Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Mércores, 29 de xullo de 1998 Páx. 8.675

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 23 de xullo de 1998 pola que se establecen as medidas necesarias para a aplicación, na Comunidade Autónoma de Galicia, do programa de abandono voluntario e definitivo da producción leiteira.

O sector leiteiro está sometido, hoxe en día, a fortes tensións producidas polo crecente incremento

da competitividade debido, por unha parte, á paulatina liberalización do mercado mundial como consecuencia dos acordos da Organización Mundial de Comercio (O.M.C.) e, por outra, polas perspectivas cada vez máis próximas dunha Unión Europea ampliada á Europa do leste.

Por iso cómpre efectuar un esforzo de acomodación deste sector productivo, eliminando as súas deficiencias estructurais e favorecendo a incorporación dos productores novos ás explotacións leiteiras.

Nesta perspectiva e no marco da normativa comunitaria que resulta de aplicación, basicamente dos regulamentos 3950/1992, do Consello, que establece unha taxa suplementaria no sector do leite e os productos lácteos, así como o 536/1993, da Comisión, no que se recollen as disposicións de aplicación do anterior, o Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, configura unha serie de medidas tendentes á mordernización e mellora da competitividade no sector lácteo, en uso das atribucións que, con base no principio de subsidiariedade, os estados membros poden adoptar en relación coas medidas estructurais na agricultura. Neste real decreto, establécese, entre outras medidas, no seu capítulo 3º, artigos 4 a 11, un programa da abandono indemnizado, voluntario e definitivo da producción leiteira, facultando o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para a aprobación dos programas nacionais de abandono, agás para a presente campaña, na que se efectúa no propio real decreto, ó abeiro da súa

disposición adicional terceira.

As dúas terceiras partes das cantidades de referencia liberadas como consecuencia deste plan de abandono destinaranse ó fondo nacional coordinado de cotas lácteas e o resto á reserva nacional, asignándose, posteriormente, ós gandeiros nas condicións establecidas no capítulo IV do devandito real decreto.

Nos seus artigos disponse que a tramitación e resolución das solicitudes presentadas polos gandeiros, así como o pagamento das correspondentes indemnizacións, serán efectuadas polos órganos competentes da administración autonómica respectiva, en función do lugar onde estean situadas as explotacións, polo que, a través da presente orde, cómpre determina-los órganos competentes e o procedemento de tramitación con base no establecido na normativa interna de distribución de competencias.

Ó abeiro do disposto na Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, correspóndelle a este organismo autónomo a execución da política da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria no que atinxe á aplicación das medidas de ordenación, fomento, reestructuración e mellora do sector lácteo e gandeiro, para o que se lle atribúen unha serie de funcións, como pode se-la da execución das medidas de fomento. O Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que desenvolve esta lei, contén disposicións de analogo contido, atribuíndoselle, como unha das súas finalidades básicas, a execución das accións necesarias para a aplicación da Política Agrícola Común (PAC) e para o funcionamento das distintas organizacións comúns de mercados (OCM), neste caso a do leite, para o que xestionará os servicios e desenvolverá os programas necesarios.

De acordo con todo o anterior, na presente orde desenvólvese o precitado real decreto en canto á

instrumentación do sistema de xestión do programa de abandono indemnizado, voluntario e definitivo da producción leiteira na presente campaña.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.3º do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de xaneiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, así como o Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria así como a do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º- Obxecto e ámbito.

1.1. Pola presente orde establécese o procedemento para a solicitude, tramitación, concesión e pagamento, na Comunidade Autónoma de Galicia, das axudas recollidas no Plan Nacional de Fomento do Abandono Voluntario e Definitivo da Producción Leiteira segundo o disposto no Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo.

1.2. O abandono afectará a totalidade da producción leiteira e a indemnización a cada gandeiro productor concederáselle pola cantidade de referencia individual, tanto de entregas a compradores como de venda directa, que tivese asignada o un de abril de 1998.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

2.1. De acordo co establecido no artigo 6.1º do precitado real decreto poderán solicita-la indemnización os productores que desexen abandona-la producción da totalidade da cantidade de referencia que tiveran asignada o un de abril de 1998.

2.2. Os gandeiros que recibisen cantidades de referencia suplementaria, procedentes da reserva nacional, poderán solicita-lo abandono da súa producción aínda que as devanditas cantidades de referencia non serán indemnizadas e se reincorporarán á devandita reserva.

2.3. Os gandeiros que non lles entregasen leite ou productos lácteos a compradores ou que non os vendesen directamente, no período comprendido entre o 1 de abril de 1997 e o 31 de marzo de 1998, non poderán acollerse ó presente plan, agás que cedesen temporalmente as súas cantidades de referencia individuais.

2.4. Os productores titulares de cantidades de referencia ós que se lles conceda esta indemnización por abandono e que reúnan as condicións necesarias, poderán acollerse ás axudas para o fomento do cesamento anticipado na actividade agraria.

Artigo 3º.-Solicitudes.

3.1. Os gandeiros interesados poderán presenta-las solicitudes para se acolleren ós beneficios

establecidos na presente orde, nos servicios provinciais do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG) ou, preferentemente, nas axencias de Extensión Agraria da comarca respectiva. Así mesmo, poderan presentarse as devanditas solicitudes en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.2. As ditas solicitudes formalizaranse no modelo de impreso que se xunta como anexo I á presente orde e dirixiranse ó director do ILGG.

3.3. O prazo de presentación rematará o 12 de setembro de 1998.

Artigo 4º.-Documentación.

