Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Martes, 11 de agosto de 1998 Páx. 9.275

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 235/1998, do 24 de xullo, polo que se determina o calendario laboral para o ano 1999 na Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 37.2º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e o artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, na súa redacción dada polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, determinan o calendario de festas laborais de ámbito nacional, de carácter retribuído e non recuperable. Respecto dalgunhas das festas de ámbito nacional, as comunidades autónomas teñen facultades de opción ou substitución por outras que por tradición lles sexan propias.

Facendo uso destas facultades, na nosa Comunidade Autónoma e para o ano 1999 faise a opción e substitucións seguintes:

a) Substituí-lo descanso laboral do 25 de xullo, Santiago Apóstolo, Día Nacional de Galicia ó coincidir en domingo, polo 19 de marzo, San Xosé.

b) Substituí-lo descanso laboral do 15 de agosto, Asunción da Virxe ó coincidir en domingo, polo 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Deste xeito, séguese o criterio de manter unha certa estabilidade na determinación das festas laborais para conmemorar todo o que forma parte da nosa tradición, historia e cultura, aproveitando as posibilidades que permite o calendario anual, que en 1999 fai que coincidan en domingo outras festividades celebradas en anos anteriores.

En virtude do establecido na Constitución española e no artigo 29.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios á Comunidade Autónoma de Galicia, asumidas e asignadas polo Decreto 117/1982, do 5 de outubro, oído o Consello Galego de Relacións Laborais, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Conforme o establecido no artigo 37.2º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e no artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, modificado polo Real Decreto 1346/1989, do 3 de novembro, de non producirse modificación no calendario laboral de carácter nacional, as festas laborais de carácter retribuído e non recuperable no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999 serán as seguintes:

1 de xaneiro: Aninovo.

6 de xaneiro: Epifanía do Señor.

19 de marzo: San Xosé.

1 de abril: Xoves Santo.

2 de abril: Venres Santo.

1 de maio: Festa do Traballo.

17 de maio: Día das Letras Galegas.

12 de outubro: Festa Nacional de España.

1 de novembro: Tódolos Santos.

6 de decembro: Día da Constitución Española.

8 de decembro: Inmaculada Concepción.

25 de decembro: Natividade do Señor.

Artigo 2º.-Conforme o disposto nos artigos 37.2º do Estatuto dos traballadores, 46 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, e 1.11º do Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, tamén serán inhábiles para o traballo, retribuídas e non recuperables, dúas festas locais, que serán determinadas polo delegado da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais en cada unha das provincias da Comunidade Autónoma, por proposta do Pleno dos respectivos concellos, e publicaranse nos boletíns oficiais de cada provincia e no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3º.-De acordo co que dispón o artigo 48.7º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o calendario laboral anual terá efectos como calendario de días inhábiles en canto ó cómputo de prazos administrativos en Galicia.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos a partir do día un de xaneiro de mil novecentos noventa e nove.

Santiago de Compostela, vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

6548