Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Venres, 31 de xullo de 1998 Páx. 8.856

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 224/1998, do 17 de xullo, polo que se regula o Consello Galego de Turismo.

A Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia define no seu artigo 7 o Consello Galego de Turismo, creado mediante o Decreto 90/1989, do 11 de maio, como o órgano consultivo, asesor e colaborador da Xunta de Galicia en materia turística e establece as súas funcións.

De acordo co disposto nesa lei este decreto vén regula-la composición, organización e funcionamento do Consello Galego de Turismo.

Co obxecto de promove-la maior participación e colaboración posible de tódolos sectores implicados no desenvolvemento turístico de Galicia, establécese unha composición moi ampla de xeito que quedan debidamente representadas as distintas administracións públicas galegas, os sectores económicos e sociais e mailos organismos relacionados co turismo.

Por todo isto, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de xullo de mil novecentos noventa e oito

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. O obxecto deste decreto é regula-la composición, organización e funcionamento do Consello Galego de Turismo.

2. O Consello Galego de Turismo adscríbese, sen prexuízo da súa autonomía funcional, á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 2º

O Consello Galego de Turismo terá a seguinte composición:

Presidente: o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Vicepresidente: o director xeral de Turismo.

Vocais:

-Un representante da consellería competente en materia de política territorial, obras públicas e vivenda.

-Un representante da consellería competente en materia de ambiente.

-Un representante da consellería competente en materia de desenvolvemento rural.

-Un representante da consellería competente en materia de sanidade e servicios sociais.

-Un representante da consellería competente en materia de economía e facenda.

-Un representante da consellería competente en materia de pesca, marisqueo e acuicultura.

-Un representante da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia (Turgalicia).

-Un representante da Sociedade Anónima de Xestión do Xacobeo.

-Un representante da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia.

-Un representante dos pazos de congresos e organizadores profesionais de congresos.

-Un representante dos centros oficiais de formación profesional de hostelería, proposto polo conselleiro competente en materia de educación.

-Un representante das asociacións de usuarios e consumidores, proposto polo Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

-Un representante do Instituto Galego de Consumo.

-Un representante das asociacións galegas, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma, de empresarios de aloxamentos hoteleiros, proposto polas respectivas asociacións.

-Un representante das asociacións galegas, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma, de empresarios de aloxamentos de turismo rural, proposto polas respectivas asociacións.

-Un representante das asociacións, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma, de empresarios de acampamentos de turismo, proposto polas respectivas asociacións.

-Un representante das asociacións galegas, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma, de empresarios de restaurantes, proposto polas respectivas asociacións.

-Un representante das asociacións galegas, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma, de empresarios de cafeterías, cafés, bares, tabernas, discotecas e salas de festas, proposto polas respectivas asociacións.

-Un representante das asociacións galegas, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma, de empresarios de catering e de colectividades, proposto polas respectivas asociacións.

-Un representante das asociacións, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma, de empresarios de axencias de viaxes, proposto polas respectivas asociacións.

-Un representante das asociacións, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma, de empresarios de establecementos balnearios, proposto polas respectivas asociacións.

-Un representante das asociacións, con implantación en todo o territorio da Comunidade Autónoma, de guías de turismo especializados.

-Catro representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias, proposto pola referida federación.

-Os presidentes das deputacións provinciais de Galicia, ou deputados provinciais nos que deleguen.

-Un representante das cámaras de Comercio, Industria e Navegación de Galicia, proposto polo Consello de Cámaras de Galicia.

-Un representante de cada Universidade de Galicia, por proposta dos rectores de cada unha delas.

-Un representante de cada unha das tres centrais sindicais máis representativas na Comunidade Autónoma de Galicia.

-Tres vocais designados polo conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, entre persoas de recoñecido prestixio e experiencia en temas de turismo.

-Actuará como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario da Dirección Xeral de Turismo, proposto polo director xeral de Turismo.

Artigo 3º

Os membros do Consello Galego de Turismo serán nomeados polo conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e desempeñarán os seus cargos por un período de catro anos. Se algún membro perde o carácter de representatividade do sector que o elixiu, este deberá proceder a elixir outro vocal-representante no prazo máximo dun mes, polo período que lle restaba a aquel, para o seu posterior nomeamento polo conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 4º

Son funcións do Consello Galego de Turismo:

a) Informar e asesora-la Administración turística autonómica naquelas cuestións relacionadas cos intereses xerais do turismo nesta Comunidade Autónoma.

b) Propoñe-la realización de estudios, investigacións e publicacións que se consideren necesarios para o desenvolvemento turístico de Galicia.

c) Emitir informes no trámite de audiencia sobre os plans turísticos previstos na Lei de ordenación e promoción do turismo en Galicia.

d) Propoñe-las accións que considere de interese para a consecución dos seguintes obxectivos:

-Formación e actualización de recursos humanos no sector turístico.

-Dinamización do emprego no sector turístico.

-Defensa, conservación e recuperación dos recursos turísticos.

-Diversificación da oferta turística.

-Configuración de novos productos turísticos.

-Modernización e mellora da calidade e da competitividade da oferta turística.

-Desestacionalización turística.

-Promoción turística.

e) Elaborar un informe anual sobre a situación turística de Galicia.

f) Propoñer calquera outra acción non prevista anteriormente que poida contribuír ó fomento e desenvolvemento turístico e á planificación da política turística de Galicia.

Artigo 5º

O Consello Galego de Turismo funcionará en Pleno e en comisións de traballo.

Artigo 6º

1. O Pleno estará integrado por tódolos seus membros.

2. O Pleno quedará validamente constituído en primeira convocatoria cando concorran a metade máis un dos seus membros, e en segunda convocatoria, que se celebrará unha hora despois, abondará coa asistencia da terceira parte dos seus membros.

3. Cando a orde do día o requira, o presidente poderá invitar a participar nas reunións do Pleno, con voz pero sen voto, a aquelas entidades ou expertos de turismo que coide oportunos para o mellor asesoramento nos temas concretos que se van debatir.

4. Os acordos do Pleno tomaranse por maioría dos membros presentes.

Artigo 7º

As comisións de traballo constituiranse para estudiar temas concretos e disolveranse cando estes rematen. Estas comisións estarán integradas polos membros do consello mailos técnicos e profesionais do turismo, non membros do consello, que o presidente do consello designe por proposta do seu vicepresidente.

Artigo 8º

Por disposición do presidente do consello, por proposta do seu vicepresidente poderán tomar parte nos traballos do consello, en temas concretos, con voz pero sen voto, os técnicos da Dirección Xeral de Turismo e da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago.

Así mesmo, o presidente do consello poderá reclama-la colaboración de técnicos doutras consellerías cando os asuntos que se van tratar así o requiran.

Artigo 9º

O Pleno do Consello reunirase en sesión ordinaria unha vez cada seis meses, ou en sesións extraordinarias por decisión do seu presidente ou por solicitude dun tercio dos seus membros.

Disposición adicional

En todo o non previsto no presente decreto, o Consello Galego de Turismo adecuará o seu funcionamento ó establecido para os órganos colexiados na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados os artigos 2º, 3º, 4º, 5º e 6º, a disposición derrogatoria e as disposicións derradeiras do Decreto 90/1989, do 11 de maio, polo que se crea o Consello Galego de Turismo.

Disposicións derradeiras

Primeira.

1. O Consello Galego de Turismo, reunido en Pleno, elaborará o seu regulamento, que establecerá o funcionamento do Pleno e das comisións de traballo.

2. Este regulamento será sometido á aprobación do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Segunda.

Facúltase o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Terceira.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de xullo de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo

7036