da entidade, co visto e prace do seu presidente, conforme non se solicitou nin se obtivo ningunha outra subvención procedente de entidades públicas para os mesmos fins citados nesta orde, salvo a excepción prevista no punto 4º do artigo 32.

k) Declaración expresa de cumpri-los requisitos establecidos na presente orde e de permiti-las comprobacións que para o efecto acorde a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

2. No caso das entidades asociativas agrarias de nova creación, ademais da documentación citada, deberán presenta-lo último recibo do imposto de actividades económicas e copia do modelo de impreso A de alta na Seguridade Social.

3. Para efectos de proceder ó pagamento da subvención concedida, deberase presentar:

a) Certificación bancaria do número de conta.

b) Certificación expedida pola Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, conforme a entidade solicitante non ten pendente de pagar ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública desta Comunidade Autónoma.

c) Certificación expedida polos órganos competentes, acreditativa de que a entidade solicitante se atopa ó día no pagamento das obrigas fiscais e da seguridade social.

Artigo 52º

1. As unidades administrativas receptoras remitirán no prazo máis breve posible as solicitudes de axuda recibidas á Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, para que o servicio competente comprobe se a solicitude e a documentación presentada reúnen os requisitos esixidos nesta orde.

Se se observa que está incompleto o expediente ou que presenta defectos corrixibles, requirirase o interesado para que obre ó respecto, de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, coa advertencia de que se así non o fixese considerarase desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámite.

2. Unha vez examinadas as solicitudes e feito o trámite anterior se fose necesario, elaborarase a proposta de resolución, que o Director Xeral de Industrias e Alimentación remitirá para a súa fiscalización á Intervención Delegada desta consellería. Unha vez fiscalizada, elevarase a proposta para a súa resolución ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, como órgano competente para o efecto.

Transcorrido o prazo establecido pola lexislación vixente para resolve-lo procedemento sen que se dictase resolución expresa, entenderase que se desestima a concesión da axuda.

3. A resolución poderase realizar nos quince primeiros días de cada mes natural para as solicitudes presentadas no mes inmediatamente anterior, ata o límite do crédito existente para cada liña de axudas.

Artigo 53º

1. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria comunicará ás entidades asociativas agrarias beneficiarias a concesión da subvención e o seu importe previsto, de acordo cos criterios de preferencia establecidos para cada liña de axudas, en función das solicitudes presentadas e da dotación orzamentaria existente.

2. Para poder percibi-la subvención concedida será requisito a súa aceptación expresa por parte da entidade asociativa beneficiaria.

3. As subvencións establecidas nesta orde son incompatibles con calquera outra axuda procedente das administracións públicas que se conceda para os mesmos obxectivos, salvo a excepción prevista no punto 4º do artigo 32. A vulneración deste precepto dará lugar á perda da subvención concedida.

Artigo 54º

1. As subvencións concedidas ó amparo da liña de axudas I (axudas para actividades formativas e de fomento do asociacionismo agrario), imputaranse á aplicación orzamentaria 09.04.612A.470 «Formación de técnicos e socios de cooperativas agrarias», dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, dotada con vintetrés millóns catrocentas vintetrés mil pesetas (23.423.000 ptas.).

2. Tódalas demais subvencións concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.612A.770 «Fomento do asociacionismo agrario», dos devanditos orzamentos, dotada con douscentos cincuenta e oito millóns duascentas cincuenta e tres mil duascentas once pesetas (258.253.211 ptas.).

Artigo 55º

1. A xustificación do gasto correspondente ás accións subvencionables deberase realizar dentro dos prazos establecidos para o efecto para cada unha das liñas de axuda reguladas nesta orde. O incumprimento dos devanditos prazos implicará a perda da subvención concedida, sen necesidade de aviso

nin notificación ningunha á persoa ou entidade interesada.

De tódalas formas, a Dirección Xeral de Industrias e Alimentación poderá conceder prórrogas con carácter excepcional, cando así o solicite a entidade asociativa beneficiaria e sempre que o motive debidamente.

2. A xustificación do gasto efectuarase directamente no Servicio de Fomento Asociativo (Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, San Caetano, Santiago de Compostela).

3. O importe final das axudas concedidas calcularase en función das facturas e demais xustificantes e documentación complementaria presentados. Se os gastos totais xustificados son inferiores ós orzados, practicarase a reducción proporcional correspondente.

4. Tódolos gastos ós que se refire a presente orde, para o efecto da xustificación e pagamento das subvencións concedidas, entenderanse sen IVE.

Artigo 56º

1. Ante a complexidade e diversidade desta orde de axudas, será obrigatorio que as entidades asociativas agrarias beneficiarias comuniquen a esta dirección xeral calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente o destino ou a correcta aplicación da subvención concedida.

Así mesmo, deberán permitir que a Dirección Xeral de Industrias e Alimentación realice as comprobacións que considere oportunas para o seu seguimento e control. Tamén facilitarán a documentación complementaria que se puidese solicitar ó respecto, durante os cinco anos seguintes á concesión desta axuda.

2. O incumprimento dos requisitos e fins establecidos na presente orde de axudas implicará a obriga por parte das entidades asociativas beneficiarias de reintegrar ó Tesouro da Comunidade Autónoma de Galicia as subvencións recibidas, incrementado o seu importe no xuro legal que proceda. A Xunta de Galicia poderá interpoñer as accións legais correspondentes para esixi-las responsabilidades a que houbera lugar en dereito.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Industrias e Alimentación para que, no ámbito das súas competencias, dicte as normas necesarias para a aplicación, desenvolvemento e cumprimento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria

7218