Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Xoves, 09 de xullo de 1998 Páx. 7.769

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 1998, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Urbaser, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Urbaser, S.A. que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 29-5-1998, subscrito en representación da parte económica pola empresa e, da parte social, polo delegado de persoal o día 28-5-1998, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 5 de xuño de 1998.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo de aplicación para

os traballadores adscritos ó servicio de limpeza e recollida de residuos do porto da Coruña

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo aplicarase a todo o persoal adscrito ó servicio de limpeza do porto da Coruña, subcontratados á autoridade portuaria da Coruña.

Artigo 2º.-Duración, vixencia, prórroga e revisións.

Con independencia da súa publicación no BOP, este convenio iniciará a súa vixencia o 1 de xaneiro de 1998 con carácter indefinido, podendo ser denunciado para os efectos de negociación e revisión no último mes de cada ano natural; seguindo vixente en tódolos seus contidos e sendo de plena aplicación ata que sexa substituído por outro convenio negociado entre as partes.

No caso de prórroga por un ou máis períodos, ó vixente convenio colectivo incrementaránselle anualmente tódolos conceptos económicos do IPC previsto, máis 1 punto.

Artigo 3º.-Vinculación á totalidade.

As condicións aquí pactadas vinculan á totalidade dos productores do centro de traballo no día do seu asinamento ou os que no futuro puidesen contratarse.

Artigo 4º.-Garantía ad personam.

Calquera mellora que viñesen desfrutando os traballadores superior ó aquí pactado garantirase estrictamente ad personam.

Artigo 5º.-Absorción e compensación.

As condicións económicas establecidas neste convenio, compensarán e absorberán ás existentes no momento do seu asinamento, respectando o estipulado no artigo 4º.

Os aumentos de retribucións que se puidesen producir no futuro por disposicións de xeral aplicación só poderán afectar ó pactado, se consideradas en cómputo anual, superasen as aquí pactadas; no caso contrario serán absorvidas e compensadas por estas, substituíndo o presente convenio nos termos do seu capítulo III.

Artigo 6º.-Cláusula de revisión.

Será de inmediata aplicación o convenio colectivo provincial de limpeza de edificios e locais da pro

vincia da Coruña, e se é o caso, o que substitúa en todo o aquí non pactado, ou o que estándoo sexa máis beneficioso para os traballadores, é dicir, que non se realizará unha comparación global, senón conceptual, o que implica que cada mellora que exista naquel convenio será automaticamente de aplicación ós traballadores afectados por este, tanto se neste non existe a cláusula de referencia como, aínda, existindo, se a mellorase. Non será de aplicación o convenio colectivo antes mencionado no relativo ó previsto no capítulo III (condicións económicas), deste convenio.

Artigo 7º.-Comisión mixta paritaria.

Como órgano de interpretación, vixilancia e solución de conflictos do pactado neste convenio colectivo, créase unha comisión mixta paritaria integrada polo representante legal da empresa e o representante legal dos traballadores.

As partes asinantes deste convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), nos propios termos neste formulados.

Capíutlo II

Condicións de traballo

Artigo 8º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo será de 39 horas semanais, de luns a sábado, dispoñendo os traballadores de 10 minutos diarios para aseo personal ó rematar cada unha das xornadas laborais de mañá e tarde, que contarán como xornada para tódolos efectos, e non poden ser descontados dela no caso de non lles da-la utilidade mencionada.

Establécese o Sábado Santo e o 16 de xullo (Virxe do Carme), como festivos non recuperables.

Artigo 9º.-Vacacións.

Todo o persoal adscrito a este convenio desfrutará anualmetne de 31 días de vacacións retribuídas, ou a parte proporcional que lle corresponda en función da data da súa incorporación á empresa.

O desfrute das vacacións será rotatorio, e ningún traballador estará obrigado a desfruta-las vacacións no inverno durante dous anos consecutivos, entendéndose como meses de inverno tódolos do ano, menos xullo, agosto e setembro.

