Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Luns, 27 de xullo de 1998 Páx. 8.484

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 218/1998, do 17 de xullo, polo que se modifica parcialmente o Decreto 208/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o procedemento para a homologación de especialidades formativas e para a inscrición no Censo de Centros Colaboradores de Formación Ocupacional da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

O Real decreto 797/1995, do 19 de maio, polo que se establecen directrices sobre os certificados de profesionalidade e os correspondentes contidos mínimos de formación profesional ocupacional de cada ocupación (BOE nº 138, do 10-6-1995) establece a certificación de profesionalidade como un elemento clave da reforma da formación profesional ocupacional identificando as competencias profesionais características de cada ocupación. Así mesmo, os contidos formativos de cada ocupación veñen sendo aprobados mediante reais decretos, co fin de facilita-la transparencia no mercado de traballo e a mobilidade laboral, así como para manter un nivel uniforme da calidade da formación profesional ocupacional.

Os obxectivos desta modificación oriéntanse á adaptación permanente e evolución das profesións e do contido dos postos de traballo, das melloras das competencias e cualificacións indispensables para fortalece-la situación competitiva das empresas e do seu persoal.

Deste xeito configúrase cada ocupación certificada como un agregado de competencias profesionais, no que o certificado de profesionalidade integra os contidos formativos mínimos en todo o territorio nacional para adquirir competencias propias de cada unha.

Tendo en conta que o Decreto 208/1995 non recolle as modificacións establecidas polo Real decreto 797/1995, nin as establecidas nos reais decretos que fixan os certificados de profesionalidade de cada ocupación, cómpre realizar unha modificación e a consecuente adaptación ás novas circunstancias fixadas pola normativa estatal e así adapta-la normativa autonómica sobre a homologación de especialidades formativas.

Consonte con todo o anterior, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, segundo o establecido polo Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consultados o Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais, o Consello Galego de Relacións Laborais e o Consello Galego da Xuventude, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezasete de xullo de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o parágrafo a) do punto 2 do artigo 2 do Decreto 208/1995, do 6 de xullo, que queda redactado do seguinte modo:

a) Os establecidos nos reais decretos que regulan os certificados de profesionalidade de cada ocupación. No caso de que non exista certificado de profesionalidade, serán os previstos nos programas formativos dos cursos validados polo Consello Xeral de Formación Profesional. No seu defecto, seguiranse os criterios técnicos establecidos polos servicios competentes

Artigo 2º

Modifícase o parágrafo 2 do artigo 3, que quedando redactado do seguinte xeito:

2. O prazo de presentación de solicitudes de homologación estará aberto todo o ano, agás no período comprendido entre o 30 de setembro de cada ano natural e o día seguinte ó do remate do prazo de presentación das solicitudes de programación de accións de formación ocupacional fixado nas correspondentes ordes de convocatoria.

Artigo 3º

Modifícase o artigo 10, que queda redactado do seguinte xeito:

Homologación de novas especialidades.

«No caso de que algún centro considere necesario homologar unha especialidade formativa que non estea recollida no ficheiro de especialidades do Inem ou incluída nalgún certificado de profesionalidade, será necesario presentar ante a Dirección Xeral de Formación e Colocación un informe motivado das necesidades de formación na especialidade formativa en relación co mercado de traballo, a descrición do programa segundo a estructura dun curso normalizado de formación profesional ocupacional, así como unha valoración estimada do custo de formación para 15 alumnos, quen a estudiará e trasladará, de se-lo caso, ante o Instituto Nacional de Emprego».

Artigo 4º

Engádese a disposición transitoria terceira:

«Terceira.-Aprobado o real decreto que regula o certificado de profesionalidade de cada ocupación, os centros colaboradores de formación ocupacional que conten con algunha especialidade homologada segundo o programa fixado no ficheiro de especialidades do Inem, disporán do prazo dun ano desde a súa entrada en vigor para solicita-la nova homologación segundo os requisitos esixidos por este. Transcorrido o devandito prazo sen presenta-la solicitude, poderán perde-la homologación da especialidade non actualizada e, de se-lo caso, a inscrición no censo.»

Disposición derradeira

Primeira.-Autorízase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para que dicte, no ámbito das súas competencias, as normas necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de xullo de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

7086