Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Venres, 10 de xullo de 1998 Páx. 7.869

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN conxunta do 26 de xuño de 1998, da Secretaría Xeral e da División de Recursos Humanos, pola que se ordena a publicación do pacto subscrito pola Administración sanitaria coas centrais sindicais UGT, CESM, CC.OO., CIG, SATSE e CSI-CSIF, sobre o plan de provisión e selección de persoal estatutario sanitario non facultativo e non sanitario de II.SS. do Servicio Galego de Saúde.

No marco da mesa sectorial de persoal sanitario, coa finalidade de establecer un plan de provisión e selección de persoal estatutario sanitario non facultativo e non sanitario de II.SS. do Servicio Galego de Saúde, principiouse un proceso negociador coas centrais sindicais representadas na dita mesa.

Como consecuencia de tal proceso negociador resulta o pacto anexo, subscrito entre a Administración sanitaria e as centrais sindicais: UGT, CESM, CC.OO., CIG, SATSE e CSI-CSIF, celebrado de conformidade co artigo 35º da Lei 9/1987, do 9 de xuño, pola que se regulan os órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas.

O contido del é o que figura como anexo á presente resolución.

Para xeral coñecemento, de acordo co disposto no artigo 36º da citada Lei 9/1987, faise necesaria a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude,

RESOLVEN:

Acorda-la publicación do pacto sobre o plan de provisión e selección de persoal estatutario sanitario non facultativo e non sanitario de II.SS. do Servicio Galego de Saúde, que se inclúe como anexo á presente resolución.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 1998.

Manuel A. Silva Romero

Secretario xeral da Consellería de Sanidade

e Servicios Sociais

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos

ANEXO

En Santiago de Compostela, o vinteseis de xuño de mil novecentos noventa e oito, no marco da mesa sectorial de persoal sanitario e de conformidade coas facultades conferidas no artigo 35 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, así como das competencias outorgadas á referida mesa sectorial por acordo entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais, subscrito con data do 7 de setembro de 1991. Polos representantes da Administración

sanitaria de Galicia e as centrais sindicais UGT, CESM, CC.OO., CIG, SATSE e CSI-CSIF, tralo proceso negociador mantido no seo das ponencias técnicas de traballo creadas ad hoc pola mesa sectorial de persoal sanitario, subscríbese o presente pacto sobre o plan de provisión e selección de persoal estatutario de II.SS. do Servicio Galego de Saúde, co contido, ámbito territorial e temporal que de seguido se refire:

Exposición preliminar:

Co fin de cinguir debidamente a materia que vai ser obxecto do presente pacto, parece razoable facer unha análise, se ben sumaria, dos diversos aspectos precursores e informadores da súa configuración, para unha maior intelixibilidade do conxunto do proceso e comprensión da finalidade que procura.

Así pódense fixa-los seguintes antecedentes:

Resulta de indefectible atención unha referencia ós pretéritos procesos seguidos por este servicio de saúde para a provisión e selección de prazas de persoal sanitario non facultativo e non sanitario das súas II.SS.

Neste sentido cómpre recorda-los seguintes pasos:

I. A vehiculación no ano 1993 dun primeiro concurso de traslados das categorías estatutarias, que inclúe os facultativos especialistas de área. Tal concurso foi resolto e executado durante o ano 1994.

II. A formulación do Decreto 74/1995, do 10 de marzo (Diario Oficial de Galicia nº 54, do 17 de marzo) pola que se aproba a oferta de emprego público do persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde para o ano 1995, onde se establecían as bases que rexerían os procesos selectivos e o número de prazas para convocar das respectivas categorías estatutarias, coa exclusión dos facultativos especialistas de área e outras categorías da función administrativa e oficios, sobre as que era preciso un estudio previo con anterioridade á formalización da convocatoria.

En execución da OPE, fóronse convocando, paulatinamente, os procesos selectivos das categorías incluídas nela, que se desenvolveron ó longo dos anos 1996 e 1997, co remate neste último ano dos procesos e toma de posesión dos adxudicatarios aprobados.

