Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Mércores, 29 de xullo de 1998 Páx. 8.683

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 12 de febreiro de 1998 pola que se establecen as normas para a concesión de axudas a investimentos no ámbito da acuicultura.

A publicación do Real decreto 798/1995, do 19 de maio, e as súas modificacións polo Real decreto 696/1996, do 26 de abril, e o Real decreto 290/1997, do 28 de febreiro, adaptan ó ordenamento xurídico español os Regulamentos (CEE) 2080/1993, do Consello, do 21 de xullo de 1993 e (CE) 3699/1993, do Consello, do 21 de decembro de 1993, e definen os criterios e condicións das intervencións coa finalidade estructural no sector da pesca, da acuicultura e da comercialización, a transformación e a promoción dos seus productos. Tendo carácter de normativa básica do Estado dentro do concepto constitucional de ordenación do sector pesqueiro, introducen determinadas modificacións ás que é preciso adapta-la lexislación autonómica.

O Decreto 278/1994, do 8 de setembro, polo que se establece o programa de axudas coa finalidade estructural no sector da pesca, a acuicultura e a transformación e comercialización dos seus productos e o Decreto 123/1996, do 14 de marzo, que o modifica, supoñen a adaptación á normativa da Comunidade Autónoma galega do réxime estructural da pesca na Unión Europea, trala posta en marcha

do instrumento financeiro de orientación da pesca (IFOP).

Aprobada na reunión do 27 novembro de 1996, polo Comité de seguimento, a proposta da Unión Europea sobre novos ámbitos, medidas e indicadores de resultados do IFOP, faise necesario dictar unha nova orde que se adapte ós novos condicionamentos e, pola que se establecen as normas para a concesión de axudas para a creación, modernización, ampliación e innovación tecnolóxica de establecemento de acuicultura, que substitúa a Orde do 25 de xaneiro de 1995.

Por todo iso, e tendo en conta que as disposicións derradeiras dos citados Decretos 278/1994 e 123/1996, facultan a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dicta-las disposicións necesarias para a súa aplicación e desenvolvemento.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é regula-la concesión de axudas para a creación, modernización, ampliación e innovación tecnolóxica das instalacións de acuicultura, que impliquen unha actividade productiva.

As axudas outorgaranse con cargo ós créditos que, en cada exercicio orzamentario, se prevean para este fin na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para o ano 1998, as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.02.614B.771.0, Desenvolvemento da acuicultura e dos cultivos mariños, do orzamento prorrogado da C.A. de Galicia para 1998 polo Decreto 471/1997, ou con cargo á aplicación que substitúa á anterior na Lei de orzamentos xerais da C.A. de Galicia para 1998.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios as persoas físicas ou xurídicas titulares de establecementos de cultivos mariños, coa finalidade productiva, instalados na Comunidade Autónoma de Galicia e que estean en posesión da preceptiva habilitación administrativa.

Artigo 3º.-Proxectos subvencionables.

Os proxectos subvencionables, que en todo caso deberán contribuír a lograr un efecto económico duradeiro da mellora estructural prevista e deberán ofrecer garantías suficientes de viabilidade técnica e económica, evitando o risco da creación de capacidades de producción excedentarias, terán como finalidade, a realización de investimentos materiais destinadas a:

1. Acuicultura mariña.

A) Con aumento da capacidade acuícola.

a) A construcción ou ampliación de instalacións que impliquen un aumento significativo da producción, dentro dos límites da capacidade de producción autorizada no plan sectorial de pesca 1994-1999. Incrementos netos desta producción poden preverse nos seguintes casos:

* Nas especies prioritarias, en función da evolución do mercado, principalmente para garanti-la viabilidade económica de empresas autorizadas.

* En especies secundarias, en función da capacidade dos seus respectivos mercados.

* En novas especies, cando se garanta a viabilidade técnica das explotacións e a existencia dun mercado equivalente.

