Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Martes, 11 de agosto de 1998 Páx. 9.275

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 29 de xuño de 1998, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Empresa Ojea, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Empresa Ojea, S.A., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 26-6-1998, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo delegado

de persoal, en data 4-5-1998, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 29 de xuño de 1998.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da Empresa Ojea, S.A.

Artigo 1º.-Unidades de negociación.

A representación das partes que negociaron, aprobaron e subscribiron o texto deste convenio estivo constituída do seguinte xeito:

Pola parte económica: Carlos Enrique Pino González, como xerente da empresa.

Pola parte social: Moisés Legerén Salgado, delegado de persoal.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio regulará as relacións laborais da Empresa Ojea, S.A. e afectará a todo o persoal pertencente actualmente ó cadro de persoal, así como ós traballadores que ingresen durante a súa vixencia.

Artigo 3º.-Vixencia.

Este convenio entrará en vigor o día da súa publicación no diario oficial correspondente mais os seus efectos económicos se retrotraerán ó 1 de abril de 1998. Afectará ó persoal que se encontre en alta na empresa na data da súa aprobación.

Artigo 4º.-Duración.

A duración deste convenio será de dous anos, é dicir, ata o 31 de marzo do 2000, e prorrogarase taticamente por períodos anuais, salvo denuncia de calquera das partes, con tres meses de anticipación, polo menos, á data da súa terminación. A dita denuncia deberase facer por escrito dirixida á outra parte afectada polo convenio.

Transcorrido un ano de vixencia da táboa salarial, procederase á súa revisión establecendo os salarios para 1999 con base en os incrementar un 2%.

Artigo 5º.-Compensación e absorción.

As melloras contidas neste convenio unicamente poderán ser absorbidas ou compensadas por aquelas melloras legais ou regulamentarias que no futuro se establezan, consideradas en cómputo global e anual.

Artigo 6º.-Soldos e salarios.

O persoal afectado por este convenio, segundo as categorías, deberase rexer, para o período do 1 de abril de 1998 ó 31 de marzo de 1999, pola táboa salarial anexa, obtida de incrementar nun 3% os salarios vixentes para 1997.

Para o segundo ano de vixencia do convenio, aplicarase o especificado no artigo 4º.

Artigo 7º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias do ano aboaranse na contía de trinta días e serán calculadas sobre a táboa salarial que corresponda, máis antigüidade, se é o caso. Denominaranse 25 de xullo, Nadal e beneficios, e faranse efectivas antes do 22 de xullo, 22 de decembro e 15 de marzo, respectivamente.

Artigo 8º.-Vacacións.

O período anual de vacacións será de 30 días naturais, que se desfrutarán en dous períodos de 15 días, nas datas que acorden empresario e traballador, segundo as necesidades da empresa, un dos cales se desfrutará preferentemente nos meses de verán.

Artigo 9º.-Traballos nocturnos.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as dez da noite e as seis da mañá terán unha retribución específica incrementada nun 25% sobre o salario base.

Exclúese do cobro do expresado suplemento o persoal que realice a súa función durante a noite e que fose contratado para esta clase de traballo.

Artigo 10º.-Conductores perceptores.

O conductor perceptor, cando desempeñe simultaneamente as funcións de conductor e cobrador, percibirá, ademais da remuneración correspondente á súa categoría, un complemento salarial por posto de traballo igual ó 20% do seu salario base por cada día en que se realicen ámbalas funcións, salvo que estas se leven a cabo por tempo inferior ou igual a tres horas, caso no que se percibirá o dito plus cando menos en proporción a aquelas.

Artigo 11º.-Axudas de custo.

O persoal que saia da súa residencia por causas do servicio terá dereito a percibir unha indemnización polos gastos que se lle orixinen, que recibirá o nome de axudas de custo.

No caso de non se trasladar en vehículo da empresa, terá dereito a que se lle aboe o importe da segunda clase, con dereito a liteira se a viaxe for nocturna.

O importe das axudas de custo completas será o que a seguir se reflicte:

a) Traballos fixos de escolares, obreiros, liñas regulares e outros: 1.200 pesetas a media axuda para os dous anos de vixencia do convenio.

b) Servicios discrecionais en Galicia: 4.100 pesetas a media axudas de custo, para os dous anos de vixencia do convenio.

c) Servicios discrecionais no resto do territorio nacional e Portugal: 5.000 pesetas a axuda de custo completa para os dous anos de vixencia do convenio.

d) Servicios discrecionais ós restantes países europeos: 8.600 pesetas a axuda de custo completa para os dous anos de vixencia do convenio.

A empresa terá a facultade de asumi-lo pagamento de aloxamento e comida do traballador en substitución das axudas de custo.

Nos casos de destacamento, as axudas de custo establecidas no presente artigo sufrirán unha reducción do 33%, sen prexuízo da facultade que o precedente parágrafo lle recoñece á empresa.

Terán dereito a axudas de custo enteiras os que saian da súa residencia antes das 12 horas e regresen despois das cero horas.

Percibirase a parte de axudas de custo correspondente ó xantar sempre que o traballador saia da súa residencia antes das 12 horas e regrese despois das 14 horas.

Cobraranse as axudas para a cea cando a saída se efectúa antes das 20 horas e a chegada despois das 22 horas.

A pernoita corresponde ós que cheguen despois das cero horas.

Nas viaxes de duración superior ós tres días, o traballador terá dereito a unha cantidade complementaria da súa axuda de custos cuantificada en 450 pesetas, que se devengarán a partir do cuarto día.

Artigo 12º.-Xornada de traballo.

