O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 31 e o artigo 1 do Decreto 346/1996, do 13 de setembro, establece que lle corresponde á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a competencia en materia de educación.
Dada a demanda de postos escolares, faise preciso crear un centro docente necesario para atendela, polo que, tendo en conta as necesidades escolares, a racional distribución de ensinanzas e as características da zona, se procede a crear na localidade que se sinala un instituto de educación secundaria.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria ó abeiro do artigo 17 da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación e o artigo 1.3º do Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de xuño mil novecentos noventa e oito,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Creáse un instituto de educación secundaria situado na localidade de Forcarei, provincia de Pontevedra, por transformación do colexio municipal homologado desta mesma localidade.
Artigo 2º
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adoptará as medidas necesarias para o mellor cumprimento do anteriormente sinalado e determinará as ensinanzas que se impartan e o cadro de persoal docente, administrativo e subalterno necesario para o máis eficaz desenvolvemento das actividades docentes.
Disposición derradeira
O presente decreto entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e oito.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Celso Currás Fernández
Conselleiro de Educación e Ordenación
Universitaria
6462