* Adecuación da producción de xuvenís das especies de interese, á evolución da demanda das instalacións de engorde.

b) A promoción de proxectos de engorde, nos que os titulares sexan colectivos ligados ó sector pesqueiro e marisqueiro.

c) A incorporación prioritaria da man de obra procedente do sector pesqueiro, como resultante de plans de reestructuración da flota.

B) Sen aumento da capacidade de producción instalada.

a) A modernización de unidades existentes, mediante o apoio a investimentos materiais destinados a:

* A optimización de proxectos xa financiados, con base na experiencia acumulada durante a súa posta en producción.

* A incorporación de mecanismos de control de parámetros ambientais, da administración automática de alimentos, de control patolóxico, etc., en ins

talacións preexistentes, destinados á modernización dos procesos productivos e á diminución dos custos.

* A mellora de estructuras de producción e a dotación de buques auxiliares ó sector mexilloneiro, co obxectivo da súa adaptación ós plans de reestructuración de polígonos e para a mellora dos mecanismos de comercialización e do traballo a bordo.

* A creación de infraestructuras, non ligadas directamente ó proceso productivo, comúns a distintas empresas, localizadas nunha mesma zona, que permitan a optimización dos seus custos.

b) A protección do ambiente, investimentos destinados a:

* A mellora da calidade dos efluentes de instalacións de acuicultura.

* Incentivar aquelas instalacións que permitan a súa localización en mar aberto, con distribucións de baixa densidade.

* A diminución do impacto visual de unidades localizadas en terra.

c) Proxectos de demostración, a unha escala similar ó dos investimentos productivos normais, apoiados en traballos de investigación xa realizados, para:

* O cultivo de especies alternativas ás existentes actualmente e que requiran un perfeccionamento das técnicas ou a súa adaptación ás condicións ambientais da Comunidade Autónoma.

* Novas técnicas de producción.

2. Acuicultura en augas continentais.

A creación, modernización, ampliación e innovación tecnolóxica de instalacións dedicadas á producción de xuvenís de salmón, destinados ó engorde en augas mariñas, adecuando a dita producción á demanda das instalacións de engorde.

Artigo 4º.-Criterios de prioridade.

Terán preferencia na concesión das axudas os investimentos sinalados no artigo 25 do Decreto 278/1994, do 8 de setembro.

Artigo 5º.-Gastos non subvencionables.

En ningún caso serán subvencionados os investimentos destinados a:

a) A compra de terreos.

b) A cobertura de gastos xerais superiores ó 12% dos custos.

c) Os vehículos destinados ó transporte de persoas.

d) Os gastos do IVE, excepto nos casos en que se achegue certificado expreso, do Ministerio de Economía e Facenda, da porcentaxe non recuperable del.

e) Os investimentos que se realizan antes da expedición do certificado do inicio, sinalado na alínea c) do artigo 6.

f) A adquisición, construcción ou acondicionamento de locais ou equipos non necesarios para os fins productivos.

g) Os gastos correntes de mantemento e conservación dos bens e equipos.

h) Os investimentos cunha xustificación que non permita unha verificación do custo.

i) A compra do mobiliario e equipos de oficina, excepto instalacións informáticas e telemáticas.

j) A compra de ovos, larvas, xuvenís ou reproductores, excepto en proxectos de construcción ou ampliación de instalacións, que neste caso se limitará, como máximo, ó 5% do custo total dos demais investimentos subvencionables.

k) A adquisición do material de ocasión, reparacións e aluguer de instalacións ou equipos.

l) Os gastos de constitución, explotación e administrativos.

Artigo 6º.-Contía das axudas.

A contía máxima das axudas, na forma de subvención de capital, concedida en relación cos gastos subvencionables, considerando a suma achegada polo IFOP e as diferentes administracións públicas, non superará o 60%.

A contía das axudas concedidas polas distintas administracións públicas nacionais, non será inferior ó 5% do investimento subvencionable.

En calquera caso, a achega do beneficiario en relación co total do investimento subvencionable non poderá ser inferior ó 40%.

Artigo 7º.-Solicitude.

