Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Venres, 31 de xullo de 1998 Páx. 8.853

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 223/1998, do 24 de xullo, polo que se crea a unidade de Oficina de Tramitación Única de Industrias e se regula a posta en funcionamento de establecementos industriais.

A actividade industrial é un dos piares básicos para o sostemento e evolución da economía de calquera estado ou rexión; por esta razón a Administración no só debe apoiar e fomenta-la creación de industrias con incentivos económicos, senón que, ademais, debe adapta-la súa forma de actuar para evita-las trabas que a complexidade da acción administrativa pode supoñer para a posta en funcionamento de calquera industria.

A Xunta de Galicia, con intención de adapta-la súa administración ás necesidades que a sociedade demanda dela, emprendeu accións de modernización administrativa, simplificando, racionalizando e informatizando os procesos para facer máis sinxelas as relacións que os cidadáns manteñen con ela.

Tendo en conta isto e o feito de que a creación, ampliación e traslado de industrias supón a actuación de diferentes administracións e, dentro da propia Administración autonómica, de diferentes unidades administrativas, seguindo o exemplo xa iniciado co portelo único de balnearios e o rexistro de contratistas, por instancia da Consellería da Presidencia e Administración Pública, créase agora a Oficina de Tramitación Única de Industrias, que terá como misións fundamentais as de información e asesoramento dos particulares interesados na posta en funcionamento de calquera establecemento industrial e a de coordinación e impulso dos expedientes relativos ás autorizacións administrativas que sobre esta materia se soliciten na Xunta de Galicia, con independencia de cal sexa o órgano competente para a súa resolución.

Por outra banda, este decreto trata de simplifica-la posta en funcionamento daquelas industrias que non requiren autorización previa. Neste sentido redúcese a un só acto a presentación do proxecto e a dos certificados de cumprimento da normativa industrial da instalación, co cal a relación do particular coa administración se difiere un único momento e non a dous como se está a facer ata agora. Trátase desta forma de axiliza-la posta en funcionamento de calquera industria, responsabilizando o técnico competente do cumprimento da normativa sobre materia industrial vixente.

En consecuencia, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Capítulo I

Da creación da Oficina de Tramitación Única de Industrias

Artigo 1º.-Créase a unidade administrativa Oficina de Tramitación Única de Industrias, con funcións de información e asesoramento en materia de creación de industrias, e de recepción e de impulso dos expedientes administrativos que se incoen noutras unidades administrativas para a posta en funcionamento dunha nova industria ou o traslado ou ampliación dun establecemento industrial.

As industrias a que se refire o parágrafo primeiro serán as relativas ós sectores que se sinalan no anexo deste decreto.

A Oficina de Tramitación Única de Industrias quedará adscrita á Consellería de Industria e Comercio.

Artigo 2º.-O interesado que pretenda da Administración a autorización da apertura dun establecemento industrial a que se refire o artigo 1 ou a ampliación ou modificación dun xa existente poderá presenta-la documentación correspondente á actividade que vai desenvolver, sinalada no anexo deste decreto, na Oficina de Tramitación Única de Industrias existente en cada delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio.

Para os efectos de presentación e tramitación destes expedientes, a citada unidade administrativa terá carácter de rexistro xeral.

A Oficina de Tramitación Única de Industrias procederá á análise da documentación presentada e, no suposto de non estar completa esta, informará o interesado dos documentos que falten para que proceda á súa corrección.

Artigo 3º.-Se, de conformidade co artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico e do procedemento administrativo común, a solicitude se presentase no rexistro xeral doutro organismo da Xunta de Galicia, este remitirao á Oficina de Tramitación Única de Industrias.

No caso de que o órgano do que dependese o rexistro que se menciona no parágrafo anterior fose competente para conceder algunha das autorizacións administrativas para a instalación de industrias, este quedará coa solicitude e cos documentos daquela e procederá á súa tramitación e a remiti-la restante documentación, xunto cunha copia da solicitude do procedemento administrativo da súa competencia, á Oficina de Tramitación Única de Industrias.

Artigo 4º.-Recibida a documentación, a oficina procederá a tramita-las autorizacións que sexan da competencia da Consellería de Industria e Comercio e remitirá, para tal efecto, o resto das solicitudes

coa súa documentación a cada órgano administrativo competente por razón da materia.

Previamente dará de alta o expediente no Sistema de Xestión de Procedementos Administrativos, dándolle un código único, sen prexuízo dos que lle correspondan en función de cada solicitude.

Así mesmo, fará o seguimento dos expedientes incoados nesta materia e impulsará a súa tramitación ata chegar á resolución final.

Artigo 5º.-No caso de que algún expediente de autorización, modificación ou traslado de industrias necesitase máis dunha información pública, co obxecto de simplifica-la tramitación e coordina-las actuacións farase unha única información pública para tódolos efectos, que será tramitada pola Oficina de Tramitación Única de Industrias.

Cando nos procedementos afectados pola información pública se sinalasen prazos diferentes, deberase facer constar sempre o prazo máis amplo de tódolos establecidos.