A xornada semanal ordinaria de traballo será de 40 horas efectivas para todo o persoal, de acordo co Estatuto dos traballadores, Lei de xornada máxima e Real decreto 1561/1995. A xornada anual ordinaria será de 1.826 horas e 27 minutos de traballo efectivo. Cando a súa distribución supoña a superación das 40 horas semanais, o control e cómputo da xornada verificarase trimestralmente en termos de media. Cando, por razóns obxectivas, sexa necesario, as partes negociarán outros sistemas de cómputo e control, respectándose en todo caso o tempo máximo de xornada ordinaria anual mencionada anteriormente.

Para efectos de xornada, será de aplicación o disposto no Real decreto 1561/1995, do 21 de setembro, e demais normas específicas para o sector do transporte.

Artigo 13º.-Traballos en domingos e festivos.

Se por excepcional necesidade da empresa o traballador non puidese desfrutar do seu descanso os domingos e festivos, farao dentro da semana seguinte, sinalándose o día con anterioridade, ou cobrarao co incremento establecido na lexislación vixente.

Artigo 14º.-Horas extraordinarias estructurais.

Para os efectos do previsto no Real decreto 234/1990, e a Orde do 24 de febreiro de 1990, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, sobre cotización adicional de horas extraordinarias estructurais, consideraranse como tales as que se realicen con ocasión de accidentes ou para solucionar necesidades urxentes e prementes que veñan esixidas de inmediato polo servicio, as que obedecen a períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural derivadas da propia natureza da actividade de transportes.

Artigo 15º.-Libretas de control.

Todo o persoal, traballe ou non horas extraordinarias, será provisto dunha libreta individual ou de ficha de control, na cal se irán anotando aquelas, así como as sucesivas liquidacións que se fagan.

Artigo 16º.-Licencias e permisos.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderase ausentar do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador precise facer un desprazamento, o prazo será de catro días.

c) Un día por traslado do domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, aplicarase o que esta dispón en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do vinte por cento das horas laborables nun período de tres meses, a empresa poderá pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia regulada no número un do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador, por cumprimento do deber ou desempeño do cargo, perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario a que tivese dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 17º.-Cesamentos.

Todo empregado terá dereito a rescindi-lo seu contrato de traballo, sen estar obrigado a alega-las causas da súa determinación.

Para isto, o persoal comunicaralle á dirección da empresa a data do seu cesamento cunha anticipación mínima de quince días, excepto para o persoal non cualificado, para o cal o aviso previo será de oito días.

Cando un traballador pretenda a rescisión do contrato, deberá seguir prestando os seus servicios en canto non transcorran os prazos sinalados no presente artigo.

O abandono do posto de traballo sen que transcorresen os prazos sinalados será penalizado cunha sanción económica equivalente ó salario base dos días que falten desde o abandono do servicio ata a data en que, cumprido o trámite de aviso previo, lle correspondese o cesamento.

Artigo 18º.-Excedencias.

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto de traballo e ó cómputo da antigüidade da súa vixencia, concederase pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público.

O traballador con, como mínimo, unha antigüidade na empresa dun ano ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non menor de dous anos e non maior de cinco. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo traballador se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

Así mesmo, poderán solicita-lo seu paso á situación de excedencia na empresa os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior en canto dure o exercicio do seu cargo representativo.

O traballador excedente conservará só o seu dereito preferente ó reingreso nas vacantes de igual ou similar categoría á súa que houbese ou se producisen na empresa.

Artigo 19º.-Uniformes.

A empresa e o traballador cumprirán canto se refire á uniformidade, conforme o que se determinaba na ordenanza laboral para as empresas de transporte por estrada.

Artigo 20º.-Seguro de accidente laboral.

A empresa contratará totalmente ó seu cargo un seguro colectivo a favor dos seus traballadores de

2.600.000 pesetas por cada un, de forma que, en caso de falecemento por accidente laboral ó servicio da empresa, a citada cantidade sexa cobrada polos seus herdeiros legais.

Este seguro non constitúe unha substitución das obrigas da empresa en materia de seguridade social, senón un complemento destas.

Artigo 21º.-Retirada do carné de conducir.

En caso de que por resolución administrativa ou resolución xudicial firme se produza a retirada do carné de conducir a un conductor por un período non superior a 90 días, durante a vixencia do convenio e conducindo un vehículo da empresa para a que preste os seus servicios, esta comprométese a facilitarlle ó productor afectado o posto de traballo máis idóneo, de acordo coa súa categoría profesional.

Artigo 22º.-Pagamento de multas.

As multas por infracción de tráfico imputables a culpa ou imprudencia do traballador serán aboadas por este. En caso contrario aboaraas a empresa.

Artigo 23º.-Acción sindical.

Neste punto aplicarase o que dispón o Estatuto dos traballadores e a Lei de liberdade sindical.

Artigo 24º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento das cláusulas deste convenio e, en xeral, para entender en cantas cuestións se deriven da súa aplicación, establécese unha comisión paritaria, integrada polo representante dos traballadores signatario do convenio e polo representante da empresa.

Artigo 25º.-Indivisibilidade.

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, considerado na súa totalidade.

Artigo 26º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio aplicarase o disposto na lexislación vixente para as empresas de transportes por estrada.

ANEXO

Táboa de salarios:

Xefe administrativo (de sección). 111.407 ptas.

Oficial primeira administrativo: 95.497 ptas.

Oficial segunda administrativo: 86.382 ptas.

Auxiliar administrativo: 81.948 ptas.

Oficial primeira de taller: 3.312 ptas.

Oficial segunda de taller: 3.149 ptas.

Conductor: 3.186 ptas.

Conductor-preceptor: 3.186 ptas.

Cobrador: 2.750 ptas.

Inspector: 3.242 ptas.

7261