As vacacións retribuiranse cunha mensualidade, agás o plus de transporte.

Capítulo III

Condicións económicas

Artigo 10º.-Salario base.

O salario base do persoal afectado por este convenio será o que para cada categoría se establece na táboa salarial anexa, e devengarase por días naturais.

Artigo 11º.-Antigüidade.

A antigüidade consistirá en tres bienios do 5% e posteriores quinquenios do 7%, calculados sobre o salario base de cada un dos productores.

Artigo 12º.-Plus de asistencia.

Establécese un plus de asistencia anual da contía de 72.956 ptas., que se aboará por días efectivos de traballo, dividíndose para estes efectos entre 299 días.

Artigo 13º.-Incentivos.

O actual plus de incentivos mensual para todo o persoal queda fixado en 41.063 ptas./mensuais.

Artigo 14º.-Plus de conductor.

Percibirá este plus mensual o operario que efectúe este cometido e será de 10.424 ptas./mensuais.

Artigo 15º.-Plus varredora.

Percibirá este plus mensual o operario que efectúe este cometido, e será de 3.259 ptas./mensuais.

Artigo 16º.-Plus de transporte.

Para supli-los gastos ocasionados polo transporte ó centro de traballo, establécese un plus extrasalarial na contía anual de 55.622 ptas. que se aboará por día efectivo de traballo, dividíndose para estes efectos entre 274 días.

Artigo 17º.-Anticipos.

Os traballadores terán dereito a percibir sen que chegue o día sinalado para o cobramento anticipos a conta do traballo xa feito, que non poderán ser superiores ó 90% do salario mensual realmente devengado ata o día en que solicite o anticipo.

Artigo 18º.-Pagamento de salarios.

A empresa aboará as retribucións mensuais o último día de cada mes, e se este cadrase en festivo, farao o día anterior. A empresa concederá unha hora para o cobramento cando o pagamento se faga mediante talón bancario.

Artigo 19º.-Pagas extraordinarias.

Establécense 3 pagas extraordinarias: beneficios, xullo e decembro.

As pagas de xullo e decembro devengaranse semestralmente. A paga de xullo (devengarase do 1 de xaneiro ó 30 de xuño), e aboarase coa mensualidade de xuño. A paga de decembro (devengarase do 1 de xullo ó 31 de decembro), e aboarase o día 15 de decembro.

A paga extraordinaria de beneficios devengarase do 1 de xaneiro ó 31 de decembro, e aboarase o día 15 de marzo do ano seguinte.

As pagas extraordinarias aboaranse a razón de 30 días de salario base máis antigüidade.

Artigo 20º.-Cláusula de revisión. Incremento salarial.

O incremento salarial para o ano 1998 será do 3% en tódolos conceptos económicos.

No caso de que o IPC, publicado polo INE ou organismo que o substitúa, superase o 31 de decembro de 1998, un incremento superior ó 1,8% con respecto ó 31 de decembro de 1997, efectuarase unha revisión salarial automática sobre tódolos conceptos económicos no exceso da mencionada cifra; tal incremento se aboará con efectos do 1 de xaneiro de 1998. No caso de prórroga de acordo co artigo 2º do convenio, por un ou máis anos, efectuarase unha revisión anual automática sobre tódolos conceptos económicos, que lles garantan ós traballadores o IPC real máis un punto.

Capítulo IV

Melloras sociais

Artigo 21º.-Incapacidade transitoria.

No caso de IT por enfermidade común, a empresa complementará as prestacións da Seguridade Social ou organismo que a substitúa ata o 100% de tódolos conceptos económicos desde o día 10 da IT, agás horas extraordinarias.

No caso de que a IT requira hospitalización aboarase o 100% desde o primeiro día.

No caso de IT por accidente, a empresa complementará ata o 100% de tódolos conceptos económicos desde o primeiro día.

Artigo 22º.-Fondo de anticipos.

