Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Venres, 10 de xullo de 1998 Páx. 7.809

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 2 de xullo de 1998 pola que se establece o réxime de subvencións ás organizacións profesionais do sector agrario.

O Decreto 195/1994, do 16 de xuño, establece o réxime de axudas ás organizacións profesionais do sector agrario, fixando as regras xerais de procedemento e os criterios básicos polos que se rexerá a concesión das axudas ás ditas organizacións profesionais. Nel habilítase a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para que o desenvolva, tanto en materia de subvencións como no relativo á subscrición dos convenios de colaboración.

En consecuencia, e de conformidade co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regula-las subvencións ás organizacións profesionais do sector agrario para a realización de actividades de representación e de formación dos seus asociados e dos agricultores galegos en xeral.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán beneficiarse das axudas establecidas na presente orde as organizacións profesionais vinculadas co sector agrario, as organizacións representativas das cooperativas agrarias e outras organizacións vinculadas ó sector agroalimentario, legalmente establecidas, que no seu obxecto social prevexan a representación profesional dos seus asociados.

Para a concesión destas axudas atribuiráselle carácter preferente a aquelas entidades que teñan carácter xeral.

Artigo 3º.-Avaliación das solicitudes.

1. A concesión das subvencións dependerá da natureza e alcance das accións realizadas, de acordo cos obxectivos descritos no artigo 1º desta orde.

Na súa avaliación terase en conta, como criterio preferente, o grao de implantación destas organizacións no sector agrario galego. Outros criterios que se apreciarán son os que fan referencia ó grao de dependencia económica que teñen estas organizacións respecto das axudas públicas para o desenvolvemento das súas actividades, ó interese e calidade das actuacións realizadas, á experiencia na realización das actividades e ós medios utilizados en cada caso.

2. Para tal efecto, as entidades peticionarias acreditarán, de se-lo caso, mediante certificación expedida polo seu presidente ou legalmente acreditada, os seguintes extremos:

a) Número de socios.

b) Número e localización de oficinas abertas, horario de atención ó público e servicios que prestan.

c) Subsectores agrarios nos que está implantada e a entidade da dita presencia.

d) Número de traballadores, con especificación das tarefas que realizan e duración do seu contrato.

A este respecto xuntarase fotocopia compulsada dos contratos de traballo e copia autentificada dos documentos de cotización á Seguridade Social no último ano.

e) Orzamento anual de gastos da entidade, ó que se xuntará certificación do acordo de liquidación do orzamento do ano anterior. Se pertencen a unha organización de ámbito estatal, farase especificación da contía da súa contribución correspondente.

f) Subvencións recibidas no último ano, por tódolos conceptos, procedentes das administracións públicas.

3. Así mesmo, acreditarán, mediante certificacións expedidas polos organismos públicos competentes, os requisitos esixidos pola Lei 11/1992, do 7 de outubro, do réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 4º.-Actividades subvencionables.

Serán obxecto de subvención as seguintes actividades:

a) Representación ante as institucións autonómicas.

b) Participación nas comisións, mesas de traballo ou calquera órgano colexiado que, para a defensa dos dereitos dos seus representados, constituíra a Administración autonómica.

c) Formación dos asociados e demais membros familiares, así como dos xerentes das cooperativas agrarias.

d) Impulso do asociacionismo agrario.

Artigo 5º.-Subscrición de convenios de colaboración.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, de conformidade co disposto na normativa orzamentaria, poderá subscribir convenios de colaboración coas organizacións citadas para a realización de actividades específicas que se consideren de elevado interese. Os convenios de colaboración rexeranse polas súas disposicións específicas.

Artigo 6º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes de subvención presentaranse no prazo de trinta días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, mediante instancia segundo modelo anexo, e presentaranse nos rexistros dos servicios centrais e periféricos desta consellería, ou por calquera dos medios e forma que se especifican no artigo 38 da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ás solicitudes xuntaráselle a seguinte documentación:

-Acordo do órgano competente, debidamente acreditado, polo que se decide solicita-la subvención.

-Memoria explicativa da actividade ou actividades desenvolvidas, ou que se desenvolvan, durante 1998.

-Fotocopia compulsada do CIF da organización solicitante, e do DNI do seu representante.

-Certificación bancaria do número de conta.

-Declaración expresa do cumprimento dos requisitos establecidos na presente orde, e de permiti-las comprobacións que ó respecto acorde a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

-Certificación do presidente da organización solicitante, ou da persoa legalmente acreditada, sobre os datos que se requiren no artigo 3º desta orde, xunto cos documentos complementarios que nel se citan, para acredita-las circunstancias descritas no devandito artigo.

Artigo 7º.-Resolución.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria resolverá no prazo dun mes, contado a partir da data de finalización do prazo de presentación das solicitudes, a concesión das subvencións previstas na presente orde.

Ante a falta de resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de subvención.

Artigo 8º.-Xustificación do destino das axudas.

As entidades beneficiarias destas axudas poderán percibir pagamentos parciais dos gastos realizados

a medida que os vaian xustificando, ata un máximo dun 80% do importe total da subvención que lle fose concedida. As subvencións ás que se refire esta orde son incompatibles con calquera outra que se aplique para a mesma actividade.

O pagamento das citadas axudas, tanto no relativo ós pagamentos parciais como ó definitivo, farase efectivo con base na presentación dunha memoria da organización profesional beneficiaria, na que se concreten as actividades desenvolvidas, e co desagregamento detallado dos gastos contraídos como consecuencia da realización das actividades obxecto de subvención. Con carácter xeral, xuntaranse nóminas, TC e facturas orixinais, ou as súas copias compulsadas, debidamente conformadas polo presidente ou polo representante legal da organización peticionaria.

En todo caso, as ditas xustificacións terán que presentarse antes do 15 de outubro de 1998.

Artigo 9º.-Partida e dotación orzamentaria.

As subvencións e os convenios de colaboración establecidos na presente orde imputaranse á aplicación orzamentaria 09.04.611A.480, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, por un importe de corenta e nove millóns de pesetas, (49.000.000 de ptas.). Para os convenios de colaboración poderase reservar ata un 25% da dotación orzamentaria citada.

Artigo 10º.-Comprobación da aplicación das subvencións.

1. A Dirección Xeral de Industrias e Alimentación poderá solicitar en calquera momento a documentación complementaria que considere necesaria para o correcto desenvolvemento desta orde; e así mesmo, tamén poderá realiza-las comprobacións oportunas sobre a aplicación das subvencións concedidas para os fins previstos.

2. O incumprimento dos requisitos e fins establecidos nesta orde, comportará a obriga por parte dos beneficiarios de reintegrar ó Tesouro da Comunidade Autónoma de Galicia as subvencións recibidas, incrementado o seu importe no xuro legal que proceda. A Xunta de Galicia poderá interpo-las accións legais correspondentes para esixi-las responsabilidades a que houber lugar en dereito.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación para dicta-las disposicións complementarias necesarias para o correcto desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria

6470