As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, presentaranse nos rexistros xerais dos servicios centrais e das delegacións da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, ou mediante algunha das formas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación será desde o 1 de setembro ata o 31 de outubro de 1998 para os investimentos do ano 1999. Para os investimentos que se van a realizar no ano 1998, os prazos de presentación serán os consignados nas disposicións transitorias 2ª e 3ª, segundo proceda.

No caso de investimentos que deban acometerse con carácter urxente poderá solicitarse a axuda, excepcionalmente, fóra do prazo establecido, e deberá xuntar á documentación, informe detallado sobre os motivos que obriguen a realiza-los investimentos. O expediente resolverase independentemente da convocatoria se existe crédito suficiente, ou xunto cos presentados á convocatoria inmediata posterior, no caso contrario.

As solicitudes presentaranse por orixinal e tres copias, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, xunto coa seguinte documentación:

a) Información requirida no anexo II.

b) Certificación acreditativa de que o solicitante está afiliado e en alta no réxime da Seguridade Social, que corresponda por razón da súa actividade.

c) Solicitude de certificación de que non se iniciou o investimento, segundo o disposto no artigo 34.1º do Decreto 278/1994, do 8 de setembro. A dita certificación será expedida polos servicios correspondentes, que a incorporarán ó expediente, remitindo un exemplar ó interesado, para os efectos oportunos.

d) Declaración do solicitante sobre calquera tipo de subvención que solicitase e/ou obtivese de calquera outra Administración pública, destinada a subvencionar en todo ou en parte o proxecto presentado.

e) No caso de proxectos que impliquen un aumento significativo da producción, será imprescindible a presentación dun estudio de mercado. Estas produccións deberán axustarse ós obxectivos establecidos para a acuicultura, no plan sectorial de pesca 1994-1999.

f) Acreditación de que o solicitante ten en tramitación, ou está en posesión das autorizacións necesarias para a realización do proxecto. En todo caso, o solicitante deberá achega-las autorizacións necesarias, dentro dos cincuenta días naturais seguintes ó fin do prazo de presentación de solicitudes.

g) Fotocopias compulsadas do NIF e dos datos rexistrais da empresa (escritura de constitución da sociedade, inscrición no rexistro mercantil, imposto de actividades económicas) así como o DNI e acreditación do seu representante, ou fotocopia compulsada do DNI e imposto de actividades económicas para o caso de que o titular fose persoa física.

h) Certificado da entidade bancaria na que se encontra a conta corrente, da que é titular o solicitante da axuda, para facer efectivo o pagamento da subvención.

i) Outra documentación que o solicitante considere necesaria en cada caso, para xustifica-lo investimento que pretende realizar.

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos esixidos nesta orde, a delegación correspondente ó lugar onde se pretende realiza-lo investimento, requirirá ó interesado para que, no prazo de dez días a partir do día seguinte á recepción do dito requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, indicándolle que se non o fixera, se lle considerará desistido da súa petición, que se arquivará sen más trámites, de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 8º.-Tramitación.

Presentada a solicitude e a documentación que debe acompañala e emendadas as deficiencias observadas, procederase á avaliación dos proxectos presentados, por parte dos servicios correspondentes das delegacións territoriais da consellería.

Os delegados territoriais remitirán, no prazo máximo de dous meses contados a partir da data límite

de presentación das solicitudes, proposta de resolución á Dirección Xeral de Recursos Mariños, xunto con tres exemplares (orixinal e dúas copias) de cada un dos expedientes presentados, co fin de que esta eleve proposta definitiva da resolución ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, unha vez axustadas as propostas ás dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 9º.-Resolución, notificación e aceptación.

A resolución sobre a concesión das axudas, que corresponderá ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, será motivada e definitiva en vía administrativa.

Na resolución figurarán como mínimo as axudas que correspondan ó IFOP, ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura. Igualmente se especificará o investimento subvencionable os prazos de execución e as condicións xerais e particulares da subvención, ó que deberá da-la súa aceptación o beneficiario.