Ó inicio da vixencia deste convenio, a parte económica crea á súa conta un fondo de anticipos para os traballadores afectados por este convenio colectivo, na contía de 700.000 ptas. anuais, que se concederán por solicitude individual de acordo co que segue:

1. Os anticipos concederanse por rigorosa orde de solicitude.

2. A contía máxima do anticipo será de 100.000 ptas. por traballador.

3. A amortización da cantidade solicitada será do 10% mensual a partir da mensualidade seguinte á adxudicación do anticipo.

4. Non se terá dereito a novos anticipos ata que se amortice o anterior.

5. Estes anticipos concederanse con independencia do previsto no artigo 8º do presente convenio.

6. No caso de discrepancia, esta resvoleraa a comisión paritaria.

Artigo 23º.-Roupa de traballo e complementos.

A empresa entregará a cada productor anualmente dous traxes de verán e dúas camisas, dúas fundas, un traxe de augas, un anorac cada dous anos, botas de seguridade e botas de auga segundo necesidades, dúas toallas, xabrón para ducha e papel hixiénico.

Artigo 24º.-Revisión médica.

Anualmente realizarase como mínimo unha revisión médica a tódolos traballadores, en horas de traballo, e por conta da empresa, a través da mutua de accidentes e enfermidade profesional que a empresa teña concertada.

Artigo 25º.-Licencias retribuídas.

Os traballadores terán dereito a permisos retribuídos nos seguintes supostos:

a) 18 días naturais no caso de matrimonio.

b) 5 días no caso de enfermidade grave de familiares en primeiro grao.

c) 4 días no caso de falecemento dalgún familiar en primeiro grao.

d) 2 días no caso de falecemento ou enfermidade grave de familiares en segundo grao.

e) 1 día por falecemento de familiares de terceiro grao.

f) 6 días por nacemento de fillos.

g) 1 día por traslado de enderezo habitual.

h) Ó desfrute dos permisos necesarios para concorrer a exames, cando curse estudios para obtención dun título académico ou profesional; deberá acreditarse a concorrencia ós ditos exames.

i) Ó tempo necesario para asistencia a consulta médica.

j) Polo tempo necesario para o cumprimento dun deber público ou persoal.

k) Polo tempo necesario para a renovación do carné de conducir ou de identidade.

Artigo 26º.-Licencias non retribuídas.

Durante ano concederanse ata un máximo de 6 días de licencias non retribuídas por petición e segundo as necesidades dos traballadores.

Artigo 27º.-Seguro de vida.

A empresa subscribirá unha póliza de seguro colectivo a favor de todos e cada un dos traballadores afectados por este convenio, por un capital de 3.000.000 de ptas., para as continxencias de morte, incapacidade permanente total, incapacidade permanente absoluta ou grande invalidez, derivados calquera deles de accidente laboral, incluído o accidente in itinere.

A empresa, así mesmo, aboará como axuda, no caso de morte dos traballadores, 500.000 ptas. para sufraga-los gastos do enterro.

Artigo 28º.-Xustificantes médicos.

A empresa confeccionará un modelo de xustificantes de asistencia a consulta médica para uso dos

traballadores. No caso de enfermidade, este volante, selado ou asinado polo médico, será xustificante suficiente do tempo de ausencia do traballador.

Artigo 29º.-Dereitos sindicais.

O crédito horario dos representantes legais dos traballadores será acumulable anualmente.

Capítulo V

Outras condicións

Artigo 30º.-Subrogación do persoal.

Apartado 1º.-Subrogación do persoal.

Co obxecto de contribuír e garanti-lo principio de estabilidade no emprego, a absorción de persoal entre os que se sucedan, mediante calquera das modalidades de contratación de xestión de servicios públicos, contratos de arrendamento de servicios ou doutro tipo, na realización do servicio de limpeza e recollida de residuos do porto da Coruña, levarase a cabo nos termos indicados no presente apartado e nos seguintes.

