Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Martes, 11 de agosto de 1998 Páx. 9.279

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 14 de xullo de 1998 pola que se convoca un curso de control e mando para cabos do corpo de bombeiros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1998 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, a formación dos bombeiros é unha das tarefas encomendadas á devandita academia.

Con base no anterior anúnciase a celebración dun curso sobre control e mando para cabos, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Desenvolver calidades propias dun mando, coñecer e aplicar de forma unificada os plans de actuación e tácticas de control e mando en emerxencias, avaliar riscos e desenvolver un pre-planning da intervención, tomar decisións estratéxicas e tácticas a curto e longo prazo.

Destinatarios.

O curso vai dirixido a mandos dos corpos de bombeiros da Comunidade Autónoma de Galicia con responsabilidades de control e mando.

Prazas.

O número de prazas ofertadas para cada curso será de 15.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 16 de setembro, ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal e seladas; será isto requisito indispensable para ser admitido no curso; o incumprimento deste requisito levará consigo a non admisión ó devandito curso.

4. As instancias deberán enviárselle á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º

da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

O curso terá unha duración de 35 horas lectivas, e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas:

-Calidades do líder.

-O mando en bombeiros.

-Delegación de funcións en emerxencias.

-Principais funcións de control e mando.

-Avaliación de prioridades en emerxencias.

-O relevo do mando.

-O posto de mando e protocolo de comunicacións.

-Seguridade en actuacións.

-Planificación para emerxencias.

Datas.

O curso celebrarase do 5 ó 9 de outubro.

O horario será o seguinte:

Mañá: de 10 a 13:30 horas.

Tardes: de 15:30 a 19 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 23 de setembro, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

No centro de formación de Seganosa, sito na parroquia de Alxén, s/n, en Salvaterra de Miño (Pontevedra).

Certificado de asistencia.

Ó remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a eles.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 1998.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

7269