Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Xoves, 09 de xullo de 1998 Páx. 7.774

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 1998 pola que se convocan probas selectivas para ingreso na escala auxiliar desta universidade polo sistema de acceso libre.

En cumprimento do disposto nos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto 473/1997, do 28 de novembro, da Xunta de Galicia, e co fin de atende-las necesidades de persoal administración e servicios, este rectorado, no uso das atribucións

conferidas polo artigo 18 da Lei de reforma universitaria en relación co artigo 3.2º e) da mesma norma, así como nos estatutos desta universidade, acorda convocar probas selectivas para ingreso na escala auxiliar da Universidade de Santiago de Compostela, con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria.

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir 31 prazas da escala auxiliar da Universidade de Santiago de Compostela polo sistema xeral de acceso libre.

1.2. Do total das prazas convocadas reservarase un 4% para seren cubertas por persoas con minusvalidez con grao de discapacidade igual ou superior ó 33%, de acordo coa oferta de pública de emprego de 1997, disposición adicional sétima da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, segundo a redacción dada pola Ley 4/1991, do 8 de marzo e disposición adicional décimo novena da Lei 23/1988, de modificación da Lei de medidas para a reforma da función pública. Esta cota de reserva ascende a 1 praza.

No suposto de que esta praza non fose cuberta acumularase ás do sistema xeral de acceso libre.

1.3. As prazas convocadas terán o seu destino na localidade de Santiago de Compostela e Lugo.

1.4. Á realización destas probas selectivas seralle de aplicación a Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo, o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento xeral de ingreso do persoal ó servicio da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional dos funcionarios civís da Administración xeral do Estado, a Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada polas leis 4/1991, 3/1995, do 10 de abril, o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e as bases desta convocatoria.

1.5. A adxudicación das prazas efectuarase de acordo coa puntuación final obtida.

1.6. O procedemento de selección será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas á valoración axustarase ó que se especifica no anexo I.

1.7. O programa que rexerá para a fase de oposición é o que figura no anexo II desta convocatoria.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas os/as aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou posuí-la condición de nacional dun Estado membro da Unión Europea.

b) Ter cumpridos os 18 anos.

c) Estar en posesión do título de graduado escolar, formación profesional de primeiro grao, ou equivalente.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non estar separado mediante expediente disciplinario do servicio de calquera Administración pública, nin estar inhabilitado para o desempeño de función públicas.

2.2. Tódolos requisitos enumerados nos apartados anteriores deberán posuírse no día da finalización do prazo de presentación de solicitudes e manterse ata a data da toma de posesión como funcionario.

3. Solicitudes.

3.1. Os/as que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán facelo constar en instancia que se axustará ó modelo que figura como anexo IV desta convocatoria. A instancia deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI.

b) Certificación acreditativa dos servicios prestados expedida pola unidade de persoal da Administración onde se prestaron. Se os servicios foron ou son prestados na Universidade de Santiago de Compostela deberá indicarse no apartado correspondente da solicitude, e deste xeito a certificación expedirase de oficio e engadirase á solicitude do/a aspirante.

3.2. As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade de Santiago de Compostela, no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

3.3. A presentación se solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade de Santiago de Compostela, sino no Colexio San Xerome, Praza do Obradoiro, Santiago de Compostela; no Rexistro do Campus de Lugo, sito na Vicexerencia, Augas Férreas, polígono de Fingoi, Lugo; ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3.4. Os dereitos de exame serán de 2.500 pesetas, que se ingresarán en Caixa Galicia na conta Oposicións número: 2091-0388-90-3110000646. Para realiza-lo ingreso deberá utilizarse por triplicado o modelo de solicitude que figura no anexo IV.

En ningún caso, a presentación e pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

3.5. Os/as aspirantes con minusvalidez poderán indicalo na solicitude, utilizando para isto o recadro número 4, así como solicita-la adaptación de tempo e medios para a realización dos exercicios para o que utilizarán o recadro número 6.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o rector da Universidade de Santiago de Compostela dictará resolución, no prazo máximo dun mes, declarando aprobada a lista de admitidos e excluídos. Na dita resolución, que se publicará no Boletín Oficial del Estado, indicarase o lugar no que se atopa exposta ó público a lista completa de aspirantes admitidos e excluídos e determinarase o lugar, data e hora de comezo do primeiro exercicio, así

como a relación de aspirantes excluídos con mención expresa, en todo caso, dos apelidos, nome, número de documento nacional de identidade e motivo que a produce.

4.2. Os aspirantes excluídos ou que non figuren na relación de admitidos disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación da resolución no Boletín Oficial del Estado, para poderen emenda-lo defecto que motivase a exclusión.

