Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Mércores, 08 de xullo de 1998 Páx. 7.700

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 30 de xuño de 1998 pola que se prorroga o prazo de presentación de solicitudes de axudas e os prazos máximos de xustificación de proxectos establecidos na orde da Consellería de Economía e Facenda do 31 de marzo de 1998 pola que se convocan para 1998 as bases reguladoras das axudas de Iniciativa PEME de desenvolvemento empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, e se modifica o apartado 4 do programa 2 (Promoción de Servicios de Información) desenvolvido no anexo I dela.

Mediante orde da Consellería de Economía e Facenda, do 31 de marzo de 1998 (DOG nº 81, do 29 de abril), modificada por Orde do 13 de maio

de 1998, desenvolvéronse, no ámbito da Comunidade Autónoma galega, as bases reguladoras das axudas de Iniciativa Peme de desenvolvemento empresarial previstas no R.D. 937/97, do 20 de xuño, e convocado estas para o ano 1998. O artigo 5.2º establecía como data límite para presentación de solicitudes o 30 de xuño de 1998, prevendo expresamente a posibilidade de prórroga de tal prazo, logo da existencia de crédito suficiente e adecuado para atender novos proxectos.

Tendo en conta de que a contía dos créditos asignados para o exercicio 1998 para xestiona-las axudas en cuestión foi ampliada ata os 762,6 millóns de pesetas como resultado da distribución territorial efectuada pola Conferencia Sectorial da Pequena e Mediana Empresa, procede amplia-lo prazo de presentación de solicitudes inicialmente establecido, ata o próximo 30 de outubro de 1998, data que se considera adecuada ó posibilita-lo acceso a estas axudas a un maior número de entidades, asegurando así mesmo ós órganos administrativos unha marxe adecuada para estudiar e tramita-los expedientes en cuestión.

A ampliación do prazo de presentación de solicitudes implica a necesidade de prorrogar á súa vez, con carácter xeral, os prazos máximos establecidos para xustifica-la realización dos proxectos subvencionados, - prórroga xa establecida para os programas 2 (Promoción de Servicios de Información Empresarial), 3 (Deseño) e 4 (Redes de Organismos Intermedios de Apoio á Innovación) por Orde do 13 de maio de 1998, que modificaba a do 31 de marzo -, unificándose en consecuencia, e sen prexuízo das especialidades previstas para o programa de financiamento, as datas límite de realización e xustificación de proxectos previstas para tódolos programas desenvolvidos pola referida Orde do 31 de marzo que se modifica.

Así mesmo engádese un novo punto k) ó apartado 4 do Programa 2 (Promoción de Servicios de Información) desenvolvido no anexo I da Orde do 31 de marzo, ó incluírse como criterio para a concesión das axudas, a solvencia técnica e operativa que asegure o mantemento e a continuidade do servicio no tempo.

Por iso e en virtude das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O prazo de presentación de solicitudes establecido no apartado 2º do artigo 5 da orde da Consellería de Economía e Facenda, do 31 de marzo de 1998, pola que se convocan para 1998 as bases reguladoras das axudas de Iniciativa Peme de desenvolvemento empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, queda prorrogado ata o 30 de outubro de 1998.

Artigo 2º

O primeiro parágrafo do apartado 7º do Programa 1 (Cooperación Empresarial) desenvolvido no anexo I da Orde do 31 de marzo de 1998, queda redactado nos seguintes termos:

A resolución dictada para cada proxecto de cooperación será única e considerará como beneficiarios conxuntamente a tódolos solicitantes da axuda. Na resolución farase consta-la descrición do proxecto de cooperación aprobado ou das accións de promoción da cooperación aprobadas en caso de organismos intermedios, a contía máxima de subvención concedida, o importe total máximo de gastos subvencionables, o prazo máximo de execución e xustificación do proxecto, que en ningún caso poderá ser posterior ó 30 de setembro de 1999, así como, se é o caso, a fórmula asociativa elixida.

Artigo 3º

O apartado 7.4º do Programa 5 (Financiamento) desenvolvido no anexo I da Orde do 31 de marzo de 1998, queda redactado nos seguintes termos:

As solicitudes presentaranse nas sociedades de garantía recíproca ata o 30 de outubro de 1998, debendo estas remitilas ó Igape nun prazo máximo de corenta e cinco días naturais desde a súa presentación e, en todo caso, con anterioridade ó 20 de novembro de 1998. En caso contrario, a sociedade de garantía recíproca asumirá fronte ó solicitante tódalas responsabilidades derivadas dos danos e perdas que se lle puideran ocasionar a este pola remisión extemporánea da solicitude.

Artigo 4º

Os dous últimos parágrafos do apartado 10º do Programa 5 (Financiamento) desenvolvido no anexo I da Orde do 31 de marzo de 1998 quedan redactados nos seguintes termos.

O prazo máximo de que dispón o beneficiario para a realización e xustificación do proxecto ante as sociedades de garantía recíproca será de tres meses desde a data de notificación da resolución de concesión, salvo prórroga concedida polo Igape logo de solicitude xustificada do beneficiario, sen que en ningún caso o prazo de xustificación ante a sociedade de garantía recíproca poida supera-lo 31 de outubro de 1998 para as solicitudes presentadas nelas ata o 30 de xuño de 1998, e o 31 de agosto de 1999 para as solicitudes presentadas nas sociedades de garantía recíproca a partir do 30 de xuño de 1998.

En canto o préstamo estea disposto na súa totalidade, a sociedade de garantía recíproca deberá remitirlle ó Igape coa maior brevidade a xustificación da realización do proxecto, dispoñendo como máximo para presenta-la documentación e certificación do cumprimento ante o instituto ata o 30 de novembro de 1998 para aqueles proxectos correspondentes a solicitudes presentadas na sociedade de garantía recíproca ata o 30 de xuño de 1998, e ata o 30 de setembro de 1999 para aqueles proxectos correspondentes a solicitudes presentadas na sociedade

de garantía recíproca a partir do 30 de xuño de 1998.

Artigo 5º

Engádeselle un novo apartado k) ó apartado 4º do Programa 2 (Promoción de Servicios de Información), coa seguinte redacción:

k) Solvencia técnica e operativa que asegure o mantemento e a continuidade do servicio no tempo. Valoraranse os recursos humanos ou materiais asignados ó servicio por parte do organismo de forma permanente.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 1998.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

6313