Artigo 6º.-A devandita oficina comunicaralles ós órganos competentes que se procederá a cumpri-lo trámite de información pública. Se no prazo de dez días ningún destes fixese ningunha manifestación de deficiencias na documentación, considerarase que non existe inconveniente para a remisión do expediente a información pública.

Capítulo II

Da autorización dos establecementos industriais

Artigo 7º.-Para os efectos de documentación, tramitación e autorización de carácter industrial exclusivamente, as industrias clasifícanse da seguinte maneira:

- Grupo I: establecementos e instalacións industriais que, pola actividade á que se van dedicar non requiren a obtención de autorización administrativa previa.

- Grupo II: establecementos e instalacións industriais que, pola súa actividade, necesitan a obtención con carácter previo de autorización administrativa, por resultar preceptivo pola regulamentación específica que lle sexa de aplicación en cada caso.

Artigo 8º.-Para a posta en funcionamento dun establecemento do grupo I, non é necesario outro requisito que, unha vez rematadas as obras, a presentación ante a Oficina de Tramitación Única da correspondente delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio, da solicitude na que consten os datos e características técnicas da instalación que se pretende realizar á que se xuntarán os boletíns que, se é o caso, sexan esixibles.

No caso de que, segundo a lexislación aplicable a cada instalación, sexa necesaria a presentación de proxecto, este presentarase en exemplar duplicado, asinado por técnico competente e visado polo correspondente colexio oficial, e xuntaranse, ademais, os certificados e documentación seguintes:

a) Certificado expedido por técnico competente no que se poña de manifesto a adaptación da obra ó proxecto.

b) Certificado expedido por técnico ou organismo competente no que se poña de manifesto que se cumpriron as condicións técnicas e prescricións regulamentarias que, se é o caso, correspondan.

Artigo 9º.-O xustificante da recepción dos documentos ós que se refire o artigo anterior non supón a aprobación técnica pola administración da execución da instalación, tal e como sinala o Real decreto 2135/1980, do 26 de setembro, pero serviralle ó interesado de xustificante do cumprimento das súas obrigas administrativas, sen prexuízo da responsabilidade dos autores da documentación técnica e das certificacións expedidas.

Artigo 10.-Para a instalación, ampliación, modificación, traslado ou cesamento de actividades das instalacións industriais do grupo II será necesaria a presentación perante a Oficina de Tramitación Única da correspondente delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio, da solicitude e da documentación que en cada caso sexa esixible, pola lexislación sectorial que lle sexa de aplicación, para a obtención da correspondente autorización, informe ou aprobación.

Unha vez obtidas as autorizacións que procedan e rematada a instalación, a posta en funcionamento das instalacións do grupo II seguirá o procedemento establecido no artigo 8º do presente decreto.

Artigo 11.-O autor do proxecto será o responsable de que este se adapte á normativa vixente. O técnico competente que emitise o certificado ó que se refiren os artigos anteriores é responsable da adaptación da obra ó proxecto e de que na súa execución se cumprisen as condicións técnicas regulamentarias que sexan de aplicación, sen prexuízo das sancións penais que, se é o caso, puidesen corresponder.

Disposición transitoria

O disposto neste decreto será de aplicación ós procedementos iniciados con posterioridade á posta en funcionamento da Oficina de Tramitación Única de Industrias.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, a posta en funcionamento da Oficina de Tramitación Única de Industrias fixarase mediante orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública e, en todo caso, será dentro do ano 1998.

Segunda.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública e o conselleiro de Industria e Comercio para dicta-las normas necesarias para a execución e desenvolvemento do presente decreto,

sen prexuízo das competencias que por razón da materia teñan outras consellerías.

Santiago de Compostela, vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO

Con carácter xeral e independentemente do sector no que vaia desenvolve-la súa actividade a industria para a que se solicite autorización administrativa, o particular interesado deberá presenta-la documentación sinalada nos artigos 8º e 10º deste decreto.

No caso de que a industria fose unha cooperativa laboral deberá formular solicitude XI 802 A de cualificación e inscrición de cooperativa.

En función das instalacións que se pretendan realizar na industria deberán formular algunha das seguintes solicitudes:

IN 605A. Autorización a empresas instaladoras para a instalación e posta en funcionamento de aparellos elevadores.

IN 608A. Autorización a instaladores para instalación de fontanería.

IN 608B. Autorización de guindastres e torres desmontables.

IN 608C. Autorización de instalacións interiores de augas.

IN 614A. Autorización de instalacións de baixa tensión tipo A

IN 614B. Autorización de instalacións de baixa tensión tipo B e C (carpetas e boletíns).

IN 621A. Autorización a empresas para a posta en marcha de plantas e

instalacións frigoríficas.

IN 622A. Autorización a empresas e particulares para a posta en marcha de instalacións de calefacción, climatización e auga quente sanitaria.

IN 623A. Autorización a empresas e particulares para a posta en marcha de instalacións de gas.

IN 603A. Autorización de instalacións de aparellos a presión.

IN 624A. Autorización de instalacións petrolíferas de uso propio.