A Delegación Territorial notificaralle ó interesado a resolución. No caso de que a dita resolución fose favorable, o beneficiario deberá remitirlle escrito de aceptación no prazo máximo de quince días naturais, contados desde a data na que teña lugar a dita notificación. De non remiti-lo escrito de aceptación no prazo establecido, entenderase que a entidade se desliga do correspondente compromiso coa Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e, polo tanto, renuncia á axuda concedida.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura denegará as solicitudes referentes a proxectos que considere que carecen de interese ou que non se dirixan especificamente ós obxectivos establecidos nesta orde, así mesmo poderá excluír do cómputo do investimento, obxecto das axudas, as partidas que non se correspondan co sinalado nesta orde.

A non notificación da resolución no prazo de tres meses, desde a data límite da presentación de solicitudes para a convocatoria de que se trate, determinará a súa denegación presunta, quedando aberta a vía contencioso-administrativa.

Artigo 10º.-Fin do expediente.

Poñerán fin ó expediente os supostos seguintes.

a) A resolución expresa ou presunta.

b) O desestimento ou renuncia expresa do solicitante ou do seu representante.

c) A declaración de caducidade, nos termos previstos no artigo 92 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

d) O incumprimento dos prazos previstos para a realización dos investimentos.

Artigo 11º.-Execución dos investimentos.

Os investimentos, correspondentes a cada exercicio económico, deberán estar realizados antes do 15 de outubro do ano correspondente.

No caso de que, por circunstancias técnicas, se variase o contido específico da tipoloxía e/ou o calendario dos investimentos recollidos no proxecto inicial, e se as ditas modificacións afectasen ó investimento subvencionable, o beneficiario deberá solicitar previamente a conformidade da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura. Para tal efecto, facúltase o director xeral de Recursos Mariños para a súa resolución, logo da proposta da delegación territorial correspondente. As modificacións poderán ser aceptadas exclusivamente se non alteran significativamente o obxectivo inicial do proxecto.

Artigo 12º.-Xustificación do proxecto.

Finalizado o investimento, total ou parcial segundo se trate, os interesados deberán presentar por cuadriplicado, antes do 1 de novembro do ano correspondente, nos lugares e formas sinalados no artigo 6º, a seguinte documentación:

1. Xustificantes do investimento e do pagamento.

a) Tratándose da adquisición de edificacións: documentación que dea fe da operación de compra.

b) No caso de adquisición de maquinaria, instalacións, equipos, elementos de transporte, elementos auxiliares necesarios para a explotación, e outros activos fixos que deberán estar efectivamente instalados con anterioridade á xustificación: factura emitida polo provedor a través do que se realizou.

c) Cando o investimento consista na construcción de edificios e obras en xeral: certificación do facultivo que interveña na execución do proxecto, na que se fará consta-lo valor das obras realizadas durante o período de que se trata e facturas acreditativas do valor da obra realizada, con relación a elas e indicando a qué unidades de obra son imputables, en todo ou en parte.

d) Cando se trate de activos adquiridos fóra do Estado español: presentación da correspondente autorización da Dirección Xeral de Transaccións Exteriores. En todo caso, o beneficiario acreditará de maneira fidedigna o investimento realizado.

e) En tódolos casos para a acreditación dos pagamentos achegaranse os extractos de contas, ordes de transferencia, cheques ou certificacións bancarias que xustifiquen a súa efectiva realización. Igualmente, poderán xustificarse mediante informe de auditoría de contas.

2. Resumo da documentación presentada para a tramitación do pagamento, de acordo co anexo III.

3. Declaración xurada, con achega documental, se é o caso, doutras subvencións concedidas ou solicitadas.

4. Certificado actualizado de estar ó día nas obrigas fiscais e sociais.

5. Certificado actualizado, de non ter débedas contraídas por ningún concepto, coa Administración da Xunta de Galicia.

As delegacións territoriais comprobarán a documentación e engadirán certificado dos servicios correspondentes, sobre o grao de finalización do investimento, así como da súa adecuación, tanto ó proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda, como ós xustificantes de gasto.

Unha vez completo o expediente, remitiráselles xunto coa proposta de pagamento, ós servicios centrais para revisión da Dirección Xeral de Recursos Mariños e resolución do conselleiro.

