Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Venres, 10 de xullo de 1998 Páx. 7.812

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 210/1998, do 25 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Calvos de Randín (Ourense), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto: estrada Xinzo de Limia, Os Blancos, Calvos de Randín, fronteira de Portugal, obra número 10 Interreg II.

O Concello de Calvos de Randín (Ourense), en sesión celebrada o día 6 de marzo de 1998, aprobou o proxecto de estrada Xinzo de Limia, Os Blancos, Calvos de Randín, fronteira de Portugal, obra nº 10, Interreg II e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque os terreos se precisan para inicia-las obras nos prazos sinalados pola normativa ó respecto, tendo en conta que a obra está incluída no Plan Interreg 1997 e, por outra banda con ela preténdese resolver un problema de comunicación defectuosa entre este municipio e o municipio cabeceira da mancomunidade á que pertence, creándose ó mesmo tempo infraestructuras que faciliten unha mellor comunicación co norte de Portugal.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Calvos de Randín (Ourense) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto: estrada Xinzo

de Limia, Os Blancos, Calvos de Randín, fronteira de Portugal, obra nº 10, Interreg II.

Santiago de Compostela, vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

5503