Para acredita-lo cumprimento dos requisitos esixidos, xunto coa solicitude deberase presenta-la seguinte documentación:

a) En todo caso:

-Fotocopia cotexada do DNI ou CIF do titular da cota.

-Certificación de entidade financeira na que desexa domicilia-lo aboamento de indemnización, con indicación do código-conta-cliente.

b) No caso de persoas xurídicas, fotocopia do poder acreditativo da representación.

c) No caso de cantidade de referencia para entrega a compradores: certificado das entregas de leite realizadas nas campañas 1997-1998 e 1998-1999, segundo modelo que se xunta como anexo 2.

d) No caso de cantidades de referencia para venda directa: declaracións de venda de leite e/ou productos lácteos realizada directamente polo productor, segundo modelo que se xunta como anexo III.

Cando se alegue a existencia de razóns ambientais que poidan obrigar ó peche da explotación, deberase achegar xustificante da Administración competente.

Artigo 5º.-Tramitación e concesión.

5.1. A tramitación dos expedientes relativos ás axudas que constitúen o obxecto da presente orde corresponderalles ós servicios proviciais do ILGG, para o cal comprobarán a documentación e emitirán un informe, conforme o cal os delegados provinciais deste organismo efectuarán a oportuna proposta, que elevarán ó director do instituto para que dicte a correspondente resolución.

5.2. A devandita resolución de concesión notificaráselle ó solicitante, debéndoselle, así mesmo,

comunicar á Dirección General de Gandería do MAPA unha relación dos solicitantes ós que se lles concedese a indemnización por abandono voluntario e definitivo da producción leiteira.

Artigo 6º.-Importe da axuda.

De acordo co establecido na alínea c) da disposición adicional 3ª do devandito Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, o importe da axuda que se lles vai conceder ós gandeiros que soliciten acollerse ó programa de abandono voluntario e definitivo da producción leiteira será o seguinte:

-50 ptas. por quilo de leite ou equivalente, para os productores cunha cantidade individual de referencia superior a 25.000 quilos.

-60 ptas. para os restantes productores de leite.

Artigo 7º.-Criterios de prioridade.

De acordo co establecido no artigo 8 do precitado Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, se a suma dos importes das indemnizacións correspondentes ás solicitudes propostas favorablemente nesta Comunidade Autónoma fose superior á asignación orzamentaria para o presente plan, na concesión das axudas aplicaranse os criterios de prioridade que de seguido se indican, unha vez ordenados dentro de cada grupo de menor a maior cantidade de referencia asignada:

1º Os titulares de explotacións con dificultades específicas para continuar na actividade e, dentro destes:

a) Os que teñan dificultades de adaptación ó cumprimento das esixencias establecidas no Real decreto 1679/1994.

Neste caso o ILGG poderá solicitar informe da respectiva Axencia de Extensión Agraria ou dos servicios veterinarios oficiais.

b) Cando existan razóns ambientais que obriguen ó peche da explotación.

2º Os gandeiros productores de maior idade a partir dos 55 anos.

En caso de empate será prioritario o productor de maior idade.

Artigo 8º.-Pagamento da indemnización.

8.1. No prazo de 2 meses desde a notificación da resolución de concesión de axuda os beneficiarios deberán acreditar debidamente o cumprimento do seguinte:

a) Que deixaron de comercializar leite e/ou productos lácteos e a data efectiva da última entrega ou venda directa, de acordo cos modelos que se xuntan como anexos IV e V da presente orde.

b) O destino das vacas productoras de leite afectadas polo abandono, de acordo co modelo que se xunta como anexo VI a esta orde.

8.2. Os devanditos documentos xustificativos presentaranse nas oficinas indicadas no artigo 3º.1 da presente orde.

Os servicios provinciais do ILGG elevaranlle, a través da respectiva delegación provincial do instituto, un informe á dirección deste sobre os solicitantes das axudas que presentaron a dita documentación xustificativa.

8.3. Unha vez acreditado o cumprimento dos requisitos establecidos no punto primeiro e recibidos os fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no prazo máximo de seis meses, contados desde a notificación da resolución de concesión, a dirección do instituto procederá ó aboamento da indemnización ó productor nun único pagamento.

Artigo 9º.-Financiamento.

9.1. Ó abeiro do disposto no artigo 5 e disposición adicional 3ª do devandito Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, o financiamento do plan de axudas establecido na presente orde efectuarase con cargo á porcentaxe que lle corresponda a esta Comunidade da cantidade máxima establecida para todo o Estado para a aquisición de 75.000 toneladas de leite, consonte a distribución proporcional segundo a suma das cantidades de referencia individuais dos gandeiros que teñan a explotación dentro do territorio desta Comunidade Autónoma, cantidade que poderá modificarse en función do total das cantidades de referencia para as que se solicite axuda para o abandono da producción, de acordo co establecido no punto 2º do artigo 5 do dito real decreto.

9.2. De acordo co anterior, a consignación orzamentaria con cargo á cal se concedan as axudas establecidas na presente orde efectuarase unha vez determinada a cantidade que lle corresponda á Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co establecido no punto anterior.

9.3. Mediante convenio de colaboración co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación poderanse establecer cantidades adicionais con cargo ós

orzamentos da Comunidade Autónoma para financiar este programa.

Artigo 10º.-Incumprimento.

No caso de incumprimento o beneficiario da axuda deberá reembolsa-la indemnización percibida máis os xuros de demora, calculados en función do prazo transcorrido entre o pagamento e o reembolso do importe da axuda.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultase o director do ILGG para dictar cantas instruccións considere necesarias para o desenvolvemento e aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 1998.

Castor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

6807