No sucesivo, o termo contrata engloba con carácter xenérico calquera modalidade de contratación, tanto pública como privada, e identifica unha concreta actividade, neste caso o servicio de limpeza de recollida de residuos do porto da Coruña, que pasa a ser desempeñada por unha determinada empresa, sociedade ou organismo público.

A) En tódolos supostos de finalización, perda, rescisión, cesión ou rescate da contrata, así como respecto de calquera outra figura ou modalidade que supoña á substitución entre entidades, persoas físicas ou xurídicas que leven a cabo a actividade xa descrita anteriormente, os traballadores da empresa saínte pasarán a adscribirse á nova empresa ou entidade pública que vaia realiza-lo servicio, respectando ésta os dereitos e obrigas que desfruten na empresa substituída. Producirase a mencionada subrogación do persoal sempre que se dea algún dos seguintes supostos:

1. Traballadores en activo que realicen o seu traballo na contrata cunha antigüidade mínima dos catro últimos meses anteriores á finalización efectiva desta pola empresa saínte, sexa cal fose a modalidade do seu contrato de traballo, con independencia de que con anterioridade ó citado período de catro meses, traballasen noutra contrata.

2. Traballadores con dereito a reserva de posto de traballo que no momento da finalización efectiva da contrata teñan unha antigüidade mínima de catro meses nela e se encontren enfermos, accidentados, en excedencia, vacacións, permiso, descanso maternal, servicio militar ou situacións análogas.

3. Traballadores con contrato de interinidade que substitúan algún dos traballadores mencionados no

suposto nº 2, con independencia da súa antigüidade e mentres dure o seu contrato.

4. Traballadores de novo ingreso que por esixencia do cliente se teñan incorporado á contrata de servicios públicos como consecuencia dunha ampliación, nos catro meses anteriores á finalización desta.

5. Traballadores que substitúan outros que se xubilen, tendo cumpridos os sesenta e catro anos dentro dos catro últimos meses anteriores á finalización efectiva da contrata e teñan unha antigüidade mínima nela dos catro meses anteriores á xubilación, sempre que esta estea pactada no convenio colectivo estatutario de ámbito inferior, en virtude do Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo.

B) Tódolos supostos anteriormente recollidos deberán serlle acreditados fidedignamente e documentalmente pola empresa ou entidade pública saínte á entrante, mediante os documentos que se detallan no apartado 5 do presente artigo e no prazo de 10 días hábiles contados desde o momento no que, ben a empresa entrante ou a saínte, lle comunique de forma que faga fe á outra empresa o cambio de adxudicación do servicio.

C) Os traballadores que non desfrutasen as súas vacacións regulamentarias ó producirse a subrogación, desfrutaranas coa nova adxudicataria do servicio, que só aboará a parte proporcional do período que a ela lle corresponda, xa que o aboamento do outro período lle corresponde ó anterior adxudicatario, o cal deberá efectualo na correspondente liquidación.

D) A aplicación deste artigo será de obrigado cumprimento para as partes ás que vincula; empresa ou entidade pública ou privada cesante, nova adxudicataria e traballador.

Apartado 2º.-División de contratas.

No suposto de que unha ou varias contratas nas que a actividade veña sendo desempeñada por unha ou distintas empresas ou entidades públicas, se fragmenten ou dividan en distintas partes, zonas ou servicios co obxecto da súa posterior adxudicación, pasarán a estar adscritos ó novo titular aqueles traballadores que realizasen o seu traballo na empresa saínte nas concretas partes, zonas o servicios resultantes da división producida, cun período mínimo dos catro últimos meses, sexa cal fose a súa modalidade de contrato de traballo, todo iso aínda cando con anterioridade traballasen noutras zonas, contratas ou servicios distintos.

Subrogaranse así mesmo os tarballadores que se encontren nos supostos 2 a 5, ambos inclusive do apartado 1º do presente artigo e que realizaran o seu traballo nas zonas, divisións ou servicios resultantes.

