Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Mércores, 08 de xullo de 1998 Páx. 7.702

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 206/1998, do 25 de xuño, polo que se integra no instituto de educación secundaria Xermán Ancochea Quevedo da Pobra de Trives (Ourense) o instituto de formación profesional da mesma localidade.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 31 e o artigo 1 do Decreto 346/1996, do 13 de setembro, establece que lle corresponde á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a competencia en materia de educación.

Tendo en conta as necesidades escolares, a racional distribución de ensinanzas e as características da zona, procédese a suprimi-lo instituto de formación profesional da Pobra de Trives e integralo no instituto de bacharelato Xermán Ancochea Quevedo.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria ó abeiro do artigo 17 da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación e o artigo 1.3º do Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de xuño mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Integrar no instituto de educación secundaria Xermán Ancochea Quevedo da Pobra de Trives (código 32015876) o instituto de formación profesional (código 32010593) da mesma localidade e polo tanto este centro queda suprimido.

Artigo 2º

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adoptará as medidas necesarias para o mellor cumprimento do anteriormente sinalado e determinará as ensinanzas que se impartan e o cadro de persoal docente, administrativo e subalterno necesario para o máis eficaz desenvolvemento das actividades docentes.

Santiago de Compostela, vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

6314