Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Luns, 03 de agosto de 1998 Páx. 8.997

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 15 de xullo de 1998 pola que se recoñece a denominación de orixe Mexillón de Galicia e se nomea o seu consello regulador provisional.

Por Orde do 26 de xaneiro de 1994 recoñeceuse a denominación Producto Galego de Calidade para o Mexillón de Galicia e se nomeou o seu consello rector provisional, desenvolvendo o Decreto 421/1993, do 17 de decembro, polo que se regula a denominación producto galego de calidade para o sector da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

A dita regulación veu supoñer un recoñecemento para o mexillón cultivado nas augas das rías da nosa Comunidade Autónoma, o cal presenta unhas características específicas que veñen determinadas tanto polas excepcionais condicións do hábitat en que se desenvolve o seu ciclo productivo, como polas nutritivas e culinarias do propio producto, que derivan en que a presencia do mexillón galego nos mercados goce dun gran prestixio.

Conforme o anterior, no momento actual constátase un gran esforzo do sector mexilloeiro galego para lograr unha mellora da presentación e comercialización do seu producto, tratando así de adaptalo á demanda dos distintos consumidores cada vez máis orientada a productos de calidade, o que fai aconsellable que a Administración dispoña medidas que faciliten tanto a apertura de novas vías de comercialización como a consolidación das xa existentes para o mexillón galego con indicativo de calidade.

En consecuencia, por petición do sector interesado, de conformidade cos artigos 27.15º e 16º, 28.5º e 30.4º do Estatuto de autonomía de Galicia e co Real decreto 4189/1992, do 29 de setembro, sobre o traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de agricultura e pesca, polo que se asumen competencias sobre denominacións de orixe, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Recoñécese a denominación de orixe Mexillón de Galicia para o mexillón producido, envasado e depurado en Galicia, na forma e condicións que se determinen no regulamento que se elabore para tal efecto.

Artigo 2º

Noméase un consello regulador, con carácter provisional, que por proposta do sector interesado queda formado polos seguintes membros:

Presidente: Olimpio Castelo González.

Vocais:

-Representantes do sector productor:

Manuel Castro Miguéns.

Juan José Martín Rodríguez.

Luis Manuel Cousido Hermida.

José Rouco Camiña.

Amador Mallo García.

Josefino Gondar Otero.

-Representantes do sector comercializador:

Juan Sueiro Ortiz.

Salvador Vidal Santos.

Ricardo Muñiz Agís.

María Dolores Fernández Vázquez.

-Representantes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura:

Antonio Pérez Olveira.

Juan Fernández Otero.

Lino José Lema Bouzas.

-Representantes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, Servicio Galego de Saúde:

Pilar Farjas Abadía.

Artigo 3º

Encoméndaselle ó consello regulador provisional a redacción do regulamento particular da denominación de orixe Mexillón de Galicia, que se elevará á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para a súa aprobación.

Artigo 4º

O consello regulador elaborará os censos de productores, expendedores, comercializadores e transformadores así como aqueloutros que oportunamente sexa conveniente establecer, de persoas físicas ou xurídicas interesadas en adscribirse á denominación, que posteriormente servirán de base para a constitución do consello regulador definitivo.

Artigo 5º

A indicación denominación de orixe Mexillón de Galicia non poderá ser mencionada no etiquetado, presentación, documentación ou publicidade deste producto ata que sexa aprobado o seu regulamento particular pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Disposición transitoria

Única.-Durante a fase provisional de funcionamento da denominación de orixe Mexillón de Galicia, os inscritos nos rexistros da denominación Producto Galego de Calidade Mexillón de Galicia poderán seguir utilizando os nomes e símbolos da mencionada denominación nas condicións que sinala o seu regulamento. A súa ordenación adecuarase ás obrigas das ordes do 26 de xaneiro de 1994 e do 14 de novembro de 1995, da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, mentres non sexan substituídas definitivamente, unha vez que se elabore e aprobe o Regulamento da denominación de orixe Mexillón de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados para dicta-las normas precisas para o desenvolvemento do establecido na presente orde.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 1998.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

6147