Apartado 3º.-Agrupación de contratas.

No caso de que distintas contratas, servicios, zonas ou divisións daquelas, se agrupen nunha ou varias, a subrogación de persoal operará respecto de todos aqueles traballadores que, con independencia da modalidade do seu contrato de traballo, teñan realizado o seu traballo nas que resulten agrupadas cun tempo mínimo dos catro meses anteriores, e todo iso aínda cando con anterioridade prestasen servicios en distintas contratas, zonas ou servicios.

Subrogaranse así mesmo os traballadores que se encontren nos supostos 2 a 5, ambos inclusive do apartado 1º do presente artigo e que realizaran o seu traballo nas zonas, disivións ou servicios agrupados.

Apartado 4º.-Obrigatoriedade.

A subrogación do persoal, así como os documentos que se deben facilitar, operarán en tódolos supostos de substitución de contratas, partes, zonas ou servicios que resulten da fragmentación ou división destas, así como nas agrupacións que daquelas poidan efectuarse, aínda tratándose das normais substitucións que se produzan entre empresas e entidades públicas ou privadas que leven a cabo a actividade dos correspondentes servicios, e isto aínda cando a relación xurídica se estableza só entre quen adxudica o servicio por un lado e a empresa que resulte adxudicataria por outro, sendo de aplicación obrigatoria, en todo caso, a subrogación do persoal, nos termos indicados, todo isto con independencia tanto da aplicación, se é o caso, do previsto no artigo 44 do Estatuto dos traballadores, como da existencia por parte do empresario saínte doutras contratas alleas ás que son obxecto de sucesión.

Apartado 5º.-Documentos que lle facilitará a empresa saínte á entrante.

A empresa saínte deberá facilitarlle á entrante os seguintes documentos:

-Certificado do organismo competente de estar ó día de pagamento coa Seguridade Social.

-Fotocopia dos catro últimos recibos de salarios dos traballadores afectados.

-Fotocopia dos TC-1 e TC-2 de cotización á Seguridade Social dos catro últimos meses.

-Relación de persoal, especificando: nome e apelidos, número de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, categoría profesional, xornada, horario, modalidade de contratación e data de desfrute das súas vacacións.

Se o trabalaldor é representante legal dos traballadores, especificarase o período do seu mandato.

-Fotocopia dos contratos de traballo do pesoal afectado pola subrogación.

-Copia de documentos debidamente dilixenciados por cada traballador afectado, nos que se faga constar que este recibiu da empresa saínte a súa liquidación

de partes proporcionais, non quedando pendente cantidade ningunha. Estes documentos deberán estar en poder da nova adxudicataria na data de inicio do servicio da nova titular.

Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co establecido na letra b) do apartado 2º da disposición adicional primeira da Lei 63/1997, do 26 de decembro, ambas partes acordan que durante a vixencia deste convenio (1998) será posible a conversión de tódolos contratos temporais en contratos indefinidos, de acordo co regulado nos reais decretos 8/1997 e 9/1997, do 17 de maio.

Segunda.-No caso de realización de conversións de contratos temporais en indefinidos ó amparo dos R.D. 8 e 9 do 17 de maio de 1997, de acordo co establecido na cláusula adicional primeira do presente convenio, o documento de comunicación de conversión de contrato de traballo a indefinido garante de seu os dereitos e obrigas adquiridos polo traballador derivados do contrato orixinal, tales como xornada, antigüidade, salario, categoría e fixeza do seu contrato.