4.3. Os/as aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xusfiticando o dereito a seren incluídos na relación de admitidos, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

4.4. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ós/ás aspirantes que sexan incluídos definitivamente destas probas selectivas e para tal efecto o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer consta-la entidade bancaria e o número de conta no recadro que para tal efecto figura na solicitude. De non figuraren estes datos entenderase que renuncian a devolución dos dereitos de exame.

5. Tribunal cualificador.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura como anexo III a esta convocatoria e terá a categoría cuarta das recollidas no Real decreto 236/1988, do 4 de marzo (BOE do 19 de marzo), modificado pola Resolución do 22 de marzo de 1993, da Subsecretaría de Economía e Facenda e para as Administracións públicas, pola que se revisan os importes das indemnizacións establecidas (BOE do 26-3-1993) e no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño), modificado polo Decreto 21/1994, do 4 de febreiro (DOG do 14 de febreiro).

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ó rector da universidade, cando concorran neles circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estar incursos nas circunstancias previstas nos ditos artigos.

Así mesmo, os/as aspirantes poderán cursa-los membros do tribunal cando concorran algunha das circunstancias antes reflectidas.

5.3. Con anterioridade á iniciación das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola que se nomean nos novos membros do tribunal que vaian substituí-los que teñan perdida a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.2.

5.4. Logo da convocatoria do presidente constituirase o tribunal, coa asistencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes. Na dita sesión o tribunal acordará tódalas decisións que lle correspondan de acordo co correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.5. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da mioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes.

5.6. Dentro da fase de oposición no tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5.7. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que coide pertinentes, limitándose os ditos asesores a presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas. Así mesmo, o tribunal poderá dispoñe-la incorporación con carácter temporal doutros funcionarios/as para colaborar nos desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4º do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

5.8. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os/as aspirantes con minusvalidez gocen de similares para realización dos exercicios có resto dos/as participantes. Neste sentido, estableceranse para as persoas con minusvalidez que o soliciten, na forma prevista na base 3.5, as adpatacións posibles en tempo e medios para a realización dos exercicios.

5.9. O presidente do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes. O tribunal excluirá aqueles/as opositores que consignen o seu nome nas follas de exame, trazos, marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.10. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no rectorado da Universidade de Santiago de Compostela.

5.11. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes ó de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra B, de conformidade co establecido na Resolución do 24 de marzo de 1998, da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

6.2. En calquera momento os/as aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

6.3. Os/as aspirantes serán convocados para cada exercicio en único chamamento, e serán excluídos da oposición os/as que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e considerados polo tribunal.

Para a realización de cada exercicio deberán presentarse provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, ó xuízo do tribunal.

6.4. A publicación dos sucesivos anuncios de declaración do segundo e restantes exercicios será efectuada polo tribunal nos locais onde se realizase o primeiro, así como na sede do tribunal, ou por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilita-la súa máxima divulgación, con vintecatro horas, polo menos, de antelación á sinalada para a súa iniciación.

6.5. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos/as aspirantes carece dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo de audiencia ó/á interesado/a, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da universidade, comunicándolle, así mesmo, as inexactitudes ou falsidades formuladas polo/a aspirante na solicitude de admisión ás probas selectivas parar os efectos procedentes.

Contra e exclusión do aspirante poderá interporse recurso perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da súa exclusión.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará públicos, no lugar ou lugares de celebración dos respectivos exercicios e naqueloutros que coide oportunos, as relacións de aspirantes que teñan superado dada un deles con indicación da puntuación obtida e do documento nacional de identidade.

7.2. A lista coa valoración de méritos da fase de concurso farase pública unha vez celebrado o último exercicio da fase de oposición.

7.3. A cualificación final realizarase de acordo co previsto no anexo I da presente convocatoria.

7.4. O tribunal fará pública a lista de aspirantes que, segundo a orde de puntuación acada por cada un deles, fosen seleccionados, a cal en ningún caso poderá contar cun número de candidatos/as superior ó das prazas convodas.

7.5. Finalizado o proceso selectivo, o tribunal elevaralle ó rector a relación definitiva de aspirantes aprobados por orde de puntuación, na que constarán as cualificacións obtidas en cada unha das fases: oposición e concurso.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte a aquel no que se fixesen públicas as relacións definitivas de aprobados no rectorado da universidade, os/as aspirantes que figuren nelas deberán presentar no Servicio de PAS (Casa da Balconada, Rúa Nova, 6 Santiago de Compostela) a petición de destino logo de oferta destes, xunto cos seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do DNI.

b) Fotocopia compulsada do título.

c) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separados, mediante expediente disciplinario, do servicio de ninguna Administración pública nin estar inhabilitados para o exercicio da función pública.

d) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin estar afectado po limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Os aspirantes con minusvalidez con grao de discapacidade igual ou superior ó 33% deberán acreditar tal condición, se obtivesen praza, mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e, se é o caso, da Administración correspondente.