III. Distinto tratamento se aplicou no nivel de atención primaria ó ser preciso ultima-lo desenvolvemento do novo modelo configurado polo Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia. Así, deste xeito, trala plasmación dos aspectos organizativos e de condicións de traballo operada por diversas normas concordantes e complementarias de tal decreto, convocouse o proceso de provisión por traslado das categorías afectadas nese nivel que foi rematado, coa toma de posesión dos adxudicatarios, a principios do ano que corre. E posteriormente, consonte se colixe do Decreto 186/1997, do 3 de xullo, polo que se regulan os procesos de provisión

de prazas e selección de persoal estatutario no ámbito da atención primaria do Sergas, publicado no Diario Oficial de Galicia nº 136, do 16 de xullo de 1997, efectuarase o proceso selectivo das prazas desas categorías:

Tralos antecedentes expostos, convén, logo, sinalar, para súa indubidable concorrencia e afectación, as seguintes premisas:

I. Emporiso a vehiculación do citado concurso de traslados, constátase que un número importante de profesionais fixos non puideron trasladarse no momento da súa convocatoria, ou a súa querencia ou necesidade de mobilidade evidenciouse con posterioridade a el; polo que agora instan a que se articulen as medidas precisas para acadar esa desexada mobilidade; motivada, en moitos casos, por unhas serias e asumibles razóns de carácter familiar ou de entidade parecida.

II. Os procesos selectivos executados por mor da OPE do ano 1995, se ben conseguiron o acceso en réxime de estabilidade dun importante número de profesionais ó sistema, certo é que se mantén un número estimable de prazas cubertas temporalmente, que resulta perentorio prover con carácter definitivo; con este apuntamento atinxiríase un emprego estable, axeitado ás necesidades de xestión de persoal e ós dictados da normativa vixente.

III. Ademais, para unha mellor consecución dos fins que se procuran, non se pode esquece-lo mantemento pacífico desde xa hai moito tempo, dun sistema de selección e provisión temporal de prazas; cun ámbito territorial de área sanitaria. Tal sistema, neste momento, resulta plenamente instaurado, aceptable para as necesidades das institucións sanitarias dos dous niveis de atención, garantista e axeitado para os recipendiarios. Así mesmo formalizouse con carácter normativo, como pacto, co asinamento da práctica totalidade das organizacións sindicais.

Por iso, como presuposto e basamento da execución do proceso, podería formularse que a oferta se residencie nas áreas sanitarias, en concordancia co sistema de selección temporal aludido. Deste xeito, parece presumible entender que serían asumidas máis razoablemente as querencias dos demandantes de emprego, ó concorre-las áreas sanitarias de elección, onde, de supera-lo proceso, obterían praza fixa.

Sobre tal cuestión, as partes asinantes, no decurso da súa análise, poderán inferi-la posibilidade e oportunidade de formaliza-la convocatoria con tal ámbito territorial, nunha primeira fase, ou tamén nas sucesivas, ou rexeitar tal predicamento. E das conclusións obtidas colexirase o proceso que asegure unha maior garantía e operatividade ó conxunto.

Xa que logo, en atención ós antecedentes e premisas, sucintamente referidos, convén establecer un plan global de provisión e selección de persoal estatario que satisfaga as citadas necesidades e case ou cohoneste, no posible, coas demandas organi

zativas e de xestión da política de persoal, cos apartados que a continuación se explicitan:

Primeiro.-Ámbito persoal.

O presente pacto afectará á cobertura, a través dos procesos de selección e provisión que se refiren, das prazas de persoal estatutario sanitario non facultativo e non sanitario de II.SS. do Servicio Galego de Saúde, co ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. Queda excluído do seu ámbito de aplicación, no período temporal que abrangue, a cobertura de prazas do nivel de atención primaria das categorías incluídas no Decreto 186/1997, do 3 de xullo, polo que se regulan os procesos de provisión de prazas e selección de persoal estatutario no ámbito da atención primaria do Sergas, que seguirá o seu especial réxime.

Segundo.-Vixencia temporal.

O pacto entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de GAlicia, con vixencia ata o 31 de decembro do ano 2000.

Terceiro.-Ámbito obxectivo.

O seu obxectivo é o establecemento dun plan global de provisión e selección de persoal estatutario de persoal sanitario non facultativo e non sanitario de II.SS. do Servicio Galego de Saúde, coa vixencia temporal, alicerces e mecanismos que nel se contén.