Terceira.-Páctase no presente convenio colectivo que nos supostos de extinción dos contratos de traballo do persoal adscrito ó centro de traballo de aplicación deste convenio, ben por causas obxectivas ó amparo do establecido no artigo 52 do Estatuto dos traballadores, ou ben por despedimento disciplinario de acordo co establecido no artigo 54 do xa citado Estatuto dos traballadores, a indemnización que de se-lo caso corresponda por despedimento, e no suposto de que este sexa declarado improcedente, se calculará a razón de 45 días de salario por ano de servicio, cun máximo de 42 mensualidades.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O presente convenio é de ámbito de centro de traballo e afecta a tódolos traballadores e empresas que presten os seus servicios no servicio de limpeza e recollida de residuos do porto da Coruña, adxudicado por concesión administrativa. Do mesmo modo, todo o seu articulado permanecerá en vigor durante a vixencia e sucesivas prórrogas, se é o caso, da actual concesión administrativa.

Así mesmo, o presente convenio vinculará e afectará á empresa, sociedade, ou entidade pública ou privada, que se é o caso, suceda a actual adxudicataria na concesión administrativa, de acordo co disposto nos artigos 49 a 53 (ambos incluídos) do convenio xeral do sector de limpeza pública, viaria, regos, recollida, tratamento e eliminación de residuos, e limpeza e conservación da rede de sumidoiros publicado no BOE do 7 de marzo de 1996, nos artigos 42 e 44 do Estatuto dos traballadores, e no artigo 30º do presente convenio.

Segunda.-Non operará no presente convenio a mobilidade xeográfica prevista no artigo 40 do Estatuto dos traballadores, estando o persoal comprendido dentro do ámbito de aplicación deste convenio suxeito á prestación de servicios dentro do obxecto da concesión administrativa, neste caso a limpeza e recollida de residuos do porto da Coruña.

Terceira.-De acordo coa cláusula na que se define o centro de traballo nos contratos subscritos entre empresa e traballador, así como polo exposto no artigo 1º do presente convenio, os contratos de traballo subscritos, vinculan os traballadores afectados ó centro de traballo do porto da Coruña para a realización do servicio de limpeza e recollida de residuos deste. O disposto anteriormente tamén é de

aplicación para os traballadores que no seu día foron subrogados ás anteriores empresas adxudicatarias, e que na data de 1 de xaneiro de 1998 xa estivesen desempeñando o seu traballo no servicio de limpeza e recollida de residuos do porto da Coruña.

Cuarta.-En todo o non previsto neste convenio colectivo aplicarase o disposto no convenio provincial de limpeza da Coruña, ordenanza laboral do sector, Estatuto dos traballadores, Lei orgánica de liberdade sindical e demais lexislación vixente que poida resultar de aplicación, de se-lo caso.

Quinta.-Os atrasos salariais derivados da aplicación deste convenio colectivo aboaranse na mensualidade do seu asinamento ou, no caso de ser isto imposible, na seguinte.

ANEXO I

Táboa salarial convenio Urbaser, S.A. ano 1998 para o centro de traballo porto da Coruña

Rateos segundo concepto

CategoríaS.B. mensualS.B. diarioPlus asistencia

diario

Plus transporte

diario

Plus de incentivos

mensual

Encargado porto da Coruña113.300024420341.063

Encargado03.47124420341.063

Oficial 1ª/conductor03.47124420341.063

Oficial 1ª/varredora03.47124420341.063

Peón03.12324420341.063

x meses ano

12

x días ano

365

x días ano

299

x días ano

274

x meses ano

12

Desagregamento anual por conceptos

Categoría

S.B. anual

S.B. anual

Plus

asistencia

anual

Plus

transporte

anual

Plus de

incentivos

anual

3 pagas

extras

Total

bruto anual

1998

Encargado porto da Coruña1.359.600072.95655.622492.756339.9002.320.834

Encargado01.266.91572.95655.622492.756312.3902.200.639

Oficial 1ª conductor01.266.91572.95655.622492.756312.3902.200.639

Oficial 1ª varredora01.266.91572.95655.622492.756312.3902.200.639

Peón01.139.89572.95655.622492.756281.0702.042.299

Plus de conductor 10.424 ptas./mensuais (para o persoal que efectúe este servicio)

Plus de varredora 3.259 ptas./mensuais (para o persoal que efectúe este servicio)

5974