Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Luns, 03 de agosto de 1998 Páx. 8.993

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 14 de xullo de 1998 pola que se convocan bolsas de posgrao para a realización de estudios sobre a pesca en Galicia.

Os importantes desafíos que se lle presentan ó sector pesqueiro galego nun futuro próximo, en especial os derivados da revisión das políticas comunitarias a partir do ano 2000, fan necesaria a colaboración da comunidade científica no seu estudio, avaliación e na definición de alternativas.

As xornadas sectoriais de traballo sobre investigación mariña en Galicia, organizadas pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, determinaron áreas de prioridade para o estudio dos temas pesqueiros que é preciso recoller e fomentar desde as administracións públicas.

Parece conveniente, xa que logo, tratar de impulsar estudios específicos sobre estas áreas, mediante bolsas para realizar traballos relacionados coa política común da pesca e como afecta ó sector en Galicia, tanto nos seus aspectos económicos e xurídicos coma sociais. Á vez, estes estudios deben contribuír á formación de titulados universitarios nestes campos que logo poidan prestar os seus servicios ó sector pesqueiro galego.

Por todo o exposto esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

Con cargo á aplicación orzamentaria 12. 04. 612.B. 480.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, convócanse cinco (5) bolsas para a realización de estudios no campo da pesca destinadas a titulados superiores.

A concesión destas axudas rexerase polas bases do anexo a esta orde.

Artigo 2º

O importe global máximo que alcanzarán as axudas é de seis millóns seiscentas mil pesetas (6.600.000 ptas.), a razón dun millón trescentas vinte mil pesetas (1.320.000 ptas.) por bolsa, das que serán deducidas as correspondentes retencións fiscais.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Formación Pesqueira e Investigación para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 1.998.

P.D. (17-12-1997, DOG nº 246, do 22 de decembro)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca Marisqueo e Acuicultura

Bases

Primeira.-Obxecto e dotación.

O obxecto da presente convocatoria é a concesión de cinco (5) bolsas ou axudas económicas dun ano de duración, prorrogable por un máximo doutros tres, para a realización de estudios sobre a pesca na súa vertente da revisión da política común da pesca e o sector pesqueiro galego distribuídas nos seguintes temas:

1. Unha bolsa para estudios sobre a política de recursos. Avaliación de sistemas de regulación. Percepción dos axentes e viabilidade dos diferentes sistemas. Comparación de mecanismos de regulación por países. Avaliación da estabilidade relativa. Problemas da pesca na rexionalización europea.

2. Unha bolsa para estudios sobre a política de estructuras. Problema das subvencións. Fondos estructurais.

3. Unha bolsa para estudios sobre a política de mercados. Compatibilidade entre política pesqueira e de mercados.

4. Unha bolsa para estudios sobre a política exterior da pesca. Acordos internacionais e competencia internacional da Unión Europea. Articulación entre PCP, a política de cooperación ó desenvolvemento e a política comercial común.

5. Unha bolsa para estudios sobre a política de control e inspección.

A contía das axudas será dun millón trescentas vinte mil pesetas (1.320.000) cada unha, aboables en doce mensualidades de cento dez mil pesetas (110.000) nas que se aplicará a correspondente retención fiscal.

Segunda.-Carácter da bolsa.

Dado o seu carácter formativo e de apoio ó estudio que realizará o bolseiro, a concesión destas bolsas non implica relación laboral ou administrativa entre o beneficiario e a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, aínda que sí e necesaria e natural coordenación e supervisión, nin dará lugar á súa inclusión na Seguridade Social.

O bolseiro deberá dedicarse de maneira plena a realiza-los estudios para os que lle foi concedida a bolsa, coa aceptación das indicacions da dirección do traballo.

Nembargantes, o bolseiro poderá colaborar na docencia práctica do centro ó que estea adscrito, si este ten ademais carácter docente, nos termos establecidos para os bolseiros do Plan de Formación de Persoal Investigador (FPI) e para que os bolseiros predoutorais da Xunta de Galicia, ós que, polas súas características, se equiparan os bolseiros da presente convocatoria. É incompatible o desfrute da bolsa coa percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas.

Terceira.-Condicións xerais.

Para optar a estas bolsas é necesario :

a) Ser galego maior de idade, a teor do disposto no artigo 3 do Estatuto de autonomía de Galicia.

b) Posuí-la titulación requirida na data de solicitude.

c) Que non transcorresen máis de seis anos desde a obtención da titulación requirida.

Cuarta.-Centros de realización.

As bolsas serán de realización en calquera centro universitario ou de investigación de Galicia, ó que o bolseiro se incorporará, segundo o que se estableza no escrito de aceptación do dito centro sobre a realización e dirección do estudio.

Quinta.-Documentación e trámites.

