Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Luns, 27 de xullo de 1998 Páx. 8.487

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 20 de xullo de 1998, da Dirección Xeral de Transportes, pola que se convocan probas de constatación da capacitación profesional para o exercicio das actividades de transportistas por estrada, axencia de transporte de mercadorías, transitario e almacenista-distribuidor.

A Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres e o seu regulamento, aprobado por Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, determinan que para o exercicio das actividades de transportistas de viaxeiros e mercadorías por estrada, de axencia de transporte de mercadorías, transitario e almacenista-distribuidor, será necesario acreditar previamente o cumprimento do requisito de capacitación profesional. Para estes efectos, e de conformidade co establecido na Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, pola que se delega na Comunidade Autónoma de Galicia a competencia para a convocatoria, realización e avaliación das probas e posterior expedición do título, procede convocar aquelas, así como determinalas datas de celebración das probas e dos tribunais que as avaliarán.

A Orde ministerial do 23 de xullo de 1997 (BOE nº 182, do 31 de xullo), de desenvolvemento do capítulo primeiro do título II do regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, sobre condicións previas para o exercicio das actividades de transportista e auxiliares e complementarias do transporte, modifican o réxime das probas para a obtención da capacitación profesional, refundindo nun só exercicio as probas específicas para o acceso á capacitación profesional de axencia de transporte, de transitario e de almacenista-distribuidor, e unificando as probas de capacitación de transporte interior e internacional.

Por iso, a convocatoria prevé as probas referidas ás tres modalidades actualmente vixentes de acceso á capacitación profesional (1. Transporte interior e internacional de viaxeiros; 2. Transporte interior e internacional de mercadorías; e 3. As distintas actividades auxiliares e complementarias do transporte).

Na súa virtude, de conformidade coas previsións contidas na Lei 16/1987 e Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, Real decreto 1551/1988, do 23 de decembro (BOE nº 311, do 28 de decembro), Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro (BOE nº 260, do 30 de outubro) e Orde ministerial de 23 de xullo de 1997 (BOE nº 182, do 31 de xullo) e de acordo coa autorización conferida pola orde da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas do 8 de xuño de 1989 (DOG nº 119, do 22 de xuño),

DISPOÑO:

Artigo único.-Convócanse probas de capacitación profesional para o exercicio das actividades de trans

portista por estrada, de axencia de transporte de mercadorías, transitario e almacenista-distribuidor, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Ámbito das probas.

Convócanse probas de constatación da capacitación profesional para o exercicio das actividades de transportista por estrada e de axencia de transporte de mercadorías, transitario e almacenista-distribuidor, que se celebrarán na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Exercicios.

Os exercicios de que constarán as probas, a súa estructura e forma de cualificación serán os establecidos na orde do Ministerio de Fomento do 23 de xullo de 1997 (BOE nº 182, do 31 de xullo), reguladora das probas citadas.

Os exercicios de capacitación para transportistas de viaxeiros e mercadorías por estrada, axencia de transporte, transitario e almacenista-distribuidor, tratarán sobre o coñecemento das materias incluídas no programa que figura como anexo B da Orde ministerial do 23 de xullo de 1997 (BOE nº 182).

Terceira.-Solicitudes.

1. A instancia na que se solicita tomar parte nas probas debidamente cuberta, de conformidade co modelo que se xunta a esta orde, (anexo I), presentarase no rexistro xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, sita no edificio administrativo de San Caetano, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios previstos no disposto na vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 15 días a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

2. Á solicitude deberán xuntarse a fotocopia do DNI e o impreso de taxa auto-liquidación correspondente á Administración, cando se produzan as circunstancias regulamentariamente previstas que posibiliten presentarse ás probas, nun lugar distinto a aquel en que o solicitante teña o seu domicilio habitual, dos documentos acreditativos das devanditas circunstancias.

3. A consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación achegada polos aspirantes sancionarase coa anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

Cuarta.-Dereitos de exame.

1. De conformidade co artigo 21.2º da Lei 13/1991, do 9 de decembro (DOG nº 241, do 13 de decembro) e Lei 1/1998, do 7 de abril (DOG nº 68, do 9 de abril), os dereitos de exame establécense na cantidade de dúas mil novecentas cinco pesetas (2.905 ptas.), por cada unha das actividades mencionadas ás que cada interesado se presente, e ingresaranse logo de cubri-los impresos de taxas (consellería de

PTOPV, cod.: 06, delegación de: SSCC - cod. 13, servicio de: transportes - cod. 02, denominación: dereitos de exame capacitación, clave: 31.01.06) que se poderán obter nos servicios centrais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, nos servicios provinciais de transportes ou nas delegacións provinciais da citada consellería.

2. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Transportes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda procederá á súa revisión.

Ultimado o proceso, exporase nos taboleiros de anuncios dos organismos a que fai referencia o punto anterior, a lista provisional de excluídos con indicación do motivo da súa exclusión.

3. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de 10 días naturais contados a partir do día seguinte ó da exposición da citada lista, para poderen emendar, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión.

4. Á vista das peticións de emenda presentadas, a Dirección Xeral de Transportes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que anuncia a exposición pública das listas definitivas de admitidos e excluídos nos organismos a que fai referencia o punto 1º da base cuarta.

5. Devolveránselle-los dereitos de exame ós solicitantes excluídos definitivamente das probas, sempre que, no prazo dun mes contado a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de referencia no apartado 4º da base cuarta, sexa solicitado segundo modelo que figura na presente resolución como anexo II.

Quinta.-Tribunal, datas e lugar dos exames.

1. O tribunal cualificador das probas estará constituído polos seguintes membros:

Presidente: Juan Carlos Villarino Tejada, director xeral de Transportes.

Presidente suplente: Javier García de Bidegain, subdirector xeral de Ordenación do Transporte.

Vocais:

Juan Girón Astray, subdirector xeral de Inspección e Sancións.

David González Coalla, xefe de Servicio de Subdirección Xeral de Inspección da Dirección Xeral de Transportes.

Manuel Grande Grande, xefe de Servicio de Concesións e Autorizacións da Dirección Xeral de Transportes.

Vocais suplentes:

Antonio Lage González, xefe do Servicio Provincial de Transportes de Lugo.

Mª. Cruz Tomé Navas, xefa do Servicio Provincial de Transportes de Pontevedra.

Gonzalo López González, xefe do Servicio Provincial de Transportes da Coruña.

Secretario: Jesús Magariños Negreira, xefe de Negociado, da Dirección Xeral de Transportes.

Secretaria suplente: Pilar Méndez Vázquez, xefa de Negociado, da Dirección Xeral de Transportes.

Para os efectos do disposto no artigo 26 do Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG nº 106, do 1 de xuño), o tribunal avaliador das probas cualificarase como de primeira categoría.

2. Calendario, horarios e lugar.

O calendario, horario e lugar das probas fixaranse posteriormente e seran publicadas no Diario Oficial de Galicia.

Sexta.-Domicilio e requisitos dos aspirantes.

1. Os aspirantes terán que lle presentar ó tribunal correspondente no momento do comezo dos exercicios o orixinal do seu documento nacional de identidade, debendo esta-lo domicilio que figure neste incluído no ámbito territorial ó que se estenda a actuación do devandito tribunal.

2. O domicilio que figure na solicitude considerarase como único válido para efectos de notificación, sendo responsabilidade exclusiva do solicitante, tanto o erro na súa consignación, como a comunicación á Dirección Xeral de Transportes de calquera cambio deste.

3. Cando se produzan cambios de domicilio que non sexa posible reflectir no DNI, o domicilio poderase xustificar mediante un certificado de empadroamento expedido polo correspondente concello. Cando se trate de persoas que estean prestando o servicio militar fóra do seu lugar de residencia, poderán presentarse ás probas nun lugar distinto deste, se presentan o orixinal do certificado expedido para o efecto polo xefe da súa respectiva unidade.

4. As persoas que xustifiquen te-lo seu domicilio en territorio estranxeiro, poderán concorrer ás probas perante este tribunal.

Sétima.-Convocatoria.

O solicitante que desexe examinarse dunha das dúas modalidades de transporte (viaxeiros ou mercadorías) e posúa a capacitación profesional para o transporte interior e internacional dunha delas, será eximido do exame común para o transporte interior e internacional de viaxeiros e mercadorías, sempre que así o xustifique cumpridamente mediante a presentación de fotocopia compulsada dos seus recoñecementos, que achegará coa solicitude para formar parte nas probas.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 1998.

Juan Carlos Villarino Tejada

Director xeral de Transportes

6659