Artigo 13º.-Pagamento.

1. Examinado o expediente, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ordenará, se procede, o pagamento, segundo as disposicións orzamentarias que lle sexan de aplicación.

O pagamento corresponderase co investimento realizado, que excepcionalmente poderá ser parte do investimento aprobado sempre que se xustifique documentalmente o motivo de non ter realizado o total do investimento e que a parte executada constitúa unha unidade operativa independente. Neste caso ou se o investimento tivese un custo inferior ó inicialmente previsto, aplicarase a correspondente minoración.

2. A petición do interesado, e logo da xustificación documental dos investimentos realizados, o pagamento poderá efectuarse da seguinte maneira:

a) O 50% da subvención despois de realiza-lo o 50% do investimento correspondente ó exercicio de que se trate, debendo presentar aval polo importe total da subvención.

b) O 50% restante, unha vez finalizada a totalidade do investimento correspondente ó exercicio de que se trate.

Os investimentos superiores ó primeiro 50%, que foron obxecto de subvencións, acumularanse ós previstos para o pagamento do segundo 50% da subvención.

Artigo 14º.-Investimentos plurianuais.

As axudas poderán abarcar varios exercicios, dentro das limitacións establecidas na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tendo en conta que en calquera caso o investimento efectivamente realizado e xustificado de acordo co establecido no artigo 11 deberá ser en cada exercicio polo menos igual á parte proporcional da subvención consignada para el. No caso de que a importancia ou complexidade do investimento o esixa, a xuízo do órgano xestor, suscribirase un contrato-programa no que se recollerán os dereitos e obrigas recíprocas que deban desenvolve-las entidades beneficiarias e a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 15º.-Seguimento, avaliación e control.

O seguimento e avaliación será realizado pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, que poderá, en calquera momento, inspeccionar e con

trolar que as axudas concedidas sexan destinadas ás finalidades previstas. En consecuencia, poderá facer visitas e inspeccións nos centros e servicios dos beneficiarios, incluso previamente á concesión das axudas, para comproba-la súa adecuación á lexislación vixente. Da mesma maneira, poderáselle requirir ós beneficiarios a achega da documentación que complemente o disposto nesta orde, así como os cuestionarios e informes previstos para dar cumprimento ó disposto na lexislación aplicable.

Artigo 16º.-Incumprimento das condicións de outorgamento da axuda.

O incumprimento dalgunha das condicións ou obrigas impostas no Decreto 278/1994, do 8 de setembro, e na presente orde, ou previstas na resolución de outorgamento, determinará a perda das axudas pendentes de percibir, sen prexuízo da devolución do importe das xa aboadas, se fosen indebidas, incrementado no xuro legal do diñeiro desde o momento no que o percibiu. Así como das sancións administrativas recollidas nos artigos 6.22º e 7.11º da Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección dos recursos marítimo-pesqueiros ou penais a que se refire o artigo 308 e 309 do Código Penal.

Disposicións transitorias

Primeira.-As solicitudes presentadas ó amparo das disposicións transitorias da Orde do 25 de xaneiro de 1995, e que non puideron ser atendidas con cargo ó exercicio orzamentario de 1997, poderán ser atendidas ó amparo da presente orde.

Segunda.-Os investimentos que se va realizar no ano 1998 corresponderán ás solicitudes presentadas de acordo co artigo 5 da Orde do 25 de xaneiro de 1995, no prazo comprendido entre o 1 de decembro de 1997 e o 1 de febreiro de 1998, resultándolles de aplicación o preceptuado na presente orde.

Tecerira.-Poderán presentarse solicitudes de axuda para proxectos de acuicultura en augas continentais, que se axusten ó previsto no artigo 3º, punto 2 da presente orde, no prazo de 15 días contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria

Derrógase a Orde do 25 de xaneiro de 1995 pola que se establecen as normas para a concesión de axudas para a creación, modernización, ampliación e innovación tecnolóxica de establecementos de acuicultura.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultase o director xeral de Recursos Mariños para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 1998.

Amancio Landín Jaraiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

6756