Cuarto.-Plan de actuación.

O plan de actuación previsto no presente pacto articúlase en varios procesos de provisión e selección, que se analizarán de xeito diferenciado, con exposición das súas características e razóns que os impelen, sen menoscabo do seu remate simultáneo coa toma de posesión dos adxudicatarios, ó que se aludirá de seguido.

O conxunto do plan ten o seu fundamento, por unha banda, na necesidade de dar resposta á petición de mobilidade dos propietarios, e por outra, na de arbitrar un proceso de selección que permita o acceso con vinculación fixa ó Servicio Galego de Saúde.

Os dous procesos de provisión e selección, vehicularanse de xeito complementario e con resolución simultánea no tempo, dentro dun plan global que ten dous obxectivos prioritarios:

-Primeiro, instrumentar un proceso que permita ó persoal fixo demandante de mobilidade trasladarase ós destinos elixidos nas institucións sanitarias do Sergas ou, cando menos, ós máis próximos ás súas querencias.

-En segundo lugar, cun importante número de profesionais que, de acordo cos principios de igualdade, mérito e capacidade no acceso, adquiran a condición de persoal fixo no Servicio Galego de Saúde. Entre eles atópanse, alomenos, tanto os profesionais que veñen desenvolvendo, neste momento, o seu traballo nas II.SS. do Sergas coma o resto dos demandantes de emprego ás prazas do organismo, a través do sis

tema de selección e provisión previsto no vixente pacto de vinculacións temporais.

Con este dobre obxectivo, ofértanse dous procesos complementarios de provisión e selección de persoal estatutario, con base no disposto na normativa que, sobre selección e provisión, se regulamenta no Real decreto 118/1991.

Servirán como alicerce para a conformación do presente plan as bases dos anteriores procesos desas características no Servicio Galego de Saúde, coa introducción dos trocos e matizacións que resulten precisos e consensuados, sobre determinados aspectos, en atención ás novas circunstancias concorrentes e apuntamentos propugnados. Nesta procura as partes asinantes levarán a cabo o debate e análise pertinente para configura-lo antes posible o seu contido, que provexa o articulado do inmediato decreto de oferta pública de emprego.

Finalmente, convén indicar que os procesos, de provisión e selección, que se articulen nas distintas secuencias, concluirán coa simultaneidade na toma de posesión dos adxudicatarios.

Así, logo, a simultaneidade preconizada ten uns manifestos efectos positivos para a xestión de persoal e organización do traballo nas II.SS. do Sergas e, tamén, dalgún xeito, acolle os desexos e necesidades dos profesionais que se vaian ver afectados.

Quinto.-Execución dos procesos.

A execución dos procesos que, dentro do plan global exposto, se conteñen no presente pacto, principiará, trala súa entrada en vigor, co primeiro concurso de traslados que se prevé e posteriores procesos, a secuencia dos cales se refire nos seguintes apartados, ata o ano 2000 inclusive, en que deberá estar rematado a totalidade do plan.

Sexto.-Ámbito territorial da selección.

Dentro das posibilidades acordes coa execución dos procesos e a procura da finalidade postulada no conxunto do plan, as partes asinantes poderán consensuar que as distintas fases de selección vehiculadas se circunscriban ás áreas sanitarias, como marco territorial para o acceso dos profesionais ó sistema.

Sétimo.-Plan global de provisión de prazas de persoal estatutario.

O plan global de provisión inclúe a a oferta das categorías de persoal sanitario non facultativo e o persoal non sanitario das institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde. Estructúrase en tres procesos para executar no horizonte temporal nos anos 1998, 1999 e 2000. Queda excluído do presente proceso a cobertura de prazas das categorías incluídas no ámbito de aplicación do Decreto 186/1997, do 3 de xullo, polo que se regulan os procesos de provisión de prazas e selección de persoal estatutario no ámbito da atención primaria do Sergas, que se rexerá polo teor deste último.

As bases dos procesos coincidirán, substancialmente, coas que se serviron para vehicula-lo proceso de provisión do Sergas, mediante a Resolución do 1 de decembro de 1993 da Dirección Xeral de Recursos Humanos do organismo.