1. A solicitude destas bolsas farase mediante escrito dirixido ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, segundo modelo do anexo I, xunto ós seguintes documentos:

a) Fotocopia do DNI compulsada.

b) Currículum vitae do solicitante, cos documentos acreditativos dos méritos alegados.

c) Certificación académica completa e fotocopia do título correspondente ou, no seu defecto, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

d) Outros datos que se poidan xustificar documentalmente e que o solicitante considere de interese en relación coa bolsa.

e) Escrito da entidade onde se vai desenvolve-lo traballo no que figure a súa aceptación expresa.

f) Escrito do director do traballo no que manifeste a súa aceptación e o compromiso de dirixilo.

g) Memoria descritiva do estudio que se vai realizar, con mención dos seus obxectivos, metodoloxía, tempo de duración previsto, e cantos outros se consideren de interese, en especial se o dito estudio forma parte dun proxecto máis amplo realizado pola entidade na que se integra o bolseiro. A memoria debe estar conformada polo director do traballo.

h) No caso de formar parte dun proxecto máis amplo, memoria sinxela onde se relacionen os traballos xa realizados e en curso, e composición e pequeno currículo do equipo que o integra, asinado polo director do proxecto.

2. A presentación das solicitudes farase no rexistro xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura (edificios administrativos de San Caetano, Santiago de Compostela), ou ben por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei do réxime xurídico das administracions públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación rematará ós 30 días da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

4. A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación comprobará que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e exporá no taboleiro de anuncios da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e as súas delegacións, unha resolución coa lista de admitidos e excluídos, indicando, se é o caso, as causas de exclusión. Contra a dita resolución poderán os interesados formula-la reclamación, para emendaren erros e faltas de documentos, ante a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, no prazo de 10 días, a partir da publicación da resolución, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se corrixan as causas de exclusión, procederase ó arquivo do expediente sen máis trámites.

Sexta.-Outorgamento das bolsas.

1. As bolsas serán adxudicadas polo conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, por proposta da comisión de selección.

2. A comisión de selección constará de cinco membros: un presidente que será o director xeral de Formación Pesqueira e Investigación, e catro vocais, dous designados pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e outros dous designados pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento. A súa composición farase pública nos taboleiros de anuncios da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

3. Na fase de selección teranse en conta como criterios de valoración:

a) Expediente académico e currículum vitae.

b) O interese do tema do estudio que se vai realizar para a consellería.

c) A integración do estudio obxecto da bolsa en programas de traballo máis amplos e en equipos de investigación que xa traballen sobre o tema.

Só se valorarán os méritos acreditados documentalmente.

Ademais, a comisión poderá convoca-los solicitantes para unha entrevista persoal e para as probas obxectivas que coide procedentes.

4. Efectuada a selección pola comisión, a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación fará pública a relación provisional de beneficiarios seleccionados mediante anuncio exposto no taboleiro da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e as súas delegacións. Contra esta resolución poderase formular reclamación no prazo de 10 días; transcorrido o dito prazo, a comisión procederá a estudia-las reclamacións presentadas e elevará a proposta definitiva ó conselleiro para que resolva.

5. A resolución do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura pola que se adxudicarán as bolsas publicarase no Diario Oficial de Galicia, e porá fin á vía administrativa, segundo o disposto no artigo 109.c. da Lei 30/1992.

6. Se transcorridos 10 días desde a publicación da resolución de adxudicación no Diario Oficial de Galicia, o bolseiro non formalizase a adscrición, perderá a bolsa e procederase a cubri-las vacantes co suplente nomeado.

7. As solicitudes entenderanse desestimadas se, nun prazo de tres meses a partir do remate do prazo de presentación de solicitudes, non se dictou resolución.

Sétima.-Do pagamento e efectividade.

1. Incorporado ó lugar de realización das bolsas, e logo de notificación da incorporación polo responsable do proxecto ó que se incorpore o bolseiro, procederase ó pagamento da cantidade mensual fixada na base primeira, con efecto a mes vencido.

O abandono inxustificado da realización dos traballos será causa de perda da bolsa.

2.a) A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación poderá en calquera momento da rea

lización da bolsa solicitarlle ó bolseiro un informe sobre as súas actividades.

b) Antes do pagamento da última mensualidade, o bolseiro fará entrega dun informe por escrito sobre os traballos desenvolvidos no período de formación, ó que se xuntará informe do director do proxecto. O incumprimento deste requisito dará lugar á perda desta mensualidade.

Oitava.-Renuncia á bolsa concedida.

No caso de renuncia á bolsa concedida, o bolseiro presentará a correspondente solicitude fundamentada. De abandonarse a realización do estudio auxiliado sen razóns que o xustifiquen, a consellería poderá esixi-la devolución das cantidades aboadas.

Novena.-Condicións da prórroga.

Transcorrido un ano, e logo de informe favorable da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, e sempre que exista partida orzamentaria, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, por solicitude do bolseiro, poderá acorda-la prórroga por un ano da bolsa que tiña concedida, ata un máximo de tres anos.

Décima.-Compatibilidade con outras axudas.

As bolsas da presente convocatoria son incompatibles con calquera outra remuneración ou axuda, agás aquelas que teñan por finalidade asistir a congresos, seminarios e outras reunións científicas relacionadas co obxecto do estudio e os gastos de desprazamento a eles ou a arquivos ou outros puntos de recollida de información sobre o obxecto de estudio.

6942