IN 625A. Autorización de instalacións de gases licuados derivados do petróleo.

IN 626A. Autorización de instalacións de protección contra incendios.

IN 627A. Autorización de instalacións de frío industrial.

Cando a actividade que vai desenvolve-la industria sexa susceptible de afecta-lo ambiente, deberá formularse solicitude MA 963A Declaración de impacto ou efectos ambientais, xuntando proxecto e estudio que conteña inventario ambiental, avaliación do impacto ou efecto ambiental, medidas protectoras e programa de vixilancia.

Se a actividade da industria xerase productos tóxicos ou perigosos ou implicase vertidos ó mar ou ós ríos, deberá solicitar tamén segundo proceda:

IN 631A. Autorización de producción de RTS.

IN 631B. Autorización de xestión de RTS.

IN 631C. Autorización de transporte de RTS.

OT 114A. Autorización de vertidos ó mar ou ó leito dos ríos.

Se a industria pretende instalarse na marxe dunha estrada competencia da Xunta de Galicia deberá presentar solicitude OT 205A Autorización e licencia de instalacións na marxe dunha estrada. Se a industria necesitase para o seu funcionamento a captación de augas superficiais ou subterráneas deberá solicitar respectivamente: OT 208A concesión de uso privativo de augas superficiais ou OT 209 A autorización de uso privativo de augas subterráneas.

Unha vez autorizada a industria e dentro do período dos trinta días seguintes á apertura da industria, deberá presentar solicitude XI 803A de comunicación de apertura de centro de traballo.

Dependendo do sector no que vai desenvolve-la súa actividade a industria para a que se solicite autorización administrativa, ademais, deberá formula-las seguintes solicitudes:

1. Actividades industriais específicas:

IN 647A. Autorización a talleres para a instalación de tacógrafos.

IN 643A. Autorización e inscrición de estacións de servicio.

OT 205P. Autorización para a instalación de estacións de servicio.

OT 205Q. Prórroga de autorización de instalacións de estacións de servicio.

IN 609A. Autorización de empresa de electricidade.

IN 609B. Autorización de empresas de construcción.

IN 609C. Autorización de empresas de fontanería.

IN 609D. Autorización de empresas de gas.

IN 609E. Autorización de empresas de calefacción.

IN 609F. Autorización de empresas de protección de incendios.

IN 609G. Autorización de empresas de recargadores de extintores.

IN 609H. Autorización-renovación de empresas mantedoras de guindastres móbiles autopropulsados.

IN 609I. Autorización de empresas instaladoras/conservadoras de ascensores.

IN 609J. Autorización de empresas instaladoras/conservadoras de guindastres-torre.

IN 609K. Autorización-renovación de empresas de madeira e cortiza.

IN 609L. Autorización de empresas instaladoras/mantedoras de instalacións frigoríficas.

IN 609M. Autorización de empresas instaladoras de aparellos a presión.

IN 609N. Autorización de talleres de instalación de limitadores de velocidade.

IN 609O. Autorización de empresas de medición de tensións de paso e contacto en instalaciones de posta á terra.

IN 609P. Autorización de empresas instaladoras de productos petrolíferos.

2. Actividades artesanais:

IN 201A. Obtención da carta de artesán e mestre artesán.

IN 201B. Obtención do documento de cualificación artesanal.

IN 201C. Inscrición no rexistro xeral de artesanía de obradoiros artesáns.

3. Instalacións nucleares e radioactivas:

IN 654A. Autorización de instalacións radioactivas.

4. Actividades agrarias, pecuarias ou forestais:

AG 339A. Réxime de establecementos catalogables.

AG 343A. Rexistro de industrias agroalimentarias.

5. Actividades de acuicultura:

PE 503A. Permisos de actividades para instalacións de establecementos de acuicultura en zona terrestre.

PE 503B. Autorización para remodelar ou ampliar establecementos de acuicultura en zona terrestre.

MA 501A. Autorización de actividades, obras, instalacións ou usos permitidos na zona de servidume de protección de dominio público marítimo-terrestre.

6. Actividades sanitarias:

SA 451A. Autorización de funcionamento sanitario de industrias de alimentación e establecementos de alimentación.

SA 451B. Autorización de modificación nas industrias con número de rexistro sanitario.

SA 646A. Rexistro de explotacións agrarias elaboradoras de productos lácteos tradicionais.

7. Actividades de acreditación, organismos de control, laboratorios e axentes autorizados para colaborar coa Administración en materia de seguridade e calidade.

IN 633A. Autorización de entidades de inspección e control regulamentario (ENICRES).

IN 648A. Autorización de entidade para impartir cursos de instaladores/mantedores de instalacións de calefacción, climatización e auga quente sanitaria.

IN 651A. Autorización a entidade para impartir cursos de gas.

8. Industrias de producción, transformación, transporte e distribución de enerxía eléctrica :

OT 217A. Concesión de augas para aproveitamento hidroeléctrico.

IN 408A. Autorización de instalacións de enerxía.

IN 407A. Autorización de transformación, transporte e distribucións de enerxía eléctrica.

7035