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presenta-los documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións esixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen dentro do prazo fixado, e salvo o caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser nomeado funcionario/a de carreira e quederán anuladas as suás actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial

9. Nomeamento de funcionarios/as de carreira.

9.1. Concluído o proceso selectivo, os/as que o superasen serán nomeados/as funcionarios/as de carreira, mediante resolución rectoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

9.2. A toma de posesión destes aspirantes efectuarase no prazo dun mes, contado desde a data de publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

10. Norma derradeira.

A presente convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados, nos casos e nas formas establecidas pola Lei 30/1992, do 26 de novembro,

podendo interporse contra a presente resolución recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, conforme o disposto no artigo 58 da Lei de xurisdicción contencioso-administrativa, comunicando previamente a súa interposición neste rectorado, segundo o artigo 110.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 1998.

F. Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Denominación das prazas: escala auxiliar

Exercicios e valoración

O procedemento se selección será o de concurso-oposición, que consta das seguintes fases:

1. Fase de oposición, constará dos seguintes exercicios:

Primeiro exercicio, de carácter eliminatorio: consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 90 preguntas tipo test, baseado no contido do programa, con 4 respostas alternativas, das cales unha soa é verdadeira e sen que penalicen as respostas erróneas. O tempo máximo de realización será de 90 minutos. Cualificarase de 0 a 25 puntos. Para aprobar será necesario obter un mínimo de 15 puntos.

Tódalas preguntas terán a mesma valoración e non puntuarán negativamente.

Segundo exercicio, de carácter eliminatorio: constará de dúas partes:

1ª parte: consistirá en contestar por escrito unha serie de supostos prácticos con respostas alternativas, baseados no contido do programa.

2ª parte: consistirá na análise dun documento de carácter administrativo presentado polo tribunal.

O tempo máximo de realización será de 90 minutos. A cualificación deste exercicio será de 0 a 30 puntos. Cada parte valorarase de 0 a 15 puntos. A puntuación mínima de cada parte será de 7,5 puntos, sendo necesario para aproba-lo exercicio obter un mínimo global de 18 puntos.

Terceiro exercicio, de carácter eliminatorio: proba práctica de manexo de ordenador no nivel de usuario dun procesador de textos: Word 7.0.

O tempo máximo de duración desta proba será de 30 minutos.

Cualificarase cunha puntuación de 0 a 25 puntos, e será necesario para aprobar obter un mínimo de 12,5 puntos.

Cuarto exercicio: proba de galego, de carácter obrigatorio e non eliminatoria. Consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do castelán para o galego e do galego para o castelán, elixido por sorteo entre tres propostos polo tribunal.

O tempo máximo de realización deste exercicio será dunha hora e valorarase de 0 a 5 puntos.

Os aspirantes deberán presentarse para realización dos exercicios provistos de bolígrafo, lapis e goma de borrar.

2. Fase de concurso: para os/as aspirantes que superen a fase de oposición, a valoración de méritos farase da seguinte forma:

2.1. Antigüidade: máximo 15 puntos.

Valorarase a antigüidade recoñecida referida á data de remate do prazo de presentación das solicitudes da seguinte forma:

- Por cada mes de servicios prestados na Universidade de Santiago de Compostela realizando funcións propias da escala auxiliar: 0,104 puntos.

- Por cada mes de servicios prestados en calquera outra Administración pública realizando funcións propias da escala auxiliar: 0,052 puntos.

3. Puntuación do proceso selectivo: a puntuación da fase de oposición virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos distintos exercicios. A puntuación do proceso selectivo virá determinada pola suma da fase de oposición mailos méritos da fase de concurso, sempre que os aspirantes superaran a oposición.

No caso de empate terá preferencia quen obtivera maior puntuación na fase de oposición e, de persistir este, a prol do/a aspirante que tivese maior puntuación no segundo, primeiro e terceiro exercicio respectivamente.

ANEXO II

Denominación das prazas: escala auxiliar

Programa

Organización e dereito administrativo.

1. A administración ó servicio do público. O cidadán como cliente. A atención ó público. Dereitos dos cidadáns fronte á Administración pública.

2. Concepto de documento, rexistro e arquivo. Funcións do rexistro e do arquivo. Clases de arquivo e criterios de ordenación.