As partes asinantes concretarán, en canto sexa preciso, as categorías e distribución das prazas por institución sanitaria, trala entrada en vigor e paulatina execución do plan.

O desenvolvemento do plan global levarase a efecto a través da realización de tres convocatorias:

1. Unha primeira oferta comprensiva ó redor do 25% das prazas vacantes, cun número garantido de 642. En concreto incluirá as ocupadas con persoal fixo en situación provisional (comisións de servicios, reingresos provisorios) e outras prazas vacantes non cubertas con nomeamento interino, en tódalas categorías convocadas nos distintos centros do Sergas con praza destas características.

A convocatoria será formalizada no mes de xullo de 1998 e a súa resolución tería como límite máximo o mes de decembro de 1998. As tomas de posesión dos novos destinos levaranse a cabo tralo dictado da resolución.

Esta oferta obedece á procura de dar resposta ás inmediatas necesidades de mobilidade do persoal, nun prazo moi razoable na súa execución.

Tamén serve xa para coñecer con notable grao de certeza a localización ou concrecion da demanda dos profesionais fixos, tanto do noso servicio de saúde como do resto do sistema e, así mesmo, o número dos peticionantes de fóra da nosa Comunidade Autónoma.

2. Cumpridos co primeiro proceso os fins prioritarios a que se fixo mención, será ofertado no primeiro trimestre do ano 1999, ó 50% das prazas vacantes, cun número garantido de 1.246 prazas, que inclúe as prazas consideradas como vacantes a 31-12-1998, ocupadas ou non con persoal con vínculo temporal ou en situación de provisionalidade.

Esta convocatoria resolverase de xeito simultáneo respecto do proceso selectivo que se vai convocar no ano 1998, que ten abranguido o 50% restante das prazas aludidas.

A data de resolución será antes do verán de 1999.

As tomas de posesión dos novos destinos será levada a efecto despois do período vacacional.

3. Coa anterior oferta veranse satisfeitas as demandas dun número moi elevado de profesionais con vínculo fixo, sen menoscabo de que nos albores do ano 2000 se formule unha nova convocatoria, que complete as expectativas de mobilidade non colmadas a través do amplo proceso global aludido, ou que puideran xerarse neste período de tempo. A devandita convocatoria formalizarase o primeiro trimestre dese ano e atenderá as prazas vacantes a

31-12-1999, con execución simultánea co proceso selectivo que igualmente se vehicule.

Oitavo.-Plan global de selección de persoal estatutario fixo.

As bases rexedoras do proceso selectivo e demais pormenores e particularidades que se evidencien no seu decurso serán debidamente debatidos, analizados e, a poder ser, consensuados trala negociación oportuna e terán o seu baseamento no contido da normativa que resulte aplicable ó conxunto da materia.

1. Co fin de instrumenta-lo acceso con vinculación fixa, o Servicio Galego de Saúde oferta un 50% das prazas vacantes ás que se fixo mención anteriormente (31-12-1998) cun número garantido de prazas de 1.246.

A convocatoria será publicada no mes de setembro-outubro de 1998.

As categorías obxecto da oferta coincidirán substancialmente coas dos anteriores procesos selectivos. Engadiranse as que resultan de inclusión obrigada pola nova creación e configuración estatutaria e caberá a posibilidade de que xurda algunha modificación que colixida por razóns de carácter organizativa ou funcional, logo dos contactos e negociacións oportunas e a súa plasmación final no decreto de oferta pública de emprego publicado antes da convocatoria.

A resolución e remate da oferta materializarase simultaneamente co proceso anterior de provisión.

2. O plan global de selección completarase no ano 2000 cunha segunda oferta de acceso formalizada durante o primeiro trimestre, que terá en conta as prazas vacantes acreditadas o 31-12-1999.

Noveno.-Finalidade do plan.

O plan global convido, de provisión e selección de prazas para o Servicio Galego de Saúde que se desenvolverá no marco dos anos 1998-2000, dará resposta nun horizonte temporal razoablemente curto ás diversas demandas presentadas desde querencias e ámbitos distintos, coa satisfacción da maioría dos profesionais, que se atoparán no ano 2000 prestando os seus servicios nos destinos elixidos.

6572