3. Órganos das administracións públicas. Principios xerais e competencia. Órganos colexiados. Abstención e recusación.

4. O acto administrativo: concepto, clases e elementos. Requisitos e eficacia dos actos administrativos. Motivación e notificación, nulidade e anulabilidade dos actos administrativos.

5. O procedemento administrativo común. Iniciación, ordenación, instrucción e terminación. A revisión dos actos en vía administrativa. Revisión de oficio. O silencio administrativo.

6. Os recursos administrativos: recurso ordinario. Recurso de revisión.

A Constitución Española de 1978.

1. A Constitución española de 1978: estructura e contido. Dereitos e deberes fundamentais. A súa garantía e suspensión. A coroa. O Tribunal Constitucional. O Defensor do Pobo.

2. As Cortes Xerais. Composición, atribucións e funcionamento. A elaboración das leis. Os tratatos internacionais.

3. O Goberno e a Administración. Relacións entre o Goberno e as Cortes Xerais. O presidente do Goberno. O Consello de Ministros e as comisións delegadas do Goberno.

4. A organización territorial do Estado: as comunidades autónomas, a súa constitución e competencias.

O Estatuto de autonomía de Galicia.

1. A Comunidade Autónoma de Galicia: O Estatuto de autonomía. O Parlamento de Galicia, a Xunta de Galicia e o seu presidente.

Xestión de persoal.

1. A Lei 4/1988, da función pública de Galicia: creación de prazas, sistemas de acceso, provisión de postos de traballo, promoción profesional. Situacións administrativas.

2. Clases e réxime xurídico do profesorado universitario: corpos docentes universitarios e persoal docente en réxime de contratación administrativa. Clases e réxime xurídico do persoal de Administración e servicios (PAS) no estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Organización universitaria.

1. A lei de reforma universitaria (LRU): estructura e contido. Os estatutos da USC: órganos de goberno, colexiados e unipersoais. Organización: departamentos, centros e institutos.

2. Réxime económico e financeiro da USC: o patrimonio, a programación plurianual, o orzamento, a xestión e o control nos estatutos da USC.

3. O acceso á universidade. As probas de aptitude. Outras vías de acceso. Procedemento de ingreso en centros universitarios con límite de prazas: distrito único e distrito compartido. Ingreso en centros sen límite de prazas. Traslados de expedientes.

4. Os estudios universitarios nos novos plans de estudio: estudios de primeiro ciclo, de segundo ciclo e de primeiro e segundo ciclo. O terceiro ciclo: doutoramento e posgrao.

5. Obtención, expedición e homologación de títulos oficiais. Os títulos propios na USC.

ANEXO III

Denominación das prazas: escala auxiliar

Tribunal titular:

Presidenta: Mª Teresa Angulo Carballal, funcionaria da escala de xestión da Universidade de Santiago de Compostela.

Vocais:

Mª del Pilar Parguiña Fernández, funcionaria da escala administrativa da Universidade de Santiago de Compostela.

Elena Meaños Melón, funcionaria da escala de xestión da Universidade de Santiago de Compostela.

Mª del Carmen Pazos Abal, funcionaria da escala auxiliar da Universidade de Santiago de Compostela.

Josefa Recalde Fernández, funcionaria da escala de xestión da Universidade de Santiago de Compostela, en representación da Xunta de Persoal do PAS funcionario.

Santiago Sánchez Camino, funcionario da escala auxiliar da Universidade de Santiago de Compostela, en representación da Xunta de Persoal do PAS funcionario.

Secretaria: Mª de los Reyes E. Fernández Zanca, funcionaria da escala auxiliar da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz pero sen voto.

Tribunal suplente:

Presidente: Manuel Clavero Iglesias, funcionario da escala de xestión da Universidade de Santiago de Compostela.

Vocais:

Mª Dolores Varela Míguez, funcionaria da escala auxiliar da Universidade de Santiago de Compostela.

Mª del Carmen Dolores Guillán Pena, funcionaria da escala administrativa da Universidade de Santiago de Compostela.

Mª Jesús Pazos Salvado, funcionaria da escala de xestión da Universidade de Santiago de Compostela.

Celestino Figueirido Lojo, funcionario da escala auxiliar da Universidade de Santiago de Compostela, en representación da Xunta de Persoal do PAS funcionario.

Delfín Pérez González, funcionario da escala auxiliar da Universidad de Santiago de Compostela en representación da Xunta de Persoal do PAS funcionario.

Secretaria: Mª del Carmen Pazo Regueiro, funcionaria da escala auxiliar da